Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Ofic. Virtual Desenvolvemento Local Axudas aos proxectos de investimento empresarial (Galicia Inviste)
Axudas aos proxectos de investimento empresarial (Galicia Inviste) PDF Imprimir Correo-e
Venres, 13 Decembro 2013 12:17

Desde Desenvolvemento Local do Concello de Verín infórmase da publicación da resolución do 5 de decembro de 2013 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas aos proxectos de investimento empresarial, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (Galicia Inviste).


O obxecto das axudas reguladas nestas bases é o de estimular a posta en marcha de proxectos de investimento empresarial en Galicia, coa finalidade principal de incrementar, manter e dinamizar a actividade económica na Comunidade Autónoma, favorecer o desenvolvemento equilibrado do territorio galego e lograr o incremento do emprego a través do desenvolvemento e mellora da competitividade das empresas existentes, así como coa creación e posta en marcha de novas iniciativas empresariais.
As bases distinguen entre dous tipos de liñas de axuda, en función das tipoloxías de proxectos:
• Liña de axuda ao investimento para a creación dun novo establecemento, ampliación, diversificación da produción ou cambio no proceso de produción, dirixida a proxectos en actividades dos sectores da industria, turismo, transporte e servizos de apoio industrial (procedemento IG100).
• Liña de axuda para proxectos de servizos avanzados intensivos en emprego, dirixida a actividades terciarias destinadas ao consumo por terceiros ou unidades produtivas da mesma empresa ou grupo empresarial e que deberán caracterizarse polos altos requirimentos de capital humano e tecnolóxico (procedemento IG101).

Proxectos obxecto de apoio
O Igape poderá conceder subvencións a fondo perdido aos proxectos empresariais de investimento que se vaian implantar na Comunidade Autónoma de Galicia atendendo ao establecido no Decreto 432/2009, do 11 de decembro, que cumpran os seguintes requisitos:
- Que o proxecto consista:
a) Na creación dun novo establecemento, a ampliación dun establecemento existente, a diversificación da produción dun establecemento en novos produtos adicionais ou un cambio esencial no proceso xeral de produción dun establecemento existente, que supoñan un investimento subvencionable igual ou superior a 200.000 €.
b) Nun investimento subvencionable en servizos avanzados en Galicia superior a 100.000 € cunha creación de emprego ligado ao investimento igual ou superior a 10 novos postos de traballo de carácter indefinido.
- Que o proxecto non se teña iniciado con anterioridade á data de solicitude da axuda. Ningún dos custos alegados sobre os cales se solicita subvención poderá ser incorrido con carácter previo á solicitude da axuda; de ser así, o proxecto, no seu conxunto, sería non subvencionable. Considérase que o proxecto xa foi iniciado no momento en que se inicie a construción ou ben cando exista compromiso en firme de adquisición de bens (o suposto que ocorra en primeiro lugar), ben sexa pedimento de bens, pagamentos anticipados á entrega da mercadoría, promesa de compra de terreo etc., con exclusión dos estudos previos de viabilidade.
Para o caso de proxectos que presenten a solicitude de axuda entre o día seguinte á publicación destas bases e o 1 de xaneiro de 2014, deberase ter en conta que os investimentos que se realicen e/ou paguen nese período non computarán como investimento subvencionable. Serán subvencionables os investimentos realizados e/ou pagados entre o 1 de xaneiro de 2014 e a data de fin do prazo de execución establecido na resolución de concesión, que non excederá o 30 de xuño de 2015. No caso dos proxectos do procedemento IG101, os salarios brutos de persoal que computarán como subvencionables non serán anteriores á mesma data do 1 de xaneiro de 2014.
Ademais, para o caso de investimentos en obra civil, soamente serán subvencionables aqueles realizados con posterioridade ao levantamento de acta notarial que reflicta, fidedignamente e con posterioridade á presentación da solicitude de axuda, que as obras non foron iniciadas.
- Que os proxectos presentados por empresas que non cumpran os requisitos de pequena e mediana empresa segundo o Regulamento (CE) nº 800/2008 da Comisión, do 6 de agosto de 2008 (DOUE L 214, do 9 de agosto), acrediten, ademais, ao Igape o efecto incentivador da subvención solicitada. Para tal efecto, deberán presentar un documento, segundo o modelo normalizado establecido na páxina web do Igape, onde se reflicta que a concesión da axuda suporá ben un incremento substancial no tamaño, do seu ámbito de aplicación, do importe investido pola empresa beneficiaria ou do ritmo de execución do proxecto, ou ben que, de non ser pola axuda, o proxecto de investimento non se implantaría en Galicia.
- Os proxectos de investimento vinculados a un contrato de xestión de servizos públicos non serán subvencionables.

Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas
Estas axudas son compatibles cos programas de axuda financeira do Instituto, como poden ser, entre outros, os préstamos ou a subsidiación do tipo de xuro, e tamén con calquera outro tipo de subvención ou axuda concedida por outros organismos públicos ou privados financiadas con fondos Feder -programa operativo Feder Galicia 2007-2013, ata o límite máximo de intensidade de axuda indicado en termos de equivalente de subvención bruta no anexo do Decreto 432/2009, do 11 de decembro (DOG núm. 242, do 14 de decembro), isto é:
a) Como regra xeral:
– Ata o 30 % para grandes empresas.
– Ata o 40 % para medianas empresas.
– Ata o 50 % para pequenas empresas.
b) Ata o 30 % para empresas do sector do transporte.
A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Instituto Galego de Promoción Económica tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente documentación xustificativa do proxecto realizado. Antes de conceder e pagar a axuda, solicitarase da empresa unha declaración escrita ou en soporte electrónico sobre calquera axuda recibida para este mesmo proxecto. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

Beneficiarios
En xeral, poderán ser beneficiarias aquelas sociedades mercantís existentes ou en constitución que cumpran os seguintes requisitos:
a) Que realicen unha iniciativa empresarial nun centro de traballo, obxecto do proxecto de investimento, localizado na Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Que desenvolvan no centro obxecto do proxecto algunha das actividades subvencionables que se sinalan nestas bases para cada tipo de proxecto subvencionable.
c) Que acheguen para o proxecto de investimento unha contribución financeira exenta de calquera tipo de apoio público de polo menos un 25 % do seu importe, sexa mediante recursos propios ou mediante financiamento externo. Para estes efectos, o Igape exixirá nas resolucións de concesión un determinado nivel de fondos propios que deberá acreditar o beneficiario.
Non poderán ter a condición de beneficiarias as sociedades mercantís cuxa actividade estea comprendida nas excluídas polo artigo 1.2 do Decreto 432/2009.
Non poderán ter a condición de beneficiarioas as sociedades que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.
Non poderán ter a condición de beneficiarias as empresas en crise. Para estes efectos, convén ter en conta a definición de empresa en crise que para as grandes empresas figura no punto 2.1 das directrices sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas en crise (DOUE C 244/2, do 1 de outubro de 2004) e que para as pemes aparece no artigo 1.7 do Regulamento xeral de exención (Regulamento CE nº 800/2008).
Non poderán ter a condición de beneficiarias as sociedades mercantís en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2º e 3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño).

Conceptos subvencionables e requisitos xerais dos proxectos subvencionables
Para cada tipo de proxecto, serán conceptos subvencionables os establecidos nos artigos 6 e 7 destas bases.
Para todos os tipos de proxecto rexerán as seguintes regras xerais:
a) Os investimentos previstos polo solicitante deberán ser especificados na solicitude, coa súa planificación anualizada. O Igape, para cada proxecto que resulte aprobado, establecerá na resolución de concesión os investimentos subvencionados ata o remate do prazo de execución do proxecto.
b) Para a determinación dos importes subvencionables observaranse, de ser o caso, os criterios e módulos de custo máximo subvencionable aprobados polo Consello de Dirección do Igape para os distintos conceptos que, de ser o caso, prevalecerán sobre os seus prezos de adquisición. Os citados criterios e módulos deberán ser publicados na páxina web do Igape, con carácter previo ás resolucións das solicitudes.
c) Os investimentos deberán realizarse en bens novos ou de primeiro uso empresarial.
d) Os bens obxecto de investimento deberán ser adquiridos en propiedade a terceiros polo beneficiario. No caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de pagamento aprazado, estes tamén deberán pasar a ser de propiedade plena do beneficiario antes do remate do prazo de execución do proxecto, e deberá constar neste momento o vencemento e pagamento das cantidades aprazadas.
e) Os investimentos subvencionables deberán ser contratados e pagados directamente entre o beneficiario da axuda e o provedor final. Os provedores non poderán estar vinculados coa entidade solicitante. Para os efectos destas bases reguladoras, considéranse persoas ou entidades vinculadas, cando concorran as circunstancias establecidas no artigo 16.3 do Real decreto 4/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do imposto de sociedades.
f) O investimento terá que manterse, vinculado á actividade económica subvencionable, no centro de traballo en Galicia durante os 5 anos seguintes ao remate do prazo de execución do proxecto, prazo que poderá reducirse a 3 no caso de que o beneficiario cumpra os límites de pequena e mediana empresa e non se trate de bens inmobles. O investimento subvencionado poderá ser substituído no caso de obsolescencia, sempre e cando a actividade económica da beneficiaria se manteña en Galicia durante os períodos mencionados, e non poderán ser obxecto de subvención os bens que substitúen os obsoletos.
g) No caso dos activos intanxibles, para ser considerados subvencionables, deberán cumprir ademais todas estas condicións: 1) empregaranse exclusivamente no establecemento beneficiario da axuda; 2) consideraranse activos amortizables; 3) adquiriranse a terceiros en condicións de mercado, 4) figurarán no activo da empresa e permanecerán no establecemento beneficiario da axuda durante un período mínimo de 5 anos ou de 3 anos en caso de pemes.
h) Cando o importe do investimento subvencionable supere as contías establecidas no Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación da execución da obra, da prestación do servizo ou da adquisición do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren. Neste caso, presentarase escrito aclaratorio indicativo desta circunstancia, asinado polo representante legal. Para modificar o provedor seleccionado deberá pedir previamente á súa contratación autorización ao Igape xustificando as razóns do cambio.
i) En ningún caso o custo de adquisición dos investimentos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

Requisitos específicos da liña de axuda para proxectos de investimento para a creación dun novo establecemento, ampliación, diversificación da produción ou cambio no proceso de produción (procedemento IG100)
Os proxectos deberán cumprir as seguintes condicións:
a) Terán que contar cun investimento subvencionable, segundo o establecido nos seguintes puntos, igual ou superior a 200.000 €, de acordo cos criterios e módulos establecidos no artigo 5.2.b), que sexa viable técnica, económica, financeira e ambientalmente.
b) No caso de ampliacións de instalacións existentes, o investimento subvencionable deberá ser, ademais, superior a 1,5 veces a dotación media para amortizacións do inmobilizado, circunscrita ao centro obxecto dos novos investimentos, nos 3 últimos exercicios pechados.
c) Terán que incluír o compromiso de manter o emprego existente resultante da cifra máis alta de entre as dúas seguintes: cifra de emprego no mes anterior ao da presentación da solicitude; ou ben cifra media de emprego dos últimos 3 meses antes da solicitude. Na resolución de concesión establecerase o prazo de mantemento do emprego, que como mínimo será o de execución do proxecto máis os dous anos seguintes.
d) Cumprir as condicións establecidas no Decreto 432/2009, do 11 de decembro, para que os proxectos de investimento poidan recibir axuda.
Actividades subvencionables: os proxectos subvencionables deberán estar vinculados a algunha destas actividades, independentemente de calquera outra que, ademais, desempeñe o solicitante:
a) A extracción, procesamento, transformación ou produción de minerais, produtos enerxéticos ou os seus derivados.
b) Todos os sectores da industria, agás os excluídos no Decreto 432/2009.
c) Eliminación, valorización ou reciclaxe de residuos.
d) Turismo: hoteis balneario de 4 ou máis estrelas. Actividades recreativas, deportivas ou de entretemento vinculadas ou complementarias con establecementos ou aloxamentos turísticos.
e) Actividades de electrónica, biotecnoloxía, robótica, audiovisual, telemática, telecomunicación e calquera outra de avanzada tecnoloxía.
f) Transporte.
g) Loxística asociada ao sector industrial.
h) Servizos de apoio industrial.
Conceptos subvencionables: para os efectos de cálculo da subvención a fondo perdido, excluíndo impostos, taxas e arbitrios, consideraranse conceptos subvencionables os seguintes que reúnan os requisitos establecidos na Orde EHA/524/08, do 26 de febreiro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Fondo de Cohesión (BOE nº 53, do 1 de marzo).
Investimentos realizados en:
a) Adquisición dos terreos necesarios para acometer o proxecto, traídas e conexións de servizos, urbanización e obras exteriores adecuadas ás necesidades do proxecto. A contía máxima subvencionable de custo de terreo non poderá superar o 10 % do investimento subvencionable total.
b) Obra civil: oficinas, laboratorios, servizos sociais e sanitarios do persoal, almacenamento de materias primas, edificios de produción, edificios de servizos industriais, almacenamento de produtos terminados e outras obras vinculadas ao proxecto.
c) Adquisición de inmobles.
d) Bens de equipamento: maquinaria de proceso, instalacións específicas para a actividade subvencionable, equipamentos e medios de transporte interior, vehículos especiais de transporte exterior, medios de protección do ambiente e outros bens de equipamento ligados ao proxecto. No sector de transporte non son subvencionables os medios e equipamento de transporte exterior.
e) Outros investimentos en activos fixos materiais incluíndo mobiliario.
f) Activos inmateriais vinculados á transferencia de tecnoloxía, en contía non superior ao 50 % do investimento subvencionable. Entenderase como tales a adquisición de dereitos de patentes, licenzas e aplicacións informáticas, que cumpran as condicións do artigo 5.2.g) das bases reguladoras.
Naqueles casos de subvención ao terreo, construcións e urbanizacións por cambio de localización dentro da Comunidade Autónoma de Galicia, a base sobre a cal se aplicará a subvención será a que resulte da diferenza entre o prezo de adquisición dos novos activos, unha vez aplicados os módulos e criterios establecidos polo Consello de Dirección do Igape, e o valor dos da antiga localización, segundo informe de taxación subscrito por sociedade de taxación homologada, sempre e cando as instalacións que se abandonen sexan propiedade da empresa ou dos seus socios maioritarios, directa ou indirectamente. Se dentro do prazo de execución do proxecto establecido na resolución de concesión da subvención fosen alleadas as instalacións da antiga localización da empresa e o importe neto da venda resultase superior ao da taxación homologada que se tivo en conta para os efectos da subvención, reaxustarase o importe da subvención concedida.
Cálculo da intensidade da axuda: Co límite máximo do 50 % de intensidade de axuda sobre os conceptos subvencionables, a porcentaxe da axuda resultará da aplicación da seguinte fórmula:
5 + (50 × (puntos por baremación proxecto/200) + (puntos pola contratación de persoas de colectivos con dificultades de acceso ao emprego) + (puntos subvención adicional polígono industrial).
Non obstante, establécese un importe máximo de axuda, por empresa e proxecto, de 2.000.000,00 €.
Os puntos por baremación do proxecto obteranse do seguinte xeito:
a) Creación de emprego mediante contratos indefinidos. Puntos máximos: 60.
Puntuación = postos de traballo para crear × 7,2/investimento subvencionable.
Obtense a puntuación máxima cunha proporción de investimento subvencionable igual ou inferior a 120.000 euros por posto de traballo a crear.
b) Sectores de actividade prioritarios: 15 puntos.
Concederanse 15 puntos aos proxectos correspondentes aos sectores prioritarios establecidos no anexo IV a estas bases.
c) Dimensión da empresa: 20 puntos.
Concederanse os 20 puntos a proxectos inferiores a 600.000 €, que acometerán empresas que cumpran o requisito de pequena e mediana empresa segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento 800/2008 (DOUE L 214, do 9 de agosto).
d) Primeira implantación en Galicia: 20 puntos.
Concederanse os 20 puntos nos casos de novos empresarios que inician unha actividade en Galicia ou de empresas que inician unha nova actividade.
e) Localización do proxecto: 55 puntos.
Aplicaranse aos proxectos que se van executar nas localizacións preferentes recollidas no anexo III das bases reguladoras.
f) Carácter tecnolóxico do proxecto. Puntos máximos: 10.
Concederanse os puntos obtidos de aplicar a porcentaxe que representen os bens de equipamento respecto do total do investimento subvencionable.
g) Valor engadido medio da actividade empresarial. Puntos máximos: 10.
A puntuación obterase aplicando a porcentaxe do valor engadido bruto medio do sector, de acordo coa táboa IAE-CNAE. A táboa será publicada na páxina web do Igape con carácter previo ás resolucións das solicitudes.
h) Interese ambiental do proxecto: 5 puntos.
Concederanse 5 puntos no caso de que teñan certificación ambiental.
i) Proxectos propostos por empresas adscritas a clúster galego legalmente constituído: 5 puntos.
Concederanse 5 puntos aos proxectos correspondentes a empresas asociadas a un clúster galego legalmente constituído.
Os puntos pola contratación de persoas de colectivos con dificultades de acceso ao emprego obteranse do seguinte xeito:
• A creación entre 1 e 3 postos de traballo con contratos indefinidos e con persoas destes colectivos puntuarase con 3 puntos.
• A creación entre 4 e 10 postos de traballo con contratos indefinidos e con persoas destes colectivos puntuarase con 4 puntos.
• A creación de máis de 10 postos de traballo con contratos indefinidos e con persoas destes colectivos puntuarase con 5 puntos.
Para estes efectos considerase a pertenza a estes colectivos con dificultades de acceso ao emprego os seguintes:
a) Mulleres desempregadas.
b) Persoas desempregadas de longa duración, entendendo como tal a que estivese sen traballo e acredite un período de inscrición ininterrompido como persoa desempregada de 180 días, se fose menor de 25 anos ou tivese 45 anos de idade ou máis, e de 360 días se fose maior de 25 e menor de 45 anos.
c) Persoas desempregadas que esgotasen as prestacións por desemprego.
d) Persoas desempregadas de máis de 45 anos.
e) Mozas e mozos desempregados, entendendo como tal os menores de 30 anos.
f) Persoas desempregadas con discapacidade.
g) Persoas desempregadas que poidan acreditar a pertenza a colectivos en risco de exclusión social mediante informe do Servizo Público de Emprego de Galicia.
Os puntos pola subvención adicional polígono industrial obteranse do seguinte xeito:
No caso de adquisición de terreos localizados en polígonos de promoción pública realizada directamente ao organismo promotor, concederase unha porcentaxe de subvención equivalente ao 50 % do seu prezo, dentro do límite máximo de intensidade de axuda global do 50 % e da limitación do importe subvencionable do terreo ao 10 % do investimento subvencionable total.

Requisitos específicos para proxectos de servizos avanzados intensivos en emprego (procedemento IG101)
Os proxectos deberán cumprir as seguintes condicións:
a) Os proxectos de servizos avanzados terán que contar cun investimento subvencionable, segundo o establecido nos seguintes puntos, que supere os 100.000 €, de acordo cos criterios e módulos establecidos no artigo 5.2.b), e que sexa viable técnica, económica, financeira e ambientalmente.
b) Para os proxectos de ampliación de instalacións existentes, cando a base sobre a que se calcula a subvención sexa o investimento subvencionable, este deberá ser, ademais, superior a 1,5 veces a dotación media para amortizacións do inmobilizado, circunscrita ao centro obxecto dos novos investimentos, nos 3 últimos exercicios pechados.
c) Os proxectos terán que incluír o compromiso de crear como mínimo 10 novos postos de traballo con carácter indefinido asociado ao investimento subvencionable.
d) Os proxectos terán que incluír o compromiso de manter o emprego medio existente nos últimos 12 meses antes da solicitude. Na resolución de concesión establecerase o prazo de mantemento do emprego durante un período mínimo de cinco anos desde a finalización do prazo de execución do proxecto establecido na resolución de concesión, salvo no caso de peme, que poderá ser de tres anos.
e) Cumprir as condicións establecidas no Decreto 432/2009, do 11 de decembro, para que os proxectos de emprego poidan recibir axuda.
Actividades subvencionables: sen prexuízo da multisectorialidade e horizontalidade que as bases reguladoras no seu conxunto respectan, os proxectos subvencionables de servizos avanzados intensivos en emprego deberán caracterizarse polos altos requirimentos de capital humano e tecnoloxía e deberán estar vinculados a algunha destas actividades, independentemente de calquera outra que, ademais, desempeñe o solicitante:
a) Actividades de programación informática.
b) Actividades de centros de chamadas ou servizos telemáticos.
c) Actividades de sedes centrais ou zonais.
d) Enxeñaría de produtos e procesos industriais.
e) Enxeñaría de ensaio e control de calidade.
f) Publicidade e comunicación.
g) Deseño industrial.
Conceptos subvencionables:
Serán subvencionables, con carácter xeral, os salarios brutos do persoal que se contrate durante o período de execución do proxecto establecido na resolución de concesión, co límite temporal dun ano de salario por traballador e o límite cuantitativo de cinco veces o investimento subvencionable. Non obstante, no caso que o investimento subvencionable acade un montante superior aos salarios brutos subvencionables, o Igape establecerá o investimento subvencionable como base de cálculo da subvención concedida.
Nestes proxectos o investimento subvencionable asociado (superior aos 100.000 €) debe ser executado e pagado no período de execución do proxecto establecido na resolución de concesión, estará suxeito a comprobación e corresponderá ás epígrafes establecidas no artigo 6.3 destas bases. Non obstante, no caso de que o solicitante sexa unha peme, o límite establecido no punto 6.3.1.f), amplíase ata o 75 %.
Os conceptos subvencionables deberán reunir os requisitos establecidos na Orde EHA/524/08, do 26 de febreiro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Fondo de Cohesión (BOE nº 53, do 1 de marzo de 2008):
Os postos de traballo creados terán que cumprir as seguintes condicións:
a) Estar asociados directamente ao proxecto de investimento.
b) Ser creados no prazo de execución do proxecto establecido na resolución de concesión, prazo que non superará o 30 de xuño de 2015.
c) Manterse durante un período mínimo de 5 anos para as grandes empresas e de 3 anos para as pemes, en ambos os casos contado desde a finalización do prazo de execución do proxecto de investimento.
d) O proxecto de investimento deberá conducir a un incremento neto do número de empregados no establecemento de que se trate, comparado coa media dos doce meses anteriores á data de solicitude de axuda.
Intensidade da axuda: A axuda resultante calcularase como unha porcentaxe sobre o salario bruto do persoal que se contrate ou ben sobre o investimento subvencionable, entre un 15 % e un 50 % da base subvencionable resultante. A porcentaxe da axuda resultará da aplicación da seguinte fórmula e baremo:
Porcentaxe da axuda= 15 + (35 × (puntos baremación proxecto/30)) + (puntos pola contratación de persoas de colectivos con dificultades de acceso ao emprego).
Non obstante, establécese un importe máximo de axuda, por empresa e proxecto, de 2.000.000,00 €.
Os puntos por baremación proxecto obteranse do seguinte xeito:
1. Creación de emprego mediante contratos indefinidos. Puntos máximos: 22.
Acádase a puntuación máxima coa creación de 300 postos de traballo con contratos indefinidos a tempo completo. No caso se ser inferior, outorgaráselle a puntuación de xeito proporcional.
2. A novidade do servizo en Galicia: 3 puntos.
Concederanse os 3 puntos só nos casos de novos emprendedores, empresas xa existentes que inician unha nova actividade ou empresas que se implantan por primeira vez en Galicia.
3. O carácter tecnolóxico do proxecto. Puntos máximos: 5.
Concederanse os puntos obtidos de aplicar a porcentaxe que representen os bens de equipamento respecto do total do investimento subvencionable.
Os puntos pola contratación de persoas de colectivos con dificultades de acceso ao emprego obteranse do seguinte xeito:
• A creación entre 1 e 3 postos de traballo con contratos indefinidos e con persoas destes colectivos puntuarase con 3 puntos.
• A creación entre 4 e 10 postos de traballo con contratos indefinidos e con persoas destes colectivos puntuarase con 4 puntos.
• A creación máis de 10 postos de traballo con contratos indefinidos e con persoas destes colectivos puntuarase con 5 puntos.
Para estes efectos considérase a pertenza a estes colectivos con dificultades de acceso ao emprego os seguintes:
a) Mulleres desempregadas.
b) Persoas desempregadas de longa duración, entendendo como tal a que estivese sen traballo e acredite un período de inscrición ininterrompido como persoa desempregada de 180 días, se fose menor de 25 anos ou tivese 45 anos de idade ou máis, e de 360 días se fose maior de 25 e menor de 45 anos.
c) Persoas desempregadas que esgotasen as prestacións por desemprego.
d) Persoas desempregadas de máis de 45 anos.
e) Mozas e mozos desempregados, entendendo como tales os menores de 30 anos.
f) Persoas desempregadas con discapacidade.
g) Persoas desempregadas que poidan acreditar a pertenza a colectivos en risco de exclusión social mediante informe do Servizo Público de Emprego de Galicia.

Solicitudes
Dentro do prazo establecido na convocatoria para presentar a solicitude de axuda (comezará mañá 14 de decembro e rematará o 30 de abril de 2014), os interesados deberán cubrir previamente un formulario descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto para o cal solicita a subvención a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es
Co fin de prestar asistencia para cubrir o formulario, o Igape pon á disposición dos interesados o seu servizo de asistencia técnica, a través do mencionado enderezo da internet ou dos números de teléfono 902 30 09 03 ou 981 54 11 47. Desde este servizo poderá accederse á aplicación informática e cubrir o formulario e xerar o IDE identificativo, no caso de que o solicitante non dispoña dun acceso directo á internet.
Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda. O IDE estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación informática citada anteriormente.
As solicitudes de axuda presentaranse mediante a instancia normalizada que se obterá de xeito obrigatorio na citada aplicación informática e que se xunta como anexo I a estas bases a título informativo. Na instancia será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas cales este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas, e concederáselles aos solicitantes un prazo de 10 días para a súa emenda, transcorrido o cal se terán por desistidos da súa petición, logo de resolución de arquivamento.
Xunto coa instancia de solicitude presentarase a seguinte documentación:
I. Para sociedades constituídas:
a) Escritura de constitución e dos estatutos debidamente inscritos no rexistro competente e as súas modificacións posteriores.
b) Poder do representante que presenta a solicitude, inscrito, se é o caso, no rexistro competente.
c) Declaración do imposto de sociedades, referido aos 3 últimos exercicios fiscais.
d) No caso de pertenza a algún clúster galego: certificado expedido polo correspondente clúster da pertenza do solicitante ao dito clúster.
II. No caso de sociedades en constitución:
a) Certificado do Rexistro Xeral de Sociedades Mercantís da Dirección Xeral dos Rexistros e do Notariado do Ministerio de Xustiza, ou do rexistro competente, de non figurar inscrita a futura denominación social da entidade que se vai constituír.
b) Proxecto de estatutos da sociedade.
Nestes casos deberá acreditarse a válida constitución da sociedade con anterioridade a ditarse a proposta de resolución. Para tal fin, a documentación establecida no punto I anterior terá que ser presentada no Igape no prazo máximo dun mes desde a presentación da instancia de solicitude (en caso de coincidir en sábado ou día inhábil en Santiago de Compostela, o prazo finalizará o día hábil seguinte). Transcorrido o dito prazo sen tela presentada ou se a documentación presentada fose incorrecta, e logo de requirimento para a súa emenda no prazo de dez días, o Igape arquivará o expediente.

III. Acreditación do emprego existente antes da solicitude:
a) Os TC1 e TC2 dos tres (para os proxectos do procedemento IG100) ou dos doce meses (para os proxectos do procedemento IG101) anteriores á data de presentación da solicitude de axuda de todos os centros de traballo da empresa en Galicia.
b) Certificado da Tesouraría Xeral da Seguridade Social de afiliados adscritos ás contas de cotización da empresa por tipos de contrato, e de todos os centros de traballo da empresa, por data de solicitude da axuda.
IV. Memoria descritiva do investimento proxectado segundo o modelo normalizado establecido polo Igape na súa páxina web.
V. Declaración do efecto incentivador da axuda solicitada, de acordo co establecido no artigo 1.3 destas bases, segundo o modelo normalizado establecido polo Igape na súa páxina web.
VI. Planos.
VII. Declaración de cumprimento de requisitos segundo o establecido no anexo V.
VIII. Declaración da condición de peme, segundo o modelo do anexo VI. No caso de non presentarse, entenderase que o solicitante non é peme.
IX. As tres ofertas que, en aplicación do artigo 29.3º da Lei de subvencións de Galicia, deba ter solicitado o beneficiario, de acordo co establecido no artigo 5.2.h) das bases reguladoras. Calquera cambio na oferta seleccionada deberá contar coa autorización do Igape, segundo o disposto no citado artigo.
X. Calquera outra documentación ou información adicional que considere conveniente para unha correcta análise da solicitude.
De acordo co disposto no artigo 35.f) da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e o artigo 20.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, non será necesario presentar a documentación que xa estea en poder do Igape, sempre que se manteña vixente e se identifique no formulario de solicitude o procedemento administrativo para o cal foi presentada. No suposto de imposibilidade material de obter a documentación ou no caso de que se constate a non validez desta, o órgano competente poderá requirirlle ao solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento. Unha vez xerada a solicitude deberá presentarse preferiblemente por vía electrónica a través da instancia de solicitude normalizada co IDE (anexo I), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns ao servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.
Alternativamente, unha vez xerada a solicitude, tamén se poderá presentar en soporte papel no Rexistro Xeral dos Servizos Centrais do Igape, nas oficinas territoriais do Igape ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando a instancia de solicitude normalizada (anexo I) co IDE, xunto coa documentación establecida no artigo 9.4, en orixinal ou copia cotexada.
Na presentación electrónica, de conformidade co artigo 35.2 da Lei 11/2007, os interesados deberán achegar coa solicitude as copias dixitalizadas dos documentos relacionados no artigo 9.4, responsabilizarase e garantirá a persoa que asina a solicitude a fidelidade dos ditos documentos co orixinal mediante o emprego da súa sinatura electrónica. O Igape poderá requirirlle ao interesado a exhibición do documento ou da información orixinal. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos.


 

Oficina Municipal de Desenvolvemento Local

Praza do Concello, 1 1º

Tlnos. 988.41.00.00 988.41.00.01

Móbil 608.520122 609.152208

Fax. 988.41.19.00

Correo Electrónico: adl@verin.net


?>