Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Ofic. Virtual Desenvolvemento Local Axudas do Igape de apoio ás iniciativas abertas de difusión
Axudas do Igape de apoio ás iniciativas abertas de difusión PDF Imprimir Correo-e
Martes, 10 Decembro 2013 09:42

Desde Desenvolvemento Local do Concello de Verín infórmase da publicación da resolución do 26 de novembro de 2013 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), que aproba as bases reguladoras das axudas do Igape de apoio ás iniciativas abertas de difusión, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, no marco do programa operativo FSE Galicia 2007-2013, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva.

Co obxectivo de incentivar proxectos e actuacións empresariais de distinta tipoloxía, o Igape poderá conceder subvencións a fondo perdido ás iniciativas abertas de difusión, entendendo por tales:
a) Xornadas técnicas, seminarios, foros ou premios dirixidos á difusión de técnicas, metodoloxías, ferramentas ou boas prácticas nos eidos da innovación e a competitividade.
b) Celebración en Galicia de encontros empresariais entre emprendedores e investidores privados (business angels).
c) Celebración en Galicia de congresos ou eventos expositivos de alcance internacional. O alcance internacional do evento proposto será determinado en función do seu historial previo de congresistas e relatores no caso de congresos ou de asistentes e expositores no caso de eventos expositivos, non poderán, por tanto, ser considerados como tales as primeiras edicións dun determinado congreso ou evento, aqueles cuxa periodicidade sexa inferior a un ano, nin aqueles cuxo carácter internacional estea exclusivamente determinado por unha asistencia transfronteiriza ou pola presenza de relatores estranxeiros.
Os proxectos subvencionables terán que acreditar a súa capacidade económica para organizar o evento (o orzamento anual da entidade non debe ser inferior ao custo do proxecto). Non se concederá axuda a aqueles proxectos que, unha vez avaliados, recibirían unha axuda inferior a 1.000 euros.

Beneficiarios

- Poderán ser beneficiarios as entidades sen fin de lucro, con personalidade xurídica propia (organismos intermedios), que cumpran as seguintes condicións:
a) Que estean domiciliadas en Galicia ou que, tendo algún centro de actividade en Galicia, desenvolvan en Galicia, na súa totalidade, o proxecto obxecto de apoio.
b) Que a súa actividade estea dirixida eminentemente ao mundo empresarial.
- Non poderán ter a condición de beneficiarios as entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2º e 3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño).

Condicións dos gastos subvencionables
- Conceptos subvencionables e límites de axuda:
As xornadas técnicas, seminarios, foros ou premios dirixidos á difusión de técnicas, metodoloxías, ferramentas ou boas prácticas nos eidos da innovación e a competitividade, previstos na letra a) do artigo 1.1 anterior terán os seguintes conceptos subvencionables de gasto:
a) Gastos de publicidade.
b) Elaboración de documentación e edición de relatorios ou publicacións.
c) Custos de contratación de relatores.
d) O IVE cando o solicitante acredite a súa exención.
Segundo o alcance do evento, os límites de axuda serán os seguintes:
* Provincial ou inferior: 6.000 euros.
* Autonómico: 9.000 euros.
* Nacional: 12.000 euros.
* Internacional: 20.000 euros.
Para a celebración en Galicia de encontros empresariais entre emprendedores e investidores privados (business angels) prevista na letra b) do artigo 1.1 anterior, o Igape poderá patrocinar a organización dos encontros, cun límite por xuntanza de 10.000 euros, suxeito á xustificación de custos producidos pola organización dos encontros empresariais patrocinados, por importe non inferior á cantidade asignada polo Igape.
Para a celebración en Galicia de congresos ou eventos expositivos de alcance internacional prevista na letra c) do artigo 1.1 anterior, o Igape poderá patrocinar a organización de iniciativas de interese xeral, no seo do congreso ou evento expositivo, cun límite xeral de 50.000 euros, e un límite especial de 125.000 euros cando concorran as seguintes circunstancias:
* Eventos con periodicidade anual ou superior.
* Histórico de celebracións en Galicia de polo menos 5 edicións previas.
* Participación de congresistas (congresos) ou expositores (eventos expositivos) de polo menos 10 países distintos na última edición.
O aboamento da subvención estará suxeito á xustificación de custos incorridos pola organización das actividades patrocinadas, por importe non inferior á cantidade asignada polo Igape.
- Os gastos subvencionables serán os realizados dentro do prazo de execución do proxecto establecido na resolución de concesión para os efectos de cumprir todas as condicións nela establecidas. Este prazo iniciarase, con carácter xeral na data de presentación da solicitude de axuda e rematará na data que, á vista das características do proxecto, sexa establecida na resolución de concesión. Igualmente, poderán subvencionarse os gastos executados desde o exercicio anterior ao da convocatoria, sempre que as datas de execución dependan exclusivamente de accións de terceiros e fosen posteriores á data límite de execución dos proxectos subvencionados dunha convocatoria anterior do Igape para a mesma tipoloxía de proxectos.
- Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, o que deberá acreditar o solicitante. As ofertas deberán ter sinatura e selo orixinal do provedor. Para modificar o provedor seleccionado deberá pedir previamente á súa contratación autorización ao Igape e xustificar as razóns do cambio.
- Quedan expresamente excluídos do ámbito de aplicación destas bases os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación e os impostos persoais sobre a renda. Poderase considerar subvencionable o imposto sobre o valor engadido (IVE) cando o solicitante da axuda sexa unha asociación ou entidade sen ánimo de lucro e acredite mediante a correspondente certificación que se atopa acollido ao réxime de exención do IVE.
- Os gastos subvencionables deberán ser contratados e pagados directamente entre o beneficiario da axuda e o provedor final. Os provedores non poderán estar vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores. A non concorrencia destes aspectos demostrarase a través dunha declaración responsable do solicitante, que se cubrirá no formulario de solicitude. En ningún caso poderá ser concertada polo beneficiario a execución total ou parcial das actividades.
- En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

Intensidade de axuda e criterios de avaliación e selección de proxectos
- Para as iniciativas previstas na letra a) do artigo 1.1 anterior, con carácter xeral cun mínimo dun 25 % e ata un máximo do 70 % dos gastos subvencionables, teranse en conta na avaliación e selección de proxectos e na determinación da intensidade da axuda, resultado da aplicación da seguinte fórmula: 25+45×(puntos obtidos/100), os seguintes criterios:
a) Proxectos presentados por clústers galegos legalmente constituídos (10 puntos).
b) A localización da celebración do evento segundo o anexo III a estas bases (máximo 20 puntos).
Asignaranse 20 puntos aos concellos da letra a) do devandito anexo e 10 puntos aos da letra b).
c) A participación de representantes de empresas privadas, institucións públicas e universidades no evento (máximo 20 puntos).
Asignaranse 20 puntos no caso de participar as tres partes; 10 puntos no caso de participar dúas das tres partes e 5 puntos no caso de participar unha única parte.
d) A singularidade da temática e as formulacións previstas (máximo 25 puntos).
Aos proxectos de alta singularidade na súa temática e/ou nas formulacións prevista asignaránselles 25 puntos, aos de singularidade media asignaránselles 15 puntos e aos de baixa singularidade asignaránselles 5 puntos.
e) O nivel contrastado dos relatores (máximo 25 puntos).
No caso de participación de relatores cunha alta acreditación profesional asignaránselles 25 puntos, cunha acreditación profesional media asignaránselles 15 puntos e con baixa acreditación profesional asignaránselles 5 puntos.
- O apoio ás iniciativas previstas nas letras b) e c) do artigo 1.1 anterior terá carácter prioritario na resolución da convocatoria garantíndose, en todo caso, un mínimo do 30 % do crédito para a resolución das iniciativas previstas na letra a) do artigo 1.1. No suposto no que o importe dos proxectos presentados para as iniciativas previstas nas letras b) e c) do artigo 1.1 supere a dotación prevista para estas, procederase ao rateo entre os solicitantes que cumpran os requisitos do artigo 4, sobre os límites máximos establecidos para este tipo de iniciativas.

Solicitudes
- Dentro do prazo establecido na convocatoria para presentar a solicitude de axuda (comezará o 2 de xaneiro de 2014 e rematará o 3 de marzo de 2014) , os interesados deberán cubrir previamente un formulario descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto para o que solicita a subvención a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es
- Co fin de prestar asistencia para cubrir o formulario, o Igape pon á disposición dos interesados o seu servizo de asistencia técnica, a través do mencionado enderezo da internet ou dos números de teléfono 902 30 09 03 ou 981 54 11 47. Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda. O IDE estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación informática citada anteriormente.
- As solicitudes de axuda presentaranse mediante a instancia normalizada que se obterá de xeito obrigatorio na citada aplicación informática e que se xunta como anexo I a estas bases a título informativo. Na instancia será obrigatorio a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas, e concederáselles aos solicitantes un prazo de 10 días para a súa emenda, transcorrido o cal se considerarán desistidos da súa petición, logo de resolución de arquivo.
- A instancia de solicitude deberá vir acompañada da seguinte documentación:
a) Escritura de constitución e de nomeamento do representante legal e estatutos debidamente inscritos no rexistro competente e modificacións posteriores destes.
b) As tres ofertas que, en aplicación do artigo 29.3º da Lei de subvencións de Galicia, deba ter solicitado o beneficiario, de acordo co establecido no artigo 5.3 das bases reguladoras. Calquera cambio na oferta seleccionada deberá contar coa autorización do Igape, segundo o disposto no citado artigo.
c) Certificado de exención de IVE, de ser o caso; os organismos públicos deberán facer referencia á norma que os rexe.

De acordo co disposto no artigo 35.f) da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e o artigo 20.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, non será necesario presentar a documentación que xa se atope en poder do Igape, sempre que se manteña vixente e se identifique no formulario de solicitude o procedemento administrativo para o que foi presentada. No suposto de imposibilidade material de obter a documentación ou no caso de que se constate a non validez desta, o órgano competente poderá requirirlle ao solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento.
De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixera se dará por desistido da súa petición, logo da correspondente resolución.
Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido nos artigos 59.6.b) e 60 da Lei 30/1992, os requirimentos de emenda citados realizaranse preferentemente mediante a publicación no DOG e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. A dita publicación tamén se realizará na páxina web do Igape no enderezo www.tramita.igape.es, ao cal se remitirá desde o texto publicado no DOG, e poderase indicar que os seguintes actos administrativos deste procedemento serán notificados a través do citado enderezo. Excepcionalmente, se a instrución do procedemento o aconsella, o órgano competente poderá substituír esta publicación no DOG e na web pola notificación individualizada de conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 30/1992.
- Unha vez xerada a solicitude, deberá presentarse preferiblemente por vía electrónica a través da instancia de solicitude normalizada co IDE (anexo I), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Alternativamente, unha vez xerada a solicitude, tamén se poderá presentar en soporte papel no Rexistro Xeral dos servizos centrais do Igape, nas oficinas territoriais do Igape ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando a instancia de solicitude normalizada (anexo I) co IDE, acompañada da documentación establecida no artigo 8.4, en orixinal ou copia cotexada.
- Na presentación por vía electrónica, de conformidade co artigo 35.2 da Lei 11/2007, os interesados deberán achegar coa solicitude as copias dixitalizadas dos documentos relacionados no artigo 8.4, responsabilizándose e garantindo a persoa que asina a solicitude a fidelidade dos ditos documentos co orixinal mediante o emprego da súa sinatura electrónica. O Igape poderá requirir o interesado a exhibición do documento ou da información orixinal. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos. Para achegar xunto coa instancia de solicitude os documentos en formato electrónico o solicitante deberá previamente dixitalizar os documentos orixinais obtendo arquivos en formato PDF. A aplicación informática permitirá anexar estes arquivos en formato PDF sempre que cada arquivo individual non supere os 4 MB. No caso de que un documento PDF ocupe máis do dito tamaño, deberá xerarse con menor tamaño. Calquera outro formato de arquivo distinto do PDF non será aceptado pola aplicación informática nin será considerado como documentación presentada.

 

Oficina Municipal de Desenvolvemento Local

Praza do Concello, 1 1º

Tlnos. 988.41.00.00 988.41.00.01

Móbil 608.520122 609.152208

Fax. 988.41.19.00

Correo Electrónico: adl@verin.net


?>