Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Ofic. Virtual Desenvolvemento Local Programa do Igape de bolsas formativas para a realización de proxectos de mellora das pemes galegas
Programa do Igape de bolsas formativas para a realización de proxectos de mellora das pemes galegas PDF Imprimir Correo-e
Martes, 01 Outubro 2013 13:17

Desde Desenvolvemento Local do Concello de Verín infórmase da publicación da resolución do 23 de setembro de 2013 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) que aproba as bases reguladoras do Programa do Igape de bolsas formativas para a realización de proxectos de mellora das pemes galegas, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, no marco do programa operativo FSE Galicia 2007-2013 e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva.

O obxecto destas axudas é a concesión do número de bolsas indicado na resolución de convocatoria para a realización de prácticas formativas incardinadas en programas de mellora nas pemes galegas, segundo o plan formativo do anexo III destas bases, coa finalidade de formar a titulados universitarios en diversas áreas relacionadas coa profesionalización e desenvolvemento estratéxico da empresa. Entre outros:
• Optimización financeira/mellora do circulante.
• Profesionalización da produción.
• Relanzamento comercial.
• Xestión por procesos.
• Imaxe e comunicación empresarial.
• Construción dun proxecto de futuro e plan de mellora empresarial.
• Desenvolvemento de plans de acción.
• Identificación e desenvolvemento de redes de cooperación e socios.
• Innovación na empresa.
• Desenvolvemento do capital humano.
• Execución de vixilancia tecnolóxica/intelixencia competitiva.
Os titulados incorporaranse, en primeiro lugar, a un itinerario formativo especificamente deseñado para a participación no programa, e, a continuación, realizarán prácticas formativas baixo a tutela de axentes colaboradores do Igape en proxectos de mellora a implantar en pequenas e medianas empresas, período en que recibirán formación e titorización directamente por parte do axente colaborador.

Natureza e incompatibilidade da bolsa

O programa reúne os requisitos previstos no artigo 1 do Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e a condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, polo que dita norma resulta de aplicación.
A concesión ou desfrute destas bolsas non implica ningunha vinculación laboral, estatutaria ou administrativa entre o beneficiario e o Igape, nin as súas colaboradoras, nin supoñen ningún compromiso ou dereito de incorporación aos seus cadros de persoal, e o bolseiro non terá, en ningún caso, a representación do Igape.
As bolsas outorgadas son incompatibles con calquera outra bolsa ou axuda de similares características, así como con calquera relación laboral ou de prestación de servizos remunerada do bolseiro.
A obtención doutras axudas recibidas para a realización do proxecto obxecto da bolsa deberá comunicarse ao Instituto Galego de Promoción Económica tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente a memoria final da bolsa. Antes de conceder a bolsa solicitarase do solicitante unha declaración escrita ou en soporte electrónico sobre outras axudas recibidas para a realización do proxecto obxecto da bolsa. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da bolsa e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

Requisitos dos solicitantes

Poderán presentar solicitude para acollerse a estas bolsas aqueles titulados que cumpran os seguintes requisitos:
1. O cumprimento dalgunha das seguintes condicións:
- Ter veciñanza administrativa en Galicia cunha antigüidade superior a 24 meses.
- Ser natural de Galicia.
- Ser fillo ou descendente en liña directa ata o terceiro grao, de emigrantes galegos no exterior.
2. Cumprir os requisitos do artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, para ser considerado beneficiario de subvencións.
3. Estar en posesión dalgunha das seguintes titulacións universitarias na data en que finaliza o prazo de presentación de solicitudes: Física, Enxeñaría, Matemáticas, Química, Ciencias Económicas e Empresariais, Administración e Dirección de Empresas, Ciencias Empresariais, Economía e Dereito. A titulación deberá terse obtido con posterioridade á data indicada na resolución de convocatoria.
Os títulos obtidos no estranxeiro ou en centros privados españois deberán estar homologados polo Ministerio de Educación español na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes.
4. Non ter concedida mediante resolución ou desfrutado con anterioridade ningunha outra bolsa do Igape, así como non estar desfrutando durante o proceso de selección dunha bolsa no Igape concedida a través doutras institucións.
5. Non ter desfrutado doutra bolsa concedida por outros organismos. Exceptúanse as bolsas de estudos desfrutadas durante os anos escolares ou universitarios.
6. Non ter desempeñado con anterioridade algún traballo profesional para o que se requirise a mesma titulación exixida nesta convocatoria, en virtude de calquera tipo de contrato laboral de duración igual ou superior a seis meses, o cal se acreditará mediante informe de vida laboral da Seguridade Social.
7. Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que imposibilite o cumprimento das súas obrigas como bolseiro.
8. Estar ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma. O cumprimento deste requisito acreditarase cubrindo no formulario telemático a declaración responsable do solicitante de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias, fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración da comunidade autónoma, de acordo co establecido no artigo 11.g) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Condicións e contía das bolsas

1. Duración e destino
- A duración inicial da bolsa establécese nun máximo de 12 meses, contados desde a asignación do bolseiro ao seu destino, podendo ser prorrogada polo Igape por un período máximo de ata catro meses adicionais. As prórrogas das bolsas poderanse conceder, mediante resolución motivada, en función da necesidade de finalizar unha parte do programa formativo que xa comezase ou estea a piques de comezar.
- As bolsas desfrutaranse en destinos escollidos polo Igape, baixo a supervisión de axentes colaboradores concertados que participen na prestación ás pemes de servizos de mellora da competitividade.
- Poderanse establecer listas de reserva para cubrir posibles desistencias ou renuncias por un tempo que cubrirá unicamente o que reste desde a data de inicio da nova bolsa concedida ata a data de finalización que tivese a bolsa inicial. Non poderán concederse bolsas para suplir renuncias ou incidencias por un tempo inferior a catro meses.
2. Contía
- A contía das bolsas é de 9.960 euros anuais (830 euros mensuais). En caso de prórroga da bolsa, a dotación incrementarase proporcionalmente segundo a duración da prórroga.
- Considéranse incluídos dentro da dotación da bolsa a Seguridade Social, se é o caso, os impostos de carácter persoal, así como todos os gastos en que teña que incorrer o bolseiro para o desenvolvemento das fases teóricas ou prácticas da bolsa.
3. Programa de formación teórica
Tras a avaliación das solicitudes cursadas, segundo o baremo establecido no artigo 10.1 destas bases, o Igape organizará un curso de formación teórica destinado aos bolseiros seleccionados.
Este curso terá a consideración de non computable no período da bolsa, será gratuíto e non remunerado e será obrigatorio para acceder ás prácticas formativas, entendéndose a non asistencia como renuncia á solicitude, procedéndose ao seu arquivo.
Se o titular dunha solicitude aprobada se vise obrigado a interromper a súa formación teórica por motivo de enfermidade ou accidente deberá comunicalo ao Igape na maior brevidade posible xuntando o correspondente xustificante médico. No caso de que a interrupción da formación supere o 10 % das horas do curso, o Igape considerará a dita interrupción como renuncia á solicitude, cos efectos xa indicados.
Os asistentes ao curso de formación teórica disporán de diploma de asistencia en que conste o plan de formación, equipo docente e número de horas.
O curso constará dun mínimo de 80 horas de formación, e estará baseado nunha formación específica nas materias que constituirán o obxecto das prácticas formativas e que están indicadas no artigo 1.
4. Prácticas formativas
As prácticas formativas realizaranse baixo a supervisión do Igape en axentes colaboradores concertados que participen na prestación de servizos de mellora da competitividade ás pemes.
O Igape e o axente colaborador establecerán, mediante convenio, o programa de prácticas formativas para cada unha das tipoloxías de proxectos de mellora, no cal se detallarán as actividades do bolseiro, a documentación en que se reflectirán estas, así como a formación específica que se deberá impartir ao bolseiro para a súa execución. Ao longo das prácticas formativas programaranse ata 80 horas adicionais de formación nas materias obxecto das prácticas.
O axente colaborador designará un titor que levará a cabo as seguintes funcións:
- Coordinador e formador principal do bolseiro, de xeito que toda a súa actividade formativa teórico-práctica se leve a cabo baixo a súa supervisión e dirección.
- Asesoramento ao bolseiro no programa formativo, e instrución no seu cometido e relación coas empresas en que se desenvolvan as prácticas formativas.
- Avaliación do traballo do bolseiro.
- Aseguramento do cumprimento da normativa en canto á prevención e riscos durante as prácticas formativas.

Solicitudes
1. Dentro do prazo establecido na convocatoria para presentar a solicitude de axuda, é dicir ata antes do 01 de novembro de 2013, os interesados deberán cubrir previamente un formulario a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es
A instrución e resolución do procedemento basearase nas declaracións contidas no citado formulario e, no caso de que se conceda a bolsa, serán obxecto de acreditación documental nas fases de tramitación en cada caso oportunas e, en calquera caso, previamente a calquera aboamento da axuda.
2. Co fin de prestar asistencia para cubrir o formulario, o Igape pon á disposición dos interesados o seu servizo de asistencia técnica, a través do mencionado enderezo da internet ou dos números de teléfono 902 30 09 03 ou 981 54 11 47, ou os que en cada momento se establezan para esta finalidade. Desde este servizo poderá accederse á aplicación informática e cubrir o formulario e xerar o IDE identificativo, no caso de que o solicitante non dispoña dun acceso directo á internet. Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda. O IDE estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación informática citada anteriormente.
3. Poderanse cubrir e obter os formularios a través da aplicación informática ata as 14.00 horas do día da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.
4. As solicitudes de axuda presentaranse mediante a instancia normalizada que se obterá de xeito obrigatorio na citada aplicación informática e que se xunta como anexo I a estas bases a título informativo. Na instancia de solicitude será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas cales este sexa erróneo (ben porque ten un formato erróneo ou ben porque non foi xerado pola aplicación de axuda) serán devoltas sen tramitación, logo de requirimento realizado para o efecto. Xunto coa instancia de solicitude deberase presentar a copia dixitalizada do currículum vítae.
5. O interesado presentará a instancia de solicitude co IDE no Rexistro Xeral dos servizos centrais do Igape, nas súas oficinas territoriais ou a través dalgunha das formas recollidas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
6. Así mesmo, o interesado poderá asinar electronicamente a instancia de solicitude co IDE e presentala no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia. Os solicitantes por esta vía telemática deberán reunir os seguintes requisitos:
a) O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido tal e como especifica a Orde do 25 de novembro de 2004, da Consellería de Economía e Facenda, pola que se establecen as normas específicas sobre o uso da sinatura electrónica nas relacións por medios electrónicos, informáticos e telemáticos coa Consellería de Facenda e os seus organismos e entidades adscritas (DOG nº 239, do 10 de decembro). Os certificados de clase 2 CA emitidos pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda serán válidos para efectos de presentación de solicitudes. Se o certificado corresponde a unha persoa física, a súa representación acreditarase documentalmente ao longo da tramitación do expediente.
b) Unha vez asinada a instancia de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferidos estes ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.
c) No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo en que quedará constancia do feito da presentación.
d) Os interesados que cumpran os requisitos do punto b) anterior tamén poderán empregar a vía telemática para a recepción de notificacións do Igape e para o envío de escritos ao órgano xestor da axuda. Para a recepción de notificacións será preceptivo que o solicitante teña indicado no formulario normalizado a súa preferencia polo emprego da notificación telemática neste procedemento de axudas. Neste caso, o solicitante deberá acceder á web do Igape no enlace tramitación telemática para recibir as notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor, e a sinatura electrónica dun xustificante de recepción das notificacións (xustificante de recepción telemático). Os efectos destas notificacións serán os establecidos na Lei 11/2007, do 22 de xuño (BOE nº 150, do 23 de xuño) e no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, que regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.
7. Os solicitantes poderán obter, en todo momento, un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Para iso utilizarán a aplicación establecida no enderezo da internet citado anteriormente, introducindo os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico en que desexan recibir o xustificante. As modificacións da solicitude inicial deberán ser presentadas utilizando a aplicación informática para xerar un formulario modificado, cuxo IDE será de obrigatoria inclusión no escrito de comunicación ao Igape das ditas modificacións.

Máis información en http://www.xunta.es/dog/Publicados/2013/20131001/AnuncioO92-240913-0001_gl.html

 

Oficina Municipal de Desenvolvemento Local

Praza do Concello, 1 1º

Tlnos. 988.41.00.00 988.41.00.01

Móbil 608.520122 609.152208

Fax. 988.41.19.00

Correo Electrónico: adl@verin.net


?>