Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Ofic. Virtual Desenvolvemento Local Axudas para a realización de programas culturais
Axudas para a realización de programas culturais PDF Imprimir Correo-e
Luns, 29 Abril 2013 10:34

Desde Desenvolvemento Local do Concello de Verín infórmase da publicación da orde do 4 de abril de 2013 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, a fundacións, asociacións e institucións culturais, para a realización de programas culturais que se desenvolverán na Comunidade Autónoma e para os gastos de funcionamento derivados deles, e se procede a súa convocatoria para o ano 2013.

O obxecto é o establecemento das bases reguladoras e a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións destinadas á realización de programas ou actividades culturais concretas que se van desenvolver na nosa comunidade no ano 2013, así como aos gastos de funcionamento necesarios para a súa realización polas fundacións, entidades e asociacións culturais sen ánimo de lucro que sexan solicitadas á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria conforme o procedemento que a seguir se establece (inclúense nesta orde os programas e actividades desenvolvidos desde o 1 de xaneiro de 2013 ata a data límite de xustificación desta orde).

Para os efectos desta convocatoria, entenderase por programas ou actividades culturais concretas aquelas destinadas á promoción e cooperación cultural e á difusión e animación sociocultural que contribúan ao espallamento e á promoción da cultura galega; os gastos de persoal relacionados coa realización das actividades e os gastos de funcionamento derivados do desenvolvemento das mencionadas actividades.

Poderán optar a estas subvencións as fundacións, entidades e asociacións culturais sen ánimo de lucro que desenvolvan as súas actividades habitualmente en Galicia, para a realización de actividades de promoción da cultura galega na nosa comunidade autónoma durante o ano 2013 (As fundacións que se acollan a esta convocatoria non poderán percibir subvencións nin axudas públicas da Xunta de Galicia se non cumpren coa obriga de presentarlle as contas ao protectorado, segundo o establecido no artigo 38.3º da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego. E non poderán ser beneficiarios desta axuda aqueles que estean nalgún dos supostos previstos nos puntos 2º e 3º do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia).

Á solicitude xuntarase a documentación que a seguir se relaciona:
a) Fotocopia do NIF ou, se é o caso, DNI do representante, xunto coa documentación acreditativa da representación. O DNI só deberá presentarse no suposto de que a persoa solicitante non dea o seu consentimento para que o órgano instrutor comprobe os seus datos de carácter persoal, por medios telemáticos co servizo horizontal de acceso aos sistemas de verificación de datos de identidade e de residencia do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas (de acordo co disposto nos artigos 2.2 e 3.2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos).

b) Declaración, segundo documento normalizado (anexo II), doutras axudas concedidas e/ou solicitadas a outras entidades públicas e/ou privadas para o mesmo proxecto. No mesmo anexo tamén se declarará que non está incurso en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas prevista nos números 2º e 3º do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
c) Memoria detallada da actividade ou programa en que conste unha referencia concreta aos seguintes aspectos:
• Resumo do contido e obxectivos da actividade, facendo explícitos os seus aspectos innovadores e a súa contribución ao desenvolvemento e difusión da cultura e da lingua galega.
• Estimación de potenciais beneficiarios do programa ou actividade, repercusión territorial e estratexia de captación de públicos.
• Indicación das outras entidades implicadas no desenvolvemento da actividade ou programa.
• Concreción do número de edicións levadas a cabo da actividade e datos básicos sobre a participación (presencial ou a través da internet e das redes sociais) e repercusión nos medios de comunicación.
d) Calendario de execución do programa ou actividade.
e) Orzamento desagregado da actividade ou actividades, con indicación do financiamento propio e a contía de axudas externas para a realización do programa ou actividade.
f) Información sobre os programas e actividades desenvolvidos no ámbito cultural pola entidade que solicita a axuda nos últimos cinco anos.
g) Documentación acreditativa de que a fundación, entidade ou asociación cultural sen ánimo de lucro ten unha sede ou establecemento na Comunidade Autónoma.
h) Voluntariamente poderá achegarse calquera outra documentación que a entidade solicitante entenda que é pertinente para a mellor valoración do programa ou actividade presentados.
Os anexos I, II e III poderanse obter ben a través da guía de procedementos e servizos da Xunta de Galicia, no enderezo electrónico https://sede.xunta.es ou tamén a través do portal www.xunta.es

A presentación da solicitude de subvención pola entidade interesada comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A entidade solicitante poderá denegar expresamente o consentimento; neste caso deberá achegar coa solicitude a certificación de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

A solicitude presentarase, preferentemente, ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia mediante sinatura electrónica do/a representante legal da entidade solicitante, tendo que cumprir os requisitos de presentación electrónica que se definen no punto seguinte, en aplicación do establecido no artigo 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica da Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Ao Rexistro Electrónico da Xunta accédese a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo electrónico https://sede.xunta.es, directamente ou tamén a través do portal www.xunta.es. Os requisitos para a presentación electrónica son os seguintes:
- Será necesario que o/a presentador/a da solicitude sexa a persoa física que posúa a representación legal da entidade solicitante e como tal figure identificado/a nos formularios normalizados de solicitude.
- O/a presentador/a deberá posuír algúns dos seguintes certificados:
a) DNI electrónico, conforme o disposto no Real decreto 1586/2009, do 16 de outubro, polo que se modifica o Real decreto 1553/2005, do 23 de decembro, polo que se regula a expedición do documento nacional de identidade e os seus certificados de sinatura electrónica.
b) Certificado electrónico en vigor baixo a norma X.509 V3 expedido pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda, conforme o disposto no Decreto 164/2005, do 16 de xuño.
c) Calquera outro certificado dixital aceptado polo Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

Así mesmo, tamén se poden presentar en soporte papel segundo o modelo normalizado que figura como anexo I desta orde, e poderán presentala na Oficina de Rexistro Único e Información da Xunta de Galicia, ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de solicitude finaliza o 24 de maio de 2013. Para máis información de forma gratuíta, deben dirixirse á oficina de Desenvolvemento Local, situada no primeiro piso do Concello de Verín ou no teléfono 988-410000.

 

Oficina Municipal de Desenvolvemento Local

Praza do Concello, 1 1º

Tlnos. 988.41.00.00 988.41.00.01

Móbil 608.520122 609.152208

Fax. 988.41.19.00

Correo Electrónico: adl@verin.net


?>