Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Ofic. Virtual Desenvolvemento Local Axudas do programa Conecta Peme
Axudas do programa Conecta Peme PDF Imprimir Correo-e
Xoves, 05 Setembro 2013 18:08

Desde Desenvolvemento Local do Concello de Verín infórmase da publicación da resolución  do 3 de setembro de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas do programa Conecta peme para fomentar a cooperación público-privada a través de proxectos de investigación e desenvolvemento en cooperación entre pemes en áreas estratéxicas para a Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, e procédese á súa convocatoria para o ano 2013 (código de procedemento IN852A).

Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión das axudas da Axencia Galega de Innovación do Programa Conecta peme para fomentar a agrupación empresarial a través de proxectos de investigación e desenvolvemento (I+D) de pemes en áreas estratéxicas para a Comunidade Autónoma de Galicia. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as devanditas axudas para o ano 2013 en réxime de concorrencia competitiva (código procedemento IN852A), axustándose as axudas concedidas no marco da presente resolución ao establecido no Regulamento (CE) nº 800/2008 da Comisión, do 6 de agosto de 2008, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías), publicado no Diario Oficial de la Unión Europea L214, do 9 de agosto de 2008.

Actividades subvencionables
- Son actividades subvencionables a investigación industrial e o desenvolvemento experimental. Para os efectos desta resolución entenderase por investigación industrial e desenvolvemento experimental as definicións contidas no artigo 30 do Regulamento (CE) nº 800/2008 da Comisión Europea:
a) Investigación industrial: investigación planificada ou estudos críticos cuxo obxecto é a adquisición de novos coñecementos e técnicas que poidan resultar de utilidade para a creación de novos produtos, procesos ou servizos, ou contribuír a mellorar considerablemente os produtos, procesos ou servizos existentes. Inclúe a creación de compoñentes de sistemas complexos que sexan necesarios para investigación industrial, especialmente a validación de tecnoloxía xenérica, salvo os prototipos.
b) Desenvolvemento experimental: a adquisición, combinación, configuración e emprego de coñecementos e técnicas xa existentes, de índole científica, tecnolóxica, empresarial ou doutro tipo, con vistas á elaboración de plans e estruturas ou deseños de produtos, procesos ou servizos novos, modificados ou mellorados. Poderá incluír, por exemplo, outras actividades de definición conceptual, planificación e documentación de novos produtos, procesos e servizos. Entre as actividades poderá figurar a elaboración de proxectos, deseños, plans e demais tipos de documentación sempre e cando non vaia destinada a usos comerciais.
Son tamén subvencionables a produción e ensaio experimentais de produtos, procesos e servizos, sempre e cando non poidan utilizarse ou transformarse para o seu uso en aplicacións industriais ou para fins comerciais. O desenvolvemento experimental non inclúe as modificacións habituais ou periódicas efectuadas en produtos, liñas de produción, procesos de fabricación, servizos existentes e outras operacións en curso, aínda cando as ditas modificacións poidan representar melloras deles.
- Para os efectos desta resolución, non se entenderá incluído o desenvolvemento de prototipos e proxectos piloto que poidan utilizarse para usos comerciais baixo a definición de desenvolvemento experimental, senón só os destinados para efectos de demostración e validación.

Condicións dos proxectos
- Os proxectos poderán abordar calquera área estratéxica para a Comunidade Autónoma de Galicia de acordo coa definición destas áreas que se realiza no artigo 2 desta resolución.
- Os proxectos de I+D subvencionables ao abeiro desta convocatoria deberán realizarse sempre en cooperación entre pemes e ter un orzamento financiable mínimo de 600.000 euros dividido nas distintas actividades que vaia realizar cada un dos integrantes da agrupación. Exixirase unha participación mínima por socio de 75.000 euros e a repartición da participación de cada empresa deberá ser equilibrada, e en ningún caso a participación dunha única empresa (ou grupo de empresas vinculadas ou asociadas) superará o 65 % do orzamento subvencionable total do proxecto.
- Só se financiarán as actividades do proxecto desenvolvidas na Comunidade Autónoma galega. Todos os socios da agrupación deberán levar a cabo as súas actividades en Galicia, de xeito que deberán ter na comunidade o seu domicilio social ou algún centro de traballo onde realicen as actividades susceptibles de obter axuda. De non teren este centro de traballo no momento de presentar a súa solicitude deberán achegar declaración da entidade solicitante que acredite que se establecerá en Galicia antes de iniciarse o proxecto. O cumprimento deste requisito deberá poder comprobarse antes da resolución da axuda, na fase de emenda da solicitude do artigo 17 como prazo máximo, de xeito que só poderán ser beneficiarias aquelas entidades que poidan demostrar, antes dese momento, que contan cun centro de traballo en Galicia onde desenvolverán o proxecto financiado.
Poderán incluírse empresas que desenvolvan as súas actividades fóra e valorarase a súa contribución ao desenvolvemento do proxecto, pero non recibirán ningún tipo de financiamento e a súa participación non contará de cara ao cumprimento dos requisitos mínimos exixidos: composición da agrupación, orzamento do proxecto e porcentaxe subcontratada a organismos de investigación.
Existe ademais unha limitación na subcontratación de organismos de investigación que realicen actividades do proxecto fóra de Galicia, e soamente se admitirán cando sexa imprescindible e non exista ningún organismo na comunidade coa capacidade necesaria para levalas a cabo. En todo caso, a participación destes organismos non poderá superar a terceira parte do importe total do proxecto subcontratado a organismos de investigación. Exceptúanse desta limitación aqueles centros singulares de estatuto internacional.
- De acordo co artigo 8 do Regulamento 800/2008 xeral de exención de categorías, as axudas deberán ter un efecto incentivador sobre a actividade obxecto da axuda, de xeito que a data de inicio das actividades do proxecto debe ser posterior á data de presentación da solicitude. A súa duración máxima será ata o 30 de xuño de 2015.

Requisitos dos beneficiarios
- Poderán ser beneficiarios destas axudas as agrupacións de empresas formada por pemes, segundo a definición do anexo I do Regulamento (CE) nº 800/2008, validamente constituídas, que presenten un proxecto en cooperación entre elas e que deberán formar unha agrupación sen personalidade xurídica que se rexerá, ao abeiro do artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, polo acordo que as regule.
- As agrupacións deberán estar constituídas, como mínimo, por tres empresas independentes entre si, todas elas pemes. O número máximo de empresas dunha mesma agrupación será de seis, debendo ser o tamaño da agrupación o necesario para garantir unha xestión eficaz del.
- Unha das pemes da agrupación actuará como coordinadora ou representante do proxecto e será a encargada de presentar a solicitude da axuda e canalizar a relación do resto de participantes coa Administración ata a fase de concesión, así como na xustificación da realización do proxecto. A misión da entidade coordinadora ou representante será, polo tanto, a de impulsar o proxecto en todas as súas fases, sendo compromiso de todos os participantes o cumprimento dos obxectivos do proxecto. As entidades participantes da agrupación responderán solidariamente da obriga de reintegro en relación coas actividades subvencionadas.
- Todas as entidades que forman parte da agrupación e que obteñan axuda terán a condición de beneficiarias e deberán cumprir as súas obrigas como tales. Tanto na solicitude coma na resolución de concesión deberán constar os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles. A concesión e o pagamento da axuda efectuarase a cada unha das entidades participantes, en proporción á parte dos gastos que lle corresponda realizar no proxecto.
- No caso en que na agrupación non exista ningunha pequena empresa, e sexan polo tanto todas medianas, será necesario que como mínimo unha pequena sexa subcontratada por calquera das empresas da agrupación para desenvolver tarefas/actividades de I+D dentro do proxecto.
- O acordo polo cal se rexerán as agrupacións deberá recoller como mínimo:
* A distribución de actividades do proxecto entre os socios e o seu orzamento.
* A xestión da agrupación e un plan de continxencias ante posibles dificultades.
* Acordos de confidencialidade entre os socios e da xestión da propiedade industrial e intelectual, así como da explotación dos resultados acadados no proxecto.
- Será tamén necesario que no proxecto participe, de xeito relevante, un organismo de investigación que deberá ser subcontratado por unha ou varias empresas da agrupación. A participación de todos os organismos de investigación que se subcontraten ten que ser significativa, debendo contar cunha participación mínima do 15 % do total do orzamento financiable do proxecto e máxima do 25 %. Tal e como se recolle no artigo 30 do Regulamento (CE) nº 800/2008, considéranse organismos de investigación as entidades, con independencia da súa condición xurídica (pública ou privada) ou forma de financiamento, cuxo principal obxectivo sexa realizar investigación fundamental, investigación industrial ou desenvolvemento experimental e difundir os seus resultados mediante o ensino, a publicación ou a transferencia de tecnoloxía. Neles todos os beneficios se reinvestirán nesas actividades, a divulgación dos seus resultados ou o ensino. Ademais, as empresas que poidan exercer influencia nas ditas entidades (por exemplo accionistas ou membros) non gozarán de acceso preferente ás capacidades de investigación da entidade nin aos resultados de investigación que xere. Así, no marco desta resolución consideraranse organismos de investigación os centros públicos de investigación, as universidades, os centros tecnolóxicos, de apoio á innovación tecnolóxica e os centros de investigación e desenvolvemento de titularidade privada sen ánimo de lucro con capacidade para executar actividades de I+D.
- Non poderán acceder á condición de beneficiarios as agrupacións en que concorra algunha das prohibicións recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en calquera dos seus membros, nin tampouco as empresas en crise conforme o disposto no artigo 1.7 do Regulamento (CE) nº 800/2008 da Comisión, do 6 de agosto, nin aquelas que están suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión Europea que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

Conceptos subvencionables
Terán a consideración de gastos subvencionables aqueles que respondan á natureza da actividade subvencionada e resulten estritamente necesarios para o desenvolvemento do proxecto para o que foron concedidos. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado e deberán cumprir os requisitos da Orde EHA/524/2008, do Ministerio de Economía e Facenda, do 26 de febreiro, pola que se aproban os gastos subvencionables dos programas operativos do Feder e do Fondo de Cohesión.
Para a anualidade de 2013, só se admitirán aqueles gastos que fosen realizados dentro do período comprendido entre a data de presentación da solicitude de subvención e a data límite de xustificación establecida no artigo 27 desta resolución (31 de decembro de 2013). Para o resto de anualidades, admitiranse os gastos realizados dentro do período comprendido entre a data límite de xustificación da anualidade anterior e a data límite de xustificación da anualidade corrente.
Os custos subvencionables desagregaranse nas seguintes partidas orzamentarias:
a) Custos de persoal (investigadores, técnicos e demais persoal auxiliar), sempre e cando o tempo imputado estea exclusivamente dedicado ao desenvolvemento das actividades de I+D do plan de traballo do proxecto.
Serán subvencionables os custos de persoal directivo e xerencial cunha dedicación máxima ao proxecto do 70 %, debendo ademais xustificala mediante a presentación dunha memoria detallada sobre as funcións que desenvolve no proxecto.
Dentro dos custos de persoal poderá incluírse persoal de nova contratación que contrate a empresa para a realización do proxecto con carácter exclusivo para el. Na solicitude deberá figurar o perfil requirido para a persoa que se vaia contratar, e non se admitirán contratacións en grupos de cotización inferiores ás titulacións/categorías profesionais indicadas na solicitude, nin tampouco contratacións a tempo parcial.
O grupo de cotización e o posto de traballo que desempeñe na empresa cada traballador incluído no proxecto debe corresponderse coa titulación e as actividades asignadas na solicitude. No anexo XI establécense os custos máximos por grupo de cotización que se terán en conta á hora de calcular os custos subvencionables de cada persoa do equipo investigador, sendo necesario que a titulación/categoría profesional indicada no proxecto e o grupo de cotización polo que estea contratado sexan coherentes.
Non se considerarán subvencionables:
- Os gastos relacionados co persoal que non teña relación contractual laboral coa empresa beneficiaria da subvención e con aqueles traballadores que non estean dados de alta nun centro de traballo da Comunidade Autónoma de Galicia onde se desenvolva o proxecto.
- Os conceptos incluídos na retribución bruta recibida polo traballador que non garden relación coa actividade subvencionada.
- Os custos de persoal administrativo relacionados con tarefas de xestión do proxecto e que poderán ser solicitados, exclusivamente polo representante/coordinador do proxecto, pero dentro do concepto de custos de xestión.
Calquera modificación no cadro de persoal asignado ao proxecto deberá ser solicitada, xustificada e aprobada pola Axencia Galega de Innovación previamente á súa realización, e non se admitirán, en ningún caso, cambios con data anterior á entrada en rexistro da solicitude de modificación do cadro de persoal.
As posibles baixas dos membros do persoal durante a realización do proxecto que non sexan substituídas, logo de solicitude e aceptación por parte da Axencia Galega de Innovación da correspondente modificación, comportarán unha redución no custo concedido para eses traballadores que será proporcional ao período de baixa.
b) Custos de equipamento e material instrumental de nova adquisición, na medida e durante o período en que se utilice para o proxecto. Se non se utiliza exclusivamente para o proxecto de I+D, so serán subvencionables os custos de amortización que correspondan á duración do proxecto, calculados sobre a base das boas prácticas contables.
Non é posible que o equipamento e material inventariable que se inclúa no proxecto se cofinancie con outras axudas
No caso de adquisición de bens de equipamento cun custo superior aos 18.000 euros será necesario presentar tres ofertas nos termos recollidos no artigo 27 desta resolución.
As licenzas e renovacións de licenzas de software atópanse dentro da categoría de material inventariable e considéranse gastos subvencionables se son de uso específico para o proxecto e non de uso xeral.
Admitiranse gastos de leasing, sempre que cumpran os seguintes requisitos:
• Deberá existir un compromiso oficial por escrito de adquisición do activo ao remate do contrato de leasing.
• Soamente serán subvencionables os custos na medida e durante o período que se dediquen ao proxecto.
• As cotas de arrendamento deberán comezar posteriormente á data da presentación da solicitude da subvención, e só se poden imputar as cotas pagadas dentro do período de xustificación de cada anualidade.
c) Custos de investigación contractual, coñecementos técnicos e adquisición de patentes, así como os custos de consultoría e servizos equivalentes destinados de maneira exclusiva á actividade de investigación. Dentro destes custos diferenciaranse:
- Subcontratacións con organismos de investigación ou outras empresas precisas para o proxecto cando as actuacións contratadas a terceiros supoñan a execución total ou parcial da actividade que constitúe o obxecto do proxecto. As subcontratacións deberán estar debidamente pormenorizadas e xustificadas e estarán sometidas ao cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 10 desta resolución.
O custo da subcontratación poderá incluír os conceptos que a continuación se indican:
- Persoal propio e de nova contratación que contrate a entidade para a realización do proxecto con carácter exclusivo para el.
- Custos de equipamento e material instrumental de nova adquisición, na medida e durante o período en que se utilice para o proxecto. Se non se utiliza exclusivamente para o proxecto de I+D, so serán subvencionables os custos de amortización que correspondan á duración do proxecto calculados sobre a base das boas prácticas contables.
- Custos de consultoría e servizos equivalentes destinados de maneira exclusiva á actividade de investigación, así como custos de coñecementos técnicos e adquisición de patentes que non sexan subcontratacións.
- Custos de materiais, subministracións e produtos similares que deriven directamente da actividade de investigación.
Cada un destes conceptos deberá respectar os mesmos requisitos que se lle exixen a cada socio do proxecto para cada un destes tipos de custos.
- Custos de consultoría, asistencia técnica e servizos equivalentes necesarios para a realización do proxecto e que estean destinados de maneira exclusiva á actividades de investigación. A actividade que se vai realizar non pode formar parte do propio proxecto, é dicir, deberán ser actividades que se presten de forma puntual para que o proxecto poida ser desenvolvido, tales como análises e ensaios de laboratorio, enxeñaría para a montaxe e operación ou estudos e actividades complementarias.
- Custos de adquisición de patentes adquiridas ou obtidas por licenza de fontes externas a prezos de mercado, sempre e cando a operación se realizase en condicións de plena competencia e sen elemento ningún de colusión.
d) Outros custos de funcionamento que deriven directamente da actividade de investigación e nos cales se incluirían:
- Custos de material, subministracións e produtos similares. Non son financiables os materiais de oficina e consumibles informáticos.
- Custos de xestión do coordinador/representante do proxecto, entendendo como tales os derivados da coordinación da agrupación, elaboración de informes das actividades de investigación, así como as xustificacións e o labor de interlocución coa Axencia Galega de Innovación.
Poderán formar parte destes custos os gastos de persoal propio do representante/coordinador da agrupación encargado destas tarefas, así como custos de asesorías externas cando a xestión administrativa do proxecto se externalice. Aínda que se opte por esta segunda opción, a responsabilidade e a interlocución da agrupación coa Axencia Galega de Innovación sempre lle corresponderá á empresa representante, sen que poida delegarse.

Subcontratación
- Será de aplicación o disposto nos artigos 27 da Lei 9/2007 e 43 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007 (en diante, Decreto 11/2009).
- Enténdese por subcontratación cando o beneficiario concerta con terceiros a execución total ou parcial da actividade que constitúa o obxecto da subvención.
- Unha empresa integrante dunha agrupación non poderá ser, ao tempo, subcontratada por outra empresa integrante da mesma agrupación.
- Os beneficiarios das axudas reguladas nesta resolución de convocatoria poderán subcontratar, como máximo, ata o 50 % do importe da actividade subvencionada, tendo que subcontratar aos organismos de investigación un mínimo do 15 % do importe total subvencionable do proxecto e un máximo do 25 %.
- Cando a actividade subcontratada exceda o 20 % do importe da axuda no caso de cada socio e o dito importe sexa superior a 60.000 euros, estará sometida ao cumprimento dos seguintes requisitos:
a) Deberá subscribirse un contrato entre ambas as partes.
b) Que a súa subscrición sexa autorizada previamente pola Axencia Galega de Innovación, logo da solicitude por parte do beneficiario da subvención, entendéndose aprobada cando o beneficiario reciba a resolución de concesión se nela non se determina nada en contra.
Non poderá fraccionarse un contrato co obxecto de diminuír a súa contía e eludir o cumprimento dos requisitos exixidos no parágrafo anterior.
- No caso de subcontratación de organismos de investigación deberán sempre cumprirse os requisitos indicados no punto 5 anterior independentemente da súa contía, debendo ademais recoller o contrato como mínimo os seguintes aspectos: obxectivos do contrato, data inicio e duración total, orzamento total e desagregación por anualidades, así como o acordo sobre a propiedade dos resultados. O contrato deberá tamén contar cun anexo onde se recolla a descrición das actividades que vai realizar o organismo de investigación, identificando os investigadores principais e a desagregación do orzamento nos distintos conceptos (equipos, persoal, material e outros custos) indicando as horas de dedicación do persoal investigador.
- Cando na agrupación non exista ningunha pequena empresa, polo que entón deberá ser subcontratada, tamén é necesario que se subscriba o oportuno contrato en que se detallen as tarefas que vai desenvolver dentro do proxecto a pequena empresa, independentemente da contía subcontratada.
- En ningún caso o beneficiario poderá subcontratar con:
a) Persoas ou entidades incursas nalgunha das prohibicións que se recollen no artigo 10 da Lei 9/2007.
b) Persoas ou entidades que percibisen outras subvencións para a realización da actividade obxecto da contratación.
c) Intermediarios ou asesores en que os pagamentos se definan como unha porcentaxe do custo total da operación, agás que o dito pagamento estea xustificado con referencia ao valor de mercado do traballo realizado ou dos servizos prestados.
d) Persoas ou entidades solicitantes de axuda na mesma convocatoria e programa que non obtivesen subvención por non reunir os requisitos ou non alcanzar a valoración suficiente.
e) Persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias detalladas no artigo 43.2 do Decreto 11/2009, sen prexuízo da excepción regulada no artigo 11 desta resolución en relación coas empresas vinculadas.
- En calquera caso, para os efectos do custo da subcontratación terase en conta o previsto no artigo 9.c) desta resolución.

Participación de empresas vinculadas
Cando nun proxecto interveñan empresas vinculadas consonte a definición que destas empresas se realiza no artigo 2 desta resolución, deberán facelo como membros da agrupación, non como entidades subcontratadas.  Excepcionalmente, en aplicación do artigo 27.7 da Lei de subvencións de Galicia, a Axencia Galega de Innovación poderá autorizar a subcontratación de empresas vinculadas a unha entidade beneficiaria cando sexa imprescindible para a execución do proxecto, sempre que se realice de acordo coas condicións normais do mercado e sempre que se produza unha imposibilidade material para que a entidade que se vaia subcontratar poida ser membro da agrupación.

Solicitudes
1. Entregarase unha única solicitude por proxecto que deberá ser presentada pola empresa representante/coordinadora de cada agrupación e na cal estará integrada a información de todos os socios da agrupación.
Os datos de contacto que figuren nas solicitudes (enderezo postal, enderezo electrónico, teléfono e fax) consideraranse os únicos válidos para os efectos de notificacións. Serán responsabilidade exclusiva do coordinador ou representante tanto os erros na súa consignación como a comunicación á Axencia Galega de Innovación de calquera cambio que se producise neles.
2. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de conformidade co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia, que deberá corresponder ao representante legal ou apoderado da empresa representante da agrupación solicitante da axuda.
Ademais dos formularios normalizados será necesario achegar á aplicación a memoria en formato PDF (máximo 3MB) e acompañala do resto de documentación necesaria (que se indica no punto 4 deste mesmo artigo).
3. De conformidade co artigo 35.2 da Lei 11/2007, os interesados deberán achegar copias dixitalizadas dos documentos que se lles requiren, e a persoa que asina a solicitude responsabilízase e garante a fidelidade dos ditos documentos co orixinal mediante o emprego da súa sinatura electrónica. Para achegar os documentos en formato electrónico, o solicitante deberá previamente dixitalizar os orixinais e obter arquivos en formato PDF. No caso de que algún dos documentos que vai presentar a persoa solicitante, de forma electrónica, superase os tamaños límite establecidos pola sede electrónica (20 MB), permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.
Na sede electrónica encóntranse publicados os formatos admitidos para a presentación de documentación. Se o solicitante desexa presentar calquera documentación en formatos non admitidos, poderá realizalo de forma presencial a través de calquera dos rexistros habilitados. A persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.
A Administración pública poderá solicitar do correspondente arquivo ou rexistro o cotexo do contido das copias dixitalizadas presentadas. Ante a imposibilidade deste cotexo e con carácter excepcional, poderá requirir ao particular a exhibición do documento ou da información orixinal. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos.
4. Xunto coa solicitude presentada polo representante/coordinador do proxecto deberá achegarse na sede electrónica da Xunta de Galicia un exemplar da seguinte documentación que a continuación se relaciona. Distinguirase documentación xurídico-administrativa e documentación técnica.
4.1. Documentación xurídico-administrativa.
a) Acordo da agrupación. Neste documento deben establecerse os dereitos e obrigas que asume cada socio da agrupación e terá que incluír, polo menos, a seguinte información:
- A distribución de actividades do proxecto entre os socios e o seu orzamento.
- A xestión da agrupación e un plan de continxencias ante posibles dificultades.
- Acordos de confidencialidade entre os socios e da xestión da propiedade industrial e intelectual, así como da explotación dos resultados acadados no proxecto.
b) Contratos subscritos cos organismos de investigación polas diferentes empresas da agrupación asinados polos representantes legais das partes contratantes e que deberán recoller, polo menos, tal e como se indica no anterior artigo 10.6, os seguinte puntos: obxectivos do contrato, data inicio e duración total, orzamento total e desagregación por anualidades, así como o acordo sobre a propiedade dos resultados. O contrato deberá contar tamén cun anexo onde se recolla a descrición das actividades que vaia realizar o organismo de investigación, identificando os investigadores principais e a desagregación do orzamento nos distintos conceptos (equipos, persoal, material e outros custos) indicando as horas de dedicación do persoal investigador. Este documento deberá presentarse sempre, independentemente do importe da axuda subcontratada.
c) Contratos subscritos con empresas sempre que a súa subcontratación exceda o 20 % do importe da axuda no caso de cada socio e o dito importe sexa superior a 60.000 euros.
d) Se na agrupación non existe ningunha pequena empresa e esta debe ser subcontrada por algún dos membros da agrupación para cumprir os requisitos desta convocatoria, será necesario que se entregue, independentemente da cantidade subcontratada, o contrato subscrito con ela en que se detallen as tarefas que desenvolverá dentro do proxecto.
e) Declaracións de conformidade de participación no proxecto asinadas polos representantes legais de cada unha das pemes da agrupación, outorgando ao coordinador/representante do proxecto a autorización para presentar a solicitude de axuda no seu nome e canalizar a súa relación coa Administración ata a fase de concesión e tamén na posterior xustificación da realización do proxecto.
f) Declaración asinada polo representante legal de cada socio do proxecto do conxunto das axudas solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade e tamén aquelas solicitadas ou concedidas para os mesmos custos aínda que a súa finalidade fose diferente, de todas as administracións públicas, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, utilizando o modelo publicado na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.es).
De ser o caso, deberá achegarse unha copia simple da resolución de concesión desoutras axudas.
g) Declaración asinada polo representante legal de cada socio do proxecto de estar ao día de pagamentos de obrigas por reintegros de subvencións e de reembolso de préstamos ou anticipos concedidos anteriormente con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.
h) Declaración asinada polo representante legal de cada socio do proxecto de non estar incurso en ningunha das prohibicións para a obtención de subvencións recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007. Deberase comunicar calquera variación das circunstancias recollidas na dita declaración no momento en que se produza.
i) Declaración asinada polo representante legal de cada socio do proxecto de non estar suxeito a unha resolución de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión Europea que declarara unha axuda ao beneficiario ilegal e incompatible co mercado común, nin estar en crise conforme o disposto no artigo 1, números 6 e 7, do Regulamento (CE) nº 800/2008 da Comisión, do 6 de agosto de 2008.
k) Declaración asinada polo representante legal de cada socio do proxecto de que a solicitude da axuda é anterior ao comezo do proxecto obxecto da axuda (efecto incentivador).
l) Declaración asinada polo representante legal de cada socio do proxecto do tipo e categoría da empresa.
m) Declaración asinada polo representante legal de cada socio do proxecto en relación co/s lugar/es de desenvolvemento do proxecto.
n) Declaración asinada polo representante legal de cada socio do proxecto acerca da veracidade da titularidade da conta bancaria consignando o código do banco, código da sucursal, díxito de control e código da conta corrente no formulario normalizado de solicitude.
ñ) Declaración asinada por todos os representantes legais dos membros da agrupación sobre a utilización comercial de prototipos ou proxectos piloto.
o) Declaración asinada polo representante legal de cada socio do proxecto da veracidade de todos os datos da solicitude respecto á súa entidade, incluídos os datos económicos.
p) A tramitación do procedemento require a incorporación de datos ou documentos coa finalidade de acreditar a identidade da persoa solicitante. Polo tanto, o modelo de solicitude normalizado incluirá unha autorización expresa ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos achegados no procedemento administrativo. No caso de que a persoa interesada non autorice o órgano xestor para realizar esta operación, estará obrigada a achegar:
- DNI da persoa ou persoas que asinan a solicitude. Os estranxeiros residentes presentarán o NIE.
- Copia do NIF en vigor da entidade que representa a agrupación e que solicita a axuda.
Esta verificación farase para todos os membros da agrupación, non só para o coordinador ou representante.
q) De conformidade co artigo 20.3 da Lei 9/2007, a presentación da solicitude de concesión da axuda comportará a autorización do solicitante ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia. Non obstante, poderá denegarse expresamente este consentimento, debendo presentar daquela, cada un dos integrantes da agrupación, os certificados acreditativos de atoparse ao día das súas obrigas tributarias estatais e coa Seguridade Social e que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.
r) Autorización á Axencia Galega de Innovación para que poida verificar a capacidade de representación en vigor no Rexistro Mercantil de cada un dos representantes legais de cada membro da agrupación, sempre que os representantes teñan plenos poderes de administración da entidade tales como: administración única, administración solidaria ou mancomunada, ou mesmo o cargo de conselleiro delegado. Para outros apoderados de entidades mercantís distintos dos anteriores, aínda que dispoñan de poderes xerais ou especiais inscritos nun rexistro mercantil, non poderá acreditarse a súa representación por esta vía dadas as características técnicas da consulta ao Rexistro Mercantil, tendo que achegarse escritura pública con verificación de suficiencia por letrado da Xunta de Galicia.
s) De acordo co disposto no artigo 35.f) da Lei 30/1992 e no artigo 20.3 da Lei 9/2007, non será necesaria a entrega da documentación que estea xa en poder da Administración actuante, sempre que se manteña vixente e se identifique nos formularios normalizados de solicitude a data e o órgano en que foi presentada ou, se é o caso, emitida, e non transcorresen máis de cinco anos dende a finalización do procedemento a que corresponda.
t) Nos casos de autorización á Axencia Galega de Innovación para a comprobación de certos datos segundo os puntos anteriores en que, por erros nos datos achegados polo propio solicitante, imposibilidade material de obter a documentación ou cando a información non fose válida, con erros ou inexistente, polo que non sexa posible verificar estes datos, a Axencia Galega de Innovación poderá requirirlle ao solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.
4.2. Documentación técnica.
a) Currículos en formato libre de todos os membros do equipo humano asignado ao proxecto por parte de cada socio do proxecto, incluíndo a certificación da súa titulación académica.
b) Memoria do proxecto segundo o índice recomendado que se inclúe como anexo X.
5. Sen prexuízo da documentación indicada no punto anterior, poderá requirirse do solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.
6. Para cubrir correctamente os formularios de solicitude disporase dun documento de preguntas frecuentes publicitado a través da páxina web da Axencia Galega de Innovación (www.gain.xunta.es) que deberán ser observado en todo momento. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información, poderán dirixirse á Axencia Galega de Innovación, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes finaliza o 04 de outubro de 2013.Poderase obter información adicional na Axencia Galega de Innovación a través dos seguintes medios: na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.es), na súa epígrafe de axudas, no enderezo electrónico Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo e nos teléfonos 981 54 39 93, 981 95 70 50, 981 54 39 87 e 981 95 73 03.

 

Oficina Municipal de Desenvolvemento Local

Praza do Concello, 1 1º

Tlnos. 988.41.00.00 988.41.00.01

Móbil 608.520122 609.152208

Fax. 988.41.19.00

Correo Electrónico: adl@verin.net


?>