Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Ofic. Virtual Desenvolvemento Local Convocatoria das axudas do Programa bonos de innovación
Convocatoria das axudas do Programa bonos de innovación PDF Imprimir Correo-e
Luns, 23 Setembro 2013 10:16

Desde Desenvolvemento Local do Concello de Verín infórmase da publicación da resolución do 16 de setembro de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das axudas do Programa bonos de innovación (códigos de procedemento IN851A e IN851B).

Esta orde ten por obxecto aprobar as bases do Programa bonos de innovación (incluídas nos anexos I e II), polas que se rexerá a concesión de incentivos en forma de bonos ás pemes galegas para a preparación de propostas a convocatorias nacionais e internacionais de I+D+i a través da contratación de axentes intermedios homologados para o dito servizo.
Segundo o ámbito de aplicación, diferenciaranse dous tipos de incentivos ou bonos:
- Bonos nacionais: para a preparación de propostas a convocatorias nacionais de proxectos de I+D+i en cooperación a través da contratación de axentes intermedios homologados pola Axencia Galega de Innovación para a prestación deste servizo. Para que estas propostas poidan ser apoiadas deberán ser seleccionadas para o seu financiamento polo organismo nacional a que se presentaron e non contar a dita convocatoria nacional co cofinanciamento autonómico.
- Bonos internacionais: para a preparación de propostas a convocatorias internacionais de I+D+i a través da contratación de axentes intermedios homologados pola Axencia Galega de Innovación para a prestación deste servizo. Neste caso, as propostas deberán obter unha boa valoración do organismo internacional a que se presentaron. Isto comprobarase a través da superación dos limiares de valoración establecidos na propia convocatoria internacional.
Atendendo a unha valoración do servizo prestado polo axente intermedio en función da súa dedicación, as contías dos bonos, fixadas na táboa I do anexo II, dependerán do tipo de proxecto que se preparou, do papel desenvolvido pola peme dentro do consorcio e do resultado obtido no programa de financiamento a que se presentou a proposta.

Solicitudes
- Tanto para a solicitude de bonos de innovación como para o recoñecemento como axente intermedio homologado do Programa, deberá presentarse unha solicitude axustada aos modelos normalizados que figuran como anexos (do III ao XI) desta orde, e que irán acompañados dos documentos que se especifican nos artigos correspondente dos anexos I e II.
- A solicitudes e os demais anexos que as acompañan poderanse obter, cubrir ou imprimir a través dos enderezos da internet https://sede.xunta.es ou http://gain.xunta.es da Xunta de Galicia.
A listaxe de axentes homologados en cada ámbito, nacional ou internacional, estará dispoñible na web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.es).

Lugar e prazo de presentación das solicitudes
As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.
Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (en diante Lei 30/1992) utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.
No caso de presentación electrónica:
- A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.
- No caso de que algún dos documentos que vai presentar a persoa solicitante, de forma electrónica, supere os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.
- Na sede electrónica encóntranse publicados os formatos admitidos para a presentación de documentación. Se o solicitante desexa presentar calquera documentación en formatos non admitidos, poderá realizalo de forma presencial a través de calquera dos rexistros habilitados. A persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.
- Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente do formulario principal, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.
O prazo para solicitar a homologación como axente intermedio e a correspondente adhesión ao Programa bonos de innovación comezará no día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e permanecerá aberto de forma indefinida mestres o Programa estea vixente (código IN851A, anexo I).
As solicitudes das pemes dos bonos para a preparación de propostas de proxectos de I+D+i nacionais e internacionais (código IN851B, anexo II), deberán presentarse dentro do prazo dun mes desde que se reciba a comunicación do organismo internacional que permita a comprobación da superación dos limiares de valoración fixados na convocatoria ou da comunicación da concesión da axuda no caso de programas nacionais e permanecerá aberto durante toda a vixencia do Programa. O axente intermedio seleccionado pola peme para a elaboración da súa proposta deberá estar homologado cando se inicie a prestación do servizo pero, de xeito excepcional, por un período de catro meses para permitir o acceso a estes incentivos, poderanse solicitar os bonos de innovación conxuntamente coa homologación do axente intermedio encargado da preparación da proposta, pero neste caso a concesión da axuda estará condicionada á obtención da homologación por parte do axente contratado pola peme.
Inicialmente a vixencia do Programa bonos de innovación está prevista ata o 31 de decembro de 2015, salvo que antes se produza o suposto de esgotamento de crédito previsto no artigo 5 das bases reguladoras (anexo II). Neste caso, informarase do peche adiantado do prazo de solicitude a través da páxina web da Axencia Galega de Innovación e no Diario Oficial de Galicia.

Información aos interesados
1. Poderase obter información adicional na Axencia Galega de Innovación, a través dos seguintes medios:
a) Páxina web oficial da Axencia (http://gain.xunta.es), na súa epígrafe de axudas.
b) Os teléfonos 981 54 39 93; 981 95 70 50; 981 54 39 87 e 981 95 73 03 da devandita axencia.
c) O enderezo electrónico Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo
d) Presencialmente.
2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outros procedementos, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia 012 (desde Galicia) e 902 12 00 12 (desde o resto do Estado).

 

Oficina Municipal de Desenvolvemento Local

Praza do Concello, 1 1º

Tlnos. 988.41.00.00 988.41.00.01

Móbil 608.520122 609.152208

Fax. 988.41.19.00

Correo Electrónico: adl@verin.net


?>