Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Ofic. Virtual Desenvolvemento Local Axudas destinadas a favorecer os investimentos en materia ambiental
Axudas destinadas a favorecer os investimentos en materia ambiental PDF Imprimir Correo-e
Mércores, 08 Maio 2013 10:26

Desde Desenvolvemento Local do Concello de Verín infórmase da publicación da orde do 8 de abril de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas destinadas a favorecer os investimentos en materia ambiental por parte de entidades sen ánimo de lucro que realicen actividades económicas, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, e se fai pública a súa convocatoria para o ano 2013.

O obxecto é regular a concesión, polo procedemento de concorrencia competitiva, e facer pública para o ano 2013, a convocatoria de subvencións para o financiamento de actuacións destinadas á prevención, protección, mellora e coñecemento ambiental que se describen no artigo 4.

Con carácter xeral, poderán ser beneficiarios das subvencións que se regulan na presente orde as entidades sen ánimo de lucro que, individualmente ou en colaboración con outra/s, cumpran os seguintes requisitos:
- Estar validamente constituídas no momento da presentación da solicitude.
- Axustarse á definición comunitaria de pequena e mediana empresa establecida no anexo I do Regulamento (CE) nº 800/2008 da Comisión, do 6 de agosto de 2008 (DOUE L 214/3, do 9 de agosto de 2008). Segundo o establecido nesta disposición, empresa é toda entidade que, independentemente da súa forma xurídica, exerce unha actividade económica. Enténdese por actividade económica, segundo a terminoloxía comunitaria, a oferta de bens e/ou servizos nun determinado mercado.
- Ter o domicilio social ou algún dos seus centros no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e ser neste mesmo ámbito territorial onde se desenvolva ou materialice o proxecto ou actuación obxecto da subvención.
- No caso de que o proxecto o requira, a entidade solicitante deberá dispoñer en réxime de propiedade dunha infraestrutura física adecuada para o tipo de actuación que se propoña respecto dela.
En consecuencia, sempre que se cumpran os requisitos anteriores, poderán ser destinatarios destas axudas, en particular, as seguintes entidades:
- As asociacións e fundacións.
- Os sindicatos e asociacións profesionais e empresariais.
- Os clústers empresariais galegos.
- Os centros tecnolóxicos.
- As cooperativas sen ánimo de lucro.
- Outras que, aínda carecendo de personalidade xurídica, se axusten aos requisitos sinalados.

Teñen a consideración de actuacións subvencionables os proxectos que versen sobre algunha das actuacións incluídas nalgún dos cinco grupos subvencionables seguintes:
a) Redución das emisións á atmosfera. Son actuacións subvencionables ao abeiro deste punto aquelas que supoñan unha redución efectiva de emisións de gases efecto invernadoiro (GEI) considerados polo Protocolo de Quioto (CO2, CH4, N2O, HFC, PFC, SF6).
Con carácter xeral, teñen cabida neste punto, entre outros os investimentos tecnolóxicos que supoñan unha redución de emisións á atmosfera de GEI, os investimentos para a mellora da eficiencia enerxética en calquera ámbito da actividade da entidade, así como os investimentos para a substitución do tipo de combustible empregado pola entidade que implique modificacións de equipamentos e/ou instalacións sempre que supoñan unha redución de GEI.
De xeito máis específico, son actuacións subvencionables, entre outras, as seguintes:
1. Reducións efectivas de emisións de gases de efecto invernadoiro derivadas da aplicación de plans de cambio climático na organización ou nalgún dos seus produtos.
2. Os investimentos en substitución de equipamentos e instalacións consumidoras de enerxía por equipamentos e instalacións que utilicen tecnoloxías de alta eficiencia, a mellor tecnoloxía dispoñible ou que supoñan un aproveitamento de enerxías renovables (solar, térmica, fotovoltaica, emprego de biomasa como combustible, …), co obxecto de reducir o consumo enerxético e as emisións de CO2.
3. A mellora das instalacións térmicas de calefacción, climatización e produción de auga quente sanitaria nos edificios existentes pertencentes á entidade beneficiaria.
4. Mellora da eficacia enerxética das instalacións de iluminación interior e exterior dos edificios existentes que se renoven, tales como:
- Luminarias, lámpadas e equipamento: substitución do conxunto por outro con luminarias de maior rendemento, lámpadas de maior eficiencia e reactancias electrónicas regulables e que permitan reducir a potencia instalada en iluminación.
- Sistemas de control de acendemento e regulación do nivel de iluminación: incluirán aqueles sistemas de control por presenza e regulación do nivel de iluminación segundo a cantidade de luz natural que supoñan un aforro eléctrico.
- Cambio de sistema de iluminación: recolocación dos puntos de luz con utilización das tecnoloxías anteriores, de forma que se reduza o consumo eléctrico anual respecto ao sistema actual de iluminación.
5. Medidas que teñan por obxecto acadar unha mellora enerxética e unha redución efectiva de emisións baseadas no emprego da coxeración.
6. A substitución ou adaptación de vehículos para o transporte de mercadorías (sempre que, tratándose de transporte de mercadorías por estrada, este se realice por conta propia) ou pasaxeiros que supoñan unha redución de emisións polo emprego de enerxías alternativas (gas natural, propano, electricidade).
7. Calquera outra actuación ou investimento relacionado co obxecto deste punto.
b) Xestión e uso sustentable dos recursos e os residuos. Recóllense neste punto, entre outras, actuacións que favorezan o cumprimento do esquema de prioridades establecido pola normativa aplicable, é dicir, por esta orde: a prevención, a preparación para a reutilización, a reciclaxe, así como outros tipos de valorización, incluída a valorización enerxética e, por último, a eliminación.

A título indicativo, son susceptibles de seren subvencionables os proxectos que teñan por obxecto:
- A posta en marcha de programas de recollas diferenciadas de residuos comerciais (tales como vidro, envases lixeiros, papel e cartón) que permitan abordar a caracterización, coñecemento e xestión deste tipo de residuos.
- Actuacións para a implantación, en sectores de actividade, polígonos industriais ou zonas comerciais de solucións específicas para a xestión dos seus residuos.
- Mellorar a recolla selectiva e xestión da fracción orgánica dos residuos xerados.
- Proxectos que fomenten as recollas específicas doutros residuos que, aínda que se consideran perigosos ou especiais, son susceptibles de orixinarse e equiparase aos xerados no ámbito comercial, tales como residuos de aparellos eléctricos e electrónicos ou aceites vexetais usados.
- Potenciar o mercado da reciclaxe.
- Favorecer o coñecemento, emprego e optimización dos puntos limpos existentes na nosa comunidade autónoma.
- Traballos de identificación, limpeza e recuperación de espazos afectados pola presenza de puntos de vertedura incontrolados.
- Fomento da compra e consumo responsable.
- Así como como calquera outra actuación ou investimento relacionado co obxecto deste punto.
c) Realización de estudos de análise e avaliación de riscos ambientais sectoriais. Serán susceptibles de ser subvencionados os estudos de índole sectorial que vaian referidos a actividades enumeradas no anexo III da Lei 26/2007, do 23 de outubro, de responsabilidade ambiental e que se axusten ao establecido no Real decreto 2090/2008, do 22 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de desenvolvemento parcial da Lei 26/2007, do 23 de outubro, de responsabilidade ambiental.
d) Realización de xornadas técnicas, seminarios, accións formativas, foros ou premios dirixidos á difusión de técnicas, metodoloxías, ferramentas innovadoras ou intercambio de boas prácticas en materia ambiental.
e) Auditoría para a determinación da pegada de carbono dun único produto por empresa, incluída a consultoría de determinación e a verificación.

Por tratarse de axudas sometidas ao réxime de axudas de minimis, non poderá concederse a empresas dos seguintes sectores:
a) Pesca e acuicultura, segundo se establece no Regulamento (CE) nº 104/2000 do Consello.
b) Produción primaria dos produtos agrícolas que figuran na lista do anexo I do tratado.
c) Actividades relacionadas coa exportación a terceiros países ou estados membros cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación.
d) Carbón, segundo se define no Regulamento (CE) nº 1407/2002 do Consello, do 23 de xullo de 2002, sobre as axudas estatais á industria do carbón.
e) Empresas en crise, conforme a definición prevista no artigo 1 número 7 do Regulamento (CE) nº 800/2008, do 6 de agosto, da Comisión, en relación ás pemes e conforme o disposto no número 2.1 das Directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas en crise (DOUE C 244, do 1 de outubro de 2004) en relación ás grandes empresas.

As solicitudes deben presentarse antes do 7 de xuño de 2013, segundo modelo normalizado que se xunta como anexo I e acompañadas da documentación que se sinala, deberán ir dirixidas á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental (Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas) e poderán ser presentadas en calquera dos lugares previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, así como ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia mediante sinatura electrónica do/a representante legal da entidade solicitante, tendo que cumprir os requisitos de presentación electrónica que se definen no punto seguinte, en aplicación do establecido no artigo 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Para máis información de forma gratuíta, deben dirixirse á oficina de Desenvolvemento Local, situada no primeiro piso do Concello de Verín ou no teléfono 988-410000.

 

Oficina Municipal de Desenvolvemento Local

Praza do Concello, 1 1º

Tlnos. 988.41.00.00 988.41.00.01

Móbil 608.520122 609.152208

Fax. 988.41.19.00

Correo Electrónico: adl@verin.net


?>