Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Ofic. Virtual Desenvolvemento Local Bolsas destinadas aos estudantes universitarios participantes en programas mobilidade
Bolsas destinadas aos estudantes universitarios participantes en programas mobilidade PDF Imprimir Correo-e
Mércores, 22 Maio 2013 11:02

Desde Desenvolvemento Local do Concello de Verín infórmase da publicación da orde do 10 de maio de 2013 pola que se aproban as bases e se procede á convocatoria de bolsas destinadas aos estudantes universitarios que participan en programas de mobilidade con países extracomunitarios no curso 2013/14.

Convócanse 98 bolsas, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas ao alumnado universitario matriculado nunha universidade do Sistema universitario de Galicia (Universidade de Santiago de Compostela, Universidade da Coruña ou Universidade de Vigo) ou nun centro asociado da UNED en Galicia que participe en programas de intercambio relacionados cos estudos que está a cursar, con países extracomunitarios, agás o programa Erasmus.

A bolsa terá unha dotación económica de 1.000 euros por alumno beneficiario co obxecto de axudar a financiar os gastos ocasionados pola mobilidade (o importe das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos, ou recursos, supere o custo da actividade subvencionada, de conformidade co artigo 17 punto 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia).

O programa de mobilidade para o cal se solicita a axuda será realizado durante o curso académico 2013/14. Os requisitos dos/as solicitantes son:
a) Estar matriculado en estudos universitarios oficiais conducentes a unha titulación de grao, licenciatura, diplomatura, enxeñaría, arquitectura, enxeñaría técnica ou arquitectura técnica nunha universidade pertencente ao SUG ou centro asociado da UNED en Galicia.
b) Ter cursado os últimos tres anos académicos nalgún centro ou universidade da Comunidade Autónoma.
c) Os estudantes estranxeiros non comunitarios deberán acreditar a condición de residentes, e non poderán realizar o intercambio con universidades do seu país de orixe.
d) Realizar o programa de mobilidade a través da universidade ou centro asociado da UNED en Galicia.

A solicitude (anexo I, modelo normalizado ED441B) e a declaración responsable do cumprimento das obrigas tributarias e das axudas solicitadas para a mesma finalidade (anexo II), presentaranse na sede electrónica da Xunta de Galicia xunto coa seguinte documentación:
- Copia dixitalizada da certificación académica completa emitida pola universidade correspondente nun período non anterior aos catro meses anteriores á publicación da presente convocatoria, en que se fará constar a nota media do expediente académico, obtida de acordo cos parámetros reflectidos no protocolo de colaboración subscrito, con data do 27 de xuño de 2011, entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo para a valoración dos expedientes académicos, publicado no DOG o día 30 de setembro de 2011 por Resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 15 de setembro de 2011.
Os alumnos que estean cursando estudos de 2º ciclo (licenciado, arquitecto e enxeñeiro) por accederen desde unha titulación de 1º ciclo deberán enviar ademais unha copia dixitalizada da certificación académica relativa ao primeiro ciclo realizado. Igualmente, os alumnos que estean cursando estudos oficiais de grao por accederen desde unha titulación de primeiro ou primeiro e segundo ciclo, deberán presentar unha copia dixitalizada da certificación académica completa en que se inclúa o recoñecemento das materias cursadas nestes.
- Copia dixitalizada do certificado do órgano competente da súa universidade de que o alumno está admitido nun programa de intercambio indicando o centro, o país e o período temporal en que realiza a estadía. No suposto de que a persoa solicitante non dispoña do sistema de sinatura aceptada pola sede electrónica, para a presentación dixitalizada da certificación académica e do certificado de admisión no programa de intercambio admitirase igualmente a presentación da certificación académica orixinal ou copia compulsada desta e o certificado de admisión no programa en formato papel, que presentará nos mesmos termos establecidos no punto 6 do artigo anterior.

O prazo de presentación de solicitudes será como mínimo de un mes e iniciarase o día seguinte ao da publicación desta orde no DOG, e rematará o 29 de xuño de 2013, incluído. Se a solicitude é remitida por correo presentarase en sobre aberto, para que sexa datada e selada polo persoal de Correos antes de que proceda á súa certificación postal. Non se admitirán como medio de presentación de solicitudes servizos de mensaxaría privados.

O formulario da solicitude, correspondente co modelo normalizado ED441B que se publica como anexo I a esta orde, e a declaración responsable necesaria, que se publica como anexo II, estarán dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.es para a súa presentación electrónica completa. Para a presentación na sede electrónica do devandito formulario e da declaración responsable admitiranse o DNI electrónico ou calquera outro sistema de sinatura electrónica da persoa solicitante ou representante legal.

En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención ao presentar os formularios, poderán facer as súas consultas ao teléfono de información 012 ou ao correo electrónico Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo . E en caso de dubida en relación coa presente convocatoria, poderán facer as súas consultas no enderezo electrónico Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo



 

Oficina Municipal de Desenvolvemento Local

Praza do Concello, 1 1º

Tlnos. 988.41.00.00 988.41.00.01

Móbil 608.520122 609.152208

Fax. 988.41.19.00

Correo Electrónico: adl@verin.net


?>