Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Ofic. Virtual Desenvolvemento Local Programa para a promoción do emprego autónomo
Programa para a promoción do emprego autónomo PDF Imprimir Correo-e
Venres, 23 Agosto 2013 13:22

Desde Desenvolvemento Local do Concello de Verín infórmase da publicación da orde do 19 de agosto de 2013, da Consellería de Traballo e Benestar, pola que se establecen as bases reguladoras do Programa para a promoción do emprego autónomo cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2013.


Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras do Programa de promoción do emprego autónomo, e proceder á súa convocatoria para o ano 2013. A finalidade deste programa é promover e axudar a financiar aqueles proxectos empresariais que facilitan a creación do seu propio posto de traballo ás persoas desempregadas que pretendan desenvolver a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia como persoas traballadoras autónomas ou por conta propia. Ao abeiro desta orde subvencionaranse as altas na Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional que, cumprindo os requisitos e condicións establecidas nela, se formalicen desde o 11 de setembro de 2012 ata o 30 de setembro de 2013, ambos inclusive.

Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias das axudas deste programa as persoas desempregadas inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego que procedan á creación do seu propio posto de traballo mediante a súa constitución en persoas traballadoras autónomas ou por conta propia, e que desenvolvan a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia, sempre que, cumprindo as condicións establecidas para cada tipo de axuda, reúnan os seguintes requisitos:
- Sexan titulares ou cotitulares do negocio ou explotación.
- Se dean de alta no réxime especial de autónomos ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional.
- Non percibisen subvencións ao abeiro do Programa de promoción do emprego autónomo nos catro anos anteriores á data do inicio da nova actividade.
- Non desenvolvesen como persoas traballadoras autónomas a mesma ou similar actividade na mesma localidade, nos seis meses inmediatamente anteriores á data do inicio da nova actividade, nin estivesen de alta como persoas traballadoras autónomas en calquera réxime da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional, sempre que a dita situación de alta presupoña actividade, nos tres meses inmediatamente anteriores. Para estes efectos, entenderase por mesma actividade a coincidencia ao nivel de 3 díxitos da Clasificación nacional de actividades económicas (CNAE).
2. As persoas traballadoras autónomas ou por conta propia poderán ser beneficiarias das axudas deste programa cando formen parte de comunidades de bens ou sociedades civís de nova creación, sempre que as soliciten a título persoal. Quedan excluídos deste programa os socios de sociedades mercantís, cooperativas e sociedades laborais e os autónomos colaboradores.
3. Para os efectos deste programa, entenderase como data de inicio de actividade laboral a da solicitude de alta como autónomo no correspondente réxime da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional.
4. Non poderán obter a condición de beneficiarias do programa regulado nesta orde as persoas en que concorran as circunstancias sinaladas no número 2 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:
a) Ser condenadas mediante sentenza firme á pena de perda da posibilidade de obter subvencións ou axudas públicas.
b) Solicitar a declaración de concurso, ser declaradas insolventes en calquera procedemento, acharse declaradas en concurso, estar suxeitas a intervención xudicial ou ser inhabilitadas conforme a Lei concursal sen que conclúa o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.
c) Dar lugar, por causa da que fosen declaradas culpables, á resolución firme de calquera contrato subscrito coa Administración.
d) Estar incursa a persoa física nalgún dos supostos de incompatibilidades que estableza a normativa vixente.
e) Non estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social ou ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma nos termos regulamentariamente establecidos.
f) Ter a residencia fiscal nun país ou territorio cualificado regulamentariamente como paraíso fiscal.
g) Non estar ao día de pagamento de obrigas por reintegro de subvencións nos termos regulamentariamente establecidos.
h) Ser sancionada mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións segundo a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou a Lei xeral tributaria.
5. Non poderán obter a condición de persoa beneficiaria cando estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o establecido nos artigos 46 e 46 bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.
6. A xustificación por parte das persoas solicitantes de non estar incursas nas prohibicións contidas nos puntos 4 e 5 anteriores para obter a condición de beneficiaria realizarase mediante declaración responsable.
7. No suposto de subvencións solicitadas por persoas traballadoras con discapacidade, ademais de cumprir os requisitos anteriores, deberán ter recoñecido pola Administración competente un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %.

Tipos de axuda
Subvención polo establecemento como traballador ou traballadora autónoma ou por conta propia
1. Poderáselles conceder ás persoas desempregadas, co obxecto de facilitarlles ingresos durante o inicio da actividade e posta en marcha da iniciativa empresarial ou profesional, unha subvención polo seu establecemento como traballador ou traballadora autónoma ou por conta propia, sempre que se acredite un investimento en inmobilizado material ou intanxible necesario para o desenvolvemento da actividade por unha contía non inferior a 3.000 euros sen incluír o imposto sobre o valor engadido ou, de ser o caso, os impostos indirectos equivalentes cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación, e se realice no período comprendido entre os tres meses anteriores ao inicio de actividade e os seis meses posteriores ao dito inicio, coa data límite, en todo caso, do 20 de decembro de 2013.
No caso de comunidades de bens e sociedades civís, para a acreditación do requisito do investimento mínimo de 3.000 euros realizado por cada persoa comuneira ou socia solicitante da subvención terase en conta a súa porcentaxe de participación na comunidade de bens ou sociedade civil.
2. As contías desta subvención serán as seguintes:
A. 5.000 euros para desempregados en xeral.
B. 6.000 euros para mozos desempregados de 30 ou menos anos.
C. 7.000 euros para mulleres desempregadas.
D. 7.500 euros para persoas emigrantes retornadas, persoas traballadoras procedentes de empresas en crise, persoas desempregadas de longa duración e persoas desempregadas que esgotasen a prestación por desemprego.
E. 8.000 euros para desempregados con discapacidade ou pertencentes a colectivos en risco ou situación de exclusión social.
F. 10.000 euros para mulleres desempregadas con discapacidade ou pertencentes a colectivos en risco ou situación de exclusión social.
No suposto de que as características da persoa desempregada dean lugar á súa inclusión en máis dun colectivo, só será posible aplicar a contía da subvención respecto dun deles, correspondendo a opción á persoa solicitante. En caso de non exercer esta opción, entenderase solicitada polo colectivo coa contía superior que quede acreditado na documentación achegada coa solicitude, e no caso de que da documentación achegada inicialmente xunto coa solicitude non quede acreditada a pertenza a ningún colectivo, entenderase que é solicitada polo colectivo A deste punto.
3. As contías do parágrafo 2 deste artigo incrementaranse en 2.000 euros para os seguintes colectivos:
A. Mozos desempregados de 30 ou menos anos.
B. Mulleres desempregadas.
C. Persoas desempregadas de 45 ou máis anos de idade.
D. Persoas desempregadas que rematen o seu itinerario personalizado de inserción nunha ocupación directamente relacionada no seu contido coa actividade empresarial.
4. As contías do parágrafo 2 deste artigo incrementaranse en 3.000 euros para aquelas persoas traballadoras autónomas ou profesionais que, pertencendo a algún dos colectivos do parágrafo anterior, teñan o seu domicilio fiscal nun concello rural.
5. As contías do parágrafo 2 deste artigo incrementaranse en 3.600 euros para os seguintes colectivos:
A. Persoas desempregadas de longa duración.
B. Persoas desempregadas que esgotasen a prestación por desemprego.
C. Persoas desempregadas pertencentes a algún colectivo en risco ou en situación de exclusión social.
D. Persoas desempregadas con discapacidade.
6. Para poder acceder aos incrementos establecidos nos parágrafos 3, 4 e 5 deste artigo, a persoa solicitante deberá acreditar un investimento en inmobilizado material ou intanxible necesario para o desenvolvemento de actividade por unha contía non inferior a 5.000 euros sen incluír o importe sobre o valor engadido ou, de ser o caso, os impostos indirectos equivalentes cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación, e se realicen no período comprendido entre os tres meses anteriores ao inicio da actividade e os seis meses posteriores ao dito inicio coa data límite, en todo caso, do 20 de decembro de 2013. Os incrementos establecidos nos parágrafos 3, 4 e 5 deste artigo son incompatibles entre si. No suposto de que as características da persoa desempregada dean lugar á súa inclusión en máis dun colectivo dos definidos nos parágrafos 3, 4 e 5 deste artigo, só será posible aplicar a contía da subvención respecto dun deles, correspondendo a opción á persoa solicitante (segundo modelo anexo I). En caso de non exercer esta opción, entenderase solicitado polo colectivo coa contía superior que quede acreditado na documentación achegada coa solicitude.
No caso de comunidades de bens e sociedades civís para a acreditación do requisito do investimento mínimo de 5.000 euros realizado por cada persoa comuneira ou socia solicitante da subvención terase en conta a súa porcentaxe de participación na comunidade de bens ou sociedade civil.
7. O prazo de presentación de solicitudes de subvención polo establecemento como traballador ou traballadora autónoma ou por conta propia será dun mes desde a data da solicitude de alta na Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional, respectando, en todo caso, o prazo xeral establecido no artigo 6.2 desta orde, aínda que non transcorrese o mes anteriormente citado.

Subvención financeira

1. A subvención financeira ten por finalidade facilitar a creación do seu propio posto de traballo mediante a redución de xuros de préstamos necesarios para a súa constitución como traballador ou traballadora autónoma ou por conta propia, tendo en conta que, como mínimo, o 75 % do préstamo se deberá destinar a financiar investimentos en inmobilizado material ou intanxible. Este investimento deberase realizar no período comprendido entre os tres meses anteriores ao inicio de actividade e os seis meses posteriores ao dito inicio, con data límite, en todo caso, do 20 de decembro de 2013. En todo caso, a persoa beneficiaria debe acreditar un investimento en inmobilizado material ou intanxible por unha contía non inferior a 3.000 euros sen incluír o imposto sobre o valor engadido ou, de ser o caso, os impostos indirectos equivalentes cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación.
Non se admitirá, para os efectos da súa xustificación, a adquisición de bens usados con cargo ao préstamo obxecto da axuda, agás no suposto de traspaso de negocios. No suposto das empresas que realicen por conta allea operacións de transporte por estrada, non se poderá conceder esta subvención para a adquisición de vehículos de transporte de mercadorías por estrada.
Os préstamos, para seren subvencionables, deberán ser concedidos polas entidades financeiras que teñan subscrito convenio coa Consellería de Traballo e Benestar, e deberán formalizarse entre os tres meses anteriores ao inicio da actividade e o 30 de setembro de 2013, ou, de ser o caso, no prazo específico establecido na resolución de concesión.
No caso de comunidades de bens e sociedades civís, para a acreditación do requisito do investimento mínimo de 3.000 euros realizado por cada persoa comuneira ou socia solicitante da subvención terase en conta a súa porcentaxe de participación na comunidade de bens ou sociedade civil.
Esta subvención, pagadoira dunha soa vez, será equivalente á redución de ata catro puntos do tipo de xuro fixado pola entidade financeira que conceda o préstamo, calculada sobre os oito primeiros anos de vixencia destes. A contía calcularase como se a subvención se xerase cada ano de duración do préstamo, incluído o posible período de carencia. O tipo de xuro poderá ser fixo ou variable, tomándose como referencia para o cálculo da subvención o tipo de xuro vixente na data da resolución da subvención, ou o vixente na data da sinatura do contrato do préstamo se esta é anterior.
A persoa beneficiaria, no prazo de trinta (30) días desde a data en que teña coñecemento do pagamento efectivo da subvención, ten que presentar certificación expedida pola entidade financeira, acreditativa da amortización do principal do préstamo na contía subvencionada.
No caso de microcréditos concedidos polo Instituto de Crédito Oficial ou por outras entidades de crédito a persoas desempregadas incluídas nas letras D, E e F do punto 2 deste artigo, a subvención poderá ser o custo total dos gastos financeiros, cos límites máximos sinalados no número seguinte.
2. A subvención financeira terá como límite máximo as contías seguintes:
A. 5.000 euros para desempregados en xeral.
B. 6.000 euros para mozos desempregados de 30 ou menos anos.
C. 7.000 euros para mulleres desempregadas.
D. 7.500 euros para persoas emigrantes retornadas, traballadores ou traballadoras procedentes de empresas en crise, persoas desempregadas de longa duración e persoas desempregadas que esgotasen a prestación por desemprego.
E. 8.000 euros para desempregados con discapacidade ou pertencentes a colectivos en risco ou situación de exclusión social.
F. 10.000 euros para mulleres desempregadas con discapacidade ou pertencentes a colectivos en risco ou situación de exclusión social.
No suposto de que as características da persoa desempregada dean lugar á súa inclusión en máis dun colectivo, só será posible aplicar a contía da subvención respecto dun deles, correspondendo a opción á persoa solicitante. En caso de non exercer esta opción, entenderase solicitada polo colectivo coa contía superior que quede acreditado na documentación achegada coa solicitude, e no caso de que da documentación achegada inicialmente xunto coa solicitude non quede acreditada a pertenza a ningún colectivo, entenderase solicitada polo colectivo A deste punto.
3. O prazo de presentación de solicitude da subvención financeira será dun mes desde a data da solicitude de alta na Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional, respectando, en todo caso, o prazo xeral establecido no artigo 6.2 desta orde, aínda que non transcorrese o mes anteriormente citado.

As solicitudes dirixiranse ao órgano competente para resolver e poderán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación vía electrónica será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia. Tamén se poderán presentar en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administración públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión está incluída no prazo de presentación de solicitudes da orde de convocatoria.

O prazo xeral para a presentación de solicitudes de axudas do programa para a promoción do emprego autónomo finalizará o 30 de setembro de 2013, aínda que non transcorresen os prazos específicos previstos para cada tipo de axuda. Nos prazos específicos para a presentación das solicitudes de axudas, establecidos nos artigos4.7, 5.3 e 6.3 desta orde, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da solicitude de alta na Seguridade Social ou mutualidade de colexio profesional. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes. As actuacións subvencionables ao abeiro do Programa para a promoción do emprego autónomo regulado nesta orde, realizadas entre o 11 de setembro do ano 2012 e a data da súa publicación, poderán acollerse ás axudas desta, aínda que transcorrese o prazo establecido desde a solicitude de alta na Seguridade Social ou mutualidade do colexio profesional. O prazo para a presentación destas solicitudes será dun mes desde a data de publicación no Diario Oficial de Galicia desta orde.

Documentación

As solicitudes deberanse presentar nos modelos normalizados que figuran como anexos numéricos a esta orde, e deberán ir acompañadas do orixinal, copia compulsada ou copia cotexada da seguinte documentación:

1. Documentación común para todas as modalidades de axudas:
a) Autorización á Consellería de Traballo e Benestar, segundo modelo anexo I, para a consulta dos datos de identidade, DNI ou NIE da persoa solicitante no Sistema de verificación de datos de identidade, de acordo co disposto no Decreto 255/2008, do 23 de outubro.
No caso de non prestar esta autorización a persoa solicitante ou o representante deberá achegar o DNI ou o NIE.
No caso dunha comunidade de bens ou sociedade civil, escritura de constitución e NIF da entidade.
b) Documentación acreditativa da pertenza ao colectivo polo cal se opta.
c) De ser o caso, certificado do colexio profesional de alta no dito colexio, con indicación de se presupón ou non exercicio da actividade e certificado da mutualidade do colexio profesional con indicación dos períodos de alta nela.
d) Alta no imposto de actividades económicas ou, se é o caso, alta no censo de obrigados tributarios no Ministerio de Facenda e Administracións Públicas (modelo 036).
e) Documentos de solicitude e resolución de recoñecemento de alta no correspondente réxime da Seguridade Social ou, de ser o caso, en colexio profesional e mutualidade que corresponda.
f) Memoria económica do proxecto empresarial, asinada pola persoa solicitante, que inclúa orzamento de investimento e o plan de financiamento que acredite a viabilidade do proxecto, segundo o modelo do anexo II, ou aqueloutra que, respectando o seu contido mínimo, queira presentar a persoa solicitante.
Esta memoria deberá incluír unha listaxe asinada, unha para cada axuda solicitada, coa relación dos investimentos, indicando o importe de cada un, a suma total, a referencia e a descrición das facturas en firme ou pro forma, orzamentos e demais documentos xustificativos do investimento realizado ou que se vai realizar e da axuda solicitada, segundo o modelo incluído na memoria económica do proxecto empresarial (anexo II desta orde).
g) Declaración comprensiva do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, para o mesmo proxecto ou actividade, polas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, así como das axudas concedidas en réxime de minimis, ou, de ser o caso, unha declaración de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións (segundo o modelo do anexo III).
h) Documentación acreditativa de se encontraren ao día das súas obrigas tributarias, estatais e autonómicas, e coa Seguridade Social e de que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración da comunidade autónoma, unicamente no suposto de que o solicitante denegase expresamente a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia.
i) Declaración responsable, entre outros aspectos, de non estar incurso nas prohibicións para obter a condición de beneficiario previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e autorizacións, asinada pola persoa solicitante (segundo o modelo do anexo I).
2. Documentación específica:
a) Subvención polo establecemento como traballador ou traballadora autónoma ou por conta propia:
- Facturas e, no caso de estaren efectivamente pagadas, o seu correspondente xustificante bancario de pagamento ou, no seu defecto, facturas pro forma ou orzamentos expedidos polos provedores e acredores dos activos que se vaian ter en conta para acreditar o requisito do investimento en inmobilizado material ou intanxible que se vaia realizar.
- No suposto de adquisición de vehículos comerciais ou industriais, tarxeta da ITV.
b) Subvención financeira:
- O compromiso da entidade financeira sobre a concesión do préstamo, en que figuren as súas características e se faga constar que a operación se acolle ao convenio subscrito para tal fin (segundo o modelo do anexo IV) ou, de ser o caso, o contrato de préstamo xa formalizado.
- Facturas e, no caso de estaren efectivamente pagadas, o seu correspondente xustificante bancario de pagamento ou, no seu defecto, facturas pro forma ou orzamentos expedidos polos provedores e acredores dos activos que se vaian ter en conta para acreditar o requisito do investimento en inmobilizado material ou intanxible que se vaia realizar e o destino do préstamo.
- No suposto de adquisición de vehículos comerciais ou industriais, tarxeta da ITV.
3. Esta documentación poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitilizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o seu cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 148/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Para máis información e tramitación, de forma gratuíta, deben dirixirse á oficina de Desenvolvemento Local, situada no primeiro piso do Concello de Verín ou no teléfono 988-410000.

 

Oficina Municipal de Desenvolvemento Local

Praza do Concello, 1 1º

Tlnos. 988.41.00.00 988.41.00.01

Móbil 608.520122 609.152208

Fax. 988.41.19.00

Correo Electrónico: adl@verin.net


?>