Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Ofic. Virtual Desenvolvemento Local Axudas ás PEMES para o financiamento de actuacións destinadas a mellora ambiental
Axudas ás PEMES para o financiamento de actuacións destinadas a mellora ambiental PDF Imprimir Correo-e
Mércores, 08 Maio 2013 10:17

Desde Desenvolvemento Local do Concello de Verín infórmase da publicación da orde do 1 de abril de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas ás pemes para o financiamento de actuacións destinadas á prevención, protección, mellora e coñecemento ambiental, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, e se fai pública a súa convocatoria para o ano 2013.


O obxecto é regular a concesión, polo procedemento de concorrencia competitiva, e facer pública para o ano 2013 a convocatoria de subvencións para o financiamento de actuacións destinadas á prevención, protección, mellora e coñecemento ambiental.

Con carácter xeral, poderán ser beneficiarios/as das subvencións que se regulan na presente orde as pequenas e medianas empresas (pemes) que, cumprindo o establecido neste artigo, teñan o seu domicilio social ou algún dos seus centros no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e sexa neste mesmo ámbito territorial no cal desenvolvan ou materialicen o proxecto ou actuación obxecto da subvención.

As actuacións as que van destinadas estas axudas refírense á prevención, protección, mellora e coñecemento ambiental.  En particular, cinco son os grupos de actuacións subvencionables:
a) Investimentos das empresas solicitantes co fin de acadar unha redución das emisións á atmosfera ou unha mellora da calidade do aire, que se poidan encadrar nun dos tres subgrupos de actuacións que se sinalan a continuación:
a.1) Investimentos que produzan unha redución efectiva de emisións de gases efecto invernadoiro (GEI) considerados polo Protocolo de Quioto (CO2, CH4, N2O, HFC, PFC, SF6).
Con carácter xeral, teñen cabida neste punto, entre outros: os investimentos tecnolóxicos que supoñan unha redución de emisións á atmosfera de GEI, os investimentos para a mellora da eficiencia enerxética en calquera ámbito da actividade da entidade, así como os investimentos para a substitución do tipo de combustible empregado pola entidade que implique modificacións de equipamentos e/ou instalacións sempre e cando supoñan unha redución de GEI.
De xeito máis específico, son actuacións subvencionables as seguintes:
1. Reducións efectivas de emisións de gases de efecto invernadoiro derivadas da aplicación de plans de cambio climático na organización ou nalgún dos seus produtos.
2. Investimentos en substitución de equipamento e instalacións consumidoras de enerxía por equipamentos e instalacións que utilicen tecnoloxías de alta eficiencia, a mellor tecnoloxía dispoñible ou que supoñan un aproveitamento de enerxías renovables (solar, térmica, fotovoltaica, emprego de biomasa como combustible…), co obxecto de reducir o consumo enerxético e as emisións de CO2.
3. Mellora das instalacións térmicas de calefacción, climatización e produción de auga quente sanitaria nos edificios existentes.
4. Mellora da eficacia enerxética das instalacións de iluminación interior e exterior dos edificios existentes que se renoven, tales como:
- Luminarias, lámpadas e equipamento: substitución do conxunto por outro con luminarias de maior rendemento, lámpadas de maior eficiencia e reactancias electrónicas regulables e que permitan reducir a potencia instalada en iluminación.
- Sistemas de control de acendido e regulación do nivel de iluminación: incluirán aqueles sistemas de control por presenza e regulación do nivel de iluminación segundo o fornecemento de luz natural que supoñan un aforro eléctrico.
- Cambio de sistema de iluminación: relocalización dos puntos de luz con utilización das tecnoloxías anteriores, de forma que se reduza o consumo eléctrico anual respecto ao sistema actual de iluminación.
5. Medidas que teñan por obxecto acadar unha mellora enerxética e unha redución efectiva de emisións baseadas no emprego da coxeración.
6. Investimentos para a substitución ou adaptación do vehículo para o transporte de mercadorías (sempre e cando, tratándose de transporte de mercadorías por estrada, este se realice por conta propia) ou pasaxeiros que supoñan unha redución de emisións polo emprego de enerxías alternativas (tales como gas natural, propano, electricidade).
7. Calquera outra actuación ou investimento relacionado co obxecto deste punto.
a.2) Investimentos que supoñan unha mellora da calidade do aire e/ou unha redución ou mellora na medición das emisións distintas dos GEI.
Para os efectos da presente orde entenderase por:
• Aire: o aire ambiente segundo a definición que del ofrece o Real decreto 102/2011, do 28 de xaneiro, relativo á mellora da calidade do aire, é dicir, o aire exterior da baixa troposfera, excluídos os lugares de traballo.
• Emisións distintas dos GEI: as emisións doutros contaminantes atmosféricos distintos do GEI segundo o establecido no Real decreto 102/2011, do 28 de xaneiro, relativo á mellora da calidade do aire, así como na Lei 34/2007, do 15 de novembro, de calidade do aire e protección da atmosfera.
En particular, son actuacións subvencionables:
- Os investimentos tecnolóxicos que supoñan unha redución de emisións á atmosfera distinta dos GEI.
- Os investimentos para a mellora da seguridade das plataformas de medicións en focos e a adaptación da sección de medición á Norma UNE-EN 15259: requisitos das seccións e sitios de medición, e para o obxectivo, plan e informe de medición así como os relativos á mellora e adquisición de equipamentos de medición en continua, SAM.
- Calquera outra actuación ou investimento relacionado co obxecto deste punto.
b) Investimentos das empresas solicitantes destinados a mellorar o seu comportamento ambiental en materia de xestión e uso sustentable dos recursos e os residuos. Prevense neste punto os investimentos que dean lugar a:
b.1) Unha reutilización de produtos ou materiais empregados.
b.2) Unha redución da cantidade de residuos industriais ou comerciais xerada.
b.3) Unha axeitada separación en orixe dos residuos xerados.
b.4) A reciclaxe ou calquera outra forma de aproveitamento posterior dos residuos xerados pola entidade.
b.5) A introdución de mellores tecnoloxías aplicadas á xestión e uso sustentable dos recursos e dos residuos.
b.6) Calquera outra actuación ou investimento relacionado co obxecto deste punto.
c) Estudos de análise e avaliación de riscos ambientais en instalacións industriais. Inclúense aquí aquelas actuacións relacionadas coa realización de estudos de análise de riscos ambientais en instalacións industriais, de conformidade co disposto polo Real decreto 2090/2008, do 22 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de desenvolvemento parcial da Lei 26/2007, do 23 de outubro, de responsabilidade ambiental.
d) A implantación e mantemento no Sistema comunitario de xestión e auditoría ambiental (EMAS) segundo o recollido no Regulamento (CE) nº 1221/2009 do Parlamento Europeo e do Consello, do 25 de novembro de 2009, relativo á participación voluntaria de organizacións nun sistema comunitario de xestión e auditoría ambientais (EMAS), e polo que se derrogan o Regulamento (CE) nº 761/2001 e as decisións 2001/681/CE e 2006/193/CE da Comisión. Serán actuacións subvencionables ao abeiro deste punto:
d.1) Os traballos de consultoría, verificación e validación realizados para a implantación do Sistema de xestión ambiental EMAS e rexistro da entidade solicitante.
d.2) Os traballos de verificación e validación que sexa necesario realizar para a renovación no rexistro cada tres anos, a través da validación da declaración ambiental actualizada.
Cómpre sinalar que, en relación con esta letra d), non se considerarán actuacións subvencionables as medicións, análises e estudos.
e) Auditoría para a determinación da pegada de carbono dun único produto por empresa, incluída a consultoría de determinación e a verificación.
As axudas establecidas nesta orde para a realización das actuacións subvencionables descritas neste artigo están sometidas ao réxime de minimis nos termos establecidos no Regulamento (CE) 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE (DOUE L379, do 28 de decembro). Polo tanto, a axuda total de minimis concedida a unha empresa non será superior a 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais, ou a 100.000 euros no suposto dunha axuda concedida a unha empresa que opere no sector do transporte por estrada.

Por tratarse de axudas sometidas ao réxime de axudas de minimis, non poderá concederse a empresas dos seguintes sectores:
a) Pesca e acuicultura, segundo se establece no Regulamento (CE) 104/2000 do Consello, do 17 de decembro de 1999, polo que se establece a organización común de mercados no sector dos produtos da pesca e acuicultura.
b) Produción primaria dos produtos agrícolas que figuran na lista do anexo I do tratado.
c) Actividades relacionadas coa exportación a terceiros países ou Estados membros cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación.
d) Carbón, segundo se define no Regulamento (CE) 1407/2002 do Consello, do 23 de xullo de 2002, sobre as axudas estatais á industria do carbón.
e) Empresas en crise.

As solicitudes deben presentarse antes do 7 de xuño de 2013, segundo modelo normalizado que se xunta como anexo I e acompañadas da documentación que se sinala, deberán ir dirixidas á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental (Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas) e poderán ser presentadas en calquera dos lugares previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, así como ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia mediante sinatura electrónica do/a representante legal da entidade solicitante, tendo que cumprir os requisitos de presentación electrónica que se definen no punto seguinte, en aplicación do establecido no artigo 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Para máis información de forma gratuíta, deben dirixirse á oficina de Desenvolvemento Local, situada no primeiro piso do Concello de Verín ou no teléfono 988-410000.


 

Oficina Municipal de Desenvolvemento Local

Praza do Concello, 1 1º

Tlnos. 988.41.00.00 988.41.00.01

Móbil 608.520122 609.152208

Fax. 988.41.19.00

Correo Electrónico: adl@verin.net


?>