Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Ofic. Virtual Desenvolvemento Local Subvencións aos proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia
Subvencións aos proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia PDF Imprimir Correo-e
Mércores, 08 Maio 2013 10:33

Desde Desenvolvemento Local do Concello de Verín infórmase da publicación da resolución do 22 de abril de 2013 pola que se modifican as bases reguladoras aprobadas mediante Resolución do 7 de agosto de 2012 e se convocan para o ano 2013 as subvencións aos proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia promovidos por microempresas para o uso das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2007-2013.


O obxecto é a convocatoria das subvencións para o uso das tecnoloxías da información e as comunicacións, cofinanciadas con Feader, e probar as bases reguladoras polas que se rexerá a presente convocatoria que se xuntan como anexo I. Estas bases coinciden coas aprobadas por Resolución do 7 de agosto de 2012 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións aos proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia promovidos por microempresas para o uso das tecnoloxías da información e as comunicacións, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2007-2013, e se anuncia a convocatoria para o ano 2012 (DOG nº 157, do 20 de agosto), agás as modificacións recollidas nos artigos 8.b), 8.c), 14.l) e 15.a).

Todos os proxectos subvencionables deberán cumprir os requisitos seguintes:
a) Que non estean iniciados na data de presentación da solicitude da axuda.
b) Que se desenvolvan no territorio de Galicia exceptuando as zonas incluídas nos perímetros urbanos, definidos como tales no planeamento urbanístico vixente, das cidades de Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo.
c) Que sexan finalistas, é dicir, que no momento da certificación final cumpran os obxectivos e funcións para os que se lle concedeu a axuda.
d) Que sexan viables técnica, económica e financeiramente.
e) Que se axusten ás especificacións indicadas nas presentes bases.
f) Que o promotor do proxecto non teña sido sancionado pola Consellería do Medio Rural e do Mar pola comisión de infraccións en materia de subvencións no prazo dun ano se a infracción foi cualificada como leve, de dous anos se a infracción foi cualificada como grave ou tres anos se a infracción foi cualificada como moi grave. Os prazos computaranse desde a data de remate de presentación das solicitudes.

Proxectos subvencionables e non subvencionables
a) Descrición dos proxectos subvencionables.
As axudas están destinadas á implantación de equipamento físico (hardware) e aplicacións informáticas (software) nas microempresas que desenvolvan a súa actividade económica no rural, para que aproveiten as tecnoloxías da información e as comunicacións (TIC) xunto con acceso á internet de calidade, no seu proceso de negocio.
Só se valorarán aquelas solicitudes que representen un investimento subvencionable de cando menos 4.000 euros (sen IVE).
b) Consideracións xerais.
Os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados entre a data de presentación da solicitude e a data límite de xustificación de cada ano para o que se pide a subvención. Todos os investimentos deberán estar plenamente realizados, operativos e verificables na data límite de xustificación do proxecto.
O órgano xestor terá acceso á totalidade das tarefas realizadas para os efectos de comprobación dos proxectos subvencionables, tanto durante a execución dos mesmos como con posterioridade á súa xustificación.
Non se subvencionarán proxectos plurianuais. Os proxectos aprobados deben executarse dentro do ano no que se presenta a solicitude (2012, 2013 ou 2014).
c) Gastos subvencionables:
- Equipos electrónicos da rede de datos de área local (LAN) da empresa: ordenadores servidores da rede, equipos de comunicacións en rede de cobre ou óptica (switches, routers, amplificadores etc.), equipos de comunicacións de rede sen fíos (puntos de acceso, concentradores etc).
- Equipos para a seguridade da rede de datos da empresa: dispositivos fixos de almacenamento da información e barreiras de seguridade (firewalls).
- Elementos do cableado estruturado: cable de datos trenzado, fibra óptica, tomas de rede, armarios bastidores, sistemas de alimentación ininterrompida (SAI) nos bastidores, certificacións da rede de cobre ou óptica.
- Subministración e instalación de licenzas de software no equipamento hardware do solicitante.
d) Gastos non subvencionables:
- Páxinas web.
- Licenzas de software ofimático (procesador textos, cálculo, presentacións, fotografía, debuxo).
- Elementos de usuario (ordenadores persoais, SAIs de usuario, terminais móviles, tabletas PC, cámaras de vídeo ou fotografía etc.) e outros equipos de uso individual ou compartido (impresoras, fotocopiadoras, escáner etc.).
- Elementos de rede de datos, cableado e rede sen fíos que non sexan para uso exclusivo e interno da empresa solicitante.
- Elementos funxibles ou removibles (discos, cintas etc.) ou gastos xerais.
- Servizos de mantemento ou garantía adicional sobre os elementos adquiridos.
- Conceptos tales como cotas de conexión, mantemento ou hospedaxe.
- Calquera gasto respecto do cal non sexa posible identificar o alcance concreto deste, tipo de subministración, características técnicas diferenciadoras, ou no que figuren incluídos e sen cuantificar outros gastos non subvencionables.

Poderán solicitar e beneficiarse das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases reguladoras, as empresas privadas, xa sexan persoas físicas ou xurídicas, legalmente constituídas, que teñan domicilio e alta fiscal no IAE para a súa actividade económica en Galicia e que acrediten coa solicitude de axuda o cumprimento dos seguintes requisitos:
- Ter domicilio e/ou alta fiscal dentro do territorio rural galego, entendendo por tal o descrito no artigo 2.b).
- Dispor de menos de 10 traballadores no cadro de persoal, incluindo os de alta no Réxime xeral da Seguridade Social e os que deban estar no Réxime especial de traballadores autónomos, e non superar os 2 millóns de euros para o volume de negocio anual ou o balance xeral anual, isto é, débese cumprir coa condición de microempresa segundo a normativa comunitaria (Regulamento (CE) 800/2008).
- Dispor de contrato de conexión a internet de alta capacidade ou estar en condicións de dispor de conexión antes da data límite de xustificación da subvención.
b) Non poderán ser beneficiarias as agrupacións de persoas xurídicas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade que careza de personalidade xurídica propia, así como as persoas xurídicas que non teñan ánimo de lucro, aínda que realicen actividade económica.
Igualmente, non poderán obter a condición de beneficiario aqueles nos cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da LSG. A acreditación de non estar incursos nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable do interesado, con independencia das comprobacións que preceptivamente deba efectuar o órgano xestor.
As empresas que sexan beneficiarios nunha anualidade baixo este réxime de axudas non poderán ser beneficiarios nos seguintes anos previstos nesta convocatoria, con independencia de que finalmente executasen adecuadamente ou non o proxecto concedido.
c) Non poderán ter a condición de beneficiarios as entidades que entren dentro da categoría de empresas en crise, ao abeiro da definición do artigo 1 punto 7 do Regulamento xeral de exención por categorías. Tampouco poderán ser beneficiarias aquelas empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarada unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.
d) Tampouco poderán ter a condición de beneficiarios aquelas microempresas excluídas pola Comisión Europea no artigo 1 do Regulamento 800/2008, no artigo 1 do Regulamento 875/2007 e no artigo 1 do Regulamento 1535/2007.

As solicitudes presentaranse, antes do 07 de xuño de 2013, no modelo normalizado (modelo A) que se inclúe no anexo II desta resolución. Este modelo validado pola aplicación informática valerá tanto para a presentación en papel, unha vez impreso, coma para a presentación electrónica.
As solicitudes poderán presentarse mediante sinatura electrónica do representante legal da entidade solicitante, na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, seleccionando o procedemento MR706A, sede á que tamén se pode acceder no enderezo da internet http://agader.xunta.es
Poderanse cubrir e obter os formularios a través da aplicación informática ata as 14.00 horas do día de finalización do prazo de presentación de solicitudes.
En lugar da presentación electrónica, as solicitudes tamén poderán presentarse en formato papel preferentemente no Rexistro Xeral de Agader ou por calquera dos medios previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (en adiante, Lei 30/1992).

Para máis información de forma gratuíta, deben dirixirse á oficina de Desenvolvemento Local, situada no primeiro piso do Concello de Verín ou no teléfono 988-410000.

 

Oficina Municipal de Desenvolvemento Local

Praza do Concello, 1 1º

Tlnos. 988.41.00.00 988.41.00.01

Móbil 608.520122 609.152208

Fax. 988.41.19.00

Correo Electrónico: adl@verin.net


?>