Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Ofic. Virtual Desenvolvemento Local Axudas do Igape ás empresas do sector téxtil-moda-confección para actuacións de promoción e internacionalización
Axudas do Igape ás empresas do sector téxtil-moda-confección para actuacións de promoción e internacionalización PDF Imprimir Correo-e
Martes, 27 Agosto 2013 09:54

Desde Desenvolvemento Local do Concello de Verín infórmase da publicación da resolución do 30 de xullo de 2013 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), que aproba as bases reguladoras das axudas do Igape ás empresas do sector téxtil-moda-confección para a realización de actuacións e estratexias de promoción e internacionalización en desenvolvemento do Plan Estratéxico do Téxtil, Visión 2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva.


Co obxectivo de incentivar o desenvolvemento de actuacións e as estratexias de difusión, promoción e acceso a mercados, xeradoras de vantaxes competitivas que incidan na proxección e posicionamento das empresas galegas do sector téxtil-moda-confección nos mercados externos a Galicia, tanto estatais coma internacionais, o Igape, poderá conceder subvencións a fondo perdido aos seguintes tipos de actuacións:
Actuacións de difusión
a) Actuacións de difusión e divulgación con fins promocionais realizados a través de campañas ou insercións en prensa, revistas, internet e valos publicitarios, sempre que a súa difusión se realice fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Actuacións de difusión e divulgación con fins promocionais realizadas a través da elaboración de material promocional como catálogos, contidos audiovisuais, folletos e similares, en calquera soporte, que conteñan información da empresa beneficiaria e que contribúan á divulgación e coñecemento dos seus produtos fóra do ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
Actuacións de promoción
a) Participación en feiras, desfiles, certames e outros eventos expositivos sectoriais de carácter profesional que teñan lugar fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Córners situados tanto no mercado nacional como internacional para favorecer a promoción a través de exposicións permanentes así como mellorar a presenza da marca nos puntos de venda e show-rooms sempre que estean no estranxeiro.
Actuacións de acceso a mercados
Estratexia de penetración nos mercados externos a Galicia a través da expansión da marca.
Estratexia de penetración nos mercados internacionais a través de licenzas de marca orientadas ao acceso aos mercados internacionais así como a materialización dos acordos con terceiros.

Os solicitantes terán que ser os titulares ou licenciatarios das marcas que cumpran cos requisitos establecidos no artigo 4 das bases reguladoras.

Beneficiarios

- Poderán ser beneficiarios, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, as empresas privadas pertencentes ao sector téxtilmodaconfección con domicilio social na Comunidade Autónoma de Galicia, xa sexan persoas físicas ou xurídicas que figuren dadas de alta nas agrupacións 43, 44 e/ou 45 do imposto de actividades económicas ou no grupo 613.
- Os beneficiarios terán que dispor dun diagnóstico positivo do potencial de internacionalización da empresa realizado no exercicio da convocatoria ou nos 4 catro exercicios anteriores a través de programas de Igape ou Icex. Só son válidos para estes efectos os diagnósticos presenciais con visita á empresa do realizador do diagnóstico, non os realizados on-line.
-Non poderán ter a condición de beneficiarios as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2º e 3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño).
- Non poderán ter a condición de beneficiario as empresas que estivesen en crise. Para estes efectos, convén ter en conta a definición de empresa en crise que para as grandes empresas figura no punto 2.1 das directrices sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas en crise (DOUE C 244/2, do 1 de outubro de 2004) e que para as pemes aparece no artigo 1.7º do Regulamento xeral de exención (Regulamento CE 800/2008).

Condicións dos conceptos subvencionables
Conceptos subvencionables:
- Nas actuacións de difusión, previstas no punto 1.1 do artigo 1 anterior, terán a consideración de conceptos subvencionables todos os relativos ao deseño, a elaboración, a edición, a montaxe, a produción, a tradución, a impresión e, se é o caso, a inserción.
- Nas actuacións de promoción, previstas no punto 1.2 do artigo 1. anterior, terán a consideración de conceptos subvencionables:
a) Nas actuacións tipo a): o aluguer de espazos e servizos; a construción, a montaxe e a decoración de postos; o transporte do material de exposición; a inscrición e o seguro obrigatorio; a inserción no catálogo da feira; o estilismo; a fotografía; os modelos; os traballos de gabinetes de comunicación específicos para o evento e, cando se trate de asistencia a feiras e eventos no estranxeiro, a contratación de intérpretes.
b) Nas actuacións tipo b): a construción, o amoblamento, a decoración e o deseño do espazo, así como os traballos de gabinetes de comunicación específicos para estas actuacións.
- Nas actuacións de acceso a mercados, previstas no punto 1.3 do artigo 1 anterior, terán a consideración de conceptos subvencionables:
• Gastos de asesoramento xurídico e legal que deriven da elaboración do proxecto.
• Gastos incorridos en viaxes de prospección. Deberán estar realizados por directivos ou persoal da empresa ou por asesores externos e referidos unicamente a transporte público (só gastos de avión e tren) e/ou establecementos hoteleiros (só gastos de aloxamento e almorzo).
Polo que se refire a gastos de viaxe, establécense as seguintes cantidades máximas de subvención por persoa e viaxe:
• Para viaxes con destino España e Portugal: 500 €.
• Para viaxes con destino resto de Europa: 1.000 €.
• Para viaxes con destino fóra de Europa: 2.000 €.
O límite máximo total de subvención en concepto de gastos de viaxe é de 30.000 €.

Quedan expresamente excluídas do ámbito de aplicación destas bases os seguintes conceptos:
a) Os gastos do persoal habitual contratado pola empresa e calquera outro derivado da actividade habitual e corrente da empresa solicitante.
b) Os custos de mailings, convites, regalos promocionais e os relativos á realización de cócteles e actos análogos.
c) O Deseño, a creación e o aloxamento de páxinas web.
d) O imposto sobre o valor engadido (IVE).
e) Os gastos de actuacións realizadas ou dirixidas ao ámbito da Comunidade Autónoma galega.
f) Aqueles gastos que resulten de carácter xeneralista ou non estean expresamente referidos á actuación concreta que se propón para a subvención.
g) Os folletos e outro material que non estea dirixido estritamente a fins promocionais.
h) No que se refire á participación en feiras internacionais, non se apoiarán aquelas actuacións que coincidan coas actuacións proxectadas no marco do Plan de Fomento das Exportacións Galegas (Foexga) que desenvolve conxuntamente a Consellería de Economía e Industria e as cámaras de comercio, industria e navegación galegas.
i) Aqueles outros que non estean directamente vinculados coa realización da actuación subvencionable.

Os gastos e investimentos subvencionables serán os realizados dentro do prazo de execución do proxecto establecido na resolución de concesión para os efectos de cumprir todas as condicións nela establecidas. O prazo de execución iniciarase o 1 de xaneiro do exercicio da convocatoria (polo que a solicitude de axuda poderá incluír accións que se leven a cabo a partir do 1 de xaneiro do exercicio da convocatoria) e rematará na data establecida na resolución de concesión de axuda, sen que nunca poida exceder do 31 de outubro do exercicio da convocatoria.
Tamén serán subvencionables aquelas actuacións do punto 1.2 do artigo 1 executadas no exercicio anterior ao da convocatoria, sempre que a data de execución sexa posterior ao 31 de outubro de 2012. Xustifícase esta retroactividade dado que a convocatoria destas axudas para o ano 2012 (Orde da Consellería de Economía e Industria do 29 de maio de 2012 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a empresas galegas do sector téxtil-moda-confección para a realización de actuacións e estratexias de promoción e internacionalización en desenvolvemento do Plan Estratéxico do Téxtil. Visión 2020. DOG núm. 110, do 11 de xuño), estableceu como data límite de execución o 31 de outubro de 2012.
Tamén serán subvencionables os gastos efectuados no ano 2012 exixidos en concepto de reserva para a participación en eventos expositivos realizados en 2013.
Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que, polas súas especiais características, non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, o que deberá acreditar o solicitante ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude de subvención. A elección entre as ofertas presentadas, que deberán presentarse coa solicitude de axuda, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta economicamente máis vantaxosa. As ofertas deberán ter sinatura e selo orixinal do provedor. Para modificar o provedor seleccionado deberá pedir previamente á súa contratación autorización ao Igape e xustificar as razóns do cambio.
O investimento terá que manterse no centro de traballo en Galicia durante os 5 anos seguintes ao remate do prazo de execución do proxecto, prazo que poderá reducirse a 3 no caso de que o beneficiario cumpra os límites de pequena e mediana empresa e non se trate de bens inmobles. O investimento subvencionado poderá ser substituído no caso de obsolescencia, sempre e cando a actividade económica da beneficiaria se manteña en Galicia durante os períodos mencionados e non poderán o ser obxecto de subvención os bens que substitúen aos obsoletos.
Os investimentos deberán realizarse en bens novos ou de primeiro uso empresarial. Os bens obxecto de investimento deberán ser adquiridos en propiedade a terceiros polo beneficiario. No caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de pagamento aprazado, estes tamén deberán pasar a ser de propiedade plena do beneficiario antes do remate do prazo de execución do proxecto, e deberán constar neste momento o vencemento e pagamento das cantidades aprazadas.
Os provedores non poderán estar vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, agás que concorran as seguintes circunstancias:
a) Que a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado.
b) Que se solicite e conceda a súa previa autorización (a solicitude de autorización e a súa xustificación presentaranse xunto coa solicitude de subvención).
Admítese a subcontratación das actividades subvencionadas polos beneficiarios, sen límite respecto ao importe da actividade subvencionada, exixíndoselles aos beneficiarios o cumprimento das obrigas establecidas nos artigos 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e 43 do seu regulamento. En ningún caso poderán subcontratarse actividades que, aumentando o custo da actividade subvencionada, non acheguen valor engadido ao seu contido.
En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

Intensidade de axuda e criterios de avaliación e selección de proxectos
- Para as actuacións incluídas nesta convocatoria a subvención máxima será de 120.000,00 € por beneficiario (incluídas as persoas físicas ou xurídicas vinculadas) e a intensidade de axuda estará determinada polo tamaño da empresa solicitante, segundo se indica a continuación:
• Microempresas: 60 %.
• Pequenas e medianas empresas: 50 %.
• Grandes empresas: 40 %.
Para a clasificación das empresas, segundo o seu tamaño, actuarase de acordo coa definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento 800/2008 (DOUE L 214, do 9 de agosto), polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías).
- Os proxectos que cumpran coas condicións necesarias serán avaliados de acordo co seguinte baremo xeral:
a) Execución dunha actuación destas bases nos mercados internacionais, excluídas as actuacións de difusión (1.1 do artigo 1): 20 puntos; en caso de que sexa máis dunha actuación: 30 puntos.
b) Participación en feiras e outros eventos expositivos de carácter internacional que terán lugar no ámbito estatal (segundo o calendario de feiras internacionais publicado anualmente pola Secretaría de Estado de Comercio do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio): 10 puntos.
c) Ter asistido anualmente a algunha feira, desfile, certame ou outro evento expositivo internacional, excluídas as actuacións indicadas no punto anterior, durante os últimos 3 anos (2010, 2011 e 2012):10 puntos.
d) Esforzo de promoción realizado segundo o tamaño da empresa solicitante: de 5 a 20 puntos.
• Grandes empresas, 5 puntos.
• Medianas empresas, 10 puntos.
• Pequenas empresas, 15 puntos.
• Microempresas, 20 puntos.
Para a clasificación das empresas, segundo o seu tamaño, actuarase de acordo coa definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do devandito Regulamento 800/2008 (DOUE L 214, do 9 de agosto).
e) Unha certificación de calidade, excelencia ou ambiental, 2 puntos; máis dunha certificación, 5 puntos.
f) Acreditación dunha ou máis actuacións de responsabilidade social da empresa (RSE), 2 puntos.
h) Pertenza ao Clúster Galego Téxtil Moda, directamente ou a través dalgunha das asociacións integradas neste: 15 puntos.
i) Investimento subvencionable solicitado igual ou inferior a 80.000,00 €: 7 puntos.
j) A utilización da lingua galega nas relacións coa Administración: 1 punto.

Solicitudes
1. Dentro do prazo establecido na convocatoria, para presentar a solicitude de axuda, os interesados deberán cubrir previamente un formulario descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto para o que solicita a subvención a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es
2. Co fin de prestar asistencia para cubrir o formulario, o Igape pon á disposición dos interesados o seu servizo de asistencia técnica, a través dos números de teléfono 902 30 09 03 ou 981 54 11 47, ou os que en cada momento se establezan para esta finalidade, de luns a venres, das 8.00 ás 15.00 horas. Desde este servizo poderá accederse á aplicación informática e cubrir o formulario e xerar o IDE identificativo, no caso de que o solicitante non dispoña dun acceso directo a internet.
Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda. O IDE estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación informática citada anteriormente.
3. As solicitudes de axuda presentaranse mediante a instancia normalizada que se obterá de xeito obrigatorio na citada aplicación informática, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.es, e que se xunta como anexo I a estas bases a título informativo. Na instancia será obrigatorio a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas, concedéndolles aos solicitantes un prazo de 10 días para a súa emenda, transcorrido o cal se lles terá por desistidos da súa petición, logo de resolución de arquivo.
4. A instancia de solicitude deberá vir acompañada da seguinte documentación:
- No caso de que o solicitante sexa unha persoa xurídica: escritura ou documento xuridicamente válido de constitución e de nomeamento do representante legal e estatutos debidamente inscritos no rexistro competente e modificacións posteriores destes.
- No caso que se solicite subvención para actuacións da letra c) do artigo 1: acreditación do rexistro da marca da empresa galega.
- Memoria de cada unha das actividades para as cales se solicita subvención, que incluirá, polo menos, a súa descrición e obxectivos.
- As tres ofertas que, en aplicación do artigo 29.3º da Lei de subvencións de Galicia, deba ter solicitado o beneficiario, de acordo co establecido no artigo 5.4 das bases reguladoras. Calquera cambio na oferta seleccionada deberá contar coa autorización do Igape, segundo o disposto no citado artigo.
-Ademais disto e, se é o caso, para os efectos sinalados no artigo 6.2 destas bases, achegarase a seguinte documentación:
a) Copia compulsada das facturas e xustificantes de pagamento acreditativas de que a empresa solicitante asistiu anualmente a algunha feira, desfile, certame ou outro evento expositivo internacional, durante os últimos 3 anos (2010, 2011 e 2012).
b) Certificado expedido polo órgano competente de pertenza ao Clúster Galego Téxtil Moda ou a algunha asociación integrada nel.
c) Certificación que acredite a existencia na empresa de sistemas de calidade, excelencia ou ambientais, así como actuacións de responsabilidade social da empresa (RSE).
De acordo co disposto no artigo 35 f) da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e o artigo 20.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, non será necesario presentar a documentación que xa se atope en poder do Igape, sempre que se manteña vixente e se identifique no formulario de solicitude o procedemento administrativo para o que foi presentada. No suposto de imposibilidade material de obter a documentación ou no caso de que se constate a non validez desta, o órgano competente poderá requirirlle ao solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se terá por desistido da súa petición, logo da correspondente resolución.
Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido nos artigos 59.6.b) e 60 da Lei 30/1992, os requirimentos citados de emenda realizaranse preferentemente mediante publicación no DOG e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. A dita publicación tamén se realizará na páxina web do Igape no enderezo www.tramita.igape.es ao cal se remitirá desde o texto publicado no DOG, e poderase indicar que os seguintes actos administrativos deste procedemento serán notificados a través do citado enderezo. Excepcionalmente, se a instrución do procedemento o aconsella, o órgano competente poderá substituír esta publicación no DOG e na web pola notificación individualizada de conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 30/1992.
A súa presentación seguirá o seguinte prodecemento:
-As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través da instancia de solicitude normalizada co IDE (anexo I), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño de acceso dos cidadáns ao servizos públicos e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.
Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel no rexistro xeral dos servizos centrais do Igape, nas oficinas territoriais do Igape ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando a instancia de solicitude normalizada (anexo I) co IDE, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, acompañada da documentación establecida no artigo 8.5, en orixinal ou copia cotexada.
Para achegar, xunto coa instancia de solicitude, os documentos en formato electrónico, o solicitante deberá previamente dixitalizar os documentos orixinais e obter arquivos en formato PDF. A aplicación informática permitirá anexar estes arquivos en formato PDF sempre que cada arquivo individual non supere os 4 MB. No caso de que un documento PDF ocupe máis do dito tamaño, deberá xerarse con menor tamaño. Calquera outro formato de arquivo distinto do PDF non será aceptado pola aplicación informática nin será considerado como documentación presentada.
Os solicitantes por esta vía telemática deberán reunir os seguintes requisitos:
a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.
b) O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido tal e como especifica a Orde do 25 de novembro de 2004, da Consellería de Economía e Facenda, pola que se establecen as normas específicas sobre o uso da sinatura electrónica nas relacións por medios electrónicos, informáticos e telemáticos coa Consellería de Facenda e os seus organismos e entidades adscritas (DOG nº 239, do 10 de decembro). Os certificados de clase 2 CA emitidos pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda serán válidos para efectos de presentación de solicitudes. Se o certificado corresponde a unha persoa física, a súa representación acreditarase documentalmente ao longo da tramitación do expediente.
c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dunha soa persoa física. No caso de que deba ser asinada por máis dunha persoa (por exemplo solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada etc), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.
d) Unha vez asinada a instancia de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferidos estes ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.
e) No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo no que quedará constancia do feito da presentación.
f) Os interesados que cumpran os requisitos do punto b) anterior, tamén poderán empregar a vía telemática para a recepción de notificacións do Igape e para o envío de escritos ao órgano xestor da axuda. Para a recepción de notificacións será preceptivo que o solicitante teña indicado no formulario a súa preferencia polo emprego da notificación telemática neste procedemento de axudas. Neste caso o solicitante deberá acceder á web do Igape no enlace tramitación telemática, para recibir as notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor, e a sinatura electrónica dun xustificante de recepción das notificacións (xustificante de recepción telemático). Os efectos destas notificacións serán os establecidos na Lei 11/2007, do 22 de xuño (BOE nº 150, do 23 de xuño).
Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico: Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo , indicando os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico no que desexan recibir o xustificante. As modificacións da solicitude inicial deberán ser presentadas utilizando a aplicación informática para xerar un formulario modificado cuxo IDE será de obrigatoria inclusión no escrito de comunicación ao Igape das ditas aclaracións.

O prazo de presentación de solicitudes finaliza o 18 de setembro de 2013. Máis información en http://www.xunta.es/dog/Publicados/2013/20130819/AnuncioO92-300713-0001_gl.html

 

Oficina Municipal de Desenvolvemento Local

Praza do Concello, 1 1º

Tlnos. 988.41.00.00 988.41.00.01

Móbil 608.520122 609.152208

Fax. 988.41.19.00

Correo Electrónico: adl@verin.net


?>