Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Ofic. Virtual Desenvolvemento Local Axudas aos proxectos de creación de pequenas ou medianas empresas (Galicia Emprende)
Axudas aos proxectos de creación de pequenas ou medianas empresas (Galicia Emprende) PDF Imprimir Correo-e
Mércores, 18 Decembro 2013 08:10

Desde Desenvolvemento Local do Concello de Verín infórmase da publicación da resolución do 5 de decembro de 2013 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas aos proxectos de creación de pequenas e medianas empresas ou de realización de investimentos en pequenas e medianas empresas novas promovidas por novos emprendedores, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (Galicia Emprende).


Proxectos subvencionables

Serán subvencionables os proxectos de creación de pequenas e medianas empresas ou de realización de investimentos en pequenas e medianas empresas novas promovidas por novos emprendedores para a ampliación do seu novo establecemento, que cumpran os requisitos establecidos nestas bases reguladoras, entre eles:
a) Non teñan comezado antes da presentación da solicitude de axuda.
b) Presenten un custo subvencionable superior a 35.000 euros e non superior a 500.000 euros, que se realizará no prazo de execución do proxecto que se estableza na resolución de concesión; se o custo subvencionable resultase superior a 500.000 euros, o Igape reduciría a base subvencionada a esta cantidade.
c) Os gastos e/ou investimentos subvencionables terán que estar localizados no centro de traballo da empresa en Galicia.
Considérase novo emprendedor, para os efectos destas bases, aquela persoa física que non estea acometendo outra actividade económica por conta propia na data de presentación da solicitude de axuda. Considerarase que non se cumpre esta condición cando unha persoa no momento da solicitude figure de alta no RETA cunha antigüidade superior a un ano ou teña unha participación igual ou superior ao 25 % noutra sociedade mercantil.

Beneficiarios
Poderán ser beneficiarios destas axudas as pequenas e medianas empresas segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (CE) 800/2008 (DOUE L 214, do 9 de agosto), polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías), nas cales non concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2º e 3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño), e cumpran as seguintes condicións:
1. Composición do capital, no caso de sociedades mercantís:
a) O seu capital terá que atoparse maioritariamente participado pola suma das participacións de persoas físicas que non estean acometendo outras actividades económicas por conta propia na data de presentación da solicitude e das achegas de entidades de capital risco e investidores privados adscritos a unha rede asimilable ás coñecidas como redes de business-angels. Cando da documentación e datos que consten no expediente se observase que se produce continuidade empresarial, por baixa recente (antigüidade menor a un ano) nunha actividade que é igual ou similar á que se propón como nova, ou por razóns que permiten concluír unha continuidade de empresa preexistente, poderase denegar motivadamente a axuda.
b) A participación no capital da empresa de persoas, físicas ou xurídicas, que estean desenvolvendo outras actividades económicas na data de solicitude non poderá exceder conxuntamente o 49 %. Polo menos unha das persoas físicas cunha participación superior ao 20 % no capital e sen outra actividade económica por conta propia na data de solicitude deberá ter unha dedicación plena ao proxecto, e non poderá desempeñar outra actividade por conta allea desde a alta de actividade da nova empresa (ou no caso de contar con alta de actividade no momento da solicitude de axuda, desde o día da dita solicitude) e ata a fin do período de execución do proxecto establecido na resolución de concesión.
2. Antigüidade na actividade empresarial:
i) No caso dos autónomos, a data de alta censual non poderá ter unha antigüidade superior a un ano no momento da solicitude de axuda e deberá ter unha dedicación plena ao proxecto, e non poderá desempeñar outra actividade por conta propia ou allea desde a alta de actividade (ou no caso de contar con alta de actividade no momento da solicitude de axuda, desde o día da dita solicitude).
ii) No caso de sociedades, tanto a súa data de constitución como a súa data de alta censual non poderán ter unha antigüidade superior a un ano no momento da solicitude de axuda.
3. Contribución financeira exenta de axudas públicas:
Os beneficiarios deberán achegar para o proxecto de investimento unha contribución financeira exenta de calquera tipo de apoio público de polo menos un 25 % do seu importe, sexa mediante recursos propios ou mediante financiamento externo.
4. Actividades:
4.1. Están excluídas das axudas as seguintes actividades, segundo o Regulamento (CE) 800/2008 (DOUE L 214, do 9 de agosto):
a) As actividades de produción primaria dos produtos agrarios e as actividades nos sectores da pesca e da acuicultura regulamentadas polo Regulamento (CE) 104/2000:
- CNAE 09: divisións 01, 02, 03 e 05 (todos os grupos e clases agás 01.61, 01.62 e 02.40).
- CNAE 09: grupo 10.2 (todas as clases) e clase 46.38.
b) O sector da industria siderúrxica conforme a definición que recolle o anexo I das directrices comunitarias sobre as axudas de estado de finalidade rexional para o período 2007-2013 (2006/C 54/08):
- CNAE 09: grupos 24.1, 24.2 e 24.3 (todas as clases) e clases 24.51 e 24.52.
c) O sector de fibras sintéticas conforme a definición que recolle o anexo II das directrices comunitarias sobre as axudas de Estado de finalidade rexional para o período 2007-2013 (2006/C 54/08).
d) O sector do carbón e do aceiro:
- CNAE 09: división 05 (todos os grupos e clases).
e) O sector da construción naval consonte o disposto na comunicación da comisión DO C 160, do 28 de outubro de 2006:
- CNAE 09: clase 30.11.
4.2. Nos subsectores de hostalaría, restauración e hospedaxe, unicamente serán subvencionables as actividades de restaurantes e de hoteis de dúas estrelas ou superiores.

Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas
- Estas axudas son incompatibles con calquera outra axuda ou subvención para o mesmo proxecto cofinanciada con fondos ou instrumentos da UE, agás coas axudas ou programas de carácter financeiro: como subsidiación ao tipo de xuro, microcréditos, garantías ou préstamos directos.
- Noutro caso, as axudas serán compatibles con calquera outra liña de subvencións, sempre que respecten as intensidades de axuda máxima indicadas nestas bases.
- A obtención doutras axudas ou subvencións ao mesmo proxecto deberá comunicarse ao Instituto Galego de Promoción Económica tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente documentación xustificativa do proxecto realizado.
En todo caso, antes de conceder a axuda, solicitarase da empresa unha declaración escrita ou en soporte electrónico sobre calquera axuda recibida para este mesmo proxecto, así como das axudas recibidas en réxime de minimis. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

Intensidade da axuda
1. Segundo o tipo de gasto subvencionable, a intensidade da axuda concedida non poderá superar:
1.1. Para os gastos de investimento:
a) Como regra xeral:
- Ata o 40 % para medianas empresas.
- Ata o 50 % para pequenas empresas.
- Ata o 30 % para empresas do sector do transporte.
b) Axudas ao investimento no sector da transformación e comercialización de produtos agrícolas, ata o 50 %.
1.2. Para os gastos de alugamento a pequenas empresas de recente creación do artigo 14 do Regulamento (CE) 800/2008 da Comisión, do 6 de agosto, xeral de exención por categorías; ata o 35 % dos custos subvencionables.
1.3. Para os gastos de informe de auditor do artigo 26 do Regulamento (CE) 800/2008 da Comisión, do 6 de agosto, xeral de exención por categorías; ata o 50 % dos custos subvencionables.
1.4. No caso das axudas outorgadas en réxime de minimis aos gastos de aprovisionamento e os gastos de alugamento de bens inmobles concedidos a beneficiarios que superen os límites de pequena empresa, comprobarase que as axudas totais concedidas en réxime de minimis a estes beneficiarios non superarán os 200.000 euros no exercicio corrente e nos dous exercicios anteriores. O límite máximo de axuda total de minimis redúcese a 100.000 euros para as empresas que operen no sector de transporte por estrada.
2. Respectando os límites establecidos para cada tipo de gasto no artigo 5.1. anterior, a intensidade de axuda concedida establécese entre un mínimo dun 15 % dos gastos subvencionables e un máximo do 50 %. A dita intensidade da axuda resultará da aplicación da seguinte fórmula: 15+35×(puntos obtidos/100) da puntuación obtida coa aplicación dos seguintes criterios:
a) A localización do proxecto, segundo o anexo III destas base (máximo 30 puntos).
Aplicaranse 30 puntos para os proxectos do anexo III.a), 10 puntos para os do anexo III.b) e 5 para os do anexo III.c).
b) Compromiso de creación de emprego indefinido por conta allea. Outorgaranse 3 puntos por cada novo emprego que se comprometan a crear. Asignaránselles 2 puntos adicionais se o compromiso relativo a algún dos empregos que creen nese período pertence a colectivos con dificultades de acceso ao emprego: persoas desempregadas que esgotasen as prestacións por desemprego, persoas desempregadas de máis de 45 anos, mozas e mozos menores de 30 anos, vítimas de violencia de xénero, persoas con discapacidade, persoas desempregadas que pertencen a colectivos en risco de exclusión social ou mulleres desempregadas (máximo 20 puntos).
c) O sector de actividade a que se dirixe o proxecto (máximo 20 puntos). Aos proxectos dos sectores relacionados no anexo IV destas bases asignaránselles 20 puntos. Asignándollles 10 puntos aos proxectos pertencentes a sectores non prioritarios.
d) O valor engadido medio xerado pola actividade económica en que se vai encadrar o proxecto (en función da ratio asignable a cada sector de actividade a 2 díxitos), segundo as táboas indicadas no anexo V destas bases (0-20 puntos).
A puntuación vén dada pola aplicación da seguinte fórmula: (valor engadido medio do sector×20)/92,66; sendo 92,66 o valor máis alto do valor engadido bruto/ingresos dos distintos sectores de actividade.
e) A cualificación do proxecto como iniciativa de emprego de base tecnolóxica (IEBT) polo órgano competente da Xunta de Galicia (10 puntos).

Gastos subvencionables e non subvencionables
1. Para os efectos do cálculo da subvención a fondo perdido consideraranse integrados na base subvencionable os conceptos seguintes, que reúnen os requisitos establecidos na Orde EHA/524/08, do 26 de febreiro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Fondo de Cohesión (BOE nº 53, do 1 de marzo de 2008).
a) Investimentos realizados en:
i. Obra civil para construción, reforma ou habilitación de instalacións, suxeitos aos módulos máximos de custo subvencionable que se achegan como anexo VI.
ii. Bens de equipamento: maquinaria de proceso, utensilios, equipamentos informáticos, mobiliario, instalacións específicas para a actividade subvencionable, elementos de transporte interior, vehículos especiais de transporte exterior, medios de protección do ambiente e outros bens de equipamento ligados ao proxecto. Nos sectores do transporte e loxístico non serán subvencionables os elementos de transporte exterior.
iii. Outros investimentos en activos fixos mobiliarios.
iv. Activos inmateriais vinculados á transferencia de tecnoloxía, tales como adquisición de dereitos de patentes, licencias, Know How e coñecementos técnicos non patentados, incluíndo aplicacións informáticas, que cumpran as condicións do artigo 12.2 do Regulamento (CE) nº 800/2008 da Comisión, do 6 de agosto, xeral de exención por categorías (DOUE L 214, do 9 de agosto).
b) Gastos de aprovisionamentos de materias primas, produtos terminados ou servizos de profesionais independentes necesarios para vender un produto ou servizo. Poden representar ata o 10 % do proxecto subvencionado total.
c) Gastos de investigación e desenvolvemento e o canon fixo de franquías no seu primeiro ano.
d) Os gastos de alugamento de bens inmobles, ata un prazo máximo dun ano.
e) Os gastos do informe de auditor a que fai referencia o artigo 16.6º destas bases.
2. Serán subvencionables os custos realizados e pagados dentro do prazo de execución do proxecto establecido na resolución de concesión. O dito prazo iniciarase coa presentación da solicitude de axuda e finalizará na data establecida na resolución de concesión en atención ás características do proxecto para os efectos do cumprimento de todas as condicións da subvención, data que non excederá o 30 de xuño de 2015.
Ningún dos custos alegados, sobre os que se solicita a subvención, poderán ser realizados con carácter previo á solicitude da axuda; de ser así, o proxecto no seu conxunto sería non subvencionable.
3. Os bens obxecto do investimento deberán ser adquiridos polo beneficiario en propiedade. No caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de pagamento aprazado, estes tamén deberán pasar a ser de propiedade plena da empresa antes do remate do prazo de execución do proxecto establecido na resolución de concesión. Deben constar neste momento o vencemento e o pagamento das cantidades aprazadas e efectuados todos os pagamentos por calquera concepto.
4. O investimento en inmobles terá que ser mantido, vinculado á actividade económica subvencionable, no centro de traballo en Galicia durante polo menos 5 anos desde a finalización do prazo de execución do proxecto establecido na resolución de concesión e o resto do investimento polo menos 3 anos desde a finalización do dito prazo. O emprego deberá manterse durante polo menos 2 anos a partir da finalización do prazo de execución do proxecto. O investimento subvencionado poderá ser substituído no caso de obsolescencia, sempre e cando a actividade económica da beneficiaria se manteña en Galicia durante este período. Neste caso, deberá quedar constancia contable e no inventario da empresa da substitución efectuada.Todos os investimentos deberán realizarse en bens novos.
5. No caso dos activos intanxibles, para ser considerados subvencionables, deberán cumprir ademais todas estas condicións: 1) empregaranse exclusivamente na empresa beneficiaria da axuda; 2) consideraranse activos amortizables; 3) adquiriranse a terceiros en condicións de mercado sen que o adquirente estea en posición de exercer control sobre o vendedor, ou viceversa; 4) deberán incluírse nos activos da empresa.
6. Non se subvencionarán os gastos e/ou investimentos cuxo importe sexa superior ao indicado no anexo VI destas bases reguladoras.
7. Os investimentos e gastos previstos polo solicitante deberán ser especificados na solicitude, coa súa planificación anualizada. O Igape, para cada proxecto que resulte aprobado, establecerá na resolución individual correspondente os investimentos subvencionados ata o remate do prazo de execución do proxecto establecido na resolución de concesión.
8. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público, para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, o que deberá acreditar o solicitante. As ofertas deberán ter sinatura e selo orixinal do provedor. Para modificar o provedor seleccionado, deberá pedir previamente á súa contratación autorización ao Igape e xustificar as razóns do cambio.
9. Quedan expresamente excluídos do ámbito de aplicación destas bases os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación e os impostos persoais sobre a renda.
10. Os gastos subvencionables deberán ser contratados e pagados directamente entre o beneficiario da axuda e o provedor final. Os provedores non poderán estar vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores. En ningún caso poderá concertar o beneficiario a execución total ou parcial das actividades.
11. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

Solicitudes
1. Dentro do prazo establecido na convocatoria para presentar a solicitude de axuda (comezará o día 2 de xaneiro de 2014 e rematará o 30 de abril de 2014?, os interesados deberán cubrir previamente un formulario descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto para o cal solicita a subvención a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es
2. Co fin de prestar asistencia para cubrir o formulario, o Igape pon á disposición dos interesados o seu servizo de asistencia técnica, a través do mencionado enderezo da internet ou dos números de teléfono 902 30 09 03 ou 981 54 11 47. Desde este servizo poderá accederse á aplicación informática e, cubrir o formulario e xerar o IDE identificativo, no caso de que o solicitante non dispoña dun acceso directo á internet.
Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda. O IDE estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación informática citada anteriormente.
3. As solicitudes de axuda presentaranse mediante a instancia normalizada que se obterá de xeito obrigatorio na citada aplicación informática e que se xunta como anexo I a estas bases a título informativo. Na instancia será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas cales este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas, concedéndolles aos solicitantes un prazo de 10 días para a súa emenda, transcorrido o cal, se darán por desistidos da súa petición, logo de resolución de arquivamento.
4. Xunto coa instancia de solicitude, presentarase a seguinte documentación:
4.1. Para todas as solicitudes:
a) Certificado de vida laboral na data de solicitude de axuda dos promotores (persoas físicas) que cumpran a condición de novo emprendedor segundo o artigo 1 das bases reguladoras.
b) Declaración asinada por todos os promotores que, cumprindo as condicións de novo emprendedor, vaian dedicarse en exclusiva ao proxecto empresarial para o cal se solicita axuda.
c) Plan de empresa, o cal se debe xuntar como documento ao formulario de solicitude.
d) As tres ofertas que, en aplicación do artigo 29.3º da Lei de subvencións de Galicia, deba ter solicitado o beneficiario, de acordo co establecido no artigo 6.8 das bases reguladoras. Calquera cambio na oferta seleccionada deberá contar coa autorización do Igape, segundo o disposto no citado artigo.
e) Proxecto técnico visado elaborado para a obtención da correspondente licenza urbanística no caso de proxectos que prevexan gastos de obra civil (construción ou reforma de nave, oficinas, locais comerciais etc.). Exceptúase da necesidade de presentación de proxecto técnico a execución de obras ou instalacións menores.
4.2. Para sociedades xa constituídas:
a) Escritura de constitución e dos estatutos debidamente inscritos no rexistro competente.
b) Poder do representante que presenta a solicitude, inscrito, se é o caso, no rexistro competente.
4.3. Para sociedades en constitución:
a) Certificado do Rexistro Xeral de Sociedades Mercantís da Dirección Xeral dos Rexistros e do Notariado do Ministerio de Xustiza, ou do rexistro competente, de non figurar inscrita a futura denominación social da entidade que se vai constituír.
b) Proxecto de estatutos da sociedade, o cal se debe xuntar como documento ao formulario de solicitude.
Nestes casos deberá acreditarse a válida constitución da sociedade con anterioridade a ditarse a proposta de resolución. Para tal fin, a documentación establecida no artigo 8.4.2 anterior terá que ser presentada no Igape no prazo máximo de dous meses desde a presentación da instancia de solicitude (en caso de coincidir en sábado ou día inhábil en Santiago de Compostela, o prazo finalizará o día hábil seguinte) e, en todo caso, antes do 15 de maio de 2014. Transcorrido o dito prazo sen tela presentada ou se a documentación presentada fose incorrecta, e logo de requirimento para a súa emenda no prazo de dez días, o Igape arquivará o expediente.
De acordo co disposto no artigo 35.f) da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e o artigo 20.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, non será necesario presentar a documentación que xa se atope en poder do Igape, sempre que se manteña vixente e se identifique no formulario de solicitude o procedemento administrativo para o cal foi presentada. No suposto de imposibilidade material de obter a documentación ou no caso de que se constate a non validez desta, o órgano competente poderá requirirlle ao solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento.
5. Unha vez xerada a solicitude deberá presentarse preferiblemente por vía electrónica a través da instancia de solicitude normalizada co IDE (anexo I), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dependentes dela.
Alternativamente, unha vez xerada a solicitude, tamén se poderá presentar en soporte papel no Rexistro Xeral dos servizos centrais do Igape, nas oficinas territoriais do Igape ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando a instancia de solicitude normalizada (anexo I) co IDE, acompañada da documentación establecida no artigo 8.4, en orixinal ou copia cotexada (agás a documentación que se debe xuntar como documento ao formulario de solicitude).
6. Na presentación electrónica, de conformidade co artigo 35.2 da Lei 11/2007, os interesados deberán achegar coa solicitude as copias dixitalizadas dos documentos relacionados no artigo 8.4 e a persoa que asina a solicitude responsabilizarase e garantirá a fidelidade dos ditos documentos co orixinal mediante o emprego da súa sinatura electrónica. O Igape poderá requirirlle ao interesado a exhibición do documento ou da información orixinal. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos.
Para achegar xunto coa instancia de solicitude os documentos en formato electrónico, o solicitante deberá previamente dixitalizar os documentos orixinais, obtendo arquivos en formato PDF. A aplicación informática permitirá anexar estes arquivos en formato PDF sempre que cada arquivo individual non supere os 4 MB. No caso de que un documento PDF ocupe máis do dito tamaño, deberá xerarse con menor tamaño. Calquera outro formato de arquivo distinto do PDF non será aceptado pola aplicación informática nin será considerado como documentación presentada.
Os solicitantes por esta vía telemática deberán reunir os seguintes requisitos:
a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación da empresa ou entidade solicitante.
Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.
b) O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido tal e como especifica a Orde do 25 de novembro de 2004, da Consellería de Economía e Facenda, pola que se establecen as normas específicas sobre o uso da sinatura electrónica nas relacións por medios electrónicos, informáticos e telemáticos coa Consellería de Facenda e os seus organismos e entidades adscritas (DOG nº 239, do 10 de decembro). Os certificados de clase 2 CA emitidos pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda serán válidos para efectos de presentación de solicitudes. Se o certificado corresponde a unha persoa física, a súa representación acreditarase documentalmente ao longo da tramitación do expediente.
c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada etc.), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.
d) Unha vez asinada a instancia de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferida estas ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.
d) No momento da presentación o Rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo en que quedará constancia do feito da presentación.
e) Os interesados que cumpran os requisitos da alínea b) anterior tamén poderán empregar a vía telemática para a recepción de notificacións do Igape e para o envío de escritos ao órgano xestor da axuda. Para a recepción de notificacións será preceptivo que o solicitante teña indicado no formulario a súa preferencia polo emprego da notificación telemática neste procedemento de axudas. Neste caso o solicitante deberá acceder á web do Igape no enlace tramitación telemática para recibir as notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor e a sinatura electrónica dun xustificante de recibo das notificacións (xustificante de recepción telemático). Os efectos destas notificacións serán os establecidos na Lei 11/2007, do 22 de xuño (BOE nº 150, do 23 de xuño), e no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, que regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dependentes dela.
7. Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo , indicando os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico en que desexan recibir o xustificante. Dentro do prazo de presentación de solicitudes poderán modificarse os termos da solicitude inicial, utilizando para isto a aplicación informática para xerar un formulario modificado, cuxo IDE será de obrigatoria inclusión no escrito de comunicación ao Igape das ditas modificacións. Para os efectos de prioridade na resolución terase en conta a data de presentación da solicitude modificada.

 

Oficina Municipal de Desenvolvemento Local

Praza do Concello, 1 1º

Tlnos. 988.41.00.00 988.41.00.01

Móbil 608.520122 609.152208

Fax. 988.41.19.00

Correo Electrónico: adl@verin.net


?>