Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Ofic. Virtual Desenvolvemento Local Axudas á primeira implantación promocional conxunta no exterior (Plan Primex)
Axudas á primeira implantación promocional conxunta no exterior (Plan Primex) PDF Imprimir Correo-e
Xoves, 19 Decembro 2013 08:45

Desde Desenvolvemento Local do Concello de Verín infórmase da publicación da resolución do 26 de novembro de 2013 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica que aproba as bases reguladoras das axudas do Igape á primeira implantación promocional conxunta no exterior (plan Primex), cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013 e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2014, en réxime de concorrencia non competitiva.


Proxectos obxecto de apoio e exclusións
1. O Igape poderá conceder subvencións a fondo perdido aos proxectos de prospección e primeira implantación promocional conxunta de empresas galegas no estranxeiro que teñan uns obxectivos de cooperación semellantes para afrontar en destino unha estratexia de promoción comercial que beneficie a todas elas. Tamén os proxectos que teñan por obxectivo dar a coñecer e promocionar produtos e servizos de empresas galegas amparadas baixo os organismos intermedios, sendo estes organismos intermedios os aglutinantes da estratexia e das accións comúns.
2. Quedan excluídas as axudas á exportación. Debe entenderse por axudas á exportación aquelas directamente asociadas ás cantidades exportadas, ao establecemento e ao funcionamento dunha rede de distribución e aos gastos correntes derivados da actividade exportadora.
3. No caso de solicitudes de agrupacións de empresas, a dita agrupación debe ser o beneficiario final dos servizos para os cales se solicita axuda, é dicir, debe tratarse de servizos encamiñados a internacionalizar ás propias empresas que conforman a agrupación.
4. O prazo de execución dos proxectos subvencionables iniciarase o 1 de xaneiro de 2014 (polo que a solicitude de axuda poderá incluír accións que se leven a cabo a partir do 1 de xaneiro de 2014) e rematará na data establecida na resolución de concesión de axuda, sen que nunca poida exceder o 30 de xuño de 2015. Non serán subvencionables os proxectos cuxa escritura de constitución da sociedade/filial en destino ou legalización do centro de promoción en destino sexa anterior a esta data do 1 de xaneiro de 2014.
5. Non se concederá axuda a aqueles proxectos que, unha vez avaliados, recibirían unha axuda inferior a 20.000 euros.
6. Non será subvencionable un proxecto que supoña unha continuación dun proxecto deste tipo subvencionado polo Igape noutras convocatorias por esta liña de axudas.

Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

1. Estas axudas son incompatibles con calquera outra axuda ou subvención para o mesmo proxecto cofinanciada con Fondos ou Instrumentos da UE. Noutro caso, as axudas serán compatibles con calquera outra liña de subvencións, sempre que se respecten as intensidades de axuda máximas indicadas nos regulamentos da UE aplicables. Non serán compatibles –para os mesmos conceptos subvencionables– con outros programas de apoio financiados pola Xunta de Galicia.
2. A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Instituto Galego de Promoción Económica tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente documentación xustificativa do proxecto realizado. En todo caso, antes de conceder a axuda, solicitarase da empresa unha declaración escrita ou en soporte electrónico sobre calquera axuda de minimis recibida durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.
3. Ao estar este réxime de axudas suxeito ao réxime de minimis, deberase garantir que, no caso de axudas a empresas, de recibir o beneficiario outras axudas baixo o réxime de minimis, non se supera o límite de 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais. Este límite será de 100.000 euros para as empresas do sector de transporte por estrada. A axuda total de minimis concedida a unha empresa durante calquera período de tres exercicios fiscais redúcese a 30.000 euros para as empresas do sector pesqueiro, de acordo co establecido no Regulamento (CE) nº 875/2007, do 24 de xullo (DOUE do 25 de xullo), e a 7.500 euros para as empresas dedicadas á produción primaria de produtos agrícolas, de acordo co establecido no Regulamento (CE) nº 1535/2007, do 20 de decembro (DOUE do 21 de decembro).

Beneficiarios
1. Beneficiarios. Poderán presentar solicitudes:
a) As agrupacións sen personalidade xurídica propia formadas por, polo menos, tres empresas (entendendo únicamente por tales as sociedades mercantís, cooperativas ou outras sociedades con persoalidade xurídica propia e obxecto empresarial, incluídas as empresas con obxecto social destinado á prestación de servizos técnicos, comerciais ou loxísticos e que teñan na data da solicitude e durante todo o prazo de execución do proxecto algún empregado por conta allea en Galicia) –non vinculadas previamente entre si e con domicilio ou algún centro de actividade radicado en Galicia–, que se comprometan a crear unha sociedade de promoción comercial dos seus produtos ou servizos no país de destino, entendendo como tal unha sociedade con personalidade xurídica propia ou calquera tipo de agrupación empresarial admitida en dereito no país de destino.
Conforme o artigo 8.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deberanse facer constar na solicitude e na resolución de concesión os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios e, en calquera caso, deberán nomear un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, corresponden á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición de catro anos dos artigos 35 e 63 da citada Lei de subvencións de Galicia.
O representante ou apoderado único da agrupación considerarase que representa ante o Igape todos os partícipes para os efectos de cumprir coas obrigas derivadas da súa condición de beneficiario, así como para a xustificación e o pagamento da subvención.
b) Os consorcios domiciliados en Galicia e con personalidade xurídica independente (cunha antigüidade máxima de cinco anos anteriores ao 1 de xaneiro de 2014) formados polo menos por tres empresas –non vinculadas previamente entre si antes da constitución do consorcio e con domicilio ou algún centro de actividade radicado en Galicia–, que se comprometan a crear unha filial no estranxeiro para a promoción comercial dos seus produtos ou servizos no país de destino.
c) Organismos intermedios, que se comprometan a poñer en marcha un centro de promoción en destino sempre que o obxectivo sexa a exposición e/ou promoción comercial dos produtos ou servizos das empresas asociadas. Os produtos deberán ter orixe galega ou ter sufrido algunha transformación produtiva ou valor engadido en Galicia.
Por organismos intermedios enténdense as asociacións empresariais, consellos reguladores, clústers empresariais (con personalidade xurídica propia, sen ánimo de lucro e domiciliados en Galicia), que representen un colectivo de empresas –con domicilio social ou algún centro de actividade en Galicia– e os centros tecnolóxicos e centros de apoio á innovación tecnolóxica domiciliados en Galicia e que estean inscritos con anterioridade ao 31.12.2013 no Rexistro establecido para o efecto polo Ministerio de Ciencia e Innovación (Real decreto 2093/2008, do 19 de decembro, polo que se regulan os centros tecnolóxicos e os centros de apoio á innovación tecnolóxica de ámbito estatal e se crea o rexistro de tales centros, BOE nº 20, do 23 de xaneiro de 2009).
Enténdese por clúster para os efectos destas bases as agrupacións empresariais innovadoras que colaboren e desenvolvan proxectos en cooperación no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e que teñan creada unha entidade con personalidade xurídica propia e sen ánimo de lucro que xestione a agrupación clúster.
As agrupacións clúster identificadas polo Igape ata a data en Galicia son as que poden consultarse no enderezo da internet http://www.atcluster.org/es/ResultadoDiciembre2011
As agrupacións destes organismos intermedios non vinculados previamente entre si poderán ser beneficiarios sempre que acaden un acordo formal para a realización deste tipo de accións e nomeen un/unha deles/as representante legal perante o Igape para a solicitude da axuda.
Neste segundo caso, conforme o artigo 8.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deberanse facer constar na solicitude e na resolución de concesión os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios e, en calquera caso, deberán nomear un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, corresponden á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición de catro anos dos artigos 35 e 63 da citada Lei de subvencións de Galicia.
O representante ou apoderado único da agrupación considerarase que representa ante o Igape todos os partícipes para os efectos de cumprir coas obrigas derivadas da súa condición de beneficiario, así como para a xustificación e o pagamento da subvención.
En ambos os casos desta letra c), o solicitante debe identificar as empresas que participen no proxecto. O número mínimo de empresas galegas que deberán comprometerse no proxecto será de cinco.
2. Requisitos dos beneficiarios:
a) Desenvolver nun centro radicado en Galicia calquera actividade económica, mesmo a prestación de servizos técnicos, comerciais ou loxísticos, non excluída no Regulamento (CE) nº 1998/2006 da Comisión, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis. Serán subvencionables as actividades de produción de produtos agrícolas conforme o establecido no Regulamento (CE) nº 1535/2007 da Comisión, do 20 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis no sector da produción de produtos agrícolas e as actividades do sector pesqueiro, conforme o establecido no Regulamento (CE) nº 875/2007 da Comisión, do 24 de xullo, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis no sector pesqueiro.
No que se refire a empresas non domiciliadas en Galicia, a subvención correspondente reducirase en proporción ao número de empregados nos centros radicados en Galicia respecto do conxunto total de empregados da empresa. Non poderán ter a condición de beneficiarias aquelas empresas non domiciliadas en Galicia e que unicamente teñan radicados na Comunidade Autónoma centros con actividade estritamente comercial.
b) Non poderán ter a condición de beneficiarios as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2º e 3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño).
c) Non poderán ter a condición de beneficiario as empresas que estean en crise. Para estes efectos, convén ter en conta a definición de empresa en crise que para as grandes empresas figura no punto 2.1 das directrices sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas en crise (DOUE C 244/2, do 1 de outubro de 2004) e que para as pemes aparece no artigo 1.7º do Regulamento xeral de exención (Regulamento (CE) nº 800/2008).
d) A maioría das empresas participantes nos proxectos deben ser pequenas e medianas empresas galegas (sociedades mercantís ou outras sociedades con obxecto empresarial) –segundo a definición da Comisión Europea–, non vinculadas previamente entre si. A non vinculación previa implica que unha empresa socia non pode ter participación do capital doutra empresa socia, nin dúas empresas socias poden ter un accionista común maioritario nalgunha delas. Ademais, dúas empresas socias non poden ter antes da solicitude de axuda un mesmo representante legal ou administradores comúns.
e) Admitirase a existencia no proxecto de socios non galegos ou socios con vinculación previa pero as ditas partes non recibirán axuda do Igape. No caso de vinculación previa, só un dos socios vinculados terá dereito á subvención, que será, ademais, o que se compute para efectos de contabilizar o número mínimo de socios do proxecto.
f) No caso de agrupacións de empresas, a participación no proxecto de cada un dos beneficiarios da axuda non pode ser inferior ao 5 %. Así mesmo, a porcentaxe de participación no proxecto establecido no acordo notarial para cada membro da agrupación debe coincidir coa porcentaxe de cada un na cota de participación da agrupación na sociedade en destino.
No caso de agrupacións de empresas, cada unha das empresas beneficiarias da axuda terá que dispor dun diagnóstico positivo do potencial de internacionalización da empresa realizado a través de programas de Igape. No caso de consorcios con personalidade xurídica propia, o diagnóstico só é necesario para este, e non para cada unha das empresas partícipes no mesmo. Só son válidos para estes efectos os diagnósticos presenciais con visita á empresa do realizador do diagnóstico, non os realizados on-line. No caso de non dispoñer deste diagnóstico, deberá solicitalo ao Igape ao mesmo tempo que presente a solicitude de axuda.
g) No caso de consorcios e agrupacións de empresas, cada unha das empresas integrantes do consorcio ou agrupación (excepto as que non computan para efectos da subvención) deben ter na data da solicitude e durante todo o prazo de execución do proxecto algún empregado por conta allea en Galicia.
i) Non será subvencionable a participación das empresas que durante o prazo de execución do proxecto cesen na súa actividade en Galicia.
j) Quedan excluídas as empresas ou organismos intermedios que teñan sido beneficiarios para o mesmo país en convocatorias anteriores desta liña de axudas, agás que renunciasen expresamente á axuda anterior, non entrando no cómputo do número mínimo de empresas ou de organismos intermedios para os proxectos adicionais dentro do mesmo país.

Condicións dos gastos subvencionables
1. Serán subvencionables os seguintes gastos de constitución e de funcionamento da sociedade, ou centro de promoción no caso de organismos intermedios, que se constitúa no país de implantación realizados e pagados no período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2014 e a data de finalización do prazo de execución do proxecto establecido na resolución de concesión, que nunca poderá exceder o 30 de xuño de 2015. Estes gastos subvencionables reúnen os requisitos establecidos na Orde EHA/524/08, do 26 de febreiro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Fondo de Cohesión (BOE nº 53, do 1 de marzo de 2008).
1.1. Gastos de constitución e posta en marcha do proxecto (que poden ser facturados á sociedade en destino ou aos beneficiarios en orixe):
a) Gastos de conformación da agrupación ou consorcio e de constitución en destino: acordos notariais, escrituras, inscricións, permisos administrativos, licenzas e outros gastos legais e administrativos que se realizan unha soa vez ao comezo da actividade. Non se admitirán por este concepto gastos de asistencia técnica que incrementen o custo destes servizos.
b) Gastos de asistencia técnica (legal, financeira ou consultoría): gastos previos á constitución da sociedade ou posta en marcha do centro de promoción en destino que estean directamente relacionados coa conformación do grupo de empresas partícipes no proxecto e coa súa posta en marcha.
Límite de axuda por este concepto:
O importe subvencionable máximo por este concepto será de 5.000 euros, que se incrementará –no caso de agrupacións de empresas e consorcios– en 1.000 euros de importe subvencionable máis por cada empresa adicional do mínimo de tres –das que computan como subvencionables– ata un máximo de 10.000 euros de importe subvencionable por este concepto.
1.2. Gastos en destino (que deben ser facturados á sociedade ou filial en destino, salvo no suposto dos proxectos de organismos intermedios sen personalidade xurídica en destino):
- Gastos de funcionamento da sociedade en destino:
a) Gastos de persoal: soldos e salarios netos aboados ao xerente e persoal relacionado coa actividade promocional da sociedade ou entidade en destino e con posto de traballo en destino. É preciso que exista un contrato laboral, xa sexa fixo ou eventual. O xerente pódese contratar tamén mediante contrato de prestación de servizos, pero debe ser contratado para dedicación en exclusiva ao proxecto e traballar en destino.
Exclúese da contratación subvencionada calquera accionista, propietario, directivo, administrador ou empregado do organismo intermedio, do consorcio ou das empresas membros da agrupación.
b) Gastos de servizos profesionais externos en destino: gastos que estean directamente relacionados co funcionamento administrativo da sociedade ou filial en destino (xurídicos, administrativos, tradución, contables –mesmo auditoría– e fiscais). Traballos que realizarán profesionais que directamente ou mediante acordos con terceiros dispoñan de medios persoais no país obxecto do proxecto.
Límite de axuda por este concepto: o importe subvencionable máximo non superará os 24.000 euros.
c) Gastos de aluguer: aluguer de locais e inmobilizado cando a actividade promocional o xustifique.
d) Para aqueles solicitantes que, previamente á súa implantación definitiva, decidan realizar a súa actividade dentro de centros de negocios, subvencionarase o custo do aluguer ou cota correspondente.
- Gastos de promoción en destino relacionados co país de implantación:
a) Publicidade: custo de compra de espazos publicitarios en medios do país obxecto da acción promocional. Só son subvencionables os custos de inserción nos medios finais e non outros gastos de asistencia técnica relacionada co plan de publicidade.
b) Feiras e outros eventos expositivos do país de implantación como show rooms, catas, presentacións de empresa e/ou produtos. No caso de eventos organizados por terceiros, só son subvencionables os gastos facturados polo organizador do evento en concepto de participación, aluguer de solo e stand. No caso de eventos organizados polos solicitantes, só son subvencionables os gastos de aluguer de espazo.
c) Viaxes relacionadas co proxecto: viaxes de representantes da sociedade ou filial en destino –así como do representante legal da agrupación, consorcio ou organismo intermedio solicitante da axuda– entre Galicia e o país de destino, así como dentro do país onde estea a sociedade ou filial. Só son subvencionables os gastos de avión, tren e autobús e gastos de hotel en réxime de aloxamento e almorzo.
Límite por este concepto: establécense as seguintes cantidades máximas de subvención:
• Para viaxes con destino/orixe Portugal/Galicia: 500 euros por viaxe subvencionable.
• Para viaxes con destino/orixe resto de Europa/Galicia: 1.000 euros por viaxe subvencionable.
• Para viaxes con destino/orixe fóra de Europa/Galicia: 1.500 euros por viaxe subvencionable.
O importe subvencionable máximo polo concepto de viaxes non superará os 10.000 euros para proxectos en Portugal, 15.000 euros para proxectos no resto de Europa e 20.000 euros para proxectos fóra de Europa.
- Outros gastos en destino relacionados co país de implantación:
a) Gastos de rexistro da propiedade industrial no país obxecto do proxecto subvencionable.
b) Gastos de homologación e certificación: gastos de servizos externos para a homologación ante organismos oficiais estranxeiros e para certificacións e precualificacións ante clientes no exterior.
2. Quedan expresamente excluídos do ámbito de aplicación destas bases os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación e os impostos persoais sobre a renda. Poderase considerar subvencionable o imposto sobre o valor engadido (IVE) cando o solicitante da axuda sexa unha asociación ou entidade sen ánimo de lucro e acredite que se atopa acollido ao réxime de exención do IVE e que esa operación concreta non foi incluída na declaración do IVE.
3. Os provedores non poderán estar vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores (no caso de organismos intermedios sen ánimo de lucro non se entende que haxa vinculación coas empresas asociadas ou representadas). Admítese a subcontratación das actividades subvencionadas polos beneficiarios, sen límite respecto ao importe da actividade subvencionada, e exíxese aos beneficiarios o cumprimento das obrigas establecidas nos artigos 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 43 do seu regulamento. En ningún caso poderán subcontratarse actividades que, aumentando o custo da actividade subvencionada, non acheguen valor engadido ao seu contido.
4. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público (TRLCSP) para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude de subvención. Neste caso, presentarase escrito aclaratorio indicativo desta circunstancia, asinado polo representante legal. Para modificar o provedor seleccionado deberá pedir previamente á súa contratación autorización ao Igape e xustificar as razóns do cambio.
No caso de que o solicitante sexa un clúster e teña a condición de poder adxudicador nos termos previstos no artigo 3.3.b) do TRLCSP deberán presentar, se é o caso, o correspondente expediente de contratación tramitado para o efecto nos termos previstos nos artigos 189, 190 e 191 do TRLCSP. Será responsabilidade da entidade beneficiaria o cumprimento da citada normativa, e o seu incumprimento pode dar lugar á perda do dereito ao cobramento total ou parcial e demais responsabilidades previstas na normativa de subvencións públicas.
Conforme o artigo 3.3.b) do TRLCSP teñen a consideración de poderes adxudicadores todos os entes, organismos ou entidades con personalidade xurídica propia distintas das administracións públicas que fosen creados específicamente para satisfacer necesidades de interese xeral que non teñan carácter industrial ou mercantil, sempre que un ou varios suxeitos que deban considerarse poder adxudicador de acordo cos criterios dese número 3 financien maioritariamente a súa actividade, controlen a súa xestión, ou nomeen máis da metade dos membros do seu órgano de administración, dirección ou vixilancia.
5. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.
6. Quedan expresamente excluídos do ámbito de aplicación destas bases aqueles gastos que resulten de carácter xeneralista ou non estean expresamente referidos á actuación de internacionalización concreta que se propón para a subvención e calquera outro gasto derivado da actividade habitual e corrente da empresa solicitante.
7. Non serán subvencionables gastos correspondentes a actuacións que o solicitante poida realizar cos seus propios medios materiais e persoais, o que se determinará polo tipo de actividade da empresa –IAE ou CNAE–, e/ou porque o solicitante, pola súa vez, figure como provedor para outra empresa solicitante destas axudas –nesta e anteriores convocatorias– para o mesmo tipo de actuacións e gastos.
8. No caso de actuacións en que participe un grupo de empresas e/ou organismos intermedios, entre os cales se inclúa algún participante que non cumpra os requisitos para ser beneficiario do artigo 4 destas bases, os gastos que poidan individualizarse correspondentes aos ditos participantes non serán subvencionables e, polo que respecta aos gastos de tipo xeral, a subvención reducirase en función da porcentaxe de participantes que non cumpran os requisitos para ser beneficiarios.

Contía e límites de axuda
1. Contía da axuda: 45 % de subvención sobre os gastos subvencionables, con incremento do 5 % por cada empresa galega/organismo intermedio participante na agrupación ou consorcio a maiores do número mínimo requirido de tres empresas galegas ou un organismo intermedio, ata un máximo do 70 % de subvención.
Estas porcentaxes incrementaranse adicionalmente:
• En 5 puntos porcentuais por cada empresa computable na axuda membro da agrupación ou membro do consorcio, ou por cada organismo intermedio con domicilio social ou centro de actividade obxecto do proxecto nalgún dos municipios relacionados no anexo III destas bases: provincias de Lugo ou Ourense, comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal e da Costa da Morte.

• Se o solicitante é un clúster galego ou algunha das empresas beneficiarias pertence a algun clúster galego, engadiranse 5 puntos porcentuais máis por cada clúster ou por cada empresa computable na axuda –membro da agrupación ou membro do consorcio–, pertencente a algún clúster galego.
O límite total máximo de axuda será do 80 % de subvención sobre os gastos subvencionables.
2. O límite máximo de axuda por proxecto en que participe o número mínimo de tres empresas galegas ou un organismo intermedio galego será de 100.000 euros, e por cada empresa ou organismo intermedio adicional, incrementarase o límite anterior en 10.000 euros, ata acadar un límite máximo conxunto de 150.000 euros.

Solicitudes
1. Dentro do prazo establecido na convocatoria (comezará o día 2 de xaneiro de 2014 e rematará o 3 de marzo de 2014), para presentar a solicitude de axuda, os interesados deberán cubrir previamente un formulario descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto e detallar os traballos que se van realizar por cada un dos conceptos subvencionables para os cales solicita a subvención a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es
2. Co fin de prestar asistencia para cubrir o formulario, o Igape pon á disposición dos interesados o seu servizo de asistencia técnica, a través do mencionado enderezo da internet ou dos números de teléfono 902 30 09 03 ou 981 54 11 47. Desde este servizo poderá accederse á aplicación informática e cubrir o formulario e xerar o IDE identificativo, no caso de que o solicitante non dispoña dun acceso directo á internet.
Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda. O IDE estará composto por 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractación SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación informática citada anteriormente.
3. As solicitudes de axuda presentaranse mediante a instancia normalizada que se obterá de xeito obrigatorio na citada aplicación informática e que se xunta como anexo I a estas bases a título informativo. Na instancia será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas cales este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática), non serán tramitadas, e concederáse aos solicitantes un prazo de dez días para a súa emenda, transcorrido o cal se terán por desistidos da súa petición, previa resolución de arquivamento.
4. Xunto coa instancia de solicitude, presentarase a seguinte documentación:
4.1. Documentación relativa ás circunstancias do beneficiario:
a) Consorcios:
- Escritura de constitución e modificación/s inscrita/s no rexistro competente.
- Documento público acreditativo do poder con que actúa o seu representante.
b) Consellos reguladores:
- Documentación acreditativa da representación con que actúa.
- Certificación expedida pola Secretaría-Intervención que declare que o consello está exento de pagamento do IVE na actividade subvencionada e que, por tanto, non repercute este imposto.
c) Asociacións e outras entidades sen ánimo de lucro:
- Acreditación da representación con que se actúa.
- Documentación acreditativa da súa constitución: acta e estatutos de constitución, con acreditación da súa inscrición no rexistro correspondente e modificacións posteriores.
- Se é o caso, documentación acreditativa da condición de exención do IVE, expedido pola Axencia Estatal da Administración Tributaria referida ao exercicio 2014 e certificación do organismo de que non se deduce o IVE das facturas que soportan o proxecto subvencionable.
- No caso de centros de innovación e tecnoloxía, certificado acreditativo da súa inscrición no Rexistro de Centros de Innovación e Tecnoloxía con anterioridade ao 31.12.2013.
d) Agrupacións de empresas ou de organismos intermedios:
- Acordo notarial de constitución da agrupación detallando a descrición do proxecto para o cal se solicita a axuda, o país obxecto do proxecto, o representante ou apoderado único da agrupación e os membros da agrupación, coa súa porcentaxe de participación no proxecto e a porcentaxe dos gastos subvencionables do proxecto que asume cada un deles (ambas as porcentaxes deben ser coincidentes).
e) Para cada unha das empresas da agrupación e do consorcio computables para efectos da subvención:
- Escritura de constitución e modificación/s inscrita/s no rexistro competente.
- Documento público acreditativo do poder con que actúa o seu representante.
- No caso de que sexa unha empresa pertencente a algún clúster galego, certificado expedido polo correspondente clúster da pertenza do solicitante ao dito clúster.
- Informe de vida laboral desde o 1 de xaneiro de 2014.
4.2. No caso de que o solicitante sexa unha agrupación de empresas, deberase xuntar como documento ao formulario de solicitude o diagnóstico positivo do potencial de internacionalización de cada empresa, ou a solicitude ao Igape de realización deste tipo de diagnóstico e, no caso de que o solicitante sexa un consorcio, o diagnóstico só é necesario para este e non para cada unha das empresas partícipes nel.
5. De acordo co disposto no artigo 35.f) da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, non será necesario presentar a documentación que xa se atope en poder do Igape, sempre que se manteña vixente e se identifique no formulario o procedemento administrativo para o cal foi presentada. No suposto de imposibilidade material de obter a documentación ou no caso de que se constate a non validez desta, o órgano competente poderá requirir ao solicitante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento.
6. Unha vez xerada a solicitude, deberá presentarse preferiblemente por vía electrónica a través da instancia de solicitude normalizada co IDE (anexo I), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Alternativamente, unha vez xerada a solicitude, tamén se poderá presentar en soporte papel no rexistro xeral dos servizos centrais do Igape, nas oficinas territoriais do Igape ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando a instancia de solicitude normalizada (anexo I) co IDE, acompañada da documentación establecida no artigo 8.4, en orixinal ou copia cotexada.
7. Na presentación por vía electrónica, de conformidade co artigo 35.2 da Lei 11/2007, os interesados deberán achegar coa solicitude as copias dixitalizadas dos documentos relacionados no artigo 8.4, responsabilizándose e garantindo a persoa que asina a solicitude a fidelidade dos ditos documentos co orixinal mediante o emprego da súa sinatura electrónica. O Igape poderá requirir o interesado a exhibición do documento ou da información orixinal. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos.
Para achegar xunto coa instancia de solicitude os documentos en formato electrónico o solicitante deberá previamente dixitalizar os documentos orixinais e obter arquivos en formato PDF. A aplicación informática permitirá anexar estes arquivos en formato PDF sempre que cada arquivo individual non supere os 4 MB. No caso de que un documento PDF ocupe máis do dito tamaño, deberá xerarse con menor tamaño. Calquera outro formato de arquivo distinto do PDF non será aceptado pola aplicación informática nin será considerado como documentación presentada.
Os solicitantes por esta vía telemática deberán reunir os seguintes requisitos:
a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.
b) O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido, tal e como especifica a Orde do 25 de novembro de 2004, da Consellería de Economía e Facenda, pola que se establecen as normas específicas sobre o uso da sinatura electrónica nas relacións por medios electrónicos, informáticos e telemáticos coa Consellería de Facenda e os seus organismos e entidades adscritas (DOG nº 239, do 10 de decembro). Os certificados de clase 2 CA emitidos pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda serán válidos para os efectos de presentación de solicitudes. Se o certificado corresponde a unha persoa física, a súa representación acreditarase documentalmente ao longo da tramitación do expediente.
c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada etc.), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.
d) Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferidos estes ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.
e) No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo en que quedará constancia do feito da presentación.
f) Os interesados que cumpran os requisitos do punto b) anterior tamén poderán empregar a vía telemática para a recepción de notificacións do Igape e para o envío de escritos ao órgano xestor da axuda. Para a recepción de notificacións será preceptivo que o solicitante teña indicado no formulario a súa preferencia polo emprego da notificación telemática neste procedemento de axudas. Neste caso o solicitante deberá acceder á web do Igape na ligazón «tramitación telemática» para recibir as notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor e a sinatura electrónica dun xustificante de recibo das notificacións (xustificante de recepción telemático). Os efectos destas notificacións serán os establecidos na Lei 11/2007, do 22 de xuño (BOE nº 150, do 23 de xuño) e no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, que regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.
8. Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo , indicando os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico en que desexan recibir o xustificante. Dentro do prazo de presentación de solicitudes poderán modificarse os termos da solicitude inicial, utilizando para isto a aplicación informática para xerar un formulario modificado, cuxo IDE será de obrigatoria inclusión no escrito de comunicación ao Igape das ditas modificacións. Para efectos de prioridade na resolución, terase en conta a data de presentación da solicitude modificada.

 

Oficina Municipal de Desenvolvemento Local

Praza do Concello, 1 1º

Tlnos. 988.41.00.00 988.41.00.01

Móbil 608.520122 609.152208

Fax. 988.41.19.00

Correo Electrónico: adl@verin.net


?>