Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Ofic. Virtual Desenvolvemento Local Axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida de persoas asalariadas
Axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida de persoas asalariadas PDF Imprimir Correo-e
Mércores, 12 Xuño 2013 10:33

Desde Desenvolvemento Local do Concello de Verín infórmase da publicación, por parte da Consellería de Traballo e Benestar, da orde 6 de xuño de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras do programa de axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida de persoas asalariadas, cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2013.


Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras e proceder á convocatoria para o ano 2013 dos incentivos á contratación indefinida inicial de persoas desempregadas realizada polas persoas traballadoras autónomas ou persoas profesionais con domicilio social e fiscal en Galicia.

Para os efectos de esta orde considérase:
- Persoa desempregada: aquela que estea inscrita como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego no momento da súa contratación e que, pola súa vez, careza de ocupación segundo o informe de vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social.  A comprobación da inscrición no Servizo Público de Emprego como demandante de emprego na data da súa alta na Seguridade Social realizaraa directamente o órgano xestor das axudas, agás que a inscrición fose realizada noutro servizo público de emprego distinto da Comunidade Autónoma de Galicia. O órgano xestor comprobará directamente que a persoa traballadora pola que se solicita subvención carece de ocupación segundo o informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social na data da súa alta no réxime xeral da Seguridade Social.
- Data de inicio da actividade laboral: para os efectos deste programa entenderase como data de inicio da actividade laboral a data de inicio que figura en la solicitude de alta como persoa autónoma no correspondente réxime da Seguridade Social ou na mutualidade do colexio profesional.
- Persoa desempregada de longa duración: aquela que, na data da súa alta no correspondente réxime de Seguridade Social, estea sen traballo e acredite un período de inscrición ininterrompido como desempregada na oficina de emprego de 180 días, se son menores de 25 anos ou de 45 ou máis anos de idade, e de 360 días, se teñen 25 anos ou máis e son menores de 45 anos.

Persoas beneficiarias

- Poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta orde as persoas traballadoras autónomas ou as persoas profesionais pola primeira contratación que realicen con carácter indefinido durante o seu primeiro ano de actividade.
- Poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta orde as persoas traballadoras autónomas ou as persoas profesionais pola segunda e terceira contratación que realicen con carácter indefinido nos tres primeiros anos de actividade.
- Non poderán ser beneficiarias nin as sociedades civís nin as comunidades de bens, así como as persoas socias ou comuneiras que as integran. Non poderán obter a condición de persoas beneficiarias das subvencións establecidas nesta orde as persoas nas que concorran algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Ámbito temporal de aplicación e contratacións subvencionables: serán subvencionables ao abeiro deste programa as contratacións indefinidas iniciais que se formalicen desde o 1 de outubro de 2012 ata o 30 de setembro de 2013. A contratación indefinida inicial poderá ser a tempo completo ou a tempo parcial, incluída a modalidade de fixo descontinuo.

Requisitos
- Os incentivos previstos nesta orde serán de aplicación ás contratacións indefinidas iniciais que sexan realizadas polas persoas traballadoras autónomas ou persoas profesionais con persoas traballadoras desempregadas para prestar servizos en centros de traballo situados na Comunidade Autónoma de Galicia.
- A primeira contratación indefinida inicial pola que se solicite subvención deberá formalizarse durante o primeiro ano de actividade. A segunda e terceira contratación indefinida deberán formalizarse ata o terceiro ano de actividade.
- Será subvencionable a primeira contratación indefinida inicial, cando na data na que se formalice o contrato polo que se solicita a subvención, non houbese outra persoa traballadora contratada cunha relación laboral indefinida nin se contratase con carácter indefinido, con anterioridade, a outra persoa traballadora agás que este contrato indefinido se extinguise por dimisión, morte, xubilación, incapacidade permanente total, absoluta ou grande invalidez da persoa traballadora ou por resolución durante o período de proba.
- Serán subvencionables a segunda e a terceira contratación indefinida inicial sempre que, con anterioridade á formalización destes contratos, non se realizasen dúas o máis contratacións indefinidas agás que estes contratos indefinidos anteriores se extinguisen por dimisión, morte, xubilación, incapacidade permanente total, absoluta ou grande invalidez da persoa traballadora ou por resolución durante o período de proba.
- Nas contratacións indefinidas polas que se solicite subvención deberá existir correspondencia entre a categoría da titulación académica de tipo profesional que posúa a persoa contratada e a categoría profesional pola que se contrata.
- O contrato indefinido inicial para que poida ser obxecto de subvención deberá formalizarse e comunicarse á oficina pública de emprego na forma regulamentariamente establecida.

Contía dos incentivos

As contratacións indefinidas iniciais incentivaranse coas seguintes axudas:
- Primeira persoa traballadora indefinida:
a) 4.000 € cando se trate dun home desempregado.
b) 5.000 € cando se trate dun mozo desempregado de 30 ou menos anos ou dun home desempregado de 45 ou máis anos de idade que sexa parado de longa duración.
c) 5.000 € cando se trate dunha muller desempregada.
d) 6.000 € cando se trate dunha moza desempregada de 30 ou menos anos ou dunha muller desempregada de 45 ou máis anos de idade que sexa parada de longa duración.
- Segunda e terceira persoa traballadora indefinida:
a) 5.000 € cando se trate dun home desempregado.
b) 6.000 € cando se trate dun mozo desempregado de 30 ou menos anos ou dun home desempregado de 45 ou máis anos de idade que sexa parado de longa duración.
c) 6.000 € cando se trate dunha muller desempregada.
d) 7.000 € cando se trata dunha moza desempregada de 30 ou menos anos ou dunha muller desempregada de 45 ou máis anos de idade que sexa parada de longa duración.
Cando se trate de contratacións indefinidas cunha xornada a tempo parcial as contías dos incentivos serán proporcionais ao tempo efectivo de traballo en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, no seu defecto, da xornada ordinaria máxima legal.

As solicitudes poderanse presentar, preferiblemente, por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes por vía electrónica será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.
Tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión está incluída no prazo de presentación de solicitudes da orde de convocatoria.
As axudas previstas nesta orde poderán solicitarse ata o último día do mes seguinte á data en que se inicie a relación laboral indefinida pola que se solicita subvención. Se o último día de prazo fose inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.
O prazo para a presentación das solicitudes de axudas rematará o 30 de setembro de 2013, aínda que nesa data non transcorrese o prazo sinalado no parágrafo anterior.
As solicitudes de axudas polas contratacións subvencionables realizadas entre o 1 de outubro de 2012 e a data da publicación desta orde, poderán presentarse no prazo dun mes contado desde a data de publicación desta orde. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo entenderase que o prazo expira o último día do mes.
As solicitudes e os anexos deste programa están dispoñibles na páxina web da Consellería de Traballo e Benestar: http://traballo.xunta.es e na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es. Para cubrir as solicitudes poderá empregarse a aplicación informática de axuda facilitada pola Consellería de Traballo e Benestar na súa páxina web, na epígrafe de axudas e subvencións.

As solicitudes deberán presentarse nos modelos normalizados que figuran como anexos numéricos a esta orde, xunto coa seguinte documentación, orixinal ou copia compulsada ou cotexada:
- Autorización á Consellería de Traballo e Benestar, segundo o modelo anexo I, para a consulta dos datos de identidade da persoa solicitante no Sistema de verificación de datos de identidade, de acordo co disposto no Decreto 255/2008, do 23 de outubro. No caso de non presentar esta autorización a persoa solicitante deberá achegar o DNI ou o NIE.
- Relación nominal das persoas traballadoras polas que se solicita subvención na que se inclúan os custos salariais totais anuais de cada persoa traballadora pola que se solicita subvención (anexo II) e a nómina do mes de contratación.
- Se é o caso, TC2 correspondente ao mes en que se realiza a contratación indefinida inicial.
- Documentación que acredite que se trata do primeiro, segundo ou terceiro posto de traballo de carácter indefinido (vida laboral da persoa autónoma como empresaria desde o inicio da actividade ata a data da contratación indefinida da persoa traballadora pola cal se solicita subvención, incluíndo todas as contas de cotización). Se é o caso, TA2 de baixa das persoas traballadoras indefinidas contratadas que causaron baixa por dimisión, morte, xubilación, incapacidade permanente total, absoluta ou grande invalidez da persoa traballadora ou por resolución durante o período de proba.
- Documentos de solicitude e resolución de recoñecemento de alta no correspondente réxime da Seguridade Social ou, de ser o caso, no colexio profesional e mutualidade que corresponda. Se é o caso, certificado do colexio profesional de alta no dito colexio, con indicación de se presupón ou non exercicio da actividade e certificado da mutualidade do colexio profesional con indicación dos períodos de alta nela.
- Declaración comprensiva do conxunto de todas as solicitudes efectuadas, ou concedidas, para o mesmo proxecto ou actividade perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, unha declaración de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións, así como unha declaración das axudas de minimis obtidas no exercicio corrente e nos dous anos anteriores (anexo III).
- Documentación acreditativa de estar ao día das súas obrigas tributarias -estatais e autonómicas- e coa Seguridade Social e de que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración da comunidade autónoma, unicamente no suposto de que a persoa solicitante denegase expresamente a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia.
- Declaración responsable, entre outros extremos, de non estar incursos nas prohibicións para obter a condición de persoa beneficiaria previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de non ter a condición de empresa en crise, segundo o establecido no artigo 21.e) desta orden, e as autorizacións (anexo I).
- A documentación poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos e 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e das entidades dela dependentes.

Para máis información de forma gratuíta, deben dirixirse á oficina de Desenvolvemento Local, situada no primeiro piso do Concello de Verín ou no teléfono 988-410000.

 

Oficina Municipal de Desenvolvemento Local

Praza do Concello, 1 1º

Tlnos. 988.41.00.00 988.41.00.01

Móbil 608.520122 609.152208

Fax. 988.41.19.00

Correo Electrónico: adl@verin.net


?>