Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Ofic. Virtual Desenvolvemento Local Programa das iniciativas emprendedoras e de emprego (I+E+E)
Programa das iniciativas emprendedoras e de emprego (I+E+E) PDF Imprimir Correo-e
Venres, 23 Agosto 2013 13:24

Desde Desenvolvemento Local do Concello de Verín infórmase da publicación da orde do 19 de agosto de 2013, da Consellería de Traballo e Benestar, pola que se establecen as bases reguladoras do Programa das iniciativas emprendedoras e de emprego (I+E+E), cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2013.


Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2013 do programa de fomento das iniciativas emprendedoras e de emprego coa finalidade de xerar emprego estable para persoas desempregadas, principalmente entre a mocidade e mulleres, apoiando e dinamizando o desenvolvemento de novas iniciativas empresariais na Comunidade Autónoma de Galicia, con especial atención aos concellos do rural galego.

Entidades beneficiarias

- Poderán ser beneficiarias das axudas reguladas nesta orde as empresas privadas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, agás as persoas físicas, comunidades de bens, sociedades civís, sociedades cooperativas e sociedades laborais, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos nesta orde para cada tipo de axuda e nas cales concorran, na data do seu inicio de actividade, as seguintes circunstancias:
a) Que sexan empresas de nova creación.
b) Que sexan viables técnica, económica e financeiramente.
c) Que xeren emprego estable para persoas desempregadas.
d) Que teñan o seu domicilio social, fiscal e o seu centro de traballo nun concello de Galicia.
e) Que sexan promovidas, como máximo, por cinco persoas e que entre os socios ou as socias promotoras non figure ningunha persoa xurídica.
f) Que a empresa teña un capital social máximo de 120.202 euros.
g) Que como mínimo o 50 % do seu capital social sexa de titularidade dos promotores e promotoras que sexan persoas desempregadas que creen o seu propio posto de traballo na empresa.
- Poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta orde as empresas privadas constituídas e que iniciasen a súa actividade, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídos autónomos ou autónomas e as sociedades civís e as comunidades de bens, aínda que carezan de personalidade xurídica, que obtivesen a cualificación como iniciativa local de emprego, e non transcorrese máis dun ano desde a notificación da resolución de cualificación ou, de ser o caso, no prazo que se estableza na resolución de cualificación, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos nesta orde para cada tipo de axuda.  No caso de sociedades civís e comunidades de bens, deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar para cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiario. En calquera caso, deberán nomear unha persoa representante ou apoderada única da agrupación, con poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, lle correspondan á agrupación.

Tipos de axuda
O programa de fomento das iniciativas emprendedoras e de emprego (I+E+E) inclúe os seguintes tipos de axudas:

Subvención á xeración de emprego estable
1. A creación de postos de traballo estables de carácter indefinido, incluídos os das propias persoas promotoras, que sexan ocupados por persoas desempregadas incentivaranse, ata un máximo de dez, cada un deles coas seguintes subvencións:
A. 4.000 euros para desempregados en xeral.
B. 5.000 euros para mocidade desempregada de 30 ou menos anos.
C. 5.000 euros para mulleres desempregadas.
D. 5.600 euros para mozas desempregadas de 30 ou menos anos.
E. 6.000 euros para persoas desempregadas que esgotasen a prestación por desemprego, persoas desempregadas de longa duración, persoas emigrantes retornadas, persoas pertencentes a colectivos en risco ou situación de exclusión social e persoas desempregadas con discapacidade.
Cando a dedicación sexa a tempo parcial, as contías destes incentivos serán proporcionais ao tempo efectivo de traballo en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, no seu defecto, na xornada ordinaria legal.
No suposto de que as características da persoa desempregada dean lugar á súa inclusión en máis dun colectivo, só será posible aplicar a contía da subvención respecto dun deles, correspondendo a opción á persoa solicitante. En caso de non exercer esta opción, se entenderá solicitada polo colectivo coa contía superior que quede acreditado na documentación achegada coa solicitude, e no caso de que da documentación achegada inicialmente xunto coa solicitude non quede acreditada a pertenza a ningún colectivo se entenderá que se solicita polo colectivo A deste punto.
2. Cando se trate de contratacións indefinidas de traballadores ou traballadoras por conta allea, esta axuda, de ser o caso, será compatible coas bonificacións á Seguridade Social previstas na normativa estatal, sen que ambos os dous beneficios poidan superar o 60 % do custo salarial de dúas anualidades correspondente ao contrato obxecto de subvención.
3. Non se poderá conceder esta axuda cando se trate de traballadores ou traballadoras que prestasen servizos na mesma empresa en virtude dun contrato de carácter temporal.
4. Poderán ser obxecto desta subvención os postos de traballo estables de carácter indefinido creados desde o 1 de outubro de 2012 e ata o 30 de setembro de 2013.
5. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde a data da alta no correspondente réxime da Seguridade Social ou, de ser o caso, da mutualidade profesional. Non obstante, deberá ser respectado o prazo xeral establecido no artigo 13.2 desta orde, aínda que nesta data non transcorrese o mes anteriormente citado.

Subvención financeira
1. A subvención financeira ten por finalidade favorecer a creación de postos de traballo mediante a redución dos xuros de préstamos para financiar os investimentos en inmobilizado material ou intanxible que sexan necesarios para a creación e posta en marcha destas empresas. Como mínimo, o 75 % do importe do préstamo deberase destinar a financiar investimentos en inmobilizado material ou intanxible.
Os préstamos, para seren subvencionados, deberán ser concedidos por entidades financeiras que teñan subscrito un convenio, para tal fin, coa Consellería de Traballo e Benestar, e deberase formalizar no período comprendido entre o inicio da actividade e o 30 de setembro de 2013 ou, de ser o caso, no prazo específico establecido na resolución de concesión.
Para os efectos da xustificación desta subvención teranse en conta os investimentos en inmobilizado material ou intanxible, sen incluír o imposto sobre o valor engadido ou, de ser o caso, os impostos indirectos equivalentes cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación, realizados no período comprendido entre o inicio da actividade e xustificados mediante facturas e documentos bancarios acreditativos do seu pagamento, con anterioridade á finalización do período de xustificación establecido na resolución de concesión ou, en todo o caso, ata o 20 de decembro de 2013.
Non se admitirá, para os efectos da súa xustificación, a adquisición de bens usados con cargo ao préstamo obxecto da axuda, agás no suposto de traspaso de negocios.
2. Esta axuda, pagadoira dunha soa vez, será como máximo o equivalente á redución de ata catro puntos do xuro fixado pola entidade de crédito que conceda o préstamo, calculada sobre os oito primeiros anos da súa vixencia. A contía calcularase como se a subvención se xerase cada ano de duración do préstamo, incluído o posible período de carencia. O tipo de xuro poderá ser fixo ou variable e tomarase como referencia para o cálculo da subvención o tipo de xuro vixente na data da resolución da subvención, ou o vixente na data da sinatura do contrato do préstamo, se esta é anterior.
A entidade beneficiaria, no prazo de 30 días desde a data en que teña coñecemento do pagamento efectivo da subvención, ten que presentar certificación expedida pola entidade financeira, acreditativa da amortización do principal do préstamo na contía subvencionada.
3. Esta subvención terá como límite máximo as contías establecidas no artigo 6 desta orde para cada colectivo. Para os efectos do cálculo da contía desta axuda, só se terán en conta os postos de traballo creados desde o 1 de outubro de 2012 e ata o 30 de setembro de 2013.
4. A solicitude da subvención financeira deberase presentar no mes seguinte ao inicio da actividade respectando, en todo caso, o prazo xeral establecido no artigo 13.2 desta orde, aínda que non transcorrese o mes anteriormente citado.

Subvención para asistencia técnica
1. Para axudar á persoa promotora ou empresaria na toma das decisións necesarias para o funcionamento da empresa poderase financiar a asistencia técnica necesaria, que poderá consistir nas seguintes modalidades:
a) Axuda por formación, que incluirá os cursos que a persoa promotora poida recibir para obter e mellorar os seus coñecementos sobre a función xerencial.
b) Axuda pola realización externa de estudos e informes sobre a actividade para que a persoa promotora ou empresaria poida dispor de mellor información sobre os bens ou servizos obxecto de produción, incluíndo nesta epígrafe os estudos de mercado, organización, comercialización, diagnose e outros de natureza análoga.
2. O gasto orixinado pola asistencia técnica deberase producir no período subvencionable e deberá ser efectivamente xustificado mediante facturas e documentos bancarios acreditativos do seu pagamento, con anterioridade á finalización do período de xustificación establecido na resolución de concesión ou, en todo o caso, ata o 20 de decembro de 2013.
3. A contía da subvención, que se poderá solicitar unha soa vez, será de ata o 75 % do custo dos servizos recibidos, cun límite máximo de 12.000 euros polo conxunto das modalidades de asistencia técnica previstas.
4. A solicitude de subvención para asistencia técnica deberase presentar no prazo xeral establecido no artigo 13.2 desta orde.

Subvención para o inicio da actividade

1. Poderase conceder para o financiamento dos primeiros gastos da actividade unha subvención de ata 2.400 euros por cada emprego subvencionable, ata un máximo de dez. Para as persoas desempregadas de longa duración e persoas desempregadas con discapacidade a contía desta subvención será de ata 3.600 euros, e para as persoas desempregadas que esgotasen a prestación por desemprego a contía será de ata 4.800 euros.
No suposto de que as características da persoa desempregada dean lugar á súa inclusión en máis dun colectivo, só será posible aplicar a contía da subvención respecto dun deles, e a opción corresponderalle á persoa solicitante. En caso de non exercer esta opción, entenderase solicitada polo colectivo coa contía superior que quede acreditado na documentación que se xunta coa solicitude, e no caso de que da documentación achegada inicialmente xunto coa solicitude non quede acreditada a pertenza a ningún colectivo, se entenderá que se solicita polo colectivo do importe mínimo.
2. A través desta axuda, que se concederá por unha soa vez, serán subvencionables os gastos realizados con posterioridade ao inicio da actividade empresarial e efectivamente xustificados, mediante facturas e documentos bancarios acreditativos do seu pagamento, con anterioridade á finalización do período de xustificación establecido na resolución de concesión ou, en todo caso, ata o 20 de decembro de 2013.
Esta axuda destinarase a sufragar os gastos nos seguintes conceptos: gastos de constitución da empresa, compra de mercadorías, materias primas e outros aprovisionamentos, arrendamento do local, de maquinaria e de equipamentos informáticos, gastos do seguro do local, publicidade e subministracións, excluído o imposto sobre o valor engadido ou, de ser o caso, os impostos indirectos equivalentes cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación. Os gastos poderán ser computados sempre que as facturas estean expedidas a nome da entidade solicitante e non sexan emitidas por algún dos promotores da empresa. Exclúense, así mesmo, os impostos e os gastos referidos aos domicilios particulares dalgunha das persoas promotoras.
3. A solicitude de subvención para o inicio da actividade deberase presentar no prazo xeral establecido no artigo 13.2 desta orde.

Subvención para a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas promotoras

1. Co obxecto de favorecer a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas emprendedoras concederase unha subvención do 75 % do custo dos servizos de gardaría, ata un máximo de 3.000 euros, para aquelas persoas promotoras que teñan fillos ou fillas menores de tres anos.
2. Poderán ser beneficiarias destas axudas as empresas polos promotores ou promotoras que, obtendo a subvención establecida no artigo 6 desta orde, sexan titulares de familias monoparentais ou nas cales os dous cónxuxes realicen unha actividade laboral e estean dados de alta no correspondente réxime da Seguridade Social.
3. Serán subvencionables os gastos da gardaría correspondentes aos tres meses anteriores ao inicio de actividade, sempre que estean dentro do período subvencionable, e ata o mes de setembro de 2013.
4. As solicitudes de axuda para a conciliación da vida persoal, laboral e familiar deberanse presentar no prazo xeral establecido no artigo 13.2 desta orde.
Incremento dos incentivos: As contías máximas das axudas do programa regulado nesta orde incrementaranse nun 25 %, nos casos de que a empresa teña o seu domicilio social e centro de traballo nun concello das provincias de Lugo e Ourense.

As solicitudes dirixiranse ao órgano competente para resolver e poderán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación vía electrónica será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.
Tamén se poderán presentar en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado co selo de correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión está incluída no prazo de presentación de solicitudes da orde de convocatoria.
O prazo xeral para a presentación de solicitudes das axudas deste programa finalizará o 30 de setembro de 2013 e respectaranse, en todo caso, os prazos específicos previstos para cada tipo de subvención. Nos prazos específicos para a presentación das solicitudes de subvencións, establecidos nos artigos 6.5, 7.4 e 13.3 desta orde, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da alta na Seguridade Social, mutualidade de colexio profesional ou de inicio de actividade. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes. As solicitudes de subvención á xeración de emprego estable e de subvención financeira polas actuacións realizadas entre o 1 de outubro do ano 2012 e a data de publicación desta orde, aínda que transcorrese o prazo establecido nos artigos 6.5 e 7.4, será dun mes contado desde a data de publicación desta orde.

Documentación
1. As solicitudes deberanse presentar nos modelos normalizados que figuran como anexos numéricos desta orde e deberá xuntarse orixinal ou fotocopia compulsada ou cotexada da documentación, común e específica, que se relaciona.
2. Ás solicitudes de axudas deberá xuntarse a seguinte documentación común para todas as axudas:
a) Autorización á Consellería de Traballo e Benestar, segundo modelo anexo I, para a consulta dos datos de identidade, DNI ou NIE da persoa solicitante ou representante, no Sistema de verificación de datos de identidade, de acordo co disposto no Decreto 255/2008, do 23 de outubro.
No caso de non presentar esta autorización, deberase achegar o DNI ou o NIE.
b) De ser o caso, poder suficiente da persoa representante para actuar en nome da entidade e NIF da empresa.
c) Escritura de constitución e inscrición no Rexistro Mercantil, alta no imposto de actividades económicas ou, de ser o caso, alta no censo de obrigados tributarios no Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.
d) Memoria económica e descritiva do proxecto empresarial, asinada pola persoa representante da empresa, que deberá conter os datos de identificación e descrición da actividade, o currículo das persoas promotoras, o número de empregos creados e que se crearán, os aspectos técnicos de produción e comercialización, o orzamento de investimento, o plan de financiamento que acredite a viabilidade da iniciativa empresarial, as medidas de seguridade e saúde laboral e de prevención de riscos e a adecuación en materia de protección do ambiente segundo a localización e a actividade empresarial.
e) Listaxe asinada, unha para cada axuda solicitada, coa relación dos investimentos, indicando o importe de cada un, a suma total, a referencia e a descrición das facturas en firme ou pro forma, orzamentos e demais documentos xustificativos do investimento realizado ou que se vai realizar e da axuda solicitada, segundo o modelo anexo III desta orde.
Esta listaxe non será necesario presentala coas solicitudes de subvención á xeración de emprego estable.
f) Declaración que comprenda o conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas, para o mesmo proxecto ou actividade, polas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, unha declaración de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións, así como unha declaración das axudas de minimis obtidas no exercicio corrente e nos dous anteriores, segundo modelo anexo IV.
g) Documentación acreditativa de estaren ao día das súas obrigas tributarias -estatais e autonómicas- e coa Seguridade Social e de que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración da Comunidade Autónoma, unicamente no suposto de que quen solicita lle denega expresamente a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Axencia Tributaria de Galicia.
h) Se é o caso, documentos que acrediten a pertenza aos colectivos polos cales se solicita a subvención, certificación do Servizo Público de Emprego Estatal do feito do esgotamento da prestación por desemprego de nivel contributivo e/ou do subsidio de desemprego e data de remate da súa percepción, acreditación de ser emigrante retornado ou retornada, ou certificación da concorrencia das circunstancias que determinen a pertenza aos colectivos en risco ou en situación de exclusión social.
3. Documentación específica:
a) Subvención á xeración de emprego estable:
- Declaración do número de empregos estables de carácter indefinido ocupados por colectivos beneficiarios e relación nominal deles con indicación da data de incorporación efectiva segundo o modelo anexo II.
- Documentos acreditativos da incorporación efectiva con carácter indefinido e altas no correspondente réxime da Seguridade Social ou, de ser o caso, en colexio profesional e mutualidade que corresponda.
- Declaración da empresa en que se fagan constar os custos salariais de dúas anualidades de cada persoa traballadora por conta allea pola cal se solicita subvención, segundo modelo anexo II desta orde.
b) Subvención financeira:
- Contrato de préstamo ou, no seu defecto, compromiso da entidade financeira sobre a concesión do préstamo, en que figuren as características e se faga constar que a operación se acolle ao convenio subscrito para tal fin, segundo o modelo do anexo V.
- Plan de investimentos xunto coas facturas e, no caso de estar efectivamente pagadas, o seu correspondente xustificante bancario de pagamento ou, no seu defecto, facturas pro forma ou orzamentos expedidos polos provedores e acredores dos activos que se vaian ter en conta para acreditar o requisito do investimento en inmobilizado material ou intanxible que se vaia realizar e o destino do préstamo.
- No suposto de adquisición de vehículos comerciais ou industriais, tarxeta de ITV.
- Declaración do número de empregos estables creados ou que se crearán ata o 30 de setembro de 2013 e relación nominal das persoas que os vaian ocupar, con indicación daquelas polas cales se solicita a subvención segundo o modelo anexo II.
c) Subvención para asistencia técnica.
- Memoria descritiva da medida de apoio solicitada en que consten, entre outros, a xustificación da súa necesidade para o desenvolvemento da actividade empresarial e o orzamento desagregado por conceptos, por proposta dos servizos que se van desenvolver e o calendario previsto para súa realización, así como a conformidade da empresa, entidade ou persoa física que vai prestar o apoio e a aceptación do solicitante.
- Documentación acreditativa da solvencia profesional da persoa, física ou xurídica, que prestase ou prestará o servizo de apoio.
- Documento acreditativo da contratación das medidas de apoio en que conste o seu importe, facturas e, no caso de estar efectivamente pagadas, o seu correspondente xustificante bancario de pagamento ou, se é o caso, facturas pro forma ou orzamento expedido pola persoa ou entidade que vai prestar o servizo de apoio.
- De conformidade co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 18.000 euros, prevista para o contrato menor no Real decreto legislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público, no suposto de prestación de servizos de consultoría ou asistencia técnica, a persoa interesada deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.
A elección entre as ofertas presentadas, que se deberán achegar coa solicitude da subvención, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberase xustificar expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.
d) Subvención para o inicio de actividade:
- Orzamento dos gastos necesarios para o inicio da actividade, con indicación daqueles a que se vai destinar a subvención.
- Facturas e, no caso de estar efectivamente pagadas, o seu correspondente xustificante bancario de pagamento ou, no seu defecto, facturas pro forma ou orzamentos expedidos polos provedores e acredores dos gastos necesarios para o inicio da actividade que se vaian ter en conta para o cálculo da contía da subvención.
- Declaración do número de empregos estables que se crearán ata o 30 de setembro de 2013 e relación nominal das persoas que os vaian ocupar, con indicación daquelas polas cales se solicita a subvención segundo o modelo anexo II.
e) Subvención para a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas promotoras.
- Libro de familia co nome das persoas titulares da familia e dos fillos e fillas menores de tres anos e nome, apelidos e número de DNI do cónxuxe. De ser o caso, documentos acreditativos do carácter monoparental da familia.
- Documento acreditativo do custo da mensualidade da gardaría.
- Facturas e, no caso de estaren efectivamente pagadas, o seu correspondente xustificante bancario de pagamento, das mensualidades xa aboadas na data da solicitude.
4. Esta documentación poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Para máis información e tramitación, de forma gratuíta, deben dirixirse á oficina de Desenvolvemento Local, situada no primeiro piso do Concello de Verín ou no teléfono 988-410000.

 

Oficina Municipal de Desenvolvemento Local

Praza do Concello, 1 1º

Tlnos. 988.41.00.00 988.41.00.01

Móbil 608.520122 609.152208

Fax. 988.41.19.00

Correo Electrónico: adl@verin.net


?>