Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Ofic. Virtual Desenvolvemento Local Axudas para o fomento de plantacións de castiñeiro para froito
Axudas para o fomento de plantacións de castiñeiro para froito PDF Imprimir Correo-e
Martes, 01 Outubro 2013 09:15

Desde Desenvolvemento Local do Concello de Verín infórmase da publicación da orde do 18 de setembro de 2013, da Consellería do Medio Rural e do Mar, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas, en concorrencia competitiva, para o fomento de plantacións de castiñeiro para froito, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2007-2013, e se convocan para o ano 2013.


Esta orde ten por obxecto establecer as bases que regulan as axudas para fomentar a creación e regulación de espazos con elevado interese socioeconómico para a diversificación de producións mediante la plantación de castiñeiro para froito e proceder á súa convocatoria para o ano 2013 en réxime de concorrencia competitiva.
O disposto nesta orde será de aplicación para todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, con exclusión de:
a) Os bosques ou outras superficies forestais que sexan propiedade da Administración central ou autonómica.
b) Os bosques e outras superficies forestais propiedade da Coroa.
c) Os bosques que pertenzan a empresas públicas.
d) Os bosques propiedade de persoas xurídicas, cando polo menos o 50 % do seu capital pertenza a algunha das institucións anteriormente citadas.

Liña de axuda
A liña de axuda obxecto de subvención é a seguinte:
Plantación con castiñeiro para froito no ámbito xeográfico (anexo VI) de produción da indicación xeográfica protexida Castaña de Galicia que comprende a área do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia que se atopa delimitada ao oeste pola Dorsal Galega e pola Serra do Xistral cara ao norte, concretamente:
1. Provincia da Coruña: a Comarca da Terra de Melide, e os concellos de Arzúa e Boimorto (comarca de Arzúa).
2. O conxunto da provincia de Lugo, a excepción dos concellos do Vicedo, Viveiro, Xove e Cervo (comarca da Mariña Occidental), Burela e Foz (comarca da Mariña Central) e Barreiros e Ribadeo (comarca da Mariña Oriental).
3. A totalidade dos concellos da provincia de Ourense.
4. Provincia de Pontevedra: as comarcas do Deza e de Tabeirós-Terra de Montes, os concellos de Cotobade, A Lama e Campo Lameiro (comarca de Pontevedra) e o concello de Cuntis (comarca de Caldas).
A demarcación da dita área de produción responde a unhas condicións pluviométricas, térmicas, ombrotérmicas, hipsométricas e de solos óptimas para o cultivo de castaña de calidade.

Tipos de superficies obxecto de axuda
1. Poderá ser obxecto de axuda todo tipo de terreos que estean identificados no Sistema de Identificación Xeográfica de Parcelas Agrícolas (SIXPAC) agás camiños.
2. En todo caso, será de aplicación o disposto no capítulo II da Orde do 24 de xaneiro de 2005 (DOG nº 19, do 28 de xaneiro), da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, que establece o sistema de información xeográfica de parcelas agrícolas en Galicia.
3. Non se poderán realizar solicitudes de axuda sobre hábitats prioritarios.

Beneficiarios
1. Poderán ser beneficiarios das axudas previstas nesta orde as sociedades de fomento forestal, os propietarios particulares de xeito individual, as sociedades ou agrupacións de propietarios particulares legalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Asociacións da Xunta de Galicia, as cooperativas agrarias, os pro indivisos, os de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabeo, as comunidades de bens, as entidades locais, outras persoas xurídicas ou as comunidades de montes veciñais en man común.
2. Os beneficiarios serán persoas físicas ou xurídicas que sexan propietarios ou titulares dos terreos obxecto de axuda. Non se admite a cesión por parte do propietario do terreo a un terceiro.
3. Os beneficiarios deben cumprir os requisitos establecidos nos artigos 10.2º e 10.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
4. As CMVMC deberán estar legalmente constituídas e regulamentariamente inscritas no Rexistro provincial de montes veciñais en man común, de acordo co disposto no artigo 57 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, para poder acceder a estas subvencións e cumprir co disposto no artigo 125 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Documentación
1. Documentación que hai que presentar xunto coa solicitude:
a) Documentación xeral:
a.1) Fotocopia do DNI, NIF do solicitante, do representante deste e dos membros que constitúen os pro indivisos, os de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabeo, as comunidades de bens.
As persoas físicas que consintan expresamente na solicitude a autorización de comprobación por parte do órgano competente da Administración, a través de medios electrónicos, os seu datos persoais non terán que presentar a copia do DNI ou NIF.
a.2) Declaración doutra axudas segundo o anexo X desta orde.
b) Documentación específica:
b.1) Para agrupacións formalmente constituídas en trámites de alta no Rexistro Xeral de Asociacións da Xunta de Galicia, presentarán debidamente asinado por todos e cada un dos compoñentes da agrupación o anexo VIII ou acordo de cesión.
b.2) Para proindiviso, de varas, fabeo, voceiros, de voces, abertais e comunidade de bens presentarán debidamente asinado por todos e cada un dos seus compoñentes o anexo IX «acordo de compromisos e obrigas».
2. Documentación que hai que presentar unha vez sexa requirido pola Administración de acordo co establecido no artigo 16.4 desta orde:
• Documentación xeral:
a) Documentación acreditativa dos méritos reflectidos na declaración xurada.
b) As comunidades de montes veciñais en man común, as sociedades e agrupacións de propietarios particulares formalmente constituídas, cooperativas agrícolas, pro indivisos, de varas, abertais, de voces, voceiros, de fabeo, comunidades de bens, entidades locais, outras persoas xurídicas e os propietarios particulares de xeito individual que soliciten axuda para unha superficie de actuación igual ou superior a 10 hectáreas deberán presentar o proxecto e unha copia, asinado por enxeñeiro de montes ou enxeñeiro técnico forestal, e o nomeamento do director de obra.
c) Documento descritivo das actuacións, ou anexo XII, no caso de propietarios particulares de xeito individual que soliciten axuda para unha superficie de actuación inferior a 10 hectáreas.
d) Unha copia compulsada do documento que acredite a titularidade dos terreos.
• Documentación para comunidades de montes veciñais en man común:
- Certificado do acordo tomado en asemblea xeral, asinado polo secretario, conforme autorizan o presidente da comunidade a pedir axudas á Consellería do Medio Rural e do Mar para a execución das accións obxecto da solicitude.
- Certificado de ingresos e reinversión en melloras no monte veciñal en man común (anexo XI).
• Documentación complementaria:
a) Para agrupacións de propietarios particulares formalmente constituídas: NIF e documento acreditativo de constitución desta onde conste as persoas que forman parte da dita sociedade ou agrupación.
A agrupación deberá estar de alta no Rexistro Xeral de Asociacións da Xunta de Galicia á data do remate do prazo concedido no requirimento para achega da documentación acreditativa dos méritos.
b) No caso de cooperativas agrarias: copia dos estatutos.
c) No caso doutras entidades xurídicas: copia dos estatutos ou escrituras de constitución e acreditación da persoa física que as representa.
d) No caso de entidades locais: certificado do secretario municipal conforme foi informada a comisión de goberno da solicitude de axuda.
e) No caso dos pro indivisos, os de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabeo, as comunidades de bens deberán presentar a xustificación acreditativa da representación na persoa designada na solicitude mediante constancia fidedigna en documento público ou comparecencia persoal ante un funcionario desta Administración pública.
f) Para todos: declaración responsable na que relacionen as parcelas SIXPAC, a súa clasificación catastral e a urbanística para a superficie para a cal solicitan a axuda.

As solicitudes deberán presentarse, antes 01 de novembro de 2013, preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.
Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedementos administrativo común utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.
A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos e 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.
Máis información en http://www.xunta.es/dog/Publicados/2013/20131001/AnuncioG0165-230913-0009_gl.html


 

Oficina Municipal de Desenvolvemento Local

Praza do Concello, 1 1º

Tlnos. 988.41.00.00 988.41.00.01

Móbil 608.520122 609.152208

Fax. 988.41.19.00

Correo Electrónico: adl@verin.net


?>