Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Ofic. Virtual Desenvolvemento Local Requisitos formativos para o acceso á formación dos certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3 de cualificación profesional
Requisitos formativos para o acceso á formación dos certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3 de cualificación profesional PDF Imprimir Correo-e
Mércores, 15 Xaneiro 2014 10:37

Desde Desenvolvemento Local do Concello de Verín infórmase da publicación da orde do 7 de xaneiro de 2014 pola que se establecen os requisitos formativos para o acceso á formación dos certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3 de cualificación profesional e se regulan as probas de avaliación en competencias clave dentro das accións formativas de formación profesional para o emprego na Comunidade Autónoma de Galicia.


Esta orde establece os requisitos formativos de acceso para poder cursar os certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3 de cualificación para as persoas aspirantes que carecen das titulacións ou acreditacións exixidas, así como as probas de avaliación en competencias clave que as habilita para realizar as accións formativas de formación para o emprego, con base no Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, modificado polo Real decreto 1675/2010, do 10 de decembro, e polo Real decreto 189/2013, do 15 de marzo. A finalidade desta orde é seguir fomentando a calidade e a integración da formación profesional para o emprego. Considérase que estes requisitos de acceso para o alumnado deben estar baseados no dominio de determinados coñecementos e capacidades básicos que aseguren a formación mínima necesaria para cursar os módulos dos certificados de profesionalidade con aproveitamento. Este conxunto de capacidades e contidos xerais é o que se denominan competencias clave.

Requisitos de acceso á formación dos certificados de profesionalidade
1. A Dirección Xeral de Emprego e Formación é o órgano da Consellería de Traballo e Benestar con facultades para comprobar que as persoas aspirantes posúen os requisitos formativos e profesionais para cursar con aproveitamento a formación de certificados de profesionalidade.
2. Para acceder á formación de módulos formativos dos certificados de profesionalidade do nivel de cualificación profesional 1 non se exixirán requisitos académicos nin profesionais.
3. Para acceder á formación dos módulos formativos dos certificados de profesionalidade do nivel de cualificación profesional 2 as persoas aspirantes deberán cumprir algún dos requisitos seguintes:
a) Estar en posesión do título de graduado ou graduada en educación secundaria obrigatoria.
b) Estar en posesión dun certificado de profesionalidade do mesmo nivel do módulo ou módulos formativos e/ou do certificado de profesionalidade a que desexa acceder.
c) Estar en posesión dun certificado de profesionalidade de nivel 1 da mesma familia e área profesional.
d) Cumprir o requisito académico de acceso aos ciclos formativos de grao medio, ou ben ter superado as correspondentes probas de acceso convocadas polas administracións educativas.
e) Ter superada a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos ou 45 anos.
f) Ter o certificado de apto nas competencias necesarias para acceder aos certificados de profesionalidade de nivel 2 de cualificación correspondente, a través da superación das probas de avaliación en competencias clave convocadas pola Consellería de Traballo e Benestar. Estarán exentas da realización destas probas as persoas que superasen con avaliación positiva accións formativas correspondentes a competencias clave que figuren no ficheiro de especialidades formativas do Servizo de Emprego Público Estatal.
4. Para acceder á formación dos módulos formativos dos certificados de profesionalidade do nivel de cualificación profesional 3, as persoas aspirantes deberán cumprir algún dos requisitos seguintes:
a) Estar en posesión do título de bacharelato.
b) Estar en posesión dun certificado de profesionalidade do mesmo nivel do módulo ou módulos formativos e/ou do certificado de profesionalidade a que desexa acceder.
c) Estar en posesión dun certificado de profesionalidade de nivel 2 da mesma familia e área profesional.
d) Cumprir o requisito académico de acceso aos ciclos formativos de grao superior, ou ben ter superado as correspondentes probas de acceso convocadas polas administracións educativas.
e) Ter superada a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos ou 45 anos.
f) Ter o certificado de apto nas competencias necesarias para acceder aos certificados de nivel 3 de cualificación correspondente, a través da superación das probas de avaliación en competencias clave convocadas pola Consellería de Traballo e Benestar. Estarán exentas da realización destas probas as persoas que superasen con avaliación positiva accións formativas correspondentes a competencias clave que figuren no ficheiro de especialidades formativas do Servizo de Emprego Público Estatal.
5. No caso de acceder aos certificados de profesionalidade a través da superación das probas de avaliación en competencias clave, as competencias necesarias de acceso aos distintos certificados de profesionalidade e segundo o recollido no anexo I desta orde son:
- Competencia matemática.
- Competencia en comunicación en lingua castelá.
- Competencia en comunicación en lingua estranxeira.
- Competencia en comunicación en lingua galega.
O certificado de apto nas probas de avaliación das competencias matemática, de comunicación en lingua castelá e de comunicación en lingua galega será necesario para poder cursar certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3 de cualificación profesional recollidos no Repertorio nacional de certificados de profesionalidade (en adiante RNCP).
O certificado de apto nas probas de avaliación da competencia en comunicación en lingua estranxeira é necesario para cursar aqueles certificados de profesionalidade que inclúan un módulo de lingua estranxeira, no nivel de cualificación e na lingua estranxeira que correspondan.

Probas de avaliación en competencias clave
1. A Dirección Xeral de Emprego e Formación da Consellería de Traballo e Benestar determinará para cada convocatoria de probas de avaliación en competencias clave as competencias e os niveis de cualificación destas que se ofertarán en cada caso. Estas convocatorias terán en conta as necesidades formativas detectadas e a oferta formativa do RNCP.
2. Estas probas serán de carácter presencial para cada competencia clave e nivel de cualificación, segundo a convocatoria correspondente. As persoas aspirantes poden presentarse a todas ou algunha das competencias convocadas, tendo en conta os requirimentos dos certificados de profesionalidade do RNCP que queiran cursar.
3. O nivel de exixencia formativo, para cada competencia e nivel de cualificación, queda concretado no anexo I desta orde, onde se delimitan os criterios técnicos e pedagóxicos das competencias clave.

Persoas destinatarias
1. Para poderen inscribirse no procedemento de probas de competencias clave, as persoas aspirantes deben ter cumpridos dezaseis anos no ano de realización da proba, tanto para as probas de nivel de cualificación 2 como para o nivel de cualificación 3.
2. Neste procedemento terase en conta o principio de igualdade de trato entre mulleres e homes, consonte a normativa vixente e, en particular, a Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, e a Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes.

Convocatoria das probas de avaliación en competencias clave e inscrición
1. A Dirección Xeral de Emprego e Formación, por proposta do Instituto Galego das Cualificacións, convocará probas de avaliación polo menos unha vez ao ano, mediante a publicación dunha resolución onde se concretarán todos os aspectos do procedemento: datas, lugar, horarios e demais condicións de realización das probas.
Así mesmo, na dita convocatoria, de ser o caso, informarase das posibles condicións de exención ás probas de avaliación das competencias convocadas segundo a normativa vixente.
2. A inscrición para participar nestas probas efectuarase mediante solicitude dirixida ao Instituto Galego das Cualificacións, axustada ao modelo de solicitude do procedemento que se publicase na propia resolución de convocatoria.
Así mesmo, concretaranse as instrucións e prazos para a inscrición nas probas de competencias clave, para a súa presentación na sede electrónica utilizando os servizos da guía de procedementos e servizos da Xunta de Galicia ou a súa entrega presencial nos rexistros oficiais.
3. En cada convocatoria, as persoas aspirantes admitidas deberán realizar as probas de avaliación no día e na hora indicados no calendario do procedemento da resolución de convocatoria.

Máis información no seguinte DOG.

 

Oficina Municipal de Desenvolvemento Local

Praza do Concello, 1 1º

Tlnos. 988.41.00.00 988.41.00.01

Móbil 608.520122 609.152208

Fax. 988.41.19.00

Correo Electrónico: adl@verin.net


?>