Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Ofic. Virtual Desenvolvemento Local Axudas para a creación a mellora de microempresas de aproveitamentos forestais
Axudas para a creación a mellora de microempresas de aproveitamentos forestais PDF Imprimir Correo-e
Martes, 30 Abril 2013 08:59

Desde Desenvolvemento Local do Concello de Verín infórmase da publicación da orde do 23 de abril de 2013 pola que se establecen as bases que regulan as axudas para a creación e mellora de microempresas de aproveitamentos forestais, parcialmente cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do PDR de Galicia 2007-2013, e se convocan para o exercicio orzamentario de 2013.


Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras que regulan as axudas para a creación e mellora de microempresas de aproveitamentos forestais e proceder á súa convocatoria para o ano 2013, en réxime de concorrencia competitiva.

Estas axudas abéiranse no Regulamento (CE) 1698/2005, do Consello, do 20 de setembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e, no establecido para as axudas rexionais ao investimento, no Regulamento (CE) 800/2008, da Comisión, do 6 de agosto, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías) (DOUE L 214, do 9 de agosto de 2008).

Poderanse subvencionar investimentos en activos fixos produtivos e plans de mellora de xestión empresarial. Os plans só se poderán subvencionar xunto con investimentos materiais. Os investimentos que se van subvencionar deben ser novos e non se poden iniciar antes de presentar a solicitude de subvención.
Investimentos en activos fixos produtivos
Poderán ser subvencionables os investimentos relativos ás operacións de aproveitamento dos produtos forestais (madeira, cogomelos, castañas, plantas aromáticas e medicinais, biomasa e outros produtos forestais).
Non se considerarán substitucións de investimentos, salvo no caso de incremento de potencia, prestacións ou capacidade de produción, no cal se subvencionará o diferencial de custo. Para tal fin, a empresa xustificará a necesidade e os beneficios esperados polas substitucións mediante unha memoria.
Consideraranse con carácter exclusivo os seguintes:
a) Bens de equipamento e instalacións en empresas de recollida, manexo, acondicionamento e comercialización de produtos forestais non madeireiros (cogomelos, castañas, plantas aromáticas e medicinais, biomasa e outros produtos forestais). No caso de produtos forestais alimentarios, non se considerarán os investimentos relativos ao acondicionamento.
b) Maquinaria específica, apeiros e implementos que permitan un aproveitamento comercial da biomasa forestal: esteladoras, fendedoras de leña, empacadoras, colleitadoras ou procesadoras de biomasa.
c) Acondicionamento e instalacións en parques intermedios de rolla ou biomasa.
d) Equipamentos de seguridade.
e) Procesadoras, autocargadores, arrastradores forestais e outros equipamentos de corta e/ou saca de madeira, así como as adaptacións e implementos.
f) Equipamentos tractocargadores completos e os seus implementos forestais (os tractores deberán ter cabinas adaptadas para o xiro do operario sentado, proteccións forestais en cabina, rodas e baixos e irán dotados de guindastre, cabrestante e remolque forestal de tracción. Estas adaptacións exixiránselles tamén aos tractores orientados á recollida de biomasa, limitando o importe da máquina tractora ao 60 % do valor do equipamento).
g) Rozadoras, en número non superior aos equipamentos de saca de madeira ou biomasa propiedade da empresa.
h) Góndolas, plataformas para o transporte da madeira ou biomasa e guindastres que se instalen nelas. O número de plataformas e guindastres limitarase ao número de equipamentos de saca (tractocargadores ou autocargadores) que teña a empresa. Non se subvencionará mais dunha góndola por empresa.
i) Instrumentos de medición de masas forestais, en número non superior á maquinaria de saca de madeira ou de biomasa.
k) Equipamentos informáticos ata un máximo subvencionable de 2.000 euros/empresa, descontando as axudas percibidas anteriormente por este concepto.

Plans e ferramentas de xestión empresarial
Poderán ser obxecto de subvención os servizos externos de diagnóstico, seguimento, certificación e execución de medidas correctoras, salvo adquisición de maquinaria, nas seguintes actuacións:
a) Consecución e actualización de licenzas para parques intermedios.
b) Implantación na empresa de ferramentas de xestión empresarial específicas da actividade para o control de custos, calidade e mantemento.
c) Preparación do proceso produtivo para a adaptación á cadea de custodia de madeira certificada, e/ou normativas de calidade e plans de mellora de xestión empresarial necesarios para a realización da actividade.

Os beneficiarios deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Ser microempresas do sector forestal radicadas en Galicia. Tomarase a definición de microempresa incluída no anexo I do Regulamento (CE) nº 800/2008, da Comisión, do 6 de agosto. Segundo esta definición, microempresas son aquelas empresas que ocupan menos de 10 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 2 millóns de euros.
b) Acreditar a súa viabilidade económica mediante algunha das seguintes circunstancias:
- Dispoñibilidade de crédito bancario para o investimento, dun mínimo do 70 % do seu importe.
- Vendas por importe superior ao triplo do investimento (no imposto de sociedades ou na declaración anual do IVE).
- Amortizacións máis beneficios superiores á sexta parte dos investimentos (no imposto de sociedades ou na declaración anual do IVE).
- Contratos de venda ou prestación de servizos por importe superior ao investimento.
- Estudo de viabilidade asinado por profesional cualificado.
c) Deberán cumprir a normativa ambiental, que se acreditará coa presentación do documento de alta no imposto de actividades económicas (IAE) (ou certificación da Axencia Tributaria relativa a el), e unha declaración responsable do beneficiario de que a empresa cumpre coa normativa ambiental, incluída no anexo VII.
d) Deberán ter un seguro en vigor de responsabilidade civil para a actividade obxecto de subvención e un contrato de prevención de riscos laborais.
e) Deberán ter, polo menos, o 33 % do cadro de persoal da empresa con contratos por tempo indefinido. Para as empresas de nova creación bastará o compromiso de acadar, como mínimo, o 33 % de estabilidade laboral ao remate do prazo concedido para xustificar o investimento. Non será necesario cumprir este requisito nas subvencións inferiores a 60.102 euros. As empresas xa existentes deberán comprometerse, igualmente, a acadar a mesma porcentaxe mínima de estabilidade laboral respecto das novas contratacións que, de ser o caso, deriven do proxecto de investimento que se subvencione.
f) Non poderán ser beneficiarias aquelas empresas que entren dentro da categoría de empresas en crise, de acordo coa definición do artigo 1, número 7 do Regulamento (CE) nº 800/2008. Tampouco poderán ser beneficiarias aquelas empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

Non será subvencionable:
a) A adquisición de terreos, edificacións e mobiliario.
b) A adquisición de maquinaria usada.
c) Os tributos recuperables polo beneficiario, como o IVE.
d) A renovación de maquinaria que non implique incremento de potencia, prestacións ou capacidade de produción. Para tal fin, a empresa xustificará a necesidade e os beneficios esperados pola substitucións mediante unha memoria. Neste caso valorarase unicamente a diferenza de custo.
e) Os gastos de reparación e mantemento.
f) Os investimentos financiados mediante arrendamento financeiro ou calquera outra figura análoga.
g) Os investimentos destinados á manipulación ou comercialización de produtos de países non comunitarios.
h) Os investimentos destinados ao comercio polo miúdo.
i) Os investimentos e actuacións con axudas financiadas con fondos comunitarios.
k) Motoserras, rozadoras manuais e outras ferramentas manuais.
l) Os investimentos iniciados antes da solicitude de axuda ao abeiro desta convocatoria e/ou sen constancia oficial de non terse iniciado con anterioridade á solicitude no caso de investimentos en parques intermedios.

Importe das axudas
- Os investimentos en bens de equipamento, recollidos no artigo 3, terán unha subvención básica dun 30 %, que poderá incrementarse ata un máximo do 40 % dos gastos elixibles segundo os criterios indicados no anexo II.
Os investimentos en plans e ferramentas de xestión empresarial recollidos no artigo 4 subvencionaranse cunha axuda dun 40 % dos gastos elixibles.
-A axuda máxima por solicitante limitarase a 100.000 euros.

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.
Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.
A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.
- Os interesados deberán presentar a seguinte documentación dirixida á conselleira do Medio Rural e do Mar:
a) No caso de prever investimentos en acondicionamento de parques intermedios ou instalacións neles, deberá solicitar a comprobación de non inicio dos investimentos e xuntar o plano con indicación da localización do parque.
b) Instancia-solicitude, asinada polo representante legal ou persoa acreditada, dirixida ao secretario xeral de Medio Rural e Montes, segundo modelo que figura no anexo I desta orde. No caso de non estar asinada polo representante legal, deberá presentar documentación xustificativa da acreditación por parte da empresa. A solicitude de axudas comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, de acordo co artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, daquela deberá presentar a certificación nos termos previstos regulamentariamente.
c) Deberase presentar contrato, factura pro forma ou similar de 3 provedores distintos, con indicación do prazo de entrega, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren.
O investimento subvencionable elixirase conforme criterios de eficiencia e economía e deberase xustificar expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta máis económica. A Administración comprobará o valor do mercado dos gastos subvencionables, velará pola moderación adecuada dos custos propostos e rexeitará aqueles que non se axusten aos criterios anteriores.
d) Certificación da condición de microempresa, segundo o anexo V. Os empresarios autónomos deberán cubrir as alíneas b), e) e f). Deberán estar cubertos todos os datos que sexan procedentes segundo o tipo de solicitante. Os datos económicos serán referidos aos do ano 2012 e os de persoal serán referidos ao mes anterior ao anterior ao da publicación da orde.
e) Declaración relativa a outras axudas solicitadas, concedidas e/ou obtidas ou non, para os mesmos investimentos para os que se solicita subvención ao abeiro desta orde segundo o anexo VI.
f) Memoria onde se desenvolvan os puntos relacionados no anexo VII desta orde.
g) Ficha cos datos da empresa, segundo as distintas follas do anexo VIII, con todos os datos cubertos que procedan segundo o tipo de empresa e asinada na última folla.
h) Copia dos seguintes documentos:
1º Último imposto de sociedades ou, no seu defecto, do IRPF.
2º Copia cotexada do NIF ou DNI/NIE do solicitante. Ao abeiro do artigo 2 do Decreto 255/2008, as persoas físicas que consintan expresamente na solicitude a autorización de comprobación dos seus datos persoais por parte do órgano competente da Administración, a través de medios electrónicos, non terán que presentar a copia do DNI ou NIE.
3º Últimos TC1, TC2 e TC1/8 anteriores á publicación da orde ou certificado da Seguridade Social de non ter traballadores nos réximes xeral e/ou agrario.
4º Último recibo de pagamento dos autónomos da empresa.
5º Documento de alta no imposto de actividades económicas (IAE) ou certificación da Axencia Tributaria relativa a el.
6º Póliza do seguro de responsabilidade civil e recibo actualizado.
7º Contrato dun servizo de prevención de riscos laborais e recibo actualizado.
i) Documentación xustificativa da viabilidade da empresa, segundo o indicado no artigo 5.
j) No caso dos investimentos do artigo 4 (plans e ferramentas de xestión empresarial): memoria asinada detallada do contido que se vai desenvolver.
k) No caso de maquinaria que estea supeditada á súa subvención a que a empresa teña maquinaria de saca en propiedade, como é o caso de rozadoras, plataformas con guindastre para transporte por estrada, góndolas etc., deberán presentar unha declaración responsable de que a empresa posúe maquinaria de saca en propiedade ou, no seu defecto, compromiso de que no momento da solicitude de cobramento final a vai posuír, segundo o anexo XII.
l) No caso de acondicionamento ou instalacións en parques intermedios:
1º Plano asinado onde veña reflectida a situación do parque.
2º Licenza municipal de actividade e, de ser o caso, licenza de obra. No seu defecto, poderán presentar solicitude de licenza no concello e informe urbanístico favorable, tendo que presentar, neste caso, a licenza xunto coa solicitude de cobramento final da subvención.
m) No caso de investimentos para biomasa: contrato de subministración de biomasa ou xustificación documental de que o investimento está orientado a un aproveitamento comercial da biomasa.
n) No caso de substitucións de investimentos: memoria razoada da necesidade e os beneficios esperados pola substitución.
Toda a información está dispoñible na Guía de procedementos e servizos, no enderezo: https://sede.xunta.es/guia-de-procedementos-e-servizos
Tamén se poderá acceder a través da Oficina Agraria Virtual (OAV), dispoñible no enderezo: http://emediorural.xunta.es/oav

O prazo de solicitude finaliza o 29 de maio de 2013. Para máis información de forma gratuíta, deben dirixirse á oficina de Desenvolvemento Local, situada no primeiro piso do Concello de Verín ou no teléfono 988-410000.

 

Oficina Municipal de Desenvolvemento Local

Praza do Concello, 1 1º

Tlnos. 988.41.00.00 988.41.00.01

Móbil 608.520122 609.152208

Fax. 988.41.19.00

Correo Electrónico: adl@verin.net


?>