Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Ofic. Virtual Desenvolvemento Local Subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora en Galicia das persoas retornadas
Subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora en Galicia das persoas retornadas PDF Imprimir Correo-e
Mércores, 26 Febreiro 2014 08:53

Desde Desenvolvemento Local do Concello de Verín infórmase da publicación da resolución do 19 de febreiro de 2014, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora na Comunidade Autónoma galega das persoas galegas retornadas e se procede á súa convocatoria para o ano 2014.


Esta resolución ten por obxecto establecer as bases que regularán o procedemento de concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora na Comunidade Autónoma galega das persoas galegas retornadas, subvencionando os gastos que produce o seu establecemento como traballadores/as autónomos/as ou por conta propia, ou como socios/as traballadores/as de sociedades laborais ou cooperativas de traballo asociado.

Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas subvencións as seguintes persoas:
1. As persoas galegas e nacidas en Galicia que, residindo fóra de España, retornen á Comunidade Autónoma galega.
2. Os cónxuxes ou persoas con unión análoga á conxugal e os/as fillos/as das persoas relacionadas no punto 1 con residencia no estranxeiro que, residindo fóra de España, se establezan na Comunidade Autónoma de Galicia.
Para os efectos do establecido neste punto, terá a condición de parella de feito a que figure inscrita como tal no correspondente Rexistro de Parellas de Feito de Galicia regulado polo Decreto 248/2007, do 20 de decembro.

Requisitos

1. Requisitos comúns.
Todas as persoas solicitantes deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Acreditar a condición de persoa beneficiaria de acordo co disposto no artigo 3 desta resolución.
b) Estar en posesión da nacionalidade española antes do retorno a España.
c) Non ter transcorrido máis de dous anos entre a data do seu retorno a España e a data da súa alta na Seguridade Social ou Mutualidade do colexio profesional para a actividade obxecto de subvención.
d) Residir e exercer a súa actividade laboral ou profesional na Comunidade Autónoma de Galicia.
e) Non incorrer en ningunha das circunstancias e prohibicións para obter a condición de beneficiario de subvencións enumeradas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. Requisitos específicos.
Ademais dos requisitos comúns, as persoas solicitantes deberán cumprir os seguintes requisitos, segundo se trate de traballadores/as autónomos/as ou por conta propia ou socios/as traballadores/as de sociedades laborais ou de cooperativas de traballo asociado.
2.1. Traballadores/as autónomos/as ou por conta propia:
a) Ser titular ou copartícipe dun negocio ou explotación ou formar parte dunha sociedade civil ou comunidade de bens de nova creación.
b) Terse dado de alta no réxime correspondente da seguridade social ou mutualidade do colexio profesional que corresponda, no período comprendido entre o 1 de novembro de 2013 e o 30 de setembro de 2014.
2.2. Socios/as traballadores/as de sociedades laborais ou cooperativas de traballo asociado:
a) As entidades deberán estar legalmente constituídas e/ou inscritas no Rexistro Administrativo de Sociedades Laborais de Galicia ou no Rexistro de Cooperativas de Galicia.
b) Afiliación da entidade na Seguridade Social e de cada unha das súas persoas traballadoras no período comprendido entre o 1 de novembro de 2013 e o 30 de setembro de 2014.
c) Ao menos un/ha dos/as socios/as traballadores/as deberá ter a condición de persoa beneficiaria de acordo co disposto no artigo 3 desta resolución.

Gastos subvencionables

Serán gastos subvencionables os gastos de establecemento tales como gastos de notaría e rexistro, servizos de profesionais, taxas, licenzas administrativas, gastos derivados do desenvolvemento e implantación da páxina web e da pasarela de pagamento para a realización de vendas online, publicidade e propaganda, primas de seguros, arrendamento de local, de maquinaria e de equipamentos informáticos, e subministración de servizos imputables ao desenvolvemento da actividade (calefacción, auga, electricidade, telefonía e internet), xerados no período comprendido entre o 1 de novembro de 2013 e a finalización do prazo de xustificación recollido nesta resolución. Quedan excluídos do ámbito de aplicación desta resolución os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación.
Para estes efectos considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do referido prazo de xustificación.

Contía máxima da subvención e compatibilidade de axudas

1. O importe da subvención concedida será dun 80 % do gasto subvencionable segundo o orzamento presentado, ata unha contía máxima de 4.000 euros, para o caso de traballadores/as autónomos/as ou por conta propia, e de 6.000 euros, para o caso de sociedades laborais ou cooperativas de traballo asociado.
As ditas contías máximas incrementaranse en 1.000 euros máis cando a persoa solicitante teña 39 ou menos anos e en 1.000 euros máis no caso de ser muller.
2. A obtención desta axuda é compatible con outras para o mesmo fin, sen que en ningún caso o seu importe poida ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo da actividade.
Artigo 7. Solicitudes
As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado que figura como anexo I desta resolución, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es) de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.
Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedementos administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria. Deberá remitirse á Secretaría Xeral da Emigración, sita na rúa dos Basquiños, 2, 15704 Santiago de Compostela.
A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 30 de setembro de 2014.

Documentación
1. Documentación xeral para todas as persoas solicitantes:
Xunto coa solicitude as persoas solicitantes deberán achegar a seguinte documentación en orixinal ou fotocopia compulsada:
a) DNI da persoa solicitante no caso de non prestaren o seu consentimento expreso para que a Secretaría Xeral da Emigración comprobe, por medio de acceso electrónico, a verificación dos seus datos de identidade, segundo o modelo que consta na propia solicitude.
b) Documentos xustificativos da condición de persoa beneficiaria do/a solicitante segundo o establecido no artigo 3 e, ademais, no caso de alegar algunha relación de parentesco das sinaladas no devandito artigo, acreditación documental do vínculo do/a solicitante.
c) Certificado de empadroamento expedido polo concello en que resida a persoa solicitante no caso de non prestar o seu consentimento expreso para que a Secretaría Xeral da Emigración comprobe, por medio de acceso electrónico, a verificación dos seus datos de residencia, segundo o modelo que consta na propia solicitude.
d) Certificado de emigrante retornado, expedido polas delegacións ou subdelegacións do Goberno, baixa consular ou calquera outra documentación que acredite fidedignamente a residencia no exterior e a data de retorno a España.
e) Alta no Réxime de Seguridade Social ou na mutualidade do colexio profesional que corresponda ou, no caso das sociedades laborais ou cooperativas de traballo asociado, afiliación da entidade na Seguridade Social e de cada unha das súas persoas traballadoras.
f) Alta no imposto de actividades económicas ou, se é o caso, alta no censo de obrigados tributarios no Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.
g) Memoria explicativa do proxecto empresarial e orzamento detallado dos gastos subvencionables de conformidade co disposto no artigo 5.
h) No suposto de que a persoa solicitante denegase expresamente a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, deberá achegar documentación acreditativa de se encontraren ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e de non teren pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración da comunidade autónoma.
2. Cando a persoa solicitante sexa membro dunha sociedade civil ou comunidade de bens deberá achegar, ademais, contrato privado ou escritura pública de constitución da sociedade civil ou comunidade de bens e NIF da entidade.
3. Cando a persoa solicitante sexa socia traballadora dunha sociedade laboral ou cooperativa de traballo asociado deberá achegar, ademais:
a) NIF da entidade.
b) Certificado do representante legal da entidade acreditativo da condición de socia traballadora da persoa solicitante e de que conta con autorización para presentar a solicitude en representación da entidade.
4. A Secretaría Xeral da Emigración poderá requirir calquera outra documentación ou dato adicional que considere necesario para completar o expediente ou para unha mellor valoración del.
5. Cando os documentos achegados ao expediente polas persoas solicitantes estean nun idioma distinto do galego ou do castelán, deberase presentar tradución deles para calquera destes idiomas.
Artigo 10. Consentimentos e autorizacións
1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos ou documentos coa finalidade de acreditar a identidade ou residencia da persoa solicitante. Por tanto, o modelo de solicitude normalizado incluirá unha autorización expresa ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos achegados no procedemento administrativo. No caso de que a persoa interesada non autorice o órgano xestor para realizar esta operación, estará obrigada a achegalos nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.
2. A presentación da solicitude de concesión de subvención polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante poderá denegar expresamente o consentimento e debe presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente.
3. As solicitudes das persoas interesadas acompañarán os documentos e as informacións determinados no artigo 9, salvo que os documentos exixidos xa estean en poder de calquera órgano da administración actuante; neste caso a persoa solicitante poderá acollerse ao establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.
Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á persoa solicitante a súa presentación, ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.
4. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, a secretaría publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puider impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a referida publicidade. A Secretaría Xeral da Emigración publicará no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas de contía igual ou superior a 3.000 euros e indicará o crédito orzamentario a que se imputan, persoa beneficiaria, cantidade concedida e finalidade para a cal se outorgou a subvención.

Máis información no seguinte DOG.


 

Oficina Municipal de Desenvolvemento Local

Praza do Concello, 1 1º

Tlnos. 988.41.00.00 988.41.00.01

Móbil 608.520122 609.152208

Fax. 988.41.19.00

Correo Electrónico: adl@verin.net


?>