Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Ofic. Virtual Desenvolvemento Local Axudas ás pemes para o finaciamento de actuacións destinadas á prevención, protección, mellora e coñecemento ambiental
Axudas ás pemes para o finaciamento de actuacións destinadas á prevención, protección, mellora e coñecemento ambiental PDF Imprimir Correo-e
Luns, 20 Xaneiro 2014 11:00

Desde Desenvolvemento Local do Concello de Verín infórmase da publicación da orde do 23 de decembro de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas ás pemes para o financiamento de actuacións destinadas á prevención, protección, mellora e coñecemento ambiental, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, ao tempo que se fai pública a súa convocatoria para o ano 2014.


Esta orde ten por obxecto regular a concesión, polo procedemento de concorrencia competitiva, e facer pública para o ano 2014, a convocatoria de subvencións para o financiamento de actuacións destinadas á prevención, protección, mellora e coñecemento ambiental.

Beneficiarios
1. Con carácter xeral, poderán ser beneficiarios das subvencións que se regulan na presente orde as pequenas e medianas empresas (pemes) que, cumprindo o establecido neste artigo, teñan o seu domicilio social ou algún dos seus centros no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e sexa neste mesmo ámbito territorial onde desenvolvan ou materialicen o proxecto ou actuación obxecto da subvención.
En particular, para a realización de estudos de análise de riscos ambientais consideraranse beneficiarias unicamente as pemes que, ademais de cumpriren o establecido no punto anterior, estean incluídas no ámbito de aplicación da Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrado da contaminación (BOE núm. 157, do 2 de xullo).
2. Considerarase pequena e mediana empresa (peme) a que se axuste á definición que dela ofrece o Regulamento (CE) nº 800/2008 da Comisión, do 6 de agosto de 2008 (DOUE L 214/3, do 9 de agosto de 2008), no seu anexo I, e que entende por tal aquela entidade que, independentemente da súa forma xurídica e sempre que estea validamente constituída no momento da presentación da solicitude, exerza unha actividade económica, con excepción das que teñan a consideración de entidades sen ánimo de lucro, que quedan excluídas desta convocatoria.
Dentro deste concepto de empresa, as pequenas e medianas empresas defínense e subdivídense, pola súa vez, segundo se indica a seguir:
– Mediana empresa, a que empregue menos de 250 persoas e cuxo volume de negocio anual non exceda 50 millóns de euros ou cuxo balance xeral anual non exceda 43 millóns de euros.
– Pequena empresa, a que empregue menos de 50 persoas e cuxo volume de negocios anual ou balance xeral anual non exceda 10 millóns de euros.
– Microempresa, aquela que conte con menos de 10 empregados, cuxo volume de negocio anual ou balance xeral anual non exceda 2 millóns de euros.
Será necesario que a empresa solicitante reúna ambos os requisitos (número de persoas empregadas e volume de negocios ou balance xeral anuais) para que poida considerarse peme.
Neste senso, cómpre sinalar que para o cálculo destes requisitos se terá en conta o establecido nos artigos 3, 4, 5 e 6 do anexo I do Regulamento 800/2008, antes citado, especialmente no tocante ás nocións de empresa autónoma, asociada e vinculada.
3. Cando se trate de agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica e sempre que se axuste ao sinalado no número 2 deste artigo, poidan desenvolver o proxecto, actividade ou comportamento para o cal se solicita a axuda, deberase facer constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada un dos integrantes da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a condición de beneficiarios. Deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación con poderes bastantes para cumprir coas obrigas propias dos beneficiarios dunha subvención. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
4. Non poderán obter subvención ao abeiro da presente convocatoria as persoas físicas ou xurídicas sancionadas por faltas graves ou moi graves ou condenadas por delito como consecuencia do incumprimento da normativa ambiental ata que, se for o caso, cumpran a condena ou sanción e executen as medidas correctoras pertinentes, cando corresponda, ou transcorran os prazos de prescrición correspondentes.
5. Quedarán excluídas aquelas persoas ou empresas incursas nalgún dos supostos previstos no artigo 10.2º e 3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Actuacións subvencionables

1. As actuacións as que van destinadas estas axudas refírense á prevención, protección, mellora e coñecemento ambiental que repercutan directamente sobre calquera ámbito de actividade da propia empresa solicitante e sempre que non resulten de obrigado cumprimento pola lexislación vixente.
2. En particular, cinco son os grupos de actuacións subvencionables:
a) Investimentos das empresas solicitantes co fin de acadar unha redución das emisións á atmosfera ou unha mellora da calidade do aire que se poidan encadrar nun dos tres subgrupos de actuacións que se sinalan a seguir:
a.1. Investimentos que produzan unha redución efectiva de emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) considerados polo Protocolo de Quioto (CO2, CH4, N2O, HFC, PFC, SF6).
Con carácter xeral, teñen cabida neste punto, entre outros, os investimentos tecnolóxicos que supoñan unha redución de emisións á atmosfera de GEI, os investimentos para a mellora da eficiencia enerxética en calquera ámbito da actividade da entidade así como os investimentos para a substitución do tipo de combustible empregado pola entidade que implique modificacións de equipamentos e/ou instalacións, sempre que supoñan unha redución de GEI.
De xeito máis específico, son actuacións subvencionables as seguintes:
1. Investimentos en substitución de equipamentos e instalacións consumidoras de enerxía por equipamentos e instalacións que utilicen tecnoloxías de alta eficiencia ou a mellor tecnoloxía dispoñible, co obxecto de reducir o consumo enerxético e as emisións de CO2.
2. Mellora das instalacións térmicas de calefacción, climatización e produción de auga quente sanitaria de potencia superior a 5 kW, xa existentes, así como melloras das instalacións destinadas ao quentamento dun fluido nun proceso industrial (caldeiras e xeradores de vapor, fornos, secadoiros por aire, outros), co obxecto de reducir o consumo enerxético e as emisións de CO2, incluídas neste punto as melloras consistentes no emprego de enerxías renovables como a solar térmica ou a biomasa como combustible.
3. Investimentos en instalacións de xeración de enerxía eléctrica destinada ao propio consumo, a partir de fontes renovables (solar fotovoltaica, eólica, outras), ata unha potencia máxima instalada de 100 kW e que non exceda a demanda enerxética actual.
4. Medidas que teñan por obxecto acadar unha mellora enerxética e unha redución efectiva de emisións baseadas no emprego da coxeración.
5. Mellora da eficacia enerxética das instalacións de iluminación interior e exterior dos edificios existentes que se renoven, con excepción da destinada á iluminación de emerxencia, de rótulos luminosos e/ou sinalización, tales como:
– Luminarias, lámpadas e equipamento: substitución do conxunto por outro con luminarias de maior rendemento, lámpadas de maior eficiencia e reactancias electrónicas regulables e que permitan reducir a potencia instalada en iluminación.
– Sistemas de control de acendemento e regulación do nivel de iluminación: incluirán aqueles sistemas de control por presenza e regulación do nivel de iluminación segundo a cantidade de luz natural que supoñan un aforro eléctrico.
– Cambio de sistema de iluminación: recolocación dos puntos de luz con utilización das tecnoloxías anteriores, de forma que se reduza o consumo eléctrico anual respecto ao sistema actual de iluminación.
6. Investimentos para a substitución ou adaptación do vehículo para o transporte de mercadorías (sempre que, tratándose de transporte de mercadorías por estrada, este se realice por conta propia) ou pasaxeiros que supoñan unha redución de emisións polo emprego de enerxías alternativas (tales como gas natural, propano, electricidade). No caso da substitución de vehículos, será requisito indispensable para percibir a axuda que a entidade solicitante proceda a dar de baixa definitiva, dentro do prazo de execución, o vehículo obxecto da substitución.
7. Calquera outra actuación ou investimento relacionado co obxecto deste punto.
a.2. Investimentos que supoñan unha mellora da calidade do aire e/ou unha redución ou mellora na medición das emisións distintas dos GEI.
Para os efectos da presente orde entenderase por:
• «Aire»: o aire ambiente segundo a definición que ofrece o Real decreto 102/2011, do 28 de xaneiro, relativo á mellora da calidade do aire, é dicir, o aire exterior da baixa troposfera, excluídos os lugares de traballo.
• «Emisións distintas dos GEI»: as emisións doutros contaminantes atmosféricos distintos dos GEI segundo o establecido no Real decreto 102/2011, do 28 de xaneiro, relativo á mellora da calidade do aire, así como na Lei 34/2007, do 15 de novembro, de calidade do aire e protección da atmosfera.
En particular, son actuacións subvencionables:
– Os investimentos tecnolóxicos que supoñan unha redución de emisións á atmosfera distintas dos GEI.
– Os investimentos para a mellora da seguranza das plataformas de medicións en focos e a adaptación da sección de medición á norma UNE-EN 15259 (requisitos das seccións e sitios de medición e para o obxectivo, plan e informe de medición) así como os relativos á mellora e adquisición de equipamentos de medición en continua, SAM.
– Calquera outra actuación ou investimento relacionado co obxecto deste punto.
b) Investimentos das empresas solicitantes destinados a mellorar o seu comportamento ambiental en materia de xestión e uso sustentable dos recursos e os residuos. Recóllense neste punto os investimentos que dean lugar a:
b.1. Unha reutilización de produtos ou materiais empregados.
b.2. Unha redución da cantidade de residuos industriais ou comerciais xerada.
b.3. Unha axeitada separación en orixe dos residuos xerados.
b.4. A reciclaxe ou calquera outra forma de aproveitamento posterior dos residuos xerados pola entidade.
b.5. A introdución de mellores tecnoloxías aplicadas á xestión e uso sustentable dos recursos e dos residuos.
b.6. Calquera outra actuación ou investimento relacionado co obxecto deste punto.
c) Estudos de análise e avaliación de riscos ambientais en instalacións industriais.
Recóllense aquí aquelas actuacións dirixidas á realización de estudos de análise de riscos ambientais en instalacións industriais incluídas no ámbito de aplicación da Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrado da contaminación (BOE núm. 157, do 2 de xullo). Os estudos axustaranse ao disposto polo Real decreto 2090/2008, do 22 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de desenvolvemento parcial da Lei 26/2007, do 23 de outubro, de responsabilidade ambiental.
d) A implantación e mantemento no Sistema comunitario de xestión e auditoría ambientais (EMAS) segundo o recollido no Regulamento (CE) nº 1221/2009 do Parlamento Europeo e do Consello, do 25 de novembro de 2009, relativo á participación voluntaria de organizacións nun sistema comunitario de xestión e auditoría ambientais (EMAS), e polo que se derrogan o Regulamento (CE) nº 761/2001 e as Decisións 2001/681/CE e 2006/193/CE da Comisión. Serán actuacións subvencionables ao amparo deste punto:
d.1. Os traballos de consultoría, verificación e validación realizados para a implantación do sistema de xestión ambiental EMAS e rexistro da entidade solicitante.
d.2. Os traballos de verificación e validación que sexa necesario realizar para a renovación no rexistro cada tres anos, a través da validación da declaración ambiental actualizada.
Cómpre sinalar que, en relación con esta alínea d), non se considerarán actuacións subvencionables as medicións, análises e estudos.
e) Auditoría para a determinación da pegada de carbono corporativa ou dun produto da empresa, incluída a consultoría de determinación e a verificación.
3. As axudas establecidas nesta orde para a realización das actuacións subvencionables descritas neste artigo están sometidas ao réxime de minimis nos termos establecidos no Regulamento (CE) 1998/2006, da Comisión, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do tratado CE (DOUE L379, do 28 de decembro).
A aplicación do réxime de minimis queda condicionado ao seguinte:
1º A aprobación da prórroga, ata o 30 de xuño de 2014, do dito Regulamento (CE) 1998/2006, da Comisión.
2º No caso da aprobación da dita prórroga, a resolución de concesión destas axudas deberá realizarse antes do remate da prórroga.
Por tanto, a axuda total de minimis concedida a unha empresa non será superior a 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais, ou a 100.000 euros no suposto dunha axuda concedida a unha empresa que opere no sector do transporte por estrada.
Por tratarse de axudas sometidas ao réxime de axudas de minimis, non poderá concederse a empresas dos seguintes sectores:
a) Pesca e acuicultura, segundo se establece no Regulamento (CE) 104/2000 do Consello, do 17 de decembro de 1999, polo que se establece a organización común de mercados no sector dos produtos da pesca e a acuicultura.
b) Produción primaria dos produtos agrícolas que figuran na lista do anexo I do tratado.
c) Actividades relacionadas coa exportación a terceiros países ou estados membros cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación.
d) Carbón, segundo se define no Regulamento (CE) 1407/2002 do Consello, do 23 de xullo de 2002, sobre as axudas estatais á industria do carbón.
e) Empresas en crise.
No suposto das empresas que realicen por conta allea operacións de transporte por estrada, non poderán concederse axudas para a adquisición de vehículos de transporte de mercadorías por estrada.

Solicitudes e prazos
1. As solicitudes deberán presentarse, antes do 20 de febreiro de 2014, preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (anexo I) https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.
Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no art. 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.
2. Será admisible unha única solicitude por empresa que deberá ter por obxecto unha única actuación subvencionable, en caso contrario excluirase sen máis.

Máis información sobre a orde e a documentación a presentar no seguinte DOG.

 

Oficina Municipal de Desenvolvemento Local

Praza do Concello, 1 1º

Tlnos. 988.41.00.00 988.41.00.01

Móbil 608.520122 609.152208

Fax. 988.41.19.00

Correo Electrónico: adl@verin.net


?>