Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Ofic. Virtual Desenvolvemento Local Bolsas de formación na D.X. de Comercio
Bolsas de formación na D.X. de Comercio PDF Imprimir Correo-e
Xoves, 09 Maio 2013 08:02

Desde Desenvolvemento Local do Concello de Verín infórmase da publicación da orde do 23 de abril de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das bolsas de formación na Dirección Xeral de Comercio e se procede a súa convocatoria para o ano 2013 (código de procedemento IN225A).


O obxecto é aprobar as bases polas que se rexerá a concesión de catro bolsas de formación na Consellería de Economía e Industria da Comunidade Autónoma de Galicia, na Dirección Xeral de Comercio, que teñen como obxectivo contribuír á formación titorial de profesionais no campo da actividade comercial e o seu ámbito (o programa formativo desenvolverase ao longo do ano 2013 cunha duración máxima de nove meses, contado desde a data da incorporación das persoas bolseiras ata o 30 de decembro).

Poderán optar á concesión destas bolsas as persoas que reúnan os seguintes requisitos:
a) Ter nacionalidade española ou ser nacionais de calquera Estado membro da Unión Europea, así como estar domiciliada na Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Acreditar un coñecemento da lingua galega con nivel de perfeccionamento ou equivalente.
c) Estar en posesión dalgún título universitario de segundo ciclo ou grao superior. A persoa solicitante deberá estar en posesión do título ou acreditar o pagamento dos dereitos para a súa expedición, ao remate do prazo de presentación de solicitudes e ter rematado os estudos conducentes a el no ano 2005 ou posterior.
d) Non desfrutar anteriormente doutra bolsa de formación na Dirección Xeral de Comercio.
e) Non ter emprego remunerado nin gozar doutra bolsa ou axuda.
f) Non padecer ningunha enfermidade nin limitación física ou psíquica que imposibilite o cumprimento das súas obrigas como bolseiro/a.
g) Non estar incursa en ningunha das prohibicións para obter a condición de beneficiario/a sinaladas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (Diario Oficial de Galicia nº 121, do 25 de xuño).

Condicións e incompatibilidades

- As persoas adxudicatarias adquiren exclusivamente a condición de bolseiras, coas obrigas e dereitos delas e conforme estas bases, sen ningún outro vínculo laboral ou administrativo co órgano convocante nin coas entidades en cuxas dependencias se leve a cabo a formación.
- A percepción destas bolsas é incompatible con calquera outra bolsa ou axuda financiada por calquera administración, institucións ou entes públicos, así como con soldos ou salarios que impliquen vinculación contractual ou estatutaria das persoas interesadas.
Cada bolsa estará dotada con 6.300,00 euros brutos, distribuídos en pagamentos mensuais, a razón de 900 euros por mes.A formación terá lugar nas dependencias da Dirección Xeral de Comercio ou dos departamentos territoriais da Consellería de Economía e Industria, en xornada de mañá.

As solicitudes para participar no procedemento de concesión das bolsas presentaranse na forma e no prazo que se indican nos artigos 2 e 3 da orde de convocatoria. Xunto coa solicitude deberá presentarse o orixinal ou copia compulsada da seguinte documentación:
a) DNI da persoa solicitante e certificado de empadroamento, só no caso de que non dea o seu consentimento para que o órgano instrutor comprobe os seus datos de carácter persoal, por medio de conexión telemática co servizo horizontal de acceso aos sistemas de verificación de datos de identidade e de residencia do Ministerio da Presidencia (de acordo co disposto nos artigos 2.2 e 3.2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos).
Para eses efectos, a persoa solicitante poderá cubrir a declaración que figura no modelo normalizado de solicitude. No caso de non prestar o seu consentimento, deberá presentar fotocopia compulsada do documento nacional de identidade e do certificado de empadroamento.
b) Documento acreditativo do nivel de coñecemento do idioma galego. Só se lles concederá validez aos cursos ou titulacións homologados polos órganos competentes en materia de política lingüística.
c) Título académico ou xustificante do pagamento dos dereitos para a súa expedición.
d) Certificación académica persoal de carácter oficial.
e) Curriculum vitae da persoa solicitante en que se relacionen os estudos cursados e, se é o caso, a súa experiencia profesional, así como os documentos acreditativos dos méritos alegados.
f) Declaración expresa sobre a concesión ou solicitude doutras bolsas ou axudas financiadas por calquera administración, institucións ou entes públicos, nacionais ou internacionais (anexo III).
g) Declaración responsable de non estar incursa/o en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei de subvencións de Galicia (anexo IV).
h) Declaración responsable de non ter emprego remunerado nin gozar doutra bolsa (anexo IV).

As solicitudes presentaranse, ata o 8 de xuño de 2013, no rexistro da Xunta de Galicia, así como nos de calquera outro órgano da Administración xeral do Estado, das comunidades autónomas ou das entidades que integran a Administración local, sempre que neste último caso se subscribise o oportuno convenio, ou polos restantes medios previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código IN225A, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Comercio, a través dos seguintes medios:
a) Páxina web oficial da Consellería (http://economiaeindustria.xunta.es).
b) No teléfono 981 54 55 94 da devandita dirección xeral.
c) No enderezo electrónico Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo .
d) Presencialmente.
Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Consellería de Economía e Industria 981-544341.


 

Oficina Municipal de Desenvolvemento Local

Praza do Concello, 1 1º

Tlnos. 988.41.00.00 988.41.00.01

Móbil 608.520122 609.152208

Fax. 988.41.19.00

Correo Electrónico: adl@verin.net


?>