Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Ofic. Virtual Desenvolvemento Local Subvencións para investimentos innovadores para o crecemento empresarial
Subvencións para investimentos innovadores para o crecemento empresarial PDF Imprimir Correo-e
Venres, 24 Xaneiro 2014 12:56

Desde Desenvolvemento Local do Concello de Verín infórmase da publicación da resolución do 30 de decembro de 2013, da Axencia Galega de Innovación, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para investimentos innovadores para o crecemento empresarial no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia (Programa i2C INN), cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, e se procede á súa convocatoria para o ano 2014 (código de procedemento IN848A).


As subvencións recollidas nestas bases teñen por obxecto incentivar o desenvolvemento de actuacións que incidan na capacidade competitiva das empresas e que incrementen a súa capacidade tecnolóxica e innovadora mediante a dotación de recursos materiais específicos para desenvolver os seus proxectos de innovación, así como a dotación específica de unidades de I+D como vía de mellora da súa competitividade mediante a posta no mercado de novos ou mellorados produtos ou servizos, e a transferencia de tecnoloxía entre organizacións densas en coñecemento e orientadas á innovación.
Segundo o establecido no artigo 12 do Regulamento (CE) núm. 800/2008, subvencionaranse os investimentos dirixidos a:
a) Investimentos innovadores.
a.1) Creación dun novo centro produtivo; a ampliación dun establecemento da empresa solicitante coa finalidade de permitir o desenvolvemento de novos produtos e procesos.
a.2) Diversificación da produción dun establecemento para atender mercados de produtos novos e adicionais.
a.3) Unha transformación fundamental de carácter innovador no proceso global de produción dun establecemento existente.
b) Dotación de unidades de I+D. Creación e ampliación da capacidade tecnolóxica estable dentro das empresas mediante estruturas de investigación e innovación de dimensión apropiada para a xeración de desenvolvemento tecnolóxico e non asociadas á actividade produtiva.
c) Transferencia de tecnoloxía mediante a adquisición de licenzas relativas a invencións.
De acordo co establecido no artigo 3.2.a do Decreto 432/2009, do 11 de decembro, polo que se regulan as axudas rexionais ao investimento e ao emprego na Comunidade Autónoma de Galicia en aplicación do Regulamento (CE) 800/2008 da Comisión, do 6 de agosto, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE, os proxectos teñen que ser viables desde o punto de vista técnico, económico, financeiro e ambiental.
Terán a consideración de gastos subvencionables, sempre que cumpran os requisitos da Orde EHA/524/2008, do Ministerio de Economía e Facenda, do 26 de febreiro, pola que se aproban os gastos subvencionables dos programas operativos do Feder e do Fondo de Cohesión, os seguintes:
a) Realización de investimentos en maquinaria necesaria para o proxecto sempre que supoñan unha mellora tecnolóxica significativa e innovadora nos procesos ou na actividade da empresa. No sector do transporte non serán subvencionables os medios e equipamentos de transporte.
b) Adquisición de equipamento específico para o incremento da capacidade tecnolóxica e innovadora da unidade de I+D da empresa.
c) Instalacións e acondicionamentos imprescindibles para o funcionamento dos equipamentos adquiridos. Subvencionarase aquelas instalacións e acondicionamentos específicos para algún dos investimentos subvencionados nos puntos 2.a) e 2.b) deste artigo sempre que non sexan xenéricas (exclúense os gastos correspondentes a mobiliario, material de oficina, iluminación e pintura). O custo por este concepto non poderá ser superior ao 25 % do total do investimento.
d) Custo en concepto de adquisición de dereitos sobre títulos de propiedade industrial relativos a invencións que fosen outorgados por un organismo oficial. Os titulares e/ou os inventores do título correspondente non poderán ter relación laboral ou societaria coa empresa solicitante da axuda.
Ao tratarse de activos inmateriais, definidos no artigo 2, 11) do Regulamento 800/2008, deberán cumprir as condicións do artigo 12.2 do Regulamento (CE) nº 800/2008 da Comisión. O cumprimento destas condicións deberá verificarse na fase de xustificación. Para seren considerados custos subvencionables para efectos do Regulamento (CE) nº 800/2008, os activos inmateriais deberán cumprir todas as condicións seguintes:
a) Utilizaranse exclusivamente na empresa beneficiaria da axuda. Canto ás axudas rexionais ao investimento, utilizaranse exclusivamente no establecemento beneficiario da axuda;
b) Consideraranse activos amortizables;
c) Adquiriranse a terceiros en condicións de mercado sen que o adquirinte estea en posición de exercer control sobre o vendedor, ou viceversa, segundo o teor do artigo 3 do Regulamento (CE) nº 139/2004 (2) do Consello.
Poderán ser subvencionables os proxectos cun custo subvencionable entre 50.000 euros e 300.000 euros para as axudas que teñen por obxecto os investimentos innovadores descritos no artigo 1.2.a) destas bases; e cun custo subvencionable superior a 30.000 euros para as dotacións de unidades de I+D descritas no artigo 1.2.b) destas bases. Fóra dos límites marcados por estas cantidades, non serán atendidas as solicitudes de subvención.
Non se establece custo mínimo para os investimentos de transferencia de tecnoloxía descritos no artigo 1.2.c) destas bases.
Non se admitirán aqueles gastos facturados entre empresas asociadas ou vinculadas atendendo ás definicións do artigo 7 desta resolución de convocatoria.
A Axencia Galega de Innovación ten entre as súas responsabilidades levar a cabo o desenvolvemento do Plan i2C, onde están incluídas as iniciativas para a innovación en que se enmarca esta convocatoria.
Os investimentos integrados nunha mesma solicitude de axuda deben referirse a unha única solución técnica. Cada unha das solicitudes só poderá ter por obxecto investimentos encadrados nunha das categorías descritas no artigo 1.2 destas bases (1.2.a) Investimentos innovadores; 1.2.b) Dotación de unidades de I+D; ou 1.2.c) Transferencia de tecnoloxía mediante a adquisición de licenzas relativas a invencións).
Estas subvencións terán unha única anualidade; por tanto, só se admitirán aqueles gastos, dos relacionados no punto 2, que fosen realizados e pagados dentro do período comprendido entre a data de presentación da solicitude de subvención e a data límite de xustificación establecida no artigo 6 destas bases.
Todos os investimentos deberán estar plenamente realizados, operativos e verificables na data límite de xustificación do proxecto.

Contía das subvencións e concorrencia
1. De acordo co artigo 13 do Regulamento (CE) núm. 800/2008, a intensidade da subvención concedida será do 30 % do custo subvencionable para grandes empresas, do 40 % para medianas empresas e do 50 % para pequenas empresas no caso de teren un único proxecto concedido. As intensidades de subvención calcularanse en termos de equivalente de subvención bruta. Non obstante, as empresas do sector de transporte estarán limitadas a unha subvención do 30 % do custo subvencionable.
2. Co obxecto de maximizar a eficiencia dos orzamentos asignados a estas axudas, establécese que o número máximo de proxectos que poderán ser subvencionados para un mesmo beneficiario será de tres.
Para o caso de que se subvencione un segundo proxecto a un mesmo solicitante, a intensidade bruta de subvención neste caso será dun 80 % da porcentaxe concedida para o primeiro.
Para o caso de que se subvencione un terceiro proxecto a un mesmo solicitante, a intensidade bruta de subvención neste caso será dun 60 % da porcentaxe concedida para o primeiro.
3. Os proxectos financiables serán subvencionados coa procentaxe indicada nos parágrafos anteriores deste artigo, por orde decrecente de puntuación acadada por eles, ata o esgotamento do crédito.
4. As subvencións concedidas para cada solicitude non poderán superar os seguintes importes:
– 150.000 euros para as axudas que teñen por obxecto os investimentos descritos no artigo 1.2.a) deste anexo.
– 100.000 euros para as axudas que teñen por obxecto os investimentos descritos no artigo 1.2.b) e
– 20.000 euros para as axudas que teñen por obxecto investimentos en transferencia de tecnoloxía descritos no artigo 1.2.c).
En todos estes casos, respectaranse as porcentaxes máximas permitidas segundo o tamaño da empresa.
5. Para os efectos do establecido no artigo 6.2 da convocatoria, establécense como límites máximos para o conxunto das axudas acadadas as porcentaxes fixadas no punto 1 deste artigo, para cada tipo de empresa, medidas en termos de equivalente de subvención bruto (ESB).

Beneficiarios
Poderán ser beneficiarias destas subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos na convocatoria e nestas bases, as empresas de carácter privado con personalidade xurídica que estean validamente constituídas no momento de presentación das solicitudes e que teñan o seu domicilio social ou algún centro de traballo en Galicia.
De acordo co artigo 1.6.a) do Regulamento (CE) núm. 800/2008, exclúense como posibles beneficiarios da presente convocatoria os solicitantes que estean suxeitos a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión Europea que tivese declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.
Igualmente, e tendo en conta o establecido no artigo 1.6.c) do Regulamento (CE) núm. 800/2008, exclúense como posibles beneficiarias da presente convocatoria as empresas en crise.

Solicitudes
1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión das subvencións presentaranse na forma e prazo que se indiquen na convocatoria.
2. Xunto coas solicitudes deberá achegarse a seguinte documentación:
a) Formulario normalizado de solicitude, asinado polo representante legal da entidade solicitante.
Os datos de contacto que figuren nas solicitudes (enderezo postal, enderezo electrónico, teléfono e fax) consideraranse os únicos válidos para os efectos de notificacións. Serán responsabilidade exclusiva da entidade solicitante tanto os erros na súa consignación como a comunicación á Axencia Galega de Innovación de calquera cambio que se produza neles.
b) Declaración do conxunto das axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo fin de todas as administracións públicas.
c) Declaración responsable de non estar incurso en ningunha das prohibicións para a obtención de subvencións recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007.
d) Declaración de cumprir os requisitos de pequena, mediana ou grande empresa.
e) Declaración do coñecemento do previsto no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de atoparse ao día nas obrigas tributarias e sociais coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Axencia Tributaria de Galicia, e de obtención da Axencia Estatal da Administración Tributaria dos datos identificativos necesarios (identificador do NIF-NIE-DNI, apelidos e nome ou razón social e domicilio fiscal).
f) Copia compulsada do NIF da entidade solicitante, ou NIF do empresario individual, de ser o caso, se non achegar a autorización a que se fai mención no artigo 8 desta resolución.
g) Copia compulsada do poder bastante con que actúa o representante legal da entidade solicitante, se non achegar a autorización a que se fai mención no artigo 8 desta resolución.
h) Copia compulsada do DNI da persoa ou persoas que asinan a solicitude, se non achegar a autorización a que se fai mención no artigo 8 desta resolución. Os estranxeiros residentes presentarán o NIE.
i) Declaración responsable acerca da veracidade da titularidade da conta bancaria consignada no formulario normalizado de solicitude.
j) Cando o importe do gasto subvencionable sexa igual ou superior aos 50.000 euros no caso de contratos de obras, ou igual ou superior aos 18.000 euros cando se trate doutros contratos, deberán achegarse:
– Un mínimo de tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas especiais características dos gastos non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren. Estas excepcións deberán xustificarse. A elección entre as ofertas presentadas realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía.
– Unha memoria xustificativa cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa.
k) Copia da memoria libre e dos currículos xuntados na aplicación informática sinalada no artigo 3 da convocatoria.
l) Informe sobre o efecto incentivador e a necesidade da axuda (só para grandes empresas), de acordo co establecido no artigo 8 do Regulamento (CE) núm. 800/2008.
3. As declaracións recollidas nas alíneas b), c), d), e) e i) cubriranse a través da aplicación informática sinalada no artigo 3 da convocatoria e xeraranse como parte da solicitude de axudas a través dela.
A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario electrónico normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es) de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.
Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (en diante LRXAP-PAC), utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.
2. Os formularios de solicitude das subvencións deberanse obter, cubrir, aceptar e imprimir, no caso de que a presentación non sexa telemática, necesariamente a través da aplicación informática establecida nos enderezos da internet https://sede.xunta.es ou http://gain.xunta.es. Poderanse cubrir, obter e aceptar os formularios válidos de solicitude ata as 24.00 horas da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.
3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Información aos interesados
1. Sobre os procedementos recollidos nesta resolución poderase obter información adicional na Axencia Galega de Innovación a través dos seguintes medios:
a) Na páxina web oficial da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.es/), na súa epígrafe «Axudas».
b) Nos teléfonos 981 95 73 92 e 981 95 73 87 da devandita axencia.
c) No enderezo electrónico Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo
d) Presencialmente.
2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia 012.
3. De acordo co establecido no artigo 14 letra ñ) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Lei 9/2007), as entidades beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e dos aspectos previstos no artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal (en diante Lei 15/1999).
Máis información no seguinte DOG.

 

Oficina Municipal de Desenvolvemento Local

Praza do Concello, 1 1º

Tlnos. 988.41.00.00 988.41.00.01

Móbil 608.520122 609.152208

Fax. 988.41.19.00

Correo Electrónico: adl@verin.net


?>