Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Ofic. Virtual Desenvolvemento Local Subvencións para promover o autoemprego das persoas emigrantes retornadas
Subvencións para promover o autoemprego das persoas emigrantes retornadas PDF Imprimir Correo-e
Mércores, 28 Agosto 2013 08:59

Desde Desenvolvemento Local do Concello de Verín infórmase da publicación da resolución do 20 de agosto de 2013, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para promover o autoemprego e a actividade emprendedora das persoas emigrantes retornadas e dos seus familiares na Comunidade Autónoma galega, e se convocan para o ano 2013.


As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto promover o retorno das persoas emigrantes e dos seus familiares a través do fomento do autoemprego e a actividade emprendedora das persoas emigrantes retornadas e dos seus familiares na Comunidade Autónoma galega, subvencionando os gastos iniciais que leva consigo o seu establecemento como traballadores/as autónomos/as ou por conta propia, ou como socios/as traballadores/as de sociedades laborais ou cooperativas de traballo asociado.

Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias destas subvencións as seguintes persoas:
- As persoas galegas e nacidas en Galicia que residindo fóra de España retornen á Comunidade Autónoma galega.
- Os cónxuxes ou persoas con unión análoga á conxugal e fillos/as, das persoas galegas e nacidas en Galicia con residencia no estranxeiro, que residindo fóra de España se establezan na Comunidade Autónoma de Galicia.
Para os efectos do establecido neste punto, terá a condición de parella de feito a que figure inscrita como tal no correspondente Rexistro de Parellas de Feito de Galicia regulado polo Decreto 248/2007, do 20 de decembro.

Requisitos
- Requisitos comúns.
Todas as persoas solicitantes deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Acreditar a condición de persoa beneficiaria de acordo co disposto no artigo 2 destas bases.
b) Estar en posesión da nacionalidade española antes do retorno a España.
c) Non ter transcorrido máis de dous anos entre a data do seu retorno a España e a data da súa alta na Seguridade Social ou utualidade do colexio profesional.
d) Residir e exercer a súa actividade laboral ou profesional na Comunidade Autónoma de Galicia.
e) Non incorrer en ningunha das circunstancias e prohibicións para obter a condición de beneficiario de subvencións enumeradas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
- Requisitos específicos.
Ademais dos requisitos comúns, as persoas solicitantes deberán cumprir os seguintes requisitos, segundo se trate de traballadores/as autónomos/as ou por conta propia ou socios/as traballadores/as de sociedades laborais ou de cooperativas de traballo asociado.
1. Traballadores/as autónomos/as ou por conta propia:
a) Ser titular ou copartícipe dun negocio ou explotación ou formar parte dunha sociedade civil ou comunidade de bens de nova creación.
b) Terse dado de alta no réxime correspondente da Seguridade Social ou mutualidade do colexio profesional que corresponda, no período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 15 de novembro de 2013.
2. Socios/as traballadores/as de sociedades laborais ou cooperativas de traballo asociado:
a) As entidades deberán estar legalmente constituídas e/ou inscritas no Rexistro Administrativo de Sociedades Laborais de Galicia ou no Rexistro de Cooperativas de Galicia.
b) Afiliación da entidade na Seguridade Social e de cada unha das súas persoas traballadoras no período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 15 de novembro de 2013.
c) Ao menos un/unha dos/as socios/as traballadores/as deberá ter a condición de persoa beneficiaria de acordo co disposto no artigo 2 destas bases.

Gastos subvencionables
Serán gastos subvencionables os gastos de primeiro establecemento tales como gastos de notario e rexistro, taxas, licenzas administrativas, material de oficina non inventariable e honorarios profesionais xerados no período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2013 e a finalización do prazo de xustificación recollido nesta resolución. Quedan excluídos do ámbito de aplicación destas bases os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación.
Para estes efectos, considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do referido prazo de xustificación.

Contía máxima da subvención e concorrencia de axudas
- O importe da subvención concedida será dun 80 % do gasto subvencionable segundo o orzamento presentado, ata unha contía máxima de 3.000 euros, para o caso de traballadores/as autónomos/as ou por conta propia e de 5.000 euros, para o caso de sociedades laborais ou cooperativas de traballo asociado.
As ditas contías máximas incrementaranse en 1.000 euros máis cando a persoa solicitante teña 39 ou menos anos.
- A obtención desta axuda é compatible con outras para o mesmo fin, sen que en ningún caso, o seu importe poida ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo da actividade.

Lugar e prazo de presentación de solicitudes

As solicitudes poderán presentarse por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido no artigo 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e no artigo 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.
Alternativamente, as solicitudes tamén poderán presentarse en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.  En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de Correos na primeira folla do formulario, para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria. O prazo de presentación das solicitudes finaliza o 15 de novembro de 2013.

Documentación
- Documentación xeral para todas as persoas solicitantes:
Xunto coa solicitude, presentada segundo o modelo normalizado recollido no anexo II desta resolución, as persoas solicitantes deberán achegar a seguinte documentación:
a) NIF da persoa solicitante no caso de non prestar o seu consentimento expreso para que a Secretaría Xeral da Emigración comprobe, por medio de acceso electrónico, a verificación dos seus datos de identidade, segundo o modelo que consta na propia solicitude.
b) Documentos xustificativos da condición de persoa beneficiaria do/a solicitante segundo o establecido no artigo 2 e, ademais, no caso de alegar algunha relación de parentesco das sinaladas no devandito artigo, acreditación documental do vínculo do/a solicitante.
c) Certificado de empadroamento expedido polo concello en que resida a persoa solicitante no caso de non prestar o seu consentimento expreso para que a Secretaría Xeral da Emigración comprobe, por medio de acceso electrónico, a verificación dos seus datos de residencia, segundo o modelo que consta na propia solicitude.
d) Certificado de persoa emigrante retornada, expedido polas delegacións ou subdelegacións do Goberno, baixa consular ou calquera outra documentación oficial que acredite a data de retorno a España.
e) Alta no réxime de Seguridade Social ou na mutualidade do colexio profesional que corresponda ou, no caso das sociedades laborais ou cooperativas de traballo asociado, afiliación da entidade na Seguridade Social e de cada unha das súas persoas traballadoras.
f) Alta no imposto de actividades económicas ou, se é o caso, alta no censo de obrigados tributarios no Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.
g) Memoria explicativa do proxecto empresarial e orzamento detallado dos gastos subvencionables de conformidade co disposto no artigo 4.
h) Datos bancarios (incluídos no modelo de solicitude).
i) Declaración comprensiva do conxunto de todas as subvencións solicitadas ou concedidas, para a mesma actividade, polas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, ou, se é o caso, unha declaración de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións, segundo o modelo normalizado que figura como anexo III desta resolución.
j) Declaración de non incorrer en prohibición para obter a condición de persoa beneficiaria segundo o modelo normalizado que figura como anexo III desta resolución.
k) No suposto de que a persoa solicitante denegase expresamente a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, deberá achegar documentación acreditativa de se encontraren ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e de que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración da Comunidade Autónoma.
- Cando a persoa solicitante sexa membro dunha sociedade civil ou comunidade de bens deberá achegar, ademais, contrato privado ou escritura pública de constitución da sociedade civil ou comunidade de bens.
- Cando a persoa solicitante sexa socia traballadora dunha sociedade laboral ou cooperativa de traballo asociado deberá achegar, ademais:
a) NIF da entidade.
b) Certificado de inscrición da entidade no Rexistro de Sociedades Laborais de Galicia ou no Rexistro de Cooperativas de Galicia.
c) Certificado do representante legal da entidade acreditativo da condición de socia traballadora da persoa solicitante e de que conta con autorización para presentar a solicitude en representación da entidade.
- Cando os documentos achegados ao expediente polas persoas solicitantes estean nun idioma distinto do galego ou do castelán, deberase presentar tradución deles en calquera destes idiomas.

Para máis información deben dirixirse á oficina de Desenvolvemento Local, situada no primeiro piso do Concello de Verín ou no teléfono 988-410000.

 

Oficina Municipal de Desenvolvemento Local

Praza do Concello, 1 1º

Tlnos. 988.41.00.00 988.41.00.01

Móbil 608.520122 609.152208

Fax. 988.41.19.00

Correo Electrónico: adl@verin.net


?>