Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Ofic. Virtual Desenvolvemento Local Lei do emprendemento e da competitividade económica de Galicia
Lei do emprendemento e da competitividade económica de Galicia PDF Imprimir Correo-e
Mércores, 08 Xaneiro 2014 10:29

Desde Desenvolvemento Local do Concello de Verín infórmase da publicación da Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia.

Constitúe o obxecto desta lei a definición dun marco normativo específico na Comunidade Autónoma de Galicia que incentive a creación e implantación de empresas e o seu posterior desenvolvemento, a través da xeración de cultura emprendedora, a formación, a flexibilización dos trámites administrativos, a ampliación dos prazos de validez dos permisos e a introdución de instrumentos financeiros, servizos específicos ás persoas emprendedoras e incentivos fiscais. Todo isto no ámbito das competencias que o Estatuto de autonomía lle atribúe á Comunidade Autónoma. Así mesmo, desenvolve, pon en valor e regula a actividade do investidor particular en proxectos de emprendemento. Tamén é obxecto desta lei a regulación do réxime xurídico e dos instrumentos de intervención administrativa aplicables á instalación e apertura de establecementos e ao exercicio de actividades económicas e a regulación do réxime de comunicación previa administrativa para o exercicio de actividades e a realización de actos de uso do solo e do subsolo.
A consellaría competente en materia de economía é o órgano superior da Administración xeral da Xunta de Galicia encargado de promover, dinamizar, deseñar e executar as políticas específicas de apoio ás persoas emprendedoras para o estímulo á creación de empresas e ao seu posterior desenvolvemento e consolidación, sen prexuízo das competencias doutras consellarías en función da natureza xurídica das empresas e das actividades que realicen, para as que se establecerán os mecanismos de coordinación que resulten necesarios.

Ámbito de aplicación
- Ámbito subxectivo. Para os efectos deste título, considéranse emprendedoras aquelas persoas físicas ou xurídicas que se encontren realizando unha actividade empresarial ou profesional con ata corenta e dous meses de antigüidade ou ben os trámites previos para poder desenvolver unha actividade económica, sexa de forma autónoma, como autónomo, cooperativista, socio ou socia dunha pequena e mediana empresa, sociedade laboral, ou a través de calquera fórmula empresarial admitida en dereito, que teña domicilio social e fiscal dentro de Galicia. Terán a consideración de pequenas e medianas empresas as que cumpran os requisitos previstos na definición adoptada polos organismos competentes na materia.
2. Ámbito obxectivo. Sen prexuízo das medidas establecidas con carácter xeral, este título será de aplicación ás actividades empresariais ou profesionais que realicen ou vaian realizar os suxeitos sinalados no parágrafo anterior, de xeito individual ou colectivo.

Excepcións
Para os efectos deste título, non se considerarán persoas emprendedoras:
a) As persoas físicas con relación a aquelas actividades que se leven a cabo no ámbito de dirección e organización doutra persoa física ou xurídica. Singularmente, esta lei non será aplicable aos denominados traballadores/as autónomos/as dependentes, previstos no capítulo III do título II da Lei 20/2007, do 11 de xullo, reguladora do Estatuto do autónomo.
b) As persoas físicas cuxa actividade económica se leva a cabo a través dunha sociedade patrimonial.
c) As persoas físicas cuxa actividade se limita pura e simplemente ao mero desempeño do cargo de conselleiro/a ou membro dos órganos de administración nas empresas que revistan a forma xurídica de sociedade.
d) As persoas físicas ou as persoas xurídicas en que algún/algunha dos/as seus/súas socios/as se encontre inhabilitado/a, en España ou no estranxeiro, como consecuencia dun procedemento concursal, se encontre procesado/a ou, tratándose do procedemento a que se refire o título III do libro IV da Lei de axuizamento criminal, se teña ditado auto de apertura do xuízo oral, ou teña antecedentes penais, por delitos de falsidade contra a Facenda pública e contra a Seguridade Social, de infidelidade na custodia de documentos e violación de segredos, de branqueo de capitais, de receptación e outras condutas afíns, de malversación de bens públicos, contra a propiedade, ou que estea inhabilitado/a ou suspendido/a, penal ou administrativamente, para exercer cargos públicos ou de administración ou dirección de entidades financeiras.
e) No caso de sociedades unipersoais ou persoas autónomas, non poderán ser consideradas emprendedoras as persoas que teñan a condición de socio ou socia único/a noutra empresa unipersoal ou que leven dados de alta no réxime de persoas autónomas máis de corenta e dous meses.
f) As persoas físicas ou as persoas xurídicas mentres desenvolvan actividades relacionadas coa actividade bancaria, seguros e fondos de pensións, e aquelas que afecten a seguridade nacional.

Definición de actividade emprendedora

- Para os efectos desta lei, entenderase como actividade emprendedora a consistente en realizar todo o conxunto de actuacións precisas para o comezo efectivo dunha actividade empresarial ou profesional por persoas emprendedoras que manteñan e desenvolvan un compromiso ético permanente na súa actuación, reflectido, entre outros aspectos, na vinculación ao territorio e no compromiso de mantemento da actividade, ben sexa de forma autónoma, como autónomo ou como cooperativista, socio ou socia dunha pequena ou mediana empresa, sociedade laboral, ou a través de calquera fórmula empresarial admitida en dereito, sempre que o domicilio fiscal e social da entidade se vaia situar en Galicia e que a maioría do capital social sexa de titularidade de persoas emprendedoras.
- Tamén se considera actividade emprendedora a realización efectiva dunha actividade empresarial ou profesional por persoas emprendedoras sempre que desde o comezo desta transcorrese un prazo non superior a corenta e dous meses, e sempre que a actividade non sexa continuación ou ampliación doutra actividade anterior.
- En relación coas medidas relativas á sucesión da empresa, considérase actividade emprendedora a realización efectiva da actividade empresarial ou profesional pola persoa sucesora inter vivos ou mortis causa sempre que a persoa sucesora cumpra os requisitos para ser considerada persoa emprendedora. O inicio do exercicio efectivo da actividade económica acreditarase mediante a xustificación da alta no imposto de actividades económicas ou no censo de obrigados tributarios.

Toda a información desta lei no DOG Núm. 247

 

Oficina Municipal de Desenvolvemento Local

Praza do Concello, 1 1º

Tlnos. 988.41.00.00 988.41.00.01

Móbil 608.520122 609.152208

Fax. 988.41.19.00

Correo Electrónico: adl@verin.net


?>