Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Ofic. Virtual Desenvolvemento Local Convocatoria das probas de avaliación en competencias clave para acceder aos certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3
Convocatoria das probas de avaliación en competencias clave para acceder aos certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3 PDF Imprimir Correo-e
Venres, 14 Marzo 2014 10:19

Desde Desenvolvemento Local e Orientación Laboral do Concello de Verín infórmase da publicación da resolución do 7 de marzo de 2014, da Dirección Xeral de Emprego e Formación, pola que se convocan probas de avaliación en competencias clave para acceder aos certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3 de cualificación.


O obxecto desta resolución é convocar probas de avaliación en competencias clave para o acceso ás accións formativas dos novos certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3 de cualificación profesional da formación profesional para o emprego no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia. Así mesmo, establecer as posibles exencións ás probas e validacións das distintas competencias clave. Así como consideracións sobre a expedición de certificados de profesionalidade.

Competencias clave que se convocan
1. Convócanse probas nos dous niveis de cualificación profesional 2 e 3, nas seguintes competencias clave:
Comunicación en lingua galega.
Comunicación en lingua castelá.
Comunicación en lingua estranxeira (inglés).
Competencia matemática.
Así mesmo, no anexo IV desta resolución especifícanse as competencias clave requiridas para acceder aos certificados de profesionalidade por familias profesionais.

Requisitos de acceso á formación de certificados de profesionalidade
O artigo 2 da Orde do 7 de xaneiro de 2014 establece os requisitos para acceder á formación dos certificados de profesionalidade dos niveis 2 e 3 de cualificación profesional.
No anexo III desta resolución infórmase das posibles acreditacións oficiais que reúnen os requisitos formativos de acceso aos certificados de profesionalidade.

Exencións e validacións ás probas de avaliación
No caso da competencia de comunicación en lingua galega, estarán exentos de presentarse a esta proba as persoas que cumpran algún dos requisitos establecidos no anexo V.
No anexo VI desta resolución, establécense as validacións por ter superados estudos regrados e probas do sistema educativo para as competencias clave de comunicación en lingua galega, comunicación en lingua castelá, comunicación en lingua estranxeira e competencia matemática.

Presentación de solicitudes e prazo
1. A participación nestas probas deberá formalizarse presentando solicitude segundo o modelo que se establece no anexo I desta resolución, dirixida ao Instituto Galego das Cualificacións debidamente cuberta.
2. O prazo para presentala é a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG ata o 10 de abril de 2014.
3. O modelo de solicitude estará dispoñible na Guía de procedementos e servizos da Xunta de Galicia, e tamén na páxina web da Consellería de Traballo e Benestar http://traballoebenestar.xunta.es/
4. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.
Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.
5. A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente, utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas achegadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e no artigo 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Documentación
As persoas aspirantes deberán acompañar á súa solicitude de inscrición:
a) Fotocopia do documento nacional de identidade, ou número de identificación de estranxeiro ou do pasaporte. A presentación da fotocopia do DNI ou NIE non será precisa se a persoa solicitante dá o seu consentimento para que se consulten os datos relativos aos citados documentos; na solicitude hai un recadro onde hai que marcalo especificamente, de conformidade co previsto na Orde do 7 de xullo de 2009 pola que se desenvolve o Decreto 255/2008, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, no que respecta á verificación de datos de identidade e residencia.
b) De ser o caso, ter recoñecido un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, as persoas aspirantes que soliciten algún tipo de adaptación (ampliación de tempo e medios para a realización da proba). En ambos os casos, non será necesario achegar o certificado do grao de discapacidade nin o informe da procedencia das adaptacións solicitadas, se foi recoñecido polo órgano competente da Comunidade Autónoma de Galicia.
No caso de ter recoñecida a discapacidade por outra comunidade autónoma, deberá achegar o certificado de grao de discapacidade e o informe da procedencia das adaptacións solicitadas pola dita comunidade, agás que solicitase o traslado do seu expediente a esta comunidade autónoma.
Na solicitude de inscrición hai que indicar a adaptación que se solicita nos recadros do bloque de persoas aspirantes con discapacidade.

Relación provisional e definitiva de persoas inscritas admitidas e excluídas
1. A relación provisional das persoas inscritas nas probas que sexan admitidas e, se é o caso, as excluídas, con indicación das causas de exclusión, será publicada polo Instituto Galego das Cualificacións na páxina web http://traballoebenestar.xunta.es/ e nos taboleiros de anuncios dos servizos centrais e das xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar, segundo o establecido no calendario previsto que figura no anexo II desta resolución.
2. As persoas inscritas poderán formular contra esta relación provisional de admitidos e excluídos as oportunas reclamacións, que se dirixirán ao Instituto Galego das Cualificacións no prazo de catro días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación da lista provisional de admitidos.
3. A relación definitiva de persoas solicitantes admitidas e excluídas será publicada na páxina web http://traballoebenestar.xunta.es/ e nos taboleiros de anuncios dos servizos centrais e das xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar, segundo o establecido no calendario previsto que figura no anexo II desta resolución.
4. A publicación tanto das listas provisionais coma das definitivas de admitidos e excluídos ao proceso terán os efectos de comunicación ás persoas solicitantes e reclamantes, de conformidade co disposto no artigo 10 da Orde do 7 de xaneiro de 2014 pola que se establecen os requisitos para o acceso á formación dos certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3 de cualificación profesional.
5. Contra a relación definitiva de persoas solicitantes admitidas e excluídas poderase interpor recurso de alzada, de conformidade co disposto no artigo 10 da Orde do 7 de xaneiro de 2014.

Realización das probas de avaliación en competencias clave
1. O lugar e datas das probas de avaliación en competencias clave serán expostos na páxina web http://traballoebenestar.xunta.es/ e nos taboleiros de anuncios dos servizos centrais e das xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar. O calendario da convocatoria inclúese no anexo II desta resolución.
2. O candidato realizará unha proba por cada unha das competencias clave convocadas en que se inscribise. A duración da proba en cada competencia clave é dunha hora. A realización de cada unha das probas de avaliación seguirá o horario que se indica no anexo II da presente resolución.
3. Para a realización das probas de avaliación nas distintas competencias claves poderanse ditar instrucións específicas na orde de chamada das persoas admitidas nelas; as ditas instrucións serán publicadas na páxina web http://traballoebenestar.xunta.es/ e nos taboleiros de anuncios dos servizos centrais e das xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar como mínimo tres días antes da data da realización das probas. Todos os candidatos deberán presentarse unha hora antes do inicio das probas para seren chamados por orde alfabética.
4. Para a realización das probas as persoas aspirantes deberán ir provistas do documento nacional de identidade, do número de identificación de estranxeiros ou do pasaporte. Tamén deberán levar bolígrafo de tinta de cor azul ou negra.
Nas probas de competencia matemática poderase acudir con calculadora.
5. As persoas participantes nas probas terán cuberto o risco de accidente derivado da asistencia a estas.
6. O exame das competencias clave en matemáticas estará redactado en galego e castelán; os exames de comunicación en lingua galega, comunicación en lingua castelá, e de comunicación lingua inglesa estarán redactados na lingua obxecto da proba.

Resultados da avaliación das probas
1. Os resultados da avaliación das probas estarán accesibles para as persoas que as realizaron nas listaxes provisionais que se poderán consultar na páxina web da Consellería de Traballo e Benestar segundo o calendario previsto que figura no anexo II desta resolución. Estes resultados provisionais terán efectos de comunicación para todas as persoas participantes.
2. O resultado de apto suporá a superación da proba na correspondente competencia clave e o dereito do interesado a que se lle expida un documento acreditativo que certificará o resultado obtido segundo establece o artigo 9 da Orde do 7 de xaneiro de 2014 pola que se establecen os requisitos para o acceso á formación dos certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3 de cualificación profesional.

Reclamación contra as cualificacións
1. Contra a cualificación obtida poderá presentarse reclamación por escrito dirixida ao presidente ou presidenta da comisión, no prazo de tres días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación das cualificacións, no Rexistro da Consellería de Traballo e Benestar, no Rexistro Xeral da Xunta de San Caetano (ambos en Santiago de Compostela), así como por calquera das formas establecidas polo artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
2. A publicación das listas definitivas de cualificacións terán efectos de comunicación ás persoas reclamantes, de conformidade co disposto no artigo 10 da Orde do 7 de xaneiro de 2014 pola que se establecen os requisitos para o acceso á formación dos certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3 de cualificación profesional.
3. Contra a cualificación definitiva poderase interpor recurso de alzada, de conformidade co disposto no artigo 10 da Orde do 7 de xaneiro de 2014.

Máis información no seguinte DOG.

 

Oficina Municipal de Desenvolvemento Local

Praza do Concello, 1 1º

Tlnos. 988.41.00.00 988.41.00.01

Móbil 608.520122 609.152208

Fax. 988.41.19.00

Correo Electrónico: adl@verin.net


?>