Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Ofic. Virtual Desenvolvemento Local Subvencións a axencias de viaxe para o desenvolvemento das actividades de promoción e comercialización do destino Galicia
Subvencións a axencias de viaxe para o desenvolvemento das actividades de promoción e comercialización do destino Galicia PDF Imprimir Correo-e
Xoves, 13 Marzo 2014 10:10

Desde Desenvolvemento Local do Concello de Verín infórmase da publicación da resolución do 4 de marzo de 2014, da Axencia Turismo de Galicia, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións a axencias de viaxe para o desenvolvemento das actividades de promoción e comercialización turística do destino Galicia, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, TP 5.57.2, e se procede á súa convocatoria para o ano 2014.


Estas bases teñen por obxecto regular a concesión das subvencións a axencias de viaxes, en réxime de concorrencia competitiva, para o desenvolvemento das actividades de promoción e comercialización do destino Galicia.
Consideraranse proxectos subvencionables todos aqueles que se inicien a partir do 1 de xaneiro de 2014.
Os proxectos subvencionables consistirán principalmente no deseño de accións e actuacións especializadas na promoción e comercialización dos produtos cabeceira da marca turística de Galicia.
Os produtos cabeceira de marca de Galicia poden ser consultados na páxina web oficial de promoción turística, na epígrafe denominada «experiencias» http://www.turgalicia.es/goza-destas-experiencias.
– Camiño de Santiago. Inclúense nesta epígrafe os produtos que articulen unha proposta de aloxamentos coordinados entre si para realizar por etapas os distintos camiños de Santiago en Galicia, incluíndo servizos de manutención e transfers que faciliten un paquete integral aos usuarios turísticos. Estes produtos poderán denominarse Bono Iacobus –marca rexistrada pola Xunta de Galicia–, xunto a outro termo que identifique as especificidades que introduza o comercializador e o diferencie dos competidores.
– Bosques de Galicia (Natureza).
– Mananciais de Galicia (Termalismo).
– Paseando entre viñedos (Enogastronomía).
– Turismo mariñeiro.
– Ruta das Camelias (Xardíns de Galicia).
– Faros e praias salvaxes.
– Patrimonio oculto.
– Santuarios máxicos.
– «Top Ten dez lugares únicos»: Ribeira Sacra, Muralla de Lugo, Serra da Capelada, Ferrol da Ilustración, Torre de Hércules, Camiño de Santiago, Santiago de Compostela, Cabo Fisterra, Illas Cíes e Santa Tegra.
Tamén serán proxectos subvencionables os paquetes turísticos orientados ao turismo de golf e/ou turismo ornitolóxico.
Terán a consideración de gastos subvencionables os derivados das seguintes actuacións:
a) Edición de folletos e/ou outros soportes que se vaian usar para a promoción dos produtos turísticos para comercializar obxecto desta orde de subvención.
b) Gastos relativos á realización de campañas de promoción específicas dos paquetes e servizos turísticos ofertados (publicidade en medios de comunicación convencionais, internet, revistas especializadas...).
c) Viaxes de promoción e familiarización do destino Galicia, en relación cos paquetes e servizos turísticos para comercializar obxecto desta orde de subvención (gastos de xestión, aloxamentos, manutención, transportes, entrega de materiais promocionais…).
d) Desenvolvemento das TIC na xestión, promoción e comercialización da oferta turística.
e) Proxectos dirixidos á creación e posta en funcionamento de centrais de reserva e outras canles de comercialización online.
f) Asistencias técnicas de apoio á promoción e comercialización de produtos turísticos.
En ningún caso serán obxecto de subvención os gastos de mantemento e conservación e a compra de activos materiais ou inmateriais.
Tampouco serán obxecto de subvención os gastos de xuros debedores en contas bancarias, os derivados de recargas e sancións administrativas e penais. Os tributos serán gasto subvencionable cando a persoa beneficiaria da subvención os aboe efectivamente. En ningún caso se van subvencionar os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.
Cando o importe do gasto subvencionable sexa igual ou superior a 18.000 euros nos supostos de subministración de bens de equipamento ou prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, o solicitante deberá presentar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten.
Poderá subcontratarse a actividade obxecto da subvención nun 100 %, de conformidade co previsto no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Beneficiarios
1. Poderán ser beneficiarios das subvencións as persoas físicas, xurídicas, constituídas baixo forma civil ou mercantil, ou comunidades de bens, que reúnan os requisitos establecidos nestas bases e sexan titulares de axencias de viaxes que realicen a súa actividade en Galicia, e que estean comprendidas na definición de pequena ou mediana empresa (peme). As axencias deberán contar con clasificación turística expedida pola Comunidade Autónoma de Galicia por estar radicada nesta a súa casa central, ou ben ter sucursais debidamente inscritas no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas de Galicia.
Defínese peme, segundo a Recomendación 2003/361/CE da Comisión, do 6 de maio de 2003, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas (DO L 124, do 20.5.2003), en función dos seus efectivos e do seu volume de negocio e do seu balance anual.
Así, pequena empresa é aquela empresa que ocupa menos de 50 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros; mediana empresa é unha empresa que ocupa menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios anual non excede os 50 millóns de euros ou cuxo balance anual non excede os 43 millóns de euros.
2. Poderán ser beneficiarias destas subvencións as asociacións, legalmente constituídas, cuxos asociados sexan nun 50 % entidades que reúnan os requisitos establecidos no parágrafo 1 deste artigo. Tales asociacións deberán estar inscritas no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas de Galicia.
Así mesmo, poderán ter a condición de beneficiarias as agrupacións das persoas físicas, xurídicas ou comunidades de bens nas cales aínda carecendo de personalidade xurídica, polo menos un 50 % dos agrupados reúnan os requisitos establecidos no parágrafo 1 deste artigo.
De conformidade co disposto no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no caso de agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, sen personalidade, deberá facerse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención para aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. Deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, lle corresponden á agrupación. Esta agrupación non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da citada lei.
3. Os requisitos para ser beneficiario deberán cumprirse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.
4. Non poderán obter a condición de beneficiario aqueles nos cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursos nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable do interesado.
5. Unha vez recaída a resolución de concesión, os cambios no beneficiario terán que ser previamente autorizados pola Administración concedente, e darán lugar á modificación da resolución de concesión nos termos do disposto no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, subrogándose o novo titular na posición xurídica de beneficiario da subvención.

Solicitudes
1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.
Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel, por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.
2. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante.
A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente do formulario principal, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.
4. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación (13 de abril de 2014).
Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.
5. Os interesados achegarán a seguinte documentación:
a) Anexo II: modelo de solicitude normalizado.
b) Memoria explicativa do proxecto. Esta deberá incluír a descrición das actuacións propostas, concretando aqueles dos criterios de valoración sinalados no artigo 8.4 destas bases que reúnen as actuacións cuxa subvención se solicita.
c) Orzamento desagregado por conceptos do investimento que se vai realizar. De ser o caso, o interesado achegará tres orzamentos de diferentes provedores, segundo dispón o artigo 1.6 destas bases reguladoras.
No caso de solicitudes efectuadas por agrupacións, deberá acreditarse a realización conxunta da actuación e que non supoñan actuacións independentes de cada entidade agrupada.
d) Se é o caso:
– Documento acreditativo da adhesión do establecemento ao Instituto para a Calidade Turística Española, emitido pola súa delegación territorial en Galicia ou, no caso de establecementos coa marca Q de Calidade Turística, documento acreditativo de certificación, emitido polo Instituto para a Calidade Turística Española.
– No caso de establecementos distinguidos con Compromiso de Calidade Turística, documento acreditativo do distintivo de compromiso de calidade turística de boas prácticas concedido por un destino Sicted (Sistema de Calidade Turística Española en Destinos) na Comunidade Autónoma de Galicia.
e) Cando a subvención sexa solicitado por unha agrupación das previstas no artigo 3.2 destas bases, deberán facerse constar expresamente na solicitude os compromisos asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, corresponden á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei de subvencións. Así mesmo, deberá designarse a entidade a que se lle deberá efectuar o pagamento da subvención.
A documentación referida nas alíneas d) e e) de este artigo deberán referirse a cada entidade agrupada.
f) Todo isto sen prexuízo de que se solicite documentación complementaria aclaratoria dos datos que figuren na solicitude.

Información aos interesados
Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Axencia Turismo de Galicia, a través dos seguintes medios:
a) Páxina web oficial da Axencia Turismo de Galicia: http://turismo.xunta.es
b) Os teléfonos 981 54 74 04 e 981 54 63 64, e no fax 981 54 63 71 da devandita Axencia.
c) Enderezo electrónico Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo
d) Presencialmente.

Tamén no seguinte DOG.

 

Oficina Municipal de Desenvolvemento Local

Praza do Concello, 1 1º

Tlnos. 988.41.00.00 988.41.00.01

Móbil 608.520122 609.152208

Fax. 988.41.19.00

Correo Electrónico: adl@verin.net


?>