Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Ofic. Virtual Desenvolvemento Local Subvencións a axencias de viaxe para a promoción e comercialización do destino Galicia
Subvencións a axencias de viaxe para a promoción e comercialización do destino Galicia PDF Imprimir Correo-e
Luns, 13 Maio 2013 12:43

Desde Desenvolvemento Local do Concello de Verín infórmase da publicación da resolución do 2 de maio de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións a axencias de viaxe para a promoción e comercialización do destino Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2013.


Estas bases teñen por obxecto regular a concesión das subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a promoción e comercialización do destino Galicia a través do deseño de paquetes turísticos especializados na promoción e comercialización de produtos cabeceira da marca turística de Galicia.

Consideraranse proxectos subvencionables todos aqueles que se inicien a partir do 1 de xaneiro de 2013 e consistirán no deseño de paquetes turísticos especializados na promoción e comercialización dos produtos cabeceira da marca turística de Galicia. Os produtos cabeceira de marca de Galicia poden ser consultados na páxina web oficial de promoción turística, na epígrafe denominada “experiencias” (http://www.turgalicia.es/goza-destas-experiencias?langId=gl_ES):
- Camiño de Santiago. Inclúense nesta epígrafe os produtos que articulen unha proposta de aloxamentos coordinados entre si para realizar por etapas os distintos camiños de Santiago en Galicia, incluíndo servizos de manutención e transfers que faciliten un paquete integral aos usuarios turísticos. Estes produtos poderán denominarse Bono Iacobus –marca rexistrada pola Xunta de Galicia–, xunto a outro termo que identifique as especificidades que introduza o comercializador e o diferencie dos competidores.
- Bosques de Galicia (Natureza).
- Mananciais de Galicia (Termalismo).
- Paseando entre viñedos (Enogastronomía).
- Turismo mariñeiro.
- Ruta das camelias (Xardíns de Galicia).
- Faros e praias salvaxes.
- Patrimonio oculto.
- Santuarios máxicos.
- “Top Ten dez lugares únicos”: Ribeira Sacra, Muralla de Lugo, Serra da Capelada, Ferrol da Ilustración, Torre de Hércules, Camiño de Santiago, Santiago de Compostela, Cabo Fisterra, Illas Cíes e Santa Tegra.
Tamén serán especialmente valorados os paquetes turísticos orientados ao turismo de golf.
Para os efectos desta convocatoria, os proxectos terán que presentar paquetes turísticos que inclúan obrigatoriamente o aloxamento e polo menos dúas actividades de lecer.

Considéranse accións subvencionables:
- Os gastos de deseño, maquetación e impresión de folletos, catálogos, orixinais de publicidade ou calquera outro material promocional relacionado coa creación dese novo produto.
- As insercións publicitarias en medios de comunicación ou calquera outro soporte: internet, redes sociais...
- Tradución e maquetación dos soportes de promoción existentes a outros idiomas.

En ningún caso serán obxecto de subvención os gastos de xuros debedores en contas bancarias, os derivados de recargas e sancións administrativas e penais. Os tributos serán gasto subvencionable cando a persoa beneficiaria da subvención os aboe efectivamente. En ningún caso se van subvencionar os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda. Cando o importe do gasto subvencionable sexa igual ou superior a 18.000 euros nos supostos de subministración de bens de equipamento ou prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, o solicitante deberá presentar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten.

Os/As beneficiarios son as persoas físicas ou xurídicas ou comunidades de bens que reúnan os requisitos establecidos nestas bases e sexan titulares das axencias de viaxe que conten con clasificación turística expedida pola Comunidade Autónoma galega e que estean comprendidos na definición de pequena e mediana empresa (peme). En todo caso, a casa central debe estar radicada en Galicia (non poderán obter a condición de beneficiario aqueles en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia).

Os/As interesados/as achegarán a seguinte documentación:
a) Anexo II: modelo de solicitude normalizado.
b) Memoria explicativa do proxecto. Esta deberá incluír a descrición de itinerarios e paquetes propostos.
c) Orzamento desagregado por conceptos do investimento que se vai realizar. De ser o caso, o interesado achegará tres orzamentos de diferentes provedores, segundo dispón o artigo 1.6 destas bases reguladoras.
d) Anexo III: modelo de declaracións
e) Se é o caso:
- Documento acreditativo da adhesión do establecemento ao Instituto para a Calidade Turística Española, emitido pola súa delegación territorial en Galicia ou, no caso de establecementos coa marca Q de Calidade Turística, documento acreditativo de certificación, emitido polo Instituto para a Calidade Turística Española.
- No caso de establecementos distinguidos con Compromiso de Calidade Turística, documento acreditativo do distintivo de Compromiso de Calidade Turística de Boas Prácticas concedido por un destino SICTED (Sistema de Calidade Turística Española en Destinos) na Comunidade Autónoma de Galicia.
f) Todo isto sen prexuízo de que se solicite documentación complementaria aclaratoria dos datos que figuren na solicitude.

As solicitudes presentaranse, antes do 13 de xuño de 2013, nos rexistros dos órganos dependentes da Consellería de Medio Rural e do Mar. Así mesmo, poderán presentarse nos rexistros de calquera órgano administrativo que pertenza á Administración xeral do Estado, á de calquera Administración das comunidades autónomas ou a algunha das entidades que integran a Administración local se, neste último caso, se subscribiu o oportuno convenio, ou por calquera outro medio previsto no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Tamén poderán ser presentadas a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, no seguinte enderezo: https://sede.xunta.es.

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Axencia Turismo de Galicia, a través dos seguintes medios:
a) Páxina web oficial da Axencia Turismo de Galicia ((http://turismo.xunta.es/).
b) Os teléfonos 981 54 74 04 e 981 54 63 64 e o fax 981 54 63 71 da devandita axencia
c) Presencialmente.

 

Oficina Municipal de Desenvolvemento Local

Praza do Concello, 1 1º

Tlnos. 988.41.00.00 988.41.00.01

Móbil 608.520122 609.152208

Fax. 988.41.19.00

Correo Electrónico: adl@verin.net


?>