Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Ofic. Virtual Desenvolvemento Local Financiamento operativo das pequenas e medianas empresas elaboradoras de viños
Financiamento operativo das pequenas e medianas empresas elaboradoras de viños PDF Imprimir Correo-e
Venres, 25 Outubro 2013 07:34

Desde Desenvolvemento Local do Concello de Verín infórmase da publicación da resolución do 21 de outubro de 2013 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica, que aproba as bases reguladoras do programa de apoio do Igape para facilitar o acceso ao financiamento operativo das pequenas e medianas empresas elaboradoras de viños, financiado pola Consellería do Medio Rural e do Mar e instrumentado mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica, as sociedades de garantía recíproca galegas e as entidades financeiras adheridas, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva.

Estas bases regulan o contido e o procedemento de tramitación do programa de apoio dirixido a facilitar ás pequenas e medianas empresas elaboradoras de viños, mediante o reaval do Igape, o acceso ao financiamento destinado á compra de uva aos produtores, cos que se asinasen contratos homologados pola Consellería do Medio Rural e do Mar.

Beneficiarios do programa de apoio
- Poderán beneficiarse dos apoios previstos nestas bases as pequenas e medianas empresas, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento 800/2008 (DOUE L 214, do 9 de agosto), polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías).
- Tamén poderán acceder á condición de beneficiario as persoas físicas, agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo as actividades ou se atopen na situación que motiva a concesión da axuda. Neste caso deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude coma na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe da axuda que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único con poder suficiente para cumprir as obrigas que como beneficiario lle correspondan á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición de catro anos dos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
- En calquera caso, deberá de tratarse de pequenas e medianas empresas pertencentes ao sector da elaboración de viños (CNAE 2009: 11.02) que teñan radicado o seu domicilio fiscal en Galicia.

Características das operacións de financiamento

- Modalidade: liña de xestión de pagamento a provedores, que permita ás adegas obter o financiamento necesario para poder atender o pagamento aos provedores de uva das facturas correspondientes aos contratos homologados subscritos de conformidade coa Orde da Consellería do Medio Rural e do Mar do 16 de setembro de 2013 (DOG núm. 180, do 20 de setembro), sendo o período de vixencia destes contratos as campañas vitícolas 2013, 2014 e 2015 (liña de confirming).
- Importe: o importe máximo da liña de confirming por beneficiario, será de 2.000.000 de euros.
- Prazo: o prazo de vixencia deberá ser de 3 anos.

Condicións financeiras e garantías
- O tipo de xuro nominal anual, que se aplicará sobre o pagamento que se vai financiar poderá ser fixo ou variable e será o que libremente pacten as partes, non podendo superar o resultante de sumar ao euríbor correspondente ao prazo do financiamento, un diferencial non superior a 5 puntos porcentuais.
- As entidades financeiras poderán aplicar tamén unha comisión de xestión ou anticipo dun máximo do 0,30 %.
- As SGR poderán cobrar ao cliente ata o 1 % en concepto de comisión de aval, calculado sobre o saldo vivo anual do importe avalado e ata o 4 % do importe do financiamento avalado en concepto de cota social mutualista, que se aboará ao inicio da operación. Este importe será reembolsado ao cliente unha vez que remate a súa relación coa SGR.
- A garantía a favor das entidades financeiras será o aval das sociedades de garantía recíproca adheridas ao convenio, polo 20 % do principal da operación, e as adicionais exixidas para autorizar a operación.
- As garantías a favor da SGR serán o reaval do Igape en cobertura do 25 % do financiamento avalado por estas, e como garantía adicional poderán requirir garantías persoais, pero en ningún caso depósitos de activos líquidos ou financeiros que poidan detraer liquidez da empresa, adicionais ás achegas reintegrables aos fondos das SGR estipuladas para a operación. As SGR tamén poderán contar con reavais e achegas de organismos públicos ou dependentes da Administración que, sumados ao reaval do Igape, non poderán superar o 75 % do risco asumido pola SGR.

Axuda do Igape, compatibilidade e límite
- Axuda en forma de garantía: Consistirá no reaval do Igape durante a vixencia da operación financeira, en garantía do 25 % do risco asumido pola SGR. O financiamento avalado polas SGR será do 20 % do principal da operación financeira. Seguindo os criterios establecidos, para os réximes de garantía, na Comunicación da Comisión 2008/C155/02, relativa á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE das axudas estatais outorgadas en forma de garantía, considérase como axuda indirecta a equivalente ao importe da prima non cobrada ao beneficiario.
- Compatibilidade: A concesión das axudas destas bases queda supeditada ao cumprimento da normativa vixente e, en especial, a da Unión Europea. Neses termos, serán compatibles con calquera outra axuda pública ou privada pero en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras, poderán superar os límites máximos de intensidade de axuda establecidos pola Unión Europea. A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Instituto Galego de Promoción Económica tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente documentación xustificativa do proxecto realizado. En todo caso, antes de conceder a axuda, solicitarase da empresa unha declaración escrita ou en soporte electrónico, das axudas recibidas en réxime de minimis nos derradeiros tres exercicios. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.
- Límites: As axudas financeiras que se concedan ao abeiro destas bases terán a consideración de axuda de minimis e cumprirán co establecido no Regulamento (CE) nº 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis (DOUE L 379, do 28 de decembro). As axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais.

Tramitación e prazo de presentación das solicitudes
- Para presentar unha solicitude de axuda, o interesado, ou a SGR no seu nome, deberá cubrir previamente un formulario descritivo da empresa, do proxecto e da operación financeira a través do enderezo da internet http://www.tramita.igape.es.  Unha vez cuberto o formulario, este pasará á disposición da SGR e da entidade financeira, na extranet de entidades colaboradoras e xerará unha solicitude de tramitación do expediente en formato papel que se presentará na sociedade de garantía recíproca, asinada polo solicitante. A título informativo, xúntase como anexo I a estas bases. Nesta solicitude apodérase a SGR para que tramite, en nome do solicitante, o expediente de axuda ante o Igape, no caso de que se aprobe o aval financeiro. Para estes efectos, as entidades colaboradoras terán que acreditar a súa solvencia técnica para acceder e xestionar a extranet de entidades colaboradoras, de acordo co establecido no artigo 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes (DOG núm. 241, do 17 de decembro).
- Co fin de prestar asistencia na formalización do formulario, o Igape pon á disposición do interesado o seu servizo de asistencia técnica a través do mencionado enderezo da internet ou dos números de teléfono 902 30 09 03 ou 981 54 11 47, ou os que en cada momento se establezan para esta finalidade, de luns a venres, das 8.00 ás 15.00 horas. Desde este servizo poderá accederse á aplicación informática e cubrir o formulario e xerar o IDE identificativo, no caso de que o solicitante non dispoña dun acceso directo á internet. Tamén se poderá recibir asistencia na propia SGR colaboradora. Deberán cubrir necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda. Este IDE estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación informática citada anteriormente.
- As SGR, no caso de aprobación do aval financeiro, solicitarán en nome do interesado o reaval ao Igape, así como, no seu propio nome, a compensación establecida no artigo 7. O prazo de presentación de solicitudes iniciarase o día seguinte ao da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 25 de novembro de 2013. No caso de que a operación financeira sexa denegada, a SGR só comunicará a súa denegación. A entidade financeira contará con 15 días adicionais para manifestar a súa posición. A instrución e resolución do procedemento basearase nas declaracións contidas no citado formulario.
- As solicitudes da SGR ao Igape presentaranse a través da extranet de entidades colaboradoras (http://extranet.igape.es), e esta vía telemática é obrigatoria. O Igape reserva para si a potestade de introducir modificacións no funcionamento e na recollida de datos da extranet, co obxecto de mellorar a efectividade das interaccións entre entidades ou as actuacións de control que son propias do seu papel no convenio asinado para o efecto.
- A autorización de acceso á extranet de entidades colaboradoras para este convenio darase de oficio para os usuarios que as entidades financeiras teñan xa rexistrados para outros convenios, ben que é posible modificar estas autorizacións ou dar novas altas mediante a solicitude do anexo II.
- Os usuarios da extranet asinantes da solicitude por esta vía telemática deberán reunir os seguintes requisitos:
a) Será necesario que o usuario da extranet asinante da solicitude teña a autorización do interesado e da SGR tramitadora. A autorización por parte do interesado acreditarase mediante a solicitude orixinal (copia para a SGR do anexo I); a autorización por parte da SGR virá dada polo anexo II entregado ao Igape segundo se indicou anteriormente.
b) O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido, tal e como especifica a Orde do 25 de novembro de 2004 da Consellería de Economía e Facenda pola que se establecen as normas específicas sobre o uso da sinatura electrónica nas relacións por medios electrónicos, informáticos e telemáticos coa Consellería de Economía e Facenda e os seus organismos e entidades adscritas (DOG núm. 239, do 10 de decembro). Os certificados de clase 2 CA emitidos pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda serán válidos para os efectos de presentación de solicitudes.
- Dentro dos dez días seguintes á presentación das solicitudes no rexistro telemático, a SGR comunicaralles aos solicitantes a data en que as solicitudes foron presentadas no Igape, o número de expediente asignado, o prazo máximo establecido para a resolución e notificación do procedemento (dous meses desde a data de presentación da solicitude de axuda no Igape) e os efectos do silencio administrativo (negativo).
- Recibidas as solicitudes no Igape, este confirmará coa Consellería do Medio Rural e do Mar a existencia dos contratos homologados. Así mesmo, de conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne os datos exixidos nestas bases, requiriranse o solicitante e as entidades colaboradoras para que, no prazo de dez días hábiles desde o seguinte ao requirimento, se emende a falta, con indicación de que en caso contrario, se terá por desistido da súa petición, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da citada Lei 30/1992.
-  Comunicación da validación da solicitude e da autorización para formalizar a operación financeira. O Igape comunicará a través da extranet de entidades colaboradoras (http://extranet.igape.es) á sociedade de garantía recíproca correspondente e á entidade financeira a validación dos requisitos da solicitude da axuda en forma de garantía. A dita comunicación autoriza a formalización da operación financeira, sen que a dita remisión supoña recoñecemento do dereito do solicitante a percibir finalmente a axuda.

 

Oficina Municipal de Desenvolvemento Local

Praza do Concello, 1 1º

Tlnos. 988.41.00.00 988.41.00.01

Móbil 608.520122 609.152208

Fax. 988.41.19.00

Correo Electrónico: adl@verin.net


?>