Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Ofic. Virtual Desenvolvemento Local Axudas aos investimentos para a elaboración e comercialización de produtos vitícolas
Axudas aos investimentos para a elaboración e comercialización de produtos vitícolas PDF Imprimir Correo-e
Xoves, 02 Xaneiro 2014 09:02

Desde Desenvolvemento Local do Concello de Verín infórmase da publicación da orde do 16 de decembro de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas aos investimentos para a elaboración e comercialización de produtos vitícolas, financiadas polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga), e se convocan para o ano 2014.


Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a execución de medidas de investimentos no sector vitivinícola en Galicia establecidas no Real decreto 548/2013 de aplicación das medidas do programa de apoio 2014-2018 ao sector vitivinícola español, así como realizar a convocatoria para o ano 2014.

Beneficiarios
1. Poderán presentar solicitudes para acollerse a estas axudas as persoas físicas ou xurídicas titulares de microempresas e pequenas e medianas empresas, segundo se definen na Recomendación 2003/361/CE, da Comisión, do 6 de maio de 2003, que produzan, comercialicen ou realicen ambos os procesos respecto dos produtos que se describen no anexo XI ter do Regulamento CE nº 1234/2007, do Consello, do 22 de outubro, producidos en territorio español, que teñan actividade no momento da presentación da solicitude ou que a inicien co proxecto presentado coa solicitude, e que sexan responsables finais do financiamento do proxecto.
Así mesmo, poderanse beneficiar da medida as empresas con menos de 750 empregados ou cuxo volume de negocio sexa inferior a 200 millóns de euros, que cumpran cos mesmos requisitos de produción e comercialización mencionados no parágrafo anterior. No suposto destas empresas intermedias, a intensidade máxima de axuda reducirase á metade.
2. No entanto, cando se trate de solicitudes cuxa actividade sexa unicamente a comercialización, polo menos un 80 por cento da súa facturación do último exercicio pechado deberá proceder da comercialización dos produtos mencionados no punto 1.
No caso de beneficiarios que inicien a súa actividade no ámbito da comercialización, deberán presentar un compromiso escrito de que, polo menos, o 80 por cento da súa facturación procederá da comercialización dos produtos mencionados no punto 1.
3. Os solicitantes das axudas deben ter instalacións situadas en Galicia ou prever telas coa execución dos investimentos para os que se solicita a axuda, dedicadas á produción dos produtos mencionados no punto 1, salvo nos casos de proxectos de comercialización desvinculados fisicamente dunha adega, así como en todos os casos de comercialización noutro Estado membro, nos cales o requisito esixible é que os solicitantes teñan o seu domicilio fiscal en Galicia.

Actuacións, operacións e gastos subvencionables
1. Serán admisibles as actuacións relativas a investimentos tanxibles ou intanxibles que se describen a continuación:
A) Produción e comercialización.
A1. Elaboración de produtos vitivinícolas: as operacións propias do proceso de elaboración, desde a recepción da uva ata o almacenamento do produto terminado, incluíndo os sistemas informáticos para o control dos procesos produtivos.
A2. Control da calidade: calquera operación realizada no proceso de control da calidade dos produtos, desde a toma de mostras na recepción da uva na adega, os controis realizados durante o proceso da elaboración, asegurar a rastrexabilidade, os sistemas de calidade ou a implantación de normas de calidade alimentaria.
A3. Vinculadas á empresa en xeral: as operacións que melloren a estrutura operativa dos sistemas de xestión administrativa, a organización e o control da empresa, así como o desenvolvemento das redes de información e comunicación.
A4. Comercialización: calquera operación realizada nos países da UE, incluída España, en:
– Puntos de venda directa na adega, incluíndo salas de exposición e degustación, pero separados fisicamente das instalacións de elaboración.
– Puntos de venda fóra da adega, almacéns, centros loxísticos e oficinas comerciais.
– Equipamentos necesarios para a exposición e/ou venda.
– Desenvolvemento de redes de comercialización.
– Hardware, software, plataformas web/comercio electrónico, para a adopción de tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) e o comercio electrónico.
B) Desenvolvemento de novos produtos, procedementos e tecnoloxías.
Os gastos auxiliables para o desenvolvemento de novos produtos, procedementos e tecnoloxías corresponderán a actividades preparatorias tales como o deseño, o desenvolvemento e ensaio de produtos e as operacións tanxibles ou intanxibles relacionadas con elas, antes do seu emprego con fins comerciais.
2. Segundo se recolle no artigo 17 do Regulamento (CE) n° 555/2008, da Comisión, do 27 de xuño de 2008, serán subvencionables os seguintes tipos de gastos:
a) A construción, a adquisición ou a mellora de bens inmobles.
b) A compra de nova maquinaria e equipos, incluídos os soportes lóxicos de ordenador, ata o valor de mercado do produto.
c) Ata un 8 % dos gastos xerais ligados aos puntos a) e b) anteriores como honorarios de arquitectos, enxeñeiros e asesores, estudos de viabilidade ou adquisición de patentes e licenzas.
Para efecto dos investimentos da medida de «Desenvolvemento de novos produtos admisibles» será de aplicación o disposto no artigo 18 do Regulamento (CE) n° 555/2008, da Comisión, do 27 de xuño de 2008.
3. Non terán a consideración de subvencionables os gastos descritos no anexo I desta orde.

Outros requisitos
1. A empresa solicitante deberá demostrar viabilidade económica, e suficiente capacidade e medios para asegurar a adecuada execución do investimento.
Non se concederá a axuda financeira ás empresas en situación de crise, segundo se define nas directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas en crise, de acordo coa Comunicación (2004/C244/02), da Comisión, do 1 de outubro de 2004. Conforme isto, non se concederán, en particular, axudas a sociedades anónimas e limitadas que incorran en causa de disolución por ter un patrimonio contable inferior á metade do seu capital social, tal como establece a normativa que regula este tipo de sociedades. Tampouco se concederán axudas ás empresas sometidas a un procedemento de quebra, insolvencia ou concursal.
En todo caso, para verificar o cumprimento deste requisito, as empresas presentarán coa solicitude de axuda unha declaración de non encontrarse en situación de crise segundo a normativa comunitaria, así como, no caso de sociedades, fotocopia dos balances e contas de explotación dos tres últimos anos.
2. Non se concederán axudas a aqueles solicitantes que non acrediten estar ao corrente das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, ou que teñan débedas pendentes de pagamento coa Administración pública da comunidade autónoma (Consellería de Facenda).
Para eses efectos, a presentación da solicitude de concesión de subvención polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. No entanto, a persoa solicitante poderá denegar expresamente o consentimento e deberá presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente.
Tampouco se concederán axudas a aqueles solicitantes que non estean ao corrente nas súas obrigas por reintegro de subvencións.
3. Os beneficiarios das subvencións deberán acreditar a durabilidade das operacións relativas aos investimentos durante os cinco anos seguintes desde a data do pagamento final da axuda.
Así mesmo, a durabilidade será exixible aos adquirentes, nos supostos de transmisión da actividade produtiva e das infraestruturas ligadas á mesma obxecto da axuda e deberase acreditar fidedignamente ante a autoridade competente que esta circunstancia é coñecida e aceptada polos adquirentes, de conformidade co previsto no artigo 72 do Regulamento (CE) n° 1698/2005, do Consello, do 20 de setembro. Se esta aceptación non se acreditase fidedignamente continuará sendo responsable, o beneficiario da axuda.
4. Non se concederán axudas a solicitantes nos cales concorran algunha das circunstancias que dean lugar á prohibición para obter a condición de beneficiario sinaladas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e, en particular, aos solicitantes condenados mediante sentenza firme ou sancionados mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións públicas.
5. Os proxectos de investimento estarán claramente definidos e especificaranse as actuacións/operacións e detallaranse os conceptos de gasto que compoñen cada operación e os custos estimados de cada unha delas, o seu calendario previsto de execución e, no caso de investimentos en comercialización que se realizarán noutros países da UE, diferentes a España, deberase indicar a localización exacta da mesma. En todo caso, conterán, como mínimo, a información detallada recollida no anexo V desta orde.
Os proxectos de investimento, que poderán ser anuais ou plurianuais, terán un prazo máximo de execución e de financiamento de 4 anos. En calquera caso, a execución dos proxectos deberase realizar antes do 1 de xuño de 2018 e o pagamento da axuda efectuarse antes do fin do exercicio Feaga 2018.
Os proxectos presentados deberán ter viabilidade técnica e económica.
6. Débese respectar a moderación de custos tal como establece o artigo 24.2.d) do Regulamento (UE) n° 65/2011, da Comisión, do 27 de xaneiro de 2011, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) n° 1698/2005 do Consello no que respecta á aplicación dos procedementos de control e a condicionalidade en relación coas medidas de axuda ao desenvolvemento rural.
Neste sentido, para todos os gastos incluídos na solicitude de axuda, débese solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo, salvo que, polas especiais características dos gastos subvencionables, non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, circunstancia que deberá ser xustificada. Non se considerarán subvencionables os conceptos incluídos na solicitude de axuda dos cales non se acredite o cumprimento deste requisito.
A elección entre as ofertas presentadas realizarase seguindo criterios de eficiencia e economía e debe xustificarse expresamente nunha memoria a elección, baseada nos criterios sinalados, cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa. En caso de non ser así, considerarase como importe máximo subvencionable para ese concepto o correspondente á proposta económica máis vantaxosa.
7. Non se concederán axudas a investimentos en construción de novas superficies cubertas ou ampliación das existentes, nin os seus investimentos relacionados, se non se acredita coa solicitude e nos prazos establecidos a dispoñibilidade do terreo e da licenza de obras correspondente que lle permita iniciar as obras.
8. Os investimentos non poderán comezar antes da presentación da solicitude de axuda, salvo os gastos sinalados no anexo I, 5, a) e b), que poderán ser tidos en consideración se se producen a partir do 20 de xullo de 2013 nas solicitudes presentadas na convocatoria do ano 2014, e nos doce meses previos á data de solicitude de axuda nas convocatorias de anos posteriores.
En todo caso, o inicio das operacións do proxecto de investimento previamente á resolución non implica compromiso ningún por parte da Administración sobre a concesión da axuda.

Presentación de solicitudes
1. As solicitudes deberanse presentar preferiblemente por vía electrónica a través do formulario electrónico normalizado dispoñible na sé electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes (o prazo de presentación de solicitudes para esta convocatoria asi como de toda a documentación requirida sinalada no punto 2 do artigo 5 desta orde, rematará o 31 de xaneiro de 2014. No entanto, no caso de que o investimento inclúa a construción de novas superficies cubertas ou ampliación das existentes, o solicitante terá un prazo adicional de dous meses para presentar a preceptiva licenza de obras).  Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.
Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sé electrónica da Xunta de Galicia.
No caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión está dentro do prazo de presentación establecido na convocatoria.

2. A solicitudes de axuda presentaranse no modelo que figura como anexo III desta orde, xunto coa seguinte documentación complementaria:
– Memoria: anexo IV debidamente cuberto.
– Proxecto de investimento: seguindo o modelo do anexo V.
– Declaración referente ás axudas solicitadas, segundo o modelo do anexo VI.
– Relación de ofertas solicitadas e elixidas: anexo VII debidamente cuberto.
– Documentación adicional:
a) Documentos acreditativos da personalidade do solicitante. Para iso, no caso de persoas xurídicas, deberase presentar unha copia das escrituras ou documento de constitución onde se recollan os estatutos ou regras fundacionais e debidamente inscritos no rexistro público que corresponda segundo o tipo de personalidade xurídica de que se trate. Así mesmo, deberanse presentar as modificacións posteriores dos documentos indicados, así como a copia do NIF. No caso de persoas físicas esta acreditación realizarase mediante a fotocopia compulsada do DNI, que ben só será necesario presentalo se o beneficiario non outorga expresamente a autorización á consellería, de conformidade co artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e a Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 7 de xullo de 2009, que o desenvolve, para a consulta dos datos de identidade no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio da Presidencia.
b) No caso de que o solicitante sexa unha entidade xurídica, deberá presentar unha relación actualizada dos seus socios.
c) No caso de empresas xa existentes, balance e contas de resultados dos tres últimos anos se son sociedades e, no caso de persoas físicas, declaración da renda dos últimos tres anos. Se a empresa ten ou forma parte dun grupo empresarial, débese presentar tamén o balance e contas consolidadas do último ano do grupo.
d) No caso de investimentos que inclúan a construción de novas superficies cubertas, xustificación documental da dispoñibilidade do terreo e licenza de obras.
e) No caso de outras subvencións concedidas para o mesmo proxecto, fotocopia da comunicación de concesión coas súas características.
g) No caso de que o solicitante sexa unha cooperativa, certificado do secretario desta indicando o nº de socios, se houbo ou non un proceso de fusión nos dous últimos anos e se está acollida ou non á Orde APA/180/2008, do 22 de xaneiro.
h) No caso de que o solicitante pertenza a unha DOP/IXP ou outra figura de calidade recoñecida, certificado de inscrición na devandita figura de calidade.
3. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.
4. O prazo de presentación de solicitudes será o que se estableza na convocatoria anual correspondente e, en todo caso, rematará antes do 1 de febreiro de cada ano.

5. As solicitudes das persoas interesadas acompañarán os documentos e as informacións determinados no punto 2, salvo que os documentos exixidos xa estivesen en poder de calquera órgano da Administración actuante; neste caso, a persoa solicitante poderá acollerse ao establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou dependencia nos cal foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento ao cal correspondan.
Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante a súa presentación, ou, no su defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos aos cales se refire o documento, con anterioridade a formulación da proposta de resolución.
6. As solicitudes presentadas deberán conter, polo menos, a información prevista nos anexos e:
– Cumprir co establecido nesta orde.
– Respectar a normativa comunitaria relativa á medida de investimentos, así como a demais lexislación aplicable.
– Estar o suficientemente desenvolvidos como para que se poida avaliar a súa conformidade coa normativa e a súa viabilidade técnica e económica, de acordo cos criterios establecidos no anexo II.
– Especificar os medios propios ou externos con que se contará para o desenvolvemento do proxecto.
7. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente do formulario principal, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.
Máis información no seguinte DOG.

 

Oficina Municipal de Desenvolvemento Local

Praza do Concello, 1 1º

Tlnos. 988.41.00.00 988.41.00.01

Móbil 608.520122 609.152208

Fax. 988.41.19.00

Correo Electrónico: adl@verin.net


?>