Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Ofic. Virtual Desenvolvemento Local Programas de fomento de emprego en empresas de economía social e de promoción do cooperativismo
Programas de fomento de emprego en empresas de economía social e de promoción do cooperativismo PDF Imprimir Correo-e
Mércores, 19 Xuño 2013 10:06

Desde Desenvolvemento Local do Concello de Verín infórmase da publicación da orde do 11 de xuño de 2013, da Consellería de Traballo e Benestar, pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de fomento do emprego en empresas de economía social e de promoción do cooperativismo e se procede á súa convocatoria para o ano 2013.


Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras e a convocatoria das axudas e subvencións establecidas pola Consellería de Traballo e Benestar, coa finalidade de promover a incorporación de persoas desempregadas ás entidades de economía social e apoiar o desenvolvemento de proxectos de creación deste tipo de empresas a través dos seguintes programas:

Programa I. Fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais

Este programa está dirixido a fomentar a incorporación de persoas desempregadas e traballadores/as con carácter temporal, como socios e socias traballadores/as ou de traballo de cooperativas ou sociedades laborais, con carácter indefinido.

Beneficiarios/as

Poderán acollerse ás axudas previstas neste programa as cooperativas e sociedades laborais que incorporen como socios e socias traballadores/as ou de traballo as persoas que no momento da incorporación sexan desempregadas inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego pertencentes a algún dos seguintes colectivos:
a) Persoas desempregadas menores de 25 anos que non tivesen antes un primeiro emprego fixo.
b) Persoas desempregadas maiores de 45 anos.
c) Persoas desempregadas de longa duración que estivesen sen emprego e inscritos na oficina de emprego durante polo menos 12 dos anteriores 16 meses ou durante 6 meses dos anteriores 8 meses se son menores de 25 anos.
d) Persoas desempregadas que teñan recoñecido o aboamento da prestación por desemprego na súa modalidade de pagamento único, para a súa incorporación como socios/as á sociedade cooperativa ou sociedade laboral que solicita a subvención, sempre que o período de prestación por desemprego que teñan recoñecido non sexa inferior a 360 días se teñen 25 anos ou máis e a 180 días se son menores de 25 anos.
e) Mulleres desempregadas que se incorporen como socias traballadoras ou de traballo nos vinte e catro meses seguintes á data do parto, adopción ou acollemento.
f) Persoas desempregadas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %.
g) Persoas desempregadas en situación de exclusión social pertencentes a algún dos colectivos recollidos no Programa de fomento do emprego vixente no momento da incorporación como socio:
- Persoas perceptoras de rendas mínimas de inserción, ou calquera outra prestación de igual ou similar natureza, segundo a denominación adoptada en cada comunidade autónoma, así como os membros da unidade de convivencia beneficiarios/as delas.
- Persoas que non poidan acceder ás prestacións a que se fai referencia no paragrafo anterior, por algunha das seguintes causas:
• Falta de período exixido de residencia ou empadroamento, ou para a constitución da unidade perceptora.
• Ter esgotado o período máximo de percepción legalmente establecido.
- Mozos e mozas maiores de 18 anos e menores de 30, procedentes de institucións de protección de menores.
- Persoas con problemas de drogodependencia ou outros trastornos adictivos que estean en proceso de rehabilitación ou reinserción social.
- Persoas internas en centros penitenciarios cuxa situación penitenciaria lles permita acceder a un emprego e cuxa relación laboral non estea engadida no ámbito de aplicación da relación laboral especial regulada no artigo 1 do Real decreto 782/2001, do 6 de xullo, así como liberados condicionais e ex-reclusos.
- Persoas menores de idade internas engadidas no ámbito de aplicación da Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores, cuxa situación lles permita acceder a un emprego e cuxa relación laboral non estea incluída no ámbito de aplicación da relación laboral especial a que se refire o artigo 53.4 do regulamento da citada lei, aprobado polo Real decreto 1774/2004, do 30 de xullo, así como os que estean en situación de liberdade vixiada e os ex-internos.
- Persoas procedentes de centros de aloxamento alternativo autorizados polas comunidades autónomas e as cidades de Ceuta e Melilla.
- Persoas procedentes de servizos de prevención e inserción social autorizados polas comunidades autónomas e as cidades de Ceuta e Melilla.
h) Traballadoras e traballadores vinculados á empresa por contrato de traballo de carácter temporal non superior a 24 meses, cunha vixencia mínima de seis meses á data de solicitude da subvención.
i) Mozos e mozas desempregados entre 16 e 24 anos que carezan de calquera título educativo ou profesional, adquirido con posterioridade ao ensino obrigatorio.
j) Persoas desempregadas pertencentes a algún dos seguintes colectivos:
- Mocidade menor de 25 anos, non incluída nos colectivos citados anteriormente.
- Persoas maiores de 25 anos e menores de 30 que finalizasen a súa educación a tempo completo nos dous anos anteriores á súa incorporación e que non tivesen antes un primeiro emprego fixo remunerado.
- Traballadores/as aos cales se lles recoñeceu o aboamento da prestación por desemprego na súa modalidade de pagamento único.
- Persoas desempregadas maiores de 45 anos.
- Mulleres desempregadas que se incorporen como socias traballadoras tras unha ausencia do mercado de traballo non inferior a 24 meses.
- Mulleres desempregadas cando se incorporen para prestar servizos en profesións ou ocupacións con menor índice de emprego feminino, de acordo co disposto na Orde do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais do 16 de setembro de 1998 (BOE do 29 de setembro).
- Persoas titulares de familias monoparentais e con responsabilidades familiares. Terá esta consideración aquela persoa solteira, viúva, separada ou divorciada que teña ao seu coidado fillos ou fillas menores de 21 anos ou persoas maiores incapacitadas que non obteñan ingresos de calquera natureza superiores ao 75 % do salario mínimo interprofesional vixente no momento da solicitude.
- Mulleres maiores de 25 anos e menores de 45.
- Persoas desempregadas que realizasen, no ano da presentación da solicitude ou nos dous anos naturais anteriores, cursos de formación profesional para o emprego destinados prioritariamente a persoas traballadoras desempregadas, directamente relacionados co posto de traballo a que se incorporan.
- Persoas desempregadas que participasen, no ano de presentación da solicitude ou nos dous anos anteriores, como alumnado en escolas obradoiro, casas de oficio ou en obradoiros de emprego directamente relacionadas no seu contido co posto de traballo ao cal se incorporan; ou ben, que traballasen no ano da presentación da solicitude ou no ano natural anterior en obras ou servizos de interese xeral realizados en virtude doutros programas de fomento do emprego.
- Traballadores e traballadoras desempregados/as por mor dalgunha das causas previstas nos artigos 50, 51 e 52.b) e c) do Estatuto dos traballadores ou que procedan de empresas inmersas nalgún outro proceso de reestruturación ou reconversión, ou do peche da empresa de procedencia, polas causas previstas no artigo 49.1º.g) do Estatuto dos traballadores, agás no caso de que na empresa á cal se incorporen participe o empresario/a ou persoas que participaron no capital social da extinta empresa, directa ou indirectamente, ou os seus familiares ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade.
Para os efectos desta axuda, o requisito de estar desempregado/a e inscrito/a como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego deberá cumprirse na data de alta do socio ou socia traballador/a no correspondente réxime da Seguridade Social. Poderán resultar, así mesmo, beneficiarias as cooperativas e sociedades laborais que incorporen como socios/as traballadores/as as persoas vinculadas á empresa por un contrato de traballo temporal non superior a 24 meses, cunha vixencia mínima de seis meses na data da súa incorporación. A incorporación deberá supoñer incremento do emprego fixo e do número de socios e socias traballadores/as ou de traballo da entidade beneficiaria da axuda, respecto á media dos últimos doce meses anteriores á incorporación dos novos socios e socias por quen se percibe a axuda. Para os efectos do incremento do emprego non se terán en conta os traballadores e traballadoras temporais.
Non poderá concederse esta axuda cando se trate da incorporación de socios ou socias traballadores/as ou de traballo que tiveron tal condición na mesma empresa nos dous anos anteriores a súa incorporación como socios/as.

Modalidades e contía das axudas
Pola incorporación de socias e socios traballadores ou de traballo ás cooperativas ou sociedades laborais, a contía da axuda será de ata 5.500 euros por cada persoa desempregada que se incorpore a xornada completa como socio ou socia traballador/a ou de traballo nunha cooperativa ou sociedade laboral, así como no suposto da incorporación como socio ou socia traballador/a ou de traballo das persoas vinculadas á empresa por un contrato temporal. Estas contías veranse incrementadas do seguinte xeito:
- Cando a persoa incorporada pertenza ao colectivo sinalado coa letra i) a contía da subvención incrementarase en 1000 € ata un máximo de 6.500 €.
- Cando a persoa incorporada sexa unha muller desempregada a contía da subvención incrementarase en 1.500 € ata un máximo de 7.000 €.
- No caso de persoas desempregadas en situación de exclusión social recollidas na alínea g) a contía da subvención incrementarase en 2.500 € ata un máximo de 8.000 €.
- No caso de persoas desempregadas e con discapacidade igual ou superior ao 33 %, a contía da axuda incrementarase en 4.500€ ata un máximo de 10.000 €.
No suposto de que a xornada de traballo do socio ou socia traballador/a ou de traballo incorporado/a sexa a tempo parcial, a contía da axuda será proporcional ao tempo efectivo de duración da xornada.

Criterios de avaliación
A concesión e contía das axudas, que se realizará en réxime de concorrencia competitiva, estará en función dos seguintes criterios:
a) Emprego xerado.
b) Porcentaxe de mulleres no emprego xerado.
c) Contribución á integración de colectivos en situación de exclusión social.
d) Actividades desenvolvidas no marco dos novos viveiros de emprego definidos pola Unión Europea.
e) Incorporación de novas tecnoloxías da información e as comunicacións.
f) Desenvolvemento de proxectos de I+D+i.
g) Incidencia na creación e mantemento do emprego no contorno xeográfico no que se desenvolva a actuación.
h) Contribución á mellora ambiental.
Estes criterios terán a mesma importancia, con independencia da orde en que figuran recollidos.

Programa II. Fomento do acceso á condición de socio/a traballador/a
Este programa ten como obxectivo o fomento do acceso á condición de socios e socias traballadores/as, ou de traballo, de cooperativas ou de sociedades laborais, como xeito de promocionar o cooperativismo e a economía social facilitando a participación e plena integración na empresa, mediante a concesión de axudas económicas destinadas a financiar, parcialmente, a achega ao capital social que debe desembolsarse para a incorporación como socio/a.

Beneficiarios/as
Persoas desempregadas inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego, que accedan á condición de socio/a traballador/a ou de traballo dunha cooperativa ou sociedade laboral e as persoas asalariadas deste tipo de entidades que accedan á condición de socio/a traballador/a ou de traballo. Igualmente poderán resultar beneficiarias as persoas que figuren de alta no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes de mellora de emprego.
Será necesario acreditar o cumprimento das previsións da Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, e da Lei 4/1997, do 24 de marzo, de sociedades laborais, respecto aos topes máximos de traballadores/as por conta allea, así como establecer un plan específico que recolla medidas que aseguren a progresiva incorporación dos/as asalariados/as á condición de socios/as, se é o caso.

Contía das axudas
A contía das axudas poderá ascender ata 4.500 euros para a incorporación a unha cooperativa e ata 2.000 € para a incorporación a unha sociedade laboral, sen que en ningún caso poida ser superior á contía que corresponda subscribir en concepto de achega de capital social e cota de ingreso, ou de accións ou participacións sociais, de ser o caso, pola incorporación como socio ou socia. A contía máxima da axuda, no momento do seu pagamento, non poderá ser superior aos importes efectivamente desembolsados en concepto de achega ao capital social e cota de ingreso, ou de accións ou participacións sociais, segundo o caso. No caso de sociedades cooperativas, o importe das axudas será recoñecido como achegas obrigatorias desembolsadas do/a novo/a socio/a ao capital social, ou como cota de ingreso que deberá incorporarse ao fondo de reserva obrigatorio da entidade. No caso das sociedades laborais, o importe das axudas será recoñecido como accións ou participacións sociais desembolsadas do/a novo/a socio/a ao capital social. O importe das axudas recoñecido como capital social deberá manter o seu carácter de achegas ao capital social de sociedades cooperativas, ou de accións ou participacións sociais de clase laboral, no caso das sociedades laborais, durante un período mínimo de cinco anos. Durante este período, non poderán ser obxecto de reembolso nin transmisión por actos inter vivos. Non obstante, o socio ou socia que cause baixa obrigatoria poderá transmitir a súa achega a favor da persoa que se incorpore para substituílo/a nas mesmas condicións e ata o final do referido período, como mínimo.

Criterios de avaliación
A concesión e contía das axudas, que se realizará en réxime de concorrencia competitiva, estará en función dos seguintes criterios:
a) Pola incorporación de persoas con discapacidade: 10 puntos.
b) Pola incorporación de mulleres: 5 puntos.
c) Polo tempo de permanencia no desemprego: 1 punto por cada mes ata un máximo de 20 puntos.
d) Por ter a condición de persoas asalariadas da cooperativa: 20 puntos.
e) Por ter a condición de persoas asalariadas da sociedade laboral: 10 puntos.
f) Polo tempo de permanencia como demandante de mellora de emprego: 0,20 puntos por cada mes ata un máximo de 5 puntos.
g) Pola incorporación como socios/as traballadores/as ou de traballo de sociedades cooperativas: 20 puntos.
h) Por incorporación a unha microempresa: 20 puntos.

Programa III. Impulso de proxectos empresariais cooperativos e asistencia técnica

Este programa ten como finalidade esencial fomentar e promover o cooperativismo e a economía social no ámbito da Comunidade Autónoma, concedendo axudas económicas que faciliten a posta en marcha dos proxectos empresariais, tanto para aqueles que sexan de nova creación como para os xerados polas entidades existentes.
Poderán ter a consideración de proxectos subvencionables, entre outros, a transformación doutras fórmulas empresariais en cooperativas ou sociedades laborais, a constitución de novas entidades ou o lanzamento de novas áreas funcionais ou territoriais de actividade polas entidades en funcionamento, así como os procesos de intercooperación ou integración cooperativa.

Beneficiarios/as
As cooperativas e sociedades laborais de nova creación ou as que acometan novos proxectos empresariais, así como as persoas físicas e empresas privadas que presten os servizos de asesoramento e acompañamento de proxectos recollidos no número 3.2.1 desta base.
Poderán ser beneficiarias das axudas previstas no número 3.1.2 “Apoio ás entidades que presten servizos de natureza social e á comunidade”, as entidades que realicen as súas actividades na área dos servizos sociais, da integración social, da protección ambiental e do tempo libre, debidamente inscritas no Rexistro de Cooperativas de Galicia.
Poderán resultar beneficiarias das axudas previstas no número 3.3 “Actividades de intercooperación e integración cooperativa”, as cooperativas ou sociedades laborais que, nun mínimo de catro entidades participen en proxectos de colaboración empresarial e que realicen conxuntamente a súa solicitude de axuda. Para tal efecto, deberan nomear unha única entidade que represente a todas as participantes e presentar unha única solicitude. Neste suposto, todas as entidades quedan obrigadas solidariamente ao cumprimento das obrigas que deriven da concesión da subvención e deberán designar de entre elas a que teña a representación conxunta e a consideración de beneficiario para efectos da tramitación da subvención.
Igualmente poderán ser beneficiarias deste programa as cooperativas de segundo grao e as cooperativas que resulten dun proceso de fusión realizado no último ano ou no período de execución desta orde.
As solicitudes para esta modalidade presentaranse de xeito independente de calquera outra actividade deste programa.
Ningunha entidade poderá figurar en máis dunha solicitude das previstas no referido número 3.3. O incumprimento desta norma dará lugar a que unicamente se dea validez á solicitude rexistrada en primeiro lugar no Rexistro Xeral da Consellería de Traballo e Benestar e que se proceda á inadmisión das restantes solicitudes onde figuren a entidade ou entidades incumpridoras.

Accións subvencionables e contía
- Profesionalización e cualificación empresarial
* Axuda para a contratación de directores/as ou xerentes.
Poderanse subvencionar os gastos ocasionados pola contratación de directores/as ou xerentes que sexan necesarios para a viabilidade da empresa ou a boa fin do proxecto de investimento de que se trate. Dado o seu carácter excepcional, para a súa concesión a sociedade deberá xustificar a súa necesidade e a dificultade da cooperativa ou sociedade laboral para facer fronte ao custo correspondente cos seus propios recursos.
Esta contratación subvencionarase por un período máximo dun ano ata o 50 % do custo total dela, sen que poida superar a contía de 20.000 euros por cooperativa ou sociedade laboral. Deberase respectar o disposto para a contratación de persoal asalariado pola lexislación vixente de cooperativas e sociedades laborais e asumir a obriga de manter no cadro de persoal da entidade o director/a ou xerente, como mínimo, polo tempo subvencionado.
* Apoio ás entidades que presten servizos de natureza social e á comunidade.
Poderán ser obxecto de subvención ata o 75 % dos gastos ocasionados con motivo da incorporación como socios/as ou contratación de traballadores/as sociais, psicólogos/as e outros/as profesionais de especial cualificación que resulten necesarios para a viabilidade da empresa e unha adecuada prestación do servizo. A subvención calcularase sobre o importe total da contratación ou incorporación computada para un período máximo dun ano, debendo respectar o disposto para a contratación de asalariados/as pola lexislación vixente de cooperativas e de sociedades laborais, de ser o caso, e non poderá superar a contía de 20.000 euros por entidade.
* Formación empresarial.
Esta axuda irá destinada ao financiamento parcial de cursos relacionados con actividades como a de dirección e xestión empresarial e novas tecnoloxías da información e a comunicación, a fin de cubrir as necesidades de formación das socias e socios incorporados a cooperativas e sociedades laborais durante a posta en marcha da empresa. A contía desta axuda será de ata o 75 % do custo dos servizos prestados ata o límite máximo de 5.000 euros por entidade beneficiaria, aplicándose igualmente os seguintes límites parciais: 500 euros de axuda por cada persoa socia participante na actividade co límite máximo de 2.000 euros para as que teñan unha duración de 10 horas ou inferior, e de 4.000 euros para as superiores a 10 horas.
* A contía máxima da suma das axudas concedidas en accións de contratación de directores/as e xerentes e formación empresarial dos números 3.1.1 e 3.1.3 será de 20.000 euros por entidade beneficiaria.
-Asistencia técnica.
Estas axudas están destinadas ao financiamento parcial de actividades como a contratación durante a posta en marcha da empresa dos servizos externos necesarios para o mellor desenvolvemento da actividade empresarial, así como para a realización doutras accións de asistencia técnica, estudos de viabilidade, organización, comercialización, difusión e outras de natureza análoga.
* Asesoramento e acompañamento de proxectos.
Poderán outorgarse subvencións para o asesoramento e acompañamento de proxectos, que comprenderá desde a realización de actividades previas ao inicio da actividade, tales como a orientación do proxecto e accións formativas e informativas do grupo promotor, ata a elaboración do plan empresarial da cooperativa ou sociedade laboral, o seu seguimento e asesoramento na execución. As solicitudes poderán ser formuladas ben pola cooperativa ou sociedade laboral promotora ou ben polos que presten o servizo; neste último caso poderá presentarse unha solicitude por cada un dos proxectos asesorados.
Será preceptiva a elaboración dun plan de traballo normalizado por parte dos que presten o servizo, co seguinte contido mínimo:
O número de horas dedicadas ao acompañamento do proxecto, que non será inferior a 200 horas anuais, das cales deberá reservarse o número suficiente que permita o mantemento dunha reunión de seguimento quincenal, así como 100 horas para a realización de sesións especificas coas socias e socios cooperativistas para o tratamento e análise das seguintes áreas:
- Formación cooperativa e habilidades sociais (20 horas).
- Económico-financeira (20 horas).
- Comercial-mercado (20 horas).
- Organizativa (40 horas).
Cada reunión ou actuación subvencionable deberá documentarse cos modelos normalizados facilitados pola Consellería de Traballo e Benestar, que conterán como mínimo a súa duración e lugar de celebración, a relación de asistentes cos seus datos de identificación e sinaturas de conformidade, así como con copias dos documentos elaborados nas distintas fases.
O asesoramento e acompañamento subvencionable unicamente poderá ser prestado por persoas físicas ou empresas privadas que conten con persoal, propio ou concertado, con coñecementos e formación especifica nas áreas que se indican:
• Cooperativismo: considerarase acreditado este requisito pola participación en actividades formativas, en que a carga lectiva especifica sobre cooperativismo teña unha duración mínima de 60 horas.
• Xestión empresarial: considerarase acreditado este requisito polas persoas licenciadas en Administración e Dirección de Empresas, diplomadas en Ciencias Empresariais ou diplomadas en Relacións Laborais (ou equivalente).
• Asesoría xurídica: considerarase acreditado este requisito polas persoas licenciadas en Dereito (ou equivalente).
• Xestión societaria: considerarase acreditado este requisito pola participación en actividades formativas en materia de psicoloxía organizacional, habilidades sociais, traballo en equipo e solución de conflitos, xunto cunha experiencia mínima de 3 anos de asesoramento nesta área.
A contía da subvención ascenderá a 30 euros por hora de información, formación ou asesoramento por cada proxecto. O número mínimo de persoas asesoradas por proxecto será de tres. Establécense os seguintes límites máximos para a subvención, en función das persoas físicas promotoras directamente asesoradas:
• De 3 a 5 persoas promotoras: ata 250 horas.
• De 6 a 10 persoas promotoras: ata 300 horas.
• Máis de 10 persoas promotoras: ata 350 horas.
Para estes efectos, entenderase por persoas directamente asesoradas aquelas que participen na totalidade das sesións específicas previstas no número 3.2. O número total de horas xustificadas en concepto de preparación das actividades onde participen presencialmente os/as promotores/as, non poderá superar o 50 % do total.
Se os/as promotores/as desisten do proxecto antes de finalizar o acompañamento previsto, resultarán subvencionables as actuacións realizadas ata ese momento, cos limites anteriormente indicados. A xustificación desta subvención realizarase mediante achega da documentación establecida no artigo 8.6 da orde de convocatoria.
* Outras accións de asistencia técnica.
Poderán ser obxecto de subvención ata o 75 % dos gastos ocasionados con motivo da posta en marcha dos proxectos que se indican a continuación, ata un máximo de 7.000 euros, cos seguintes limites particulares:
• Asistencias técnicas consistentes na elaboración de estudos de viabilidade, de organización, de comercialización, auditorías e outros informes de natureza análoga ata un máximo de 3.000 euros, segundo o número de persoas socias integradas e de acordo coa seguinte escala:
- Ata 5: 500 euros.
- De 6 a 10: 1.000 euros.
- Máis de 10: 3.000 euros.
• Asesoramento para a elaboración dos estatutos sociais e regulamentos de réxime interno ata un máximo de 2.000 euros, segundo o número de persoas socias integradas e de acordo coa seguinte escala:
- Ata 5: 500 euros.
- De 6 a 10: 1.000 euros.
- Máis de 10: 2.000 euros.
• Formalización e inscrición da escritura pública e demais trámites derivados do proceso de constitución da cooperativa ata un máximo de 1.500 euros para gastos de notaría e inscrición en rexistros oficiais e 500 euros adicionais para a realización doutros trámites.
A asistencia técnica deberá ser prestada por persoas físicas ou xurídicas que acrediten a súa solvencia profesional, por medio de titulación académica oficial suficiente para a prestación do servizo. No caso de persoas xurídicas, o/a posuidor/a da titulación debera acreditar o seu vínculo coa entidade.
* A contía das axudas de asistencia técnica recollidas no número 3.2 terá o límite máximo de 15.000 euros por cooperativa ou sociedade laboral que resulte destinataria dos servizos.
- Actividades de intercooperación e integración cooperativa.
Por medio desta modalidade impúlsanse especificamente as actividades de intercooperación, realizadas de forma conxunta por catro ou máis entidades de economía social e que teñan como finalidade o lanzamento dun proxecto de colaboración empresarial para a consecución de obxectivos comúns relacionados coa investigación, desenvolvemento e innovación, as tecnoloxías da información e as comunicacións, a comercialización conxunta e a internacionalización, subvencionando parcialmente os gastos necesarios para a súa realización.
* Actividades subvencionables.
• Organización de actividades divulgativas e formativas de fomento da intercooperación.
• Celebración de encontros, seminarios e reunións das entidades participantes nos procesos de colaboración e dos seus socios e traballadores.
• Elaboración dos estudos e informes precisos para o impulso dos proxectos de colaboración entre entidades de economía social.
• Elaboración de proxectos de intercooperación e integración.
• Presenza conxunta das entidades participantes nos procesos de colaboración en feiras, mostras e congresos.
• Mantemento de sistemas e redes telemáticas para a colaboración empresarial e para a xestións dos proxectos, así como para a xestión empresarial conxunta, comercio electrónico e accións de carácter análogo.
* Contía.
A contía das axudas previstas nesta modalidade non poderá superar o 75 % dos gastos necesarios para a súa realización, ata un máximo de 5.000 euros por cada entidade participante e un límite máximo global de 20.000 por solicitude. Establécense, así mesmo, os seguintes límites subvencionables para as actividades que se indican a continuación:
- Actividades divulgativas ou formativas de duración igual ou inferior a 10 horas, ata 2.000 euros.
- Celebración de reunións, encontros e seminarios dos participantes nos procesos de colaboración, ata 20 euros por persoa asistente, cun límite máximo total de 5.000 euros.
- Elaboración de estudos, informes e proxectos de intercooperación ata 3.000 euros e 20 euros máis por cada persoa socia ou traballadora directamente afectada.
- Presenza en feiras e mostras, ata 5.000 euros.
- Mantemento de páxina web de colaboración ou accións de carácter análogo, ata un máximo de 2.000 euros.
- Mantemento de sistemas telemáticos complexos para a xestión empresarial e societaria, así como para comercio electrónico e accións de carácter análogo, ata un máximo de 5.000 euros. Non obstante, cando impliquen a integración de todas as áreas de xestión empresarial, o límite será de 10.000 euros.

Contía máxima das axudas
A contía máxima das axudas obtidas por beneficiario neste programa non poderá superar os 20.000 euros para o conxunto das modalidades e conceptos subvencionables, agás a modalidade prevista no número 3.3 “Actividades de intercooperación e integración cooperativa”, para a que existirá outro límite máximo de 20.000 euros.
No caso de que a solicitude presentada supere os límites indicados nestas bases, aplicaranse estes reducindo a contía subvencionable. Se a solicitude engloba distintas actividades reducirase proporcionalmente cada unha delas.

Criterios de avaliación das solicitudes
A concesión e contía das axudas, que se realizará en réxime de concorrencia competitiva, estará en función dos seguintes criterios:
a) Polo emprego xerado, 2 puntos por cada persoa socia traballadora ou asalariada incorporada.
b) Pola constitución de microempresa, 10 puntos.
c) Pola constitución da empresa en zona desfavorecida ou de montaña (anexo VII), 10 puntos.
d) Por tratarse dun proceso de fusión, de constitución dunha cooperativa de segundo grao ou de colaboración empresarial, 10 puntos polas 4 primeiras entidades participantes e 2 puntos por cada unha das restantes.

As solicitudes de axudas e subvencións recollidas nos distintos programas desta orde deberán formalizarse por separado para cada un deles e dirixiranse ao órgano competente para resolver.

Segundo o disposto no artigo 20.3 da Lei 9/2007, as solicitudes irán acompañadas os documentos e das informacións determinados na convocatoria, salvo que os documentos exixidos xa estean en poder de calquera órgano da Administración actuante; neste caso, poderán acollerse ao establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, sempre que se faga constar a data e órgano ou dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que corresponda.
Segundo o Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, e a Orde do 7 de xullo de 2009 que desenvolve o citado decreto, deberán presentar copia compulsada do DNI do/a solicitante, no caso de que o interesado/a non autorice expresamente a comprobación dos datos por medio do acceso telemático ao sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio da Presidencia.
Segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de subvención comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia; non obstante, poderán denegar expresamente o consentimento, e neste caso deberán presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.
O prazo xeral para a presentación das solicitudes de axuda non será inferior a un mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e respectaranse, de ser o caso, os prazos específicos previstos para cada tipo de axuda, no anexo I das bases (antes do 18 de xullo de 2013).
As solicitudes presentaranse no modelo de solicitude en función do programa de que se trate que figura como anexo desta orde e deberán ir acompañadas da documentación xeral e específica sinalada no punto 5 deste artigo. As solicitudes e os anexos están dispoñibles na guía de procedementos, na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es) e tamén na páxina web da Consellería de Traballo e Benestar (http://traballoebenestar.xunta.es).

Para máis información de forma gratuíta, deben dirixirse á oficina de Desenvolvemento Local, situada no primeiro piso do Concello de Verín ou no teléfono 988-410000.

 

Oficina Municipal de Desenvolvemento Local

Praza do Concello, 1 1º

Tlnos. 988.41.00.00 988.41.00.01

Móbil 608.520122 609.152208

Fax. 988.41.19.00

Correo Electrónico: adl@verin.net


?>