Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Ofic. Virtual Desenvolvemento Local Axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais
Axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais PDF Imprimir Correo-e
Xoves, 16 Maio 2013 08:06

Desde Desenvolvemento Local do Concello de Verín infórmase da publicación da orde do 30 de abril de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2013.

O obxecto é o establecemento das bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, tanto a convocatoria pública como a execución das axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais en Galicia, correspondentes ao exercicio de 2013, xestionadas pola Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social.

As entidades beneficiarias das axudas recollidas nesta orde de convocatoria serán:
Na liña 1, programas de formación intersectorial en materia de prevención de riscos laborais de ámbito galego:
• As asociacións patronais constituídas ao abeiro da Lei 19/1977, do 1 de abril, sobre regulación do dereito de asociación sindical, que recollan expresamente nos seus fins o fomento da prevención de riscos laborais e as organizacións sindicais con representatividade no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, de carácter intersectorial en ambos os casos.
Na liña 2, outras accións de fomento da prevención de riscos laborais:
a) Fundacións sectoriais paritarias para a promoción da prevención da seguridade e saúde laboral nadas da negociación colectiva ou de acordos sectoriais con sede e actividade en Galicia.
b) Organizacións sindicais con representatividade no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, tanto de carácter sectorial como intersectorial.
c) Asociacións empresariais de ámbito galego, provincial ou autonómico, sectoriais ou intersectoriais, constituídas ao abeiro da Lei 19/1977, do 1 de abril, sobre regulación do dereito de asociación sindical, que recollan expresamente nos seus fins o fomento da prevención de riscos laborais.
d) Asociacións profesionais de traballadores e traballadoras autónomas rexistradas segundo o establecido no Decreto 406/2009, do 22 de outubro, que recollan expresamente nos seus fins o fomento da prevención de riscos laborais.

Non poderán ser beneficiarias destas axudas:
• Aquelas entidades en que concorra algunha das circunstancias a que se refire o artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
• As administracións públicas, as sociedades públicas nin as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas.
As entidades beneficiarias das subvencións reguladas nesta orde poderán subcontratar, por unha soa vez, a realización das accións financiadas con cargo a esta convocatoria tendo en conta que a subcontratación non pode supoñer un aumento do custo de execución da acción subvencionada e que deberá ser realizada consonte co establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. Ademais, os/as subcontratistas deberán facilitarlles aos organismos de auditoría e control toda a información necesaria relativa ás accións subcontratadas. Esta subcontratación poderá chegar ata o 100 % do importe da acción.

Serán subvencionables as seguintes accións:
Na liña 1, cun importe total 340.000 euros, subvencionaranse programas de formación intersectorial en materia de prevención de riscos laborais de ámbito galego.
Na liña 2, cun importe total 1.232.500 euros, subvencionaranse outras accións de fomento da prevención de riscos laborais, que deberán estar incluídas na seguinte relación:
De formación, destinadas aos traballadores e traballadoras galegas:
• Formación específica sectorial en prevención de riscos laborais destinada a traballadores e traballadoras activos e en situación de desemprego, delegados e delegadas de prevención de empresas galegas preferentemente de entre 6 e 49 persoas traballadoras, recursos preventivos e traballadores e traballadoras designados en empresas de menos de 49 traballadores que asuman con medios propios a actividade preventiva da empresa.
Estudos e traballos técnicos relacionados coa seguridade e saúde laboral:
• De investigación e prospección para a análise da mellora das condicións de traballo en sectores concretos da actividade económica.
De difusión, sensibilización e intercambio de experiencias (conferencias, xornadas, seminarios e publicacións):
• Gabinetes técnicos sectoriais de difusión normativa e técnica, en relación coa Lei de prevención de riscos laborais e normativa de desenvolvemento.
• Accións divulgativas de sensibilización para investimento específico en prevención de riscos laborais e/ou de intercambio de experiencias e boas prácticas en seguridade e saúde laboral.
• Realización de materiais e ferramentas prácticas para implantar actuacións en seguridade e saúde laboral.
Unha vez realizada a proposta de resolución e para o caso de existir remanente de crédito nalgunha das liñas anteriores, este poderá acumularse á outra liña.
As accións de fomento da prevención de riscos laborais recollidas nesta orde serán obxecto de subvención para compensar os custos derivados da súa execución que inclúe os custos indirectos recollidos no artigo 29.9 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de acordo cos criterios que se recollen no artigo 9.3 e sen prexuízo de que a entidade solicitante achegue unha parte do orzamento total da actividade solicitada.
As accións estarán necesariamente relacionadas co proxecto, serán imprescindibles para a súa consecución e realizaranse dentro do período de execución que se detalle na memoria da acción (anexo II).  Así mesmo, para poder acollerse á subvención exixirase un mínimo de 15 asistentes a cada acción de formación, de eventos formativos e/ou científico-técnicos en materia de seguridade e saúde laboral e as asociadas ás campañas de sensibilización, informativa, divulgativa e de promoción da cultura da prevención. En casos excepcionais debidamente motivados e logo de autorización da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, poderán autorizarse estas accións cun menor número de asistentes.

As subvencións previstas nesta orde destinaranse a cubrir os seguintes gastos:
a) Gastos de execución: a compra de material funxible e os gastos relativos a campañas de sensibilización, informativas, divulgativas e de promoción da cultura da prevención. O deseño, maquetación, impresión, distribución, publicidade, coordinación e outros de similar natureza de cuñas informativas, folletos, trípticos, carteis e similares. Arrendamentos de aparellos e equipamentos. Non serán subvencionables as accións que consistan exclusivamente en adaptacións ou adecuacións de ferramentas informáticas existentes, ou as reedicións de publicacións realizadas con anterioridade, recibisen ou non subvención con cargo a convocatorias doutros exercicios desta orde de subvención. No caso de reedición de material impreso de carácter didáctico que sexa necesario para desenvolver accións formativas, só se subvencionará cando as ditas accións formativas se atopen dentro da solicitude de subvención e a súa tiraxe sexa coherente coas estimacións de asistentes á actividade. Así mesmo, tampouco serán subvencionables accións cuxo contido, obxecto e destinatarios coincida co desenvolvemento de proxectos subvencionados en anos anteriores.
b) Gastos derivados da contratación de servizos externos con relación directa co proxecto.
c) Gastos de persoal técnico propio da entidade beneficiaria. A súa porcentaxe máxima non poderá exceder o 30 % do custo mensual empresarial. Esta porcentaxe aplícase á totalidade do proxecto con independencia do número de accións que o conformen.
d) Retribucións de persoal técnico contratado expresamente para o desenvolvemento do proxecto. Neste suposto deberase presentar xunto coa restante documentación xustificativa o contrato de traballo subscrito (no cal se indicará a data de inicio e fin da contratación e do servizo determinado) e o parte de alta do traballador ou traballadora na Seguridade Social.
e) Custos indirectos: gastos do proxecto que pola súa natureza non poden imputarse de forma directa (consumo eléctrico, teléfono...) ata un máximo do 10 % do seu importe e sempre que correspondan cos locais nos cales se realizan as accións. Non poderán imputarse estes gastos no caso de que as accións sexan subcontratadas en máis dun 50 %.
f) Específicos da acción concreta: docentes, alugueiros ou arrendamentos de aulas e talleres, bens consumibles (material de protección e seguridade), gastos de transporte e seguro de accidentes dos participantes, publicidade e difusión, poderase imputar o 100 % do gasto, sempre que quede garantida a natureza do gasto en relación coa acción realizada mediante a constancia expresa no documento xustificativo ou por medio de certificación acreditativa de cada organización.
En ningún caso se poderán imputar os gastos do persoal directivo das entidades solicitantes.

As solicitudes presentaranse, antes do 15 de xuño de 2013, na sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo electrónico: https://sede.xunta.es. A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. A achega de tales copias implica a autorización á Administración para que acceda e trate a información persoal contida nos correspondentes documentos. As mencionadas imaxes electrónicas carecerán de carácter de copia auténtica. Así mesmo, os interesados poderán tamén presentar as solicitudes de forma presencial por calquera das formas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.


Documentación administrativa
:
a) Impreso de instancia normalizada (anexo I) que se poderá obter no enderezo da sede electrónica https://sede.xunta.es, así como tamén nas xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar, na Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, en calquera das oficinas administrativas de Información ao Cidadán e na páxina web da Consellería de Traballo e Benestar.
b) Documentación acreditativa da representación legal suficiente para asinar a solicitude.
c) Copia da última actualización ou modificación dos estatutos ou escritura pública de constitución da entidade, así como das actas que recollan acordos que afecten a prevención de riscos laborais na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes. Acompañarase de certificación da vixencia dos documentos, na data de presentación da solicitude, emitida polo secretario ou secretaria da entidade.
d) Copia cotexada do NIF da entidade.
e) Declaración de conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma acción perante as distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos. (Anexo III).
f) Declaración responsable de non estar incursa en supostos de prohibicións para obter a condición de entidade beneficiaria de subvencións, tal como se recolle no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. (Anexo III).
Documentación técnica:
a) Memoria das actividades para as que solicita a subvención para cada unha das accións conforme o anexo II.
b) Orzamento do proxecto especificando o seu custo e desagregando os gastos totais de todas as accións. Indicarase, así mesmo, se a entidade colabora no financiamento, de ser o caso, a cantidade que achega (anexo IV). Non se admitirá a introdución de cambios no orzamento, agás o movemento de partidas na porcentaxe máxima do 10 % do total do orzamento. Excepcionalmente, poderá solicitarse, de forma motivada e cunha antelación de 15 días ao inicio da acción, modificar o orzamento. Será potestade da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social a súa aceptación ou denegación.

Para máis información de forma gratuíta, deben dirixirse á oficina de Desenvolvemento Local, situada no primeiro piso do Concello de Verín ou no teléfono 988-410000.

 

Oficina Municipal de Desenvolvemento Local

Praza do Concello, 1 1º

Tlnos. 988.41.00.00 988.41.00.01

Móbil 608.520122 609.152208

Fax. 988.41.19.00

Correo Electrónico: adl@verin.net


?>