Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Ofic. Virtual Desenvolvemento Local Programas de fomento do emprego en empresas de economía social e de promoción do cooperativismo
Programas de fomento do emprego en empresas de economía social e de promoción do cooperativismo PDF Imprimir Correo-e
Venres, 07 Marzo 2014 13:25

Desde Desenvolvemento Local do Concello de Verín infórmase da publicación orde do 21 de febreiro de 2014, da Consellería de Traballo e Benestar,  pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de fomento do emprego en empresas de economía social e de promoción do cooperativismo, cofinanciada parcialmente polo FSE, e se procede á súa convocatoria para o ano 2014.


Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras e a convocatoria das axudas e subvencións establecidas pola Consellería de Traballo e Benestar, coa finalidade de promover a incorporación de persoas desempregadas ás entidades de economía social e apoiar o desenvolvemento de proxectos de creación deste tipo de empresas a través dos seguintes programas:
Programa I-Fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais.
Programa II-Fomento do acceso á condición de persoa socia traballadora.
Programa III-Impulso de proxectos empresariais cooperativos e asistencia técnica.
Programa IV-Promoción das cooperativas xuvenís.
Programa V-Intercooperación e integración cooperativa.
2. As bases reguladoras de cada un dos programas incorporaranse como anexo desta orde, que forma parte integrante dela.
3. A xestión destes programas realizarase de acordo cos seguintes principios:
a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.
b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados.
c) Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.
4. Estas bases teñen vixencia indefinida.

Persoas e entidades beneficiarias
1. Poderanse acoller ás subvencións recollidas nesta orde:
a) As cooperativas e sociedades laborais para as actuacións previstas no programa I de Fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais.
b) As persoas desempregadas, as demandantes de mellora de emprego, así como as persoas asalariadas das cooperativas e sociedades laborais, nos termos e para as axudas previstas no programa II de Fomento do acceso á condición de persoa socia traballadora.
c) As cooperativas e sociedades laborais de nova creación ou que acometan novos proxectos nos termos e para as actuacións previstas no programa III de Impulso de proxectos empresariais cooperativos e asistencia técnica, así como as persoas e empresas privadas que presten os servizos de asesoramento e acompañamento nos termos previstos no punto 3.2.1 da base terceira.
d) As cooperativas xuvenís para as actuacións e nos termos previstos no programa IV de promoción deste tipo de entidades.
e) As cooperativas e sociedades laborais que participen conxuntamente en proxectos de integración ou colaboración empresarial, nos termos e para as actuacións previstas no programa V de intercooperación e integración cooperativa.
2. Con carácter xeral os beneficiarios e as beneficiarias deberán reunir os seguintes requisitos:
a) As entidades deberán estar legalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Cooperativas de Galicia ou no Rexistro Administrativo de Sociedades Laborais, ambos os dous dependentes da Xunta de Galicia, e/ou no Rexistro Mercantil, se é o caso.
b) Estar ao día das súas obrigas tributarias e de Seguridade Social.
c) Non ter sido sancionadas mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións.
3. Esta orde non será de aplicación ás solicitudes formuladas polas empresas e para as actividades que se indican a seguir:
a) Empresas que operan nos sectores da pesca e a acuicultura, segundo se recolle no Regulamento (CE) núm. 104 do Consello (DO L 17 do 21 de xaneiro de 2000).
b) Empresas dedicadas á produción primaria dos produtos agrícolas que figuran na lista do anexo I do Tratado.
c) Actividades relacionadas coa exportación a terceiros países ou Estados membros, é dicir, as axudas directamente vinculadas ás cantidades exportadas, ao establecemento e á explotación dunha rede de distribución ou a outros gastos correntes vinculados á actividade exportadora.
4. Para os efectos desta orde terán a consideración de cooperativas xuvenís as que estean formadas maioritariamente por persoas socias traballadoras ou de traballo que teñan entre 16 e 29 anos de idade.

Solicitudes, prazo e documentación
1. As solicitudes de axudas e subvencións recollidas nos distintos programas desta orde deberán formalizarse por separado para cada un deles, presentaranse no modelo de solicitude en función do programa de que se trate que figura como anexo desta orde, acompañadas da documentación xeral e específica citada neste artigo e dirixiranse ao órgano competente para resolver.
As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.
Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.
Os formularios de solicitude tamén poderán ser obtidos, cubertos e validados pola entidade solicitante a través da aplicación informática áa que se poderá acceder igualmente a través da páxina web da Consellería de Traballo e Benestar (http://traballoebenestar.xunta.es).
A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.
2. O prazo xeral para a presentación das solicitudes de axuda non será inferior a un mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia e respectaranse, de ser o caso, os prazos específicos previstos para cada tipo de axuda, no anexo I das bases (ata o 07 de abril de 2014).
3. A documentación que debe acompañar a solicitude do programa I é a seguinte:
a) Fotocopia compulsada ou cotexada da tarxeta acreditativa do número de identificación fiscal da entidade solicitante.
b) Fotocopia compulsada ou cotexada do documento nacional de identidade da persoa representante legal, só no caso de non autorizar expresamente a comprobación de datos (artigo 5.1 da orde de convocatoria).
c) Alta no imposto de actividades económicas (IAE) ou, se é caso, alta no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.
d) Memoria técnica e económica do proxecto empresarial ou o plan de empresa, que deberá conter os datos de identificación e descrición do proxecto, os aspectos técnicos de produción e comercialización, a previsión de postos de traballo netos que se van crear, un breve currículo das persoas promotoras, así como unha descrición detallada dos aspectos económicos, técnicos e financeiros que permitan avaliar a viabilidade do proxecto. Poderá obter un modelo de memoria na páxina web da consellería (http://traballoebenestar.xunta.es), no seu punto de axudas e subvencións.
e) Documentación específica para o programa I:
1) DNI, documentos acreditativos dos períodos de inscrición como demandante de emprego na oficina pública de emprego, así como do tempo de permanencia na situación de desemprego, referidos á data de presentación da solicitude, segundo os datos do informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social das persoas socias traballadoras ou de traballo por quen se solicita subvención, agás cando o traballador ou traballadora vinculada á empresa cun contrato laboral de carácter temporal se incorpore como socio ou socia traballadora ou de traballo, que non deberán presentar as devanditas certificacións.
2) Documentos acreditativos da pertenza aos colectivos sinalados no anexo II, se é o caso. A comprobación da condición de persoa afectada por diversidade funcional realizaraa directamente o órgano xestor das axudas, agás que fose recoñecida por outra Administración, distinta da propia da Comunidade Autónoma de Galicia. Non obstante, de acordo co disposto no artigo 1.2 da Lei 51/2003, do 2 de decembro, de igualdade de oportunidades, non-discriminación e accesibilidade universal das persoas afectadas por diversidade funcional, no suposto de pensionistas da Seguridade Social por incapacidade permanente total, absoluta ou grande invalidez acreditarase mediante certificación do Instituto Nacional da Seguridade Social da condición de pensionista na data da incorporación. No suposto de pensionistas de clases pasivas, mediante certificación da condición de pensionista por xubilación ou de retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade por clases pasivas de Ministerio de Facenda e Administracións Públicas ou do órgano de procedencia da persoa funcionaria na data de incorporación.
3) Certificado de alta e permanencia como persoa socia traballadora ou de traballo emitido pola cooperativa ou sociedade laboral e documentos da alta na Seguridade Social. No certificado de incorporación deberá constar expresamente a declaración de que o traballador ou traballadora que se incorpora como socio ou socia non tivo nos dous últimos anos na entidade tal condición (segundo o modelo do anexo III).
4) Certificación de relación nominal das persoas socias traballadoras ou de traballo e do persoal asalariado fixo no ano inmediatamente anterior á data da nova incorporación, con indicación das altas e baixas no dito período (segundo o modelo do anexo IV).
5) No suposto de traballadores ou traballadoras vinculadas á empresa por contrato laboral de carácter temporal, copia do contrato de traballo, documento de alta inicial na Seguridade Social, así como xustificante da comunicación á Seguridade Social dos cambios producidos.
6) Cando de trate da incorporación dun socio ou socia que vaia realizar unha xornada a tempo parcial, unha copia do contrato de traballo no caso de sociedades laborais. De tratarse de cooperativas, certificado en que conste a duración da xornada que ten fixada a persoa que se incorpora.
4. A documentación que debe acompañar a solicitude do programa II é a seguinte:
a) Fotocopia compulsada ou cotexada do documento nacional de identidade da persoa representante legal, só no caso de non autorizar expresamente a comprobación de datos (artigo 5.1 da orde de convocatoria).
b) Documentación específica para o programa II:
1) Documentos acreditativos dos períodos de inscrición como demandante de emprego na oficina pública de emprego, así como do tempo de permanencia na situación de desemprego, segundo os datos do informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social, de ser o caso. No caso de demandantes de mellora de emprego, acreditación do tempo de permanencia como tales.
2) Certificación do número de persoas asalariadas da cooperativa que acredite o cumprimento das previsións sobre o número máximo de persoas asalariadas e, de ser o caso, plan específico de incorporación de persoal asalariado.
3) Certificación do acordo da asemblea xeral da cooperativa, relativo á aprobación da contía das achegas obrigatorias das novas persoas socias e da cota de ingreso, de ser o caso.
5. A documentación que debe acompañar a solicitude do programa III é a seguinte:
a) Fotocopia compulsada ou cotexada da tarxeta acreditativa do número de identificación fiscal da entidade solicitante.
b) Fotocopia compulsada ou cotexada do documento nacional de identidade da persoa representante legal, só no caso de non autorizar expresamente a comprobación de datos (artigo 5.1 da orde de convocatoria).
c) Alta no imposto de actividades económicas (IAE) ou, se é caso, alta no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.
d) Memoria técnica e económica do proxecto empresarial ou o plan de empresa, que deberá conter os datos de identificación e descrición do proxecto, os aspectos técnicos de produción e comercialización, a previsión de postos de traballo netos que se van crear, un breve currículo das persoas promotoras, así como unha descrición detallada dos aspectos económicos, técnicos e financeiros que permitan avaliar a viabilidade do proxecto. Poderá obter un modelo de memoria na páxina web da consellería (http://traballoebenestar.xunta.es), no seu punto de axudas e subvencións. No caso de que se solicite unicamente a actividade de asesoramento e acompañamento de proxectos esta memoria poderá presentarse no momento da xustificación da actividade.
e) Documentación específica para o programa III:
1) Documentación específica para a axuda á contratación de persoas directoras ou xerentes e para a axuda de apoio ás cooperativas que presten os servizos de natureza social e á comunidade:
• O curriculum vitae da persoa que se vai contratar.
• Memoria xustificativa da necesidade da contratación do persoal cualificado e da dificultade para facer fronte ao seu pagamento cos seus propios medios, e con indicación, desagregada por conceptos, do custo total da contratación.
• No suposto de non ser unha sociedade de nova creación, balance de situación e conta de resultados dos dous últimos exercicios.
2) Documentación específica para formación empresarial:
• Memoria relativa á formación empresarial na cal se indique, como mínimo, o programa, o lugar e data de impartición, o nome das persoas socias as que vai destinada, a capacidade profesional dos formadores e o orzamento.
3) Documentación específica para asesoramento e acompañamento de proxectos:
• Memoria da actividade para a cal se solicita a subvención na que consten:
• As liñas xerais do proxecto.
• O plan de traballo que inclúa a temporalización e a estimación do número de horas con indicación das dedicadas á preparación das actividades e ás reunións presenciais co grupo promotor, así como o resto de actividades previstas para a posta en marcha do proxecto.
• A relación de promotores, con indicación das persoas socias ou asalariadas que prestarán o seu traballo persoal.
• O investimento previsto no acompañamento.
• Acreditación dos coñecementos e formación específica das persoas que presten o servizo, nas áreas e nos termos previstos no número 3.2.1 da base terceira.
4) Documentación específica para outras accións de asistencia técnica:
• Orzamento individualizado correspondente a cada concepto subvencionable, e cuantificado economicamente en todas as epígrafes.
• Documentación que acredite a habilitación legal e debida cualificación para a prestación do servizo, nos termos previstos no número 3.2.2 da base terceira.
6. A documentación que debe acompañar a solicitude do programa IV é a seguinte:
a) Fotocopia compulsada ou cotexada da tarxeta acreditativa do número de identificación fiscal da entidade solicitante.
b) Fotocopia compulsada ou cotexada do documento nacional de identidade da persoa representante legal, só no caso de non autorizar expresamente a comprobación de datos (artigo 5.1 da orde de convocatoria).
c) Alta no imposto de actividades económicas (IAE) ou, se é caso, alta no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.
d) Memoria técnica e económica do proxecto empresarial ou o plan de empresa, que deberá conter os datos de identificación e descrición do proxecto, os aspectos técnicos de produción e comercialización, a previsión de postos de traballo netos que se van crear, a identificación, data de nacemento e un breve currículo das persoas promotoras, así como unha descrición detallada dos aspectos económicos, técnicos e financeiros que permitan avaliar a viabilidade do proxecto. Poderá obter un modelo de memoria na páxina web da consellería (http://traballoebenestar.xunta.es), no seu punto de axudas e subvencións.
e) Documentación específica para o programa IV:
1) Memoria que inclúa o orzamento total dos gastos necesarios para o inicio da actividade con indicación daqueles a que se vai a destinar a subvención e a procedencia do financiamento previsto.
2) Facturas, facturas pro-forma, orzamentos ou declaración da previsión de gastos. No suposto previsto no segundo parágrafo do punto 3.3 da base cuarta, deberan presentar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores.
7. A documentación que debe acompañar a solicitude do programa V é a seguinte:
a) Fotocopia compulsada ou cotexada da tarxeta acreditativa do número de identificación fiscal da entidade solicitante e das participantes no proxecto.
b) Fotocopia compulsada ou cotexada do documento nacional de identidade da persoa representante legal, só no caso de non autorizar expresamente a comprobación de datos (artigo 5.1 da orde de convocatoria).
c) Documentación específica para o programa V:
1) Memoria técnica e económica do proxecto de colaboración que deberá conter:
• Datos de identificación das entidades participantes.
• Descrición do proxecto e detalle dos aspectos económicos, técnicos e financeiros que permitan avaliar a viabilidade do proxecto.
• Creación de emprego neto prevista coa posta en marcha do proxecto.
• Proposta das actividades para as cales se solicita a subvención, especificando a súa finalidade, as ou os destinatarios e os medios previstos para a súa realización, así como informe relativo á capacidade profesional das persoas intervenientes.
• Orzamento detallado das partidas do programa proposto que inclúa custos unitarios e unidades previstas de execución, así como a achega que realizarán as entidades participantes no seu financiamento. Este orzamento deberá ser validado pola Dirección Xeral de Traballo e Economía Social.
2) Facturas, facturas pro-forma, orzamentos ou declaración da previsión de gastos. No suposto previsto no punto 4.2 da base quinta, deberán presentar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores.
3) Documento que acredite o acordo de colaboración das entidades agrupadas, de designación da que os representa e de petición da subvención, así como a delegación na entidade que actúe como representante de todas elas.
4) Declaración de aceptación das condicións e requisitos establecidos nesta orde, así como de non estar incursos nas prohibicións para obter a condición de beneficiario sinaladas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, asinada por todos os beneficiarios.

8. As entidades que soliciten máis dun programa dos previstos nesta orde, unicamente deberán xuntar un exemplar da documentación xenérica coa primeira das solicitudes presentadas, facendo constar tal circunstancia nas posteriores. En todo caso, todas as solicitudes deberán presentarse xunto coa documentación específica para o programa respectivo.
9. As accións de todos os programas da orde poderán terse iniciado desde a data de finalización do prazo de presentación de solicitudes da convocatoria de axudas do ano inmediatamente anterior.
Máis información no seguinte DOG.

 

Oficina Municipal de Desenvolvemento Local

Praza do Concello, 1 1º

Tlnos. 988.41.00.00 988.41.00.01

Móbil 608.520122 609.152208

Fax. 988.41.19.00

Correo Electrónico: adl@verin.net


?>