Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Ofic. Virtual Desenvolvemento Local Financiamento de accións para o desenvolvemento de novos produtos, procesos e tecnoloxías no ámbito agroalimentario, agrícola e forestal
Financiamento de accións para o desenvolvemento de novos produtos, procesos e tecnoloxías no ámbito agroalimentario, agrícola e forestal PDF Imprimir Correo-e
Mércores, 31 Xullo 2013 07:28

Desde Desenvolvemento Local do Concello de Verín infórmase da publicación da orde do 11 de xullo de 2013, da Consellería do Medio Rural e do Mar, pola que se establecen as bases reguladoras da concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para o financiamento de accións de cooperación para o desenvolvemento de novos produtos, procesos e tecnoloxías no ámbito agroalimentario, agrícola e forestal, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2007-2013, e se convocan para o ano 2013.

Esta orde ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión das subvencións para a realización de accións de cooperación para o desenvolvemento de novos produtos, procesos e tecnoloxías nos sectores agroalimentario e forestal para o período 2013-2015 e convocar estas axudas, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva, para o ano 2013 (por novo produto enténdese a obtención dun ben anteriormente inexistente; por novo proceso que implica a obtención dun novo uso transformado para unha materia prima preexistente e por nova tecnolóxica a mellora da eficiencia dun proceso produtivo).

Beneficiarios das axudas e outros axentes cooperantes
- Poderán acceder á condición de beneficiario das subvencións obxecto da presente orde:
a) Organizacións ou entidades relacionadas coa produción primaria en agricultura e/ou silvicultura.
b) Empresas ou industrias transformadoras do sector agrario, alimentario e forestal ou da área de enerxías renovables de orixe agrícola e forestal.
- Na realización da actividade subvencionada poderán participar, ademais dos beneficiarios regulados no punto 1, os axentes cooperantes; poderán adquirir tal condición as seguintes entidades:
a) Produtores do sector agroforestal e as súas asociacións e outras organizacións ou entidades relacionadas coa produción primaria.
b) Centros de investigación e experimentación da Consellería do Medio Rural e do Mar e centros tecnolóxicos participados por ela, así como outros centros públicos de investigación da Comunidade Autónoma.
O orzamento das actividades de ningún dos axentes cooperantes poderá ser inferior ao 10 % do orzamento total da proposta de cooperación.
- Segundo a nova redacción do artigo 29 do Regulamento 1698/2005, do 20 de setembro de 2005, dada polo Regulamento 74/2009, do 19 de xaneiro de 2009, na acción de cooperación deberán intervir como mínimo dous actores, e, cando menos, un deles deberá ser un produtor primario ou pertencer á industria da transformación.

Actividades subvencionables
- Poderán ser obxecto de subvención as seguintes iniciativas de cooperación:
a) Iniciativas de cooperación que ofrezan saídas alternativas ou incrementen o valor engadido dos produtos agrarios e os seus transformados.
b) Iniciativas de cooperación que introduzan melloras ambientais en procesos e tecnoloxías de produción e transformación agroalimentaria.
c) Iniciativas de cooperación que permitan o desenvolvemento de fontes renovables de enerxía de orixe agraria e forestal en Galicia.
- A solicitude de axuda para a realización das accións de cooperación será presentada necesariamente por algunha das entidades a que se fai referencia no número 1 do artigo 2 desta orde, quen asumirá a coordinación do proxecto. A proposta deberá incluír, como mínimo, a participación dun centro de investigación dos enumerados no número 2.b) do devandito artigo, como axente cooperante.
- A duración da iniciativa de cooperación será de tres anos como máximo.

Compatibilidade das axudas
As axudas reguladas por esta orde serán compatibles con calquera outra axuda que, co mesmo fin, concedan outras administracións públicas, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, sen prexuízo do establecido, en relación coa concorrencia doutras axudas, no artigo 2 do Regulamento (CE) nº 1998/2006 para as axudas amparadas no réxime de minimis e, en relación coa incompatibilidade desta axuda con calquera outra cofinanciada con fondos europeos, no artigo 70.7 do Regulamento (CE) nº 1698/2005, sen que en ningún caso o importe das axudas acumuladas poida superar o custo total do proxecto.

Gastos subvencionables
De acordo co artigo 20 do Regulamento (CE) nº 1974/2006, os custos da cooperación para o desenvolvemento de novos produtos, procesos e tecnoloxías no sector agrícola, alimentario e no sector forestal a que fai referencia o artigo 29, número 2 do Regulamento (CE) nº 1698/2005 corresponderán a actividades preparatorias, incluído o deseño, o desenvolvemento e ensaio de produtos, procesos e tecnoloxías e os investimentos materiais e inmateriais relacionados coa cooperación antes da aplicación dos novos produtos, procesos e tecnoloxías desenvolvidas con propósitos comerciais por parte dos beneficiarios.
As axudas previstas nesta orde destinaranse a cubrir os gastos que estean directamente relacionados co orzamento do proxecto para o cal se concederon, e poderán aplicarse aos conceptos que a continuación se detallan. Os ditos conceptos, a excepción do que se refire ás colaboracións externas, non teñen a consideración de subcontratación.
- Custos directos:
a) Custo de persoal. Os gastos debidos á imputación de custos de persoal propio das entidades privadas solicitantes non poderán superar o 25 % do custo total da iniciativa de cooperación menos o custo das actividades realizadas polos demais axentes cooperantes na dita iniciativa. Os centros públicos de investigación ou tecnolóxicos non poderán imputar custos de persoal propio. O persoal temporal contratado con cargo ao proxecto poderán ser persoas coa titulación de doutor, titulación universitaria ou técnica de grao medio ou superior, así como outro persoal de apoio non vinculado estatutaria ou contractualmente cos organismos de investigación ou coas entidades solicitantes. Estes contratos son incompatibles coa percepción de calquera outra remuneración. O dito persoal incorporarase baixo calquera modalidade de contratación temporal acorde coa normativa laboral vixente e coa da entidade solicitante, e sen que iso implique ningún compromiso en canto á súa posterior incorporación ao organismo ou entidade.
b) Custo de execución. Serán subvencionables os gastos debidamente xustificados encadrados nas seguintes categorías:
1º. Material inventariable: adquisición de equipamentos e instrumental precisos para a realización do proxecto, na medida en que se dediquen ao proxecto en cuestión, e que estean debidamente xustificados. Non se admitirán custos de utilización nin amortizacións.
2º. Adecuación ou mellora de infraestruturas e equipamento.
3º. Servizos tecnolóxicos externos necesarios para o desenvolvemento do proxecto, debidamente xustificados. Entenderase por servizos tecnolóxicos aquelas actividades, diferentes á acción de cooperación proposta que deban ser puntualmente prestadas por outra entidade para que o proxecto poida ser desenvolvido, tales como análises e ensaios de laboratorio, enxeñaría para a montaxe e operación, estudos e actividades complementarias e consultorías externas. Non se admitirán servizos tecnolóxicos externos realizados por empresas ou sociedades pertencentes ao mesmo grupo empresarial que a solicitante. As actividades que van desenvolver cada un dos axentes cooperantes na iniciativa de cooperación non se considerará como un servizo tecnolóxico externo.
4º. Material funxible: adquisición de materiais funxibles ou compoñentes precisos para a execución do proxecto, debidamente xustificados.
5º. Viaxes e axudas de custo relacionadas coa execución do proxecto, debidamente xustificados, nas contías establecidas pola normativa vixente que regula as indemnizacións por razón de servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia (Decreto 144/2001, do 7 de xuño, e Resolución do 29 de decembro de 2005 da Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, ou normativa que a substitúa).
- Colaboracións externas cos axentes cooperantes indicados no número 2 do artigo 2 desta orde. O custo da colaboración poderá incluír calquera dos conceptos sinalados no número 1 deste mesmo artigo, no caso de colaboracións con centros públicos de investigación e centros tecnolóxicos o custo da colaboración poderá incrementarse ata un 10 % en concepto de gastos indirectos. Estes gastos indirectos dos centros públicos de investigación e centros tecnolóxicos só resultarían admisibles se responden a custos reais imputables á realización do proxecto e contan co debido soporte documental (facturas de documentos contables de valor probatorio equivalente e xustificantes do pagamento), e deben vir acompañados dun informe técnico motivado que explique o método de imputación dos ditos custos. A documentación acreditativa do gasto e pagamento será igualmente exixible aos gastos de persoal, respecto dos cales, ademais da certificación e dos partes de traballo, deberá xuntarse ao expediente a documentación correspondente (nóminas, xustificante de pagamento das retribucións, dos gastos da SS, da retención do IRPF, etc.). Non se admitirán colaboracións externas realizadas por empresas ou sociedades pertencentes ao mesmo grupo empresarial que a solicitante.
- Non será subvencionable ningún gasto correspondente a actuacións ou actividades anteriores á data de publicación da orde no DOG.
- O IVE só será subvencionable no caso de que sexa real e definitivamente soportado polo beneficiario e, por tanto, non recuperable, agás no caso de que o beneficiario sexa un organismo de dereito público, xa que neste caso non será subvencionable a través da axuda Feader.

Requisitos dos solicitantes

As entidades solicitantes na acción de cooperación deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Ter o seu domicilio social ou algún dos seus centros de traballo situados na Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Realizar a actividade obxecto da axuda no ámbito territorial de Galicia.
c) Estar ao día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social.
d) Posuír personalidade xurídica propia e suficiente capacidade de obrar e non estar inhabilitada para a obtención pública ou para contratar co Estado, coas comunidades autónomas ou outros entes públicos.
e) Non incorrer nalgunha das circunstancias relacionadas no artigo 10.2 da Lei 9/2007 do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Os consellos reguladores das denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario que aínda non teñan acadada personalidade xurídica de seu, por non ter adaptados os seus regulamentos ao establecido na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, poderán solicitar as axudas reguladas pola presente orde sempre que cumpran co recollido no punto 3 do artigo 8 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Presentación das solicitudes
As solicitudes e a documentación complementaria, enumerada no artigo 11 desta orde, deberán presentarse, antes do 22 de agosto de 2013, preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.
Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedementos administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.
A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Documentación complementaria
- A solicitude irá acompañada da seguinte documentación:
a) Documentación acreditativa da representatividade suficiente para asinar a solicitude.
b) Solicitude da axuda cos datos de identificación do proxecto e das entidades participantes (anexo I desta orde).
c) Declaración en que se fagan constar as axudas obtidas pola entidade solicitante, as que estean en fase de solicitude e as que se teña previsto solicitar de calquera administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional, en relación co proxecto e en particular para garantir que non existe dobre financiamento para as operacións incluídas nos réximes de axudas enumerados no anexo I do Regulamento (CE) nº 1974/2006 (anexo IV desta orde).
d) No caso de solicitar axuda para a realización de proxectos relativos a operacións non reguladas polo artigo 36 do Tratado constitutivo da Comunidade Europea, é dicir, aquelas nas cales o produto final non estea incluído no anexo I do dito tratado (ver anexo II da presente orde) deberase presentar unha declaración sobre as axudas de minimis percibidas nos tres últimos anos fiscais por parte da entidade solicitante (anexo V desta orde).
e) Unha copia compulsada do NIF da entidade solicitante ou do empresario individual.
f) Declaración do responsable de non estar incurso en ningunha das prohibicións para a obtención da condición de beneficiario de subvencións previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (anexo I, solicitude de axudas).
g) Memoria científico-técnica única para todas as actividades dos axentes participantes na acción de cooperación (anexo III desta orde), en que conste:
1º. Relación do persoal participante no proxecto, coas sinaturas dos participantes.
2º. Un resumo do proxecto.
3º. Unha introdución en que se presente a situación actual do tema en que se vai traballar na iniciativa de cooperación e a xustificación da execución da acción e o proxecto que se propón.
4º. Obxectivos do proxecto.
5º. Metodoloxía usada no proxecto.
6º. Plan de traballo e cronograma que se desenvolverá no tempo de execución do proxecto, en que se inclúan as actividades que realizará cada unha das partes que colaboran e o seu desenvolvemento temporal.
7º. Referencias bibliográficas utilizadas na redacción do proxecto.
8º. Beneficios que poidan derivar do proxecto, desde o punto de vista da súa repercusión económica, social e tecnolóxica.
9º. Orzamentos do custo total do proxecto e o correspondente a cada un dos axentes que colaboran nel, especificando a contía subvencionable de cada parte, con detalle de cada unha das anualidades e dos diferentes conceptos de gasto especificados no artigo 8 desta orde. No caso de incluír no orzamento material inventariable ou prestación de servizos tecnolóxicos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, por importe superior a 12.000 euros, deberán achegarse tres ofertas de diferentes provedores, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten.
h) Curriculum vitae de todos os membros do centro de investigación ou centro tecnolóxico participantes na acción de cooperación.
O documento correspondente ao curriculum vitae do persoal do centro público de investigación ou centro tecnolóxico poderá ser cuberto en formato normalizado da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.es/), da Consellería de Economía e Industria ou en formato similar que conteña as epígrafes do documento normalizado.
i) Copia do contrato, convenio, acordo de colaboración ou carta de intencións asinados polos representantes legais dos participantes na acción de colaboración. No caso daqueles solicitantes que resulten beneficiarios das axudas, se o que xuntaron á solicitude foi unha carta de intencións, coa aceptación da axuda deberán remitir o contrato, convenio ou acordo de colaboración asinados polos representantes legais das partes.
j) Copia dos estatutos fundacionais da entidade solicitante, nos cales apareza recollido o seu obxecto social.
k) Aquelas entidades que cumpran o establecido na epígrafe 8º da alínea a) do número 1 do artigo 13 deberán achegar unha declaración que reflicta a porcentaxe de produción adquirida a través de contratos homologados con produtores, sen prexuízo de que a Administración poida comprobar a veracidade dos datos declarados (anexo IV, declaracións).
- Non obstante o disposto no número 1 deste artigo, a presentación da seguinte documentación considerarase mínimo imprescindible para a tramitación das solicitudes:
a) Solicitude da axuda cos datos de identificación do proxecto e das entidades participantes (anexo I).
b) Memoria científico-técnica única e con todos os seus puntos cubertos, na cal se describan todas as actividades dos axentes participantes na acción de cooperación (anexo III).
c) Curriculum vitae de todos os membros do centro de investigación ou centro tecnolóxico participantes na acción de cooperación.
d) Copia dos estatutos fundacionais da entidade solicitante, en que apareza recollido o seu obxecto social.
e) Declaración que reflicta a porcentaxe de produción adquirida a través de contratos homologados con produtores, para os casos recollidos no número 3.1 deste artigo.
Non serán admitidas aquelas solicitudes en que se aprecie ausencia desta información, e nestes casos emitirase resolución de inadmisión.
- No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos sinalados na convocatoria, ou a documentación presentada conteña erros ou sexa insuficiente, requirirase o solicitante para que no prazo de dez (10) días hábiles proceda a corrixir as deficiencias detectadas mediante a presentación da solicitude requirida. Se non o fai, considerarase que desiste da súa solicitude, logo de resolución nos termos establecidos no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Para máis información deben dirixirse á oficina de Desenvolvemento Local, situada no primeiro piso do Concello de Verín ou no teléfono 988-410000.

 

Oficina Municipal de Desenvolvemento Local

Praza do Concello, 1 1º

Tlnos. 988.41.00.00 988.41.00.01

Móbil 608.520122 609.152208

Fax. 988.41.19.00

Correo Electrónico: adl@verin.net


?>