Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Ofic. Virtual Desenvolvemento Local Probas para a obtención do título de graduado en educación secundaria obrigatoria para maiores de 18 anos
Probas para a obtención do título de graduado en educación secundaria obrigatoria para maiores de 18 anos PDF Imprimir Correo-e
Venres, 07 Febreiro 2014 11:55

Desde Desenvolvemento Local do Concello de Verín infórmase da publicación da resolución do 15 de xaneiro de 2014, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se convocan as probas para a obtención do título de graduado en educación secundaria obrigatoria para maiores de dezaoito anos, nas convocatorias de maio e setembro, e se ditan instrucións para a súa realización.


Condicións das persoas aspirantes
Poderán participar nestas probas as persoas que cumpran os seguintes requisitos:
1. Ter cumpridos os dezaoito anos o día anterior á data de realización da proba.
2. Non estaren en posesión do título de graduado en educación secundaria.
3. Non estaren inscritas para a superación das materias de 4º curso de educación secundaria obrigatoria establecidas no artigo 7, número 5 da Orde do 21 de decembro de 2007 (DOG do 7 de xaneiro de 2008).
4. Non estaren nin teren estado matriculadas no curso 2013/14 nas ensinanzas de educación secundaria ordinaria ou no segundo curso dun programa de cualificación profesional inicial.
5. O alumnado matriculado durante o curso 2013/14 na educación secundaria para persoas adultas poderá inscribirse nas probas se previamente cumpre as seguintes condicións:
5.1. Para acudir á primeira convocatoria, o alumnado ten que solicitar a baixa nas ensinanzas do segundo cuadrimestre. Así mesmo, as persoas con ámbitos do primeiro cuadrimestre sen superar deberán renunciar á avaliación extraordinaria deses ámbitos.
5.2. Para inscribirse na segunda convocatoria, o alumnado con ámbitos suspensos no segundo cuadrimestre ten que renunciar á avaliación extraordinaria deses ámbitos.
O incumprimento dalgún destes requisitos suporá a anulación da inscrición na convocatoria das probas e dos posibles resultados académicos obtidos nelas.

Forma, lugar e prazos de presentación
1. Os prazos de matrícula serán:
– Convocatoria de maio: 24 de marzo ao 4 de abril de 2014, ambos os dous incluídos.
– Convocatoria de setembro: 1 ao 10 de xullo de 2014, ambos os dous incluídos.
As persoas matriculadas para a primeira convocatoria, se non superan a totalidade dos ámbitos da proba, consideraranse matriculadas para a segunda convocatoria sen que teñan que presentar nova documentación.
2. As solicitudes de inscrición deberán presentarse en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario que figura no anexo I, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es
En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.
3. Xunto coa solicitude, achegarase a seguinte documentación:
* Fotocopia do DNI ou pasaporte, ou doutro documento equivalente cando non se autorice a súa consulta telemática ao servizo horizontal de acceso ao Sistema de verificación de datos de identidade, de acordo co establecido no artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e a orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 7 de xullo de 2009 que o desenvolve, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos.
* Copia cotexada, se procede, do certificado dos ámbitos da proba superados en anteriores convocatorias ou a certificación académica de ámbitos ou materias superados, de acordo coas especificacións establecidas nos números 3, 4 e 5 da epígrafe décima desta resolución.
* Acreditación de proceder doutra comunidade autónoma ou dun país estranxeiro no caso de que se solicite a exención de lingua galega.
* Certificación do ditame de discapacidade no caso de que se solicite o recoñecemento de necesidades especiais, cando esta fose recoñecida por outra Administración distinta da Xunta de Galicia ou non se autorice a súa consulta.
4. As persoas aspirantes formalizarán a súa inscrición nun dos seguintes centros que constituirán tribunais para a avaliación das probas para a obtención do título de graduado en educación secundaria obrigatoria:
a) A Coruña:
– Alumnado co primeiro apelido entre a letra «A» e a letra «L»: Centro EPA Eduardo Pondal, rúa Pepín Rivero, 3.
– Alumnado co primeiro apelido entre a letra «M» e a letra «Z»: IES Rafael Dieste, prol. Manuel Murguía/esq. Rda. de Outeiro.
b) Ferrol:
– Centro EPA Santa María de Caranza, rúa Luis de Requeséns, s/n.
c) Santiago de Compostela:
– Alumnado co primeiro apelido entre a letra «A» e a letra «L»: IES San Clemente, rúa San Clemente, s/n.
– Alumnado co primeiro apelido entre a letra «M» e a letra «Z»: IES Rosalía de Castro, rúa San Clemente, 3.
d) Lugo:
– Centro EPA Albeiros, parque da Milagrosa, s/n.
e) Ourense:
– Centro EPA de Ourense, rúa Álvarez de Sotomayor, 4.
f) Pontevedra:
– Alumnado co primeiro apelido entre a letra «A» e a letra «L»: Centro EPA Río Lérez, avenida de Buenos Aires, s/n.
– Alumnado co primeiro apelido entre a letra «M» e a letra «Z»: IES Sánchez Cantón, avenida Raíña Victoria.
g) Vigo:
– Alumnado co primeiro apelido entre a letra «A» e a letra «F»: Centro EPA Berbés, rúa Marqués de Valterra, 8-1º.
– Alumnado co primeiro apelido entre a letra «G» e a letra «O»: IES Politécnico, rúa de Torrecedeira, 88.
– Alumnado co primeiro apelido entre a letra «P» e a letra «Z»: IES Santa Irene, praza de América, 7.
h) O Porriño:
– IES Ribeira do Louro, rúa Ribeira, s/n (Torneiros).
i) Tui:
– IES Indalecio Pérez Tizón, avenida da Concordia, s/n.
5. Cando nos centros autorizados o número de persoas matriculadas exceda o aforo dos espazos dispoñibles para realizar a proba, a Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que corresponda establecerá o centro ou centros en que os matriculados realizarán a proba.
6. No suposto anterior, o centro en que se formalice a matrícula elaborará listaxes definitivas de admitidos diferenciadas para cada centro en que deben presentarse para realizar as probas. As listaxes organizaranse seguindo criterios de orde alfabética, por grupos de letras.
7. Para a realización das probas, a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa poderá agrupar nun único tribunal os aspirantes inscritos en dous ou máis centros, en caso de que o seu número non xustifique a creación dun tribunal.

Consentimentos e autorizacións
1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos ou documentos coa finalidade de acreditar a identidade da persoa solicitante. Polo tanto, o anexo I desta resolución inclúe unha autorización expresa ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos achegados no procedemento administrativo. No caso de que a persoa interesada non autorice a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para realizar esta operación, estará obrigada a achegalos nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.
2. As solicitudes das persoas interesadas acompañarán os documentos e as informacións determinados na epígrafe 2.3 desta resolución, salvo que os documentos exixidos xa estivesen en poder de calquera órgano da administración actuante. Neste caso a persoa solicitante poderá acollerse ao establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento ao que correspondan.
Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á publicación das listas provisionais de persoas admitidas.

Persoas con necesidades educativas especiais
1. As persoas con necesidades educativas especiais asociadas a condicións persoais de discapacidade que teñan a declaración legal de discapacidade poderán solicitar a adaptación da proba, así como recursos adicionais para a desenvolver.
2. A xefatura territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que poderá delegar no presidente ou na presidenta do tribunal, determinará se procede adoptar medidas ou facilitar recursos adicionais, e informará a persoa interesada e o tribunal correspondente da súa decisión.
Exención de lingua galega
1. Durante o período de inscrición, as persoas aspirantes poderán dirixir á dirección do centro a solicitude de exención de lingua galega para que non sexa obxecto de avaliación nesta convocatoria.
2. As persoas solicitantes de exención acreditarán a procedencia doutra comunidade autónoma ou dun país estranxeiro, segundo o establecido no artigo 18.1 do Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitaria de Galicia.
3. O director ou a directora do centro onde presente a solicitude, de conformidade co artigo 19 do Decreto 79/2010, do 20 de maio, resolverá sobre a concesión ou a denegación da exención, fará pública tal circunstancia cando se publiquen as listas provisionais de admitidos e comunicarallo ao presidente ou á presidenta do tribunal que corresponda.
4. Contra a resolución da dirección do centro, cabe interpor recurso de alzada, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación, ante o xefe ou xefa territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
Listas de admitidos e reclamacións
1. No prazo dos quince días posteriores á conclusión do prazo de presentación de solicitudes, os centros publicarán a listaxe provisional de persoas admitidas e excluídas, na cal se indicarán os motivos da exclusión. Tamén constarán as exencións da proba de lingua galega.
2. As persoas aspirantes disporán dun prazo de tres días hábiles para a reclamación, contados a partir do día seguinte ao da publicación da lista de admitidos. Transcorrido ese prazo, publicarase a lista definitiva de persoas admitidas e excluídas.
3. O día hábil seguinte ao da publicación da lista definitiva de persoas admitidas, os directores ou directoras dos centros en que se realizou a matrícula deberán comunicar o número de aspirantes que solicitan a realización da proba ao correo electrónico Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo , do Servizo de Xestión Económica e Educación de Persoas Adultas, pertencente á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa. Tamén deberán comunicalo á respectiva xefatura territorial.

Realización das probas
1. As probas celebraranse en sesións de mañá e tarde os días 23 de maio e 11 de setembro para as respectivas convocatorias.
2. Entre as 8.30 e as 9.00 horas iniciarase o chamamento para o acceso aos espazos de realización da proba.
3. A sesión da mañá terá dúas partes: na primeira, das 9.30 ás 12.00 horas, realizarase a proba do ámbito científico-tecnolóxico, que inclúe exercicios das materias de Matemáticas, Ciencias da Natureza e Tecnoloxía, así como aspectos relacionados coa saúde e o medio natural recollidos no currículo da Educación Física.
Na segunda parte, das 12.15 ás 13.15 horas, realizarase a proba do ámbito social, que inclúe exercicios das materias de Ciencias Sociais, Xeografía e Historia, Educación para a Cidadanía e aspectos perceptivos correspondentes ás materias de Educación Plástica e Visual, e Música.
Na sesión da tarde, das 16.00 ás 18.30 horas, realizarase a proba do ámbito da comunicación. Comprenderá os exercicios de:
a) Lingua galega e literatura.
a.1) Exercicio de redacción. Na valoración da redacción, terase en conta o xeito de estruturar os datos e os feitos, a coherencia da exposición, o vocabulario empregado, o dominio da ortografía e a presentación do escrito.
a.2) Cuestións de Lingua Galega e Literatura.
b) Lingua Castelá e Literatura.
b.1) Exercicio de redacción. Realizarase conforme o disposto no punto a.1 para a Lingua Galega e Literatura.
b.2) Cuestións de Lingua Castelá e Literatura.
c) Lingua estranxeira (inglés ou francés).

Normas de realización das probas
1. Para a realización das probas, as persoas inscritas acreditarán a súa identidade presentando o DNI, pasaporte ou calquera outro documento recoñecido en dereito. Non se permitirá o acceso ás persoas que non estean correctamente identificadas.
2. Na proba do ámbito científico-tecnolóxico, o alumnado poderá utilizar as calculadoras científicas habituais non programables.
3. Non se permitirá o uso do teléfono móbil con calquera finalidade nin ningún outro dispositivo electrónico, agás o mencionado no punto anterior.
4. Os aspirantes, unha vez resolta cada proba, que será de respostas pechadas, trasladarán as opcións elixidas a unha folla de respostas.

Máis información no seguinte DOG.

 

Oficina Municipal de Desenvolvemento Local

Praza do Concello, 1 1º

Tlnos. 988.41.00.00 988.41.00.01

Móbil 608.520122 609.152208

Fax. 988.41.19.00

Correo Electrónico: adl@verin.net


?>