Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Ofic. Virtual Desenvolvemento Local Subvencións aos proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia para o uso de tecnoloxías da información e as comunicacións
Subvencións aos proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia para o uso de tecnoloxías da información e as comunicacións PDF Imprimir Correo-e
Martes, 18 Marzo 2014 13:18

Desde o Concello de Verín infórmase da publicación da resolución do 27 de febreiro de 2014, da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, pola que se convocan para o ano 2014 as subvencións aos proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia promovidos por microempresas para o uso das tecnoloxías da información e as comunicacións, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2007-2013.


Obxecto
1. Convocar para o ano 2014, en réxime de concorrencia competitiva, as subvencións para o uso das tecnoloxías da información e as comunicacións promovidas por microempresas, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2007-2013.
2. Manter a vixencia para a presente convocatoria das bases reguladoras aprobadas mediante a Resolución do 22 de abril de 2013 (DOG nº 87, do 7 de maio).
3. Aprobar os formularios para xestionar esta convocatoria, que se xuntan a esta resolución como anexo.

Requisitos para solicitar a subvención
Todos os proxectos subvencionables deberán cumprir os requisitos seguintes:
a) Que non estean iniciados na data de presentación da solicitude da axuda.
b) Que se desenvolvan no territorio de Galicia exceptuando as zonas incluídas nos perímetros urbanos, definidos como tales no planeamento urbanístico vixente, das cidades de Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo.
c) Que sexan finalistas, é dicir, que no momento da certificación final cumpran os obxectivos e funcións para os que se lle concedeu a axuda.
d) Que sexan viables técnica, económica e financeiramente.
e) Que se axusten ás especificacións indicadas nas presentes bases.
f) Que o promotor do proxecto non teña sido sancionado pola Consellería do Medio Rural e do Mar pola comisión de infraccións en materia de subvencións no prazo dun ano se a infracción foi cualificada como leve, de dous anos se a infracción foi cualificada como grave ou tres anos se a infracción foi cualificada como moi grave. Os prazos computaranse desde a data de remate de presentación das solicitudes.
As subvencións reguladas nestas bases están financiadas con fondos Feader e, polo tanto, serán incompatibles con calquera outra axuda que, para o mesmo gasto ou investimento, leve cofinanciamento comunitario, independentemente do fondo de procedencia e a súa tipoloxía (subvención directa, bonificación de xuros...). Tamén serán incompatibles con outras axudas encadradas en calquera dos outros eixes do PDR. Igualmente, os préstamos do Banco Europeo de Investimentos (BEI), aínda sendo compatibles para un mesmo proxecto, son incompatibles para un mesmo gasto específico.
Coas excepcións anteriores, as subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras serán compatibles con outras axudas, subvencións ou recursos destinados á mesma finalidade, tanto de orixe pública como privada, sempre que a intensidade máxima das axudas con fondos públicos non exceda o 50 % do importe elixible do proxecto.
Os beneficiarios das axudas, se é o caso, estarán suxeitos ao réxime sancionador previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante LSG) e desenvolvido no título VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da LSG.

Proxectos subvencionables e non subvencionables
a) Descrición dos proxectos subvencionables.
As axudas están destinadas á implantación de equipamento físico (hardware) e aplicacións informáticas (software) nas microempresas que desenvolvan a súa actividade económica no rural, para que aproveiten as tecnoloxías da información e as comunicacións (TIC) xunto con acceso á internet de calidade, no seu proceso de negocio.
Só se valorarán aquelas solicitudes que representen un investimento subvencionable de cando menos 4.000 euros (sen IVE).
b) Consideracións xerais.
Os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados entre a data de presentación da solicitude e a data límite de xustificación de cada ano para o que se pide a subvención. Todos os investimentos deberán estar plenamente realizados, operativos e verificables na data límite de xustificación do proxecto.
O órgano xestor terá acceso á totalidade das tarefas realizadas para os efectos de comprobación dos proxectos subvencionables, tanto durante a execución dos mesmos como con posterioridade á súa xustificación.
Non se subvencionarán proxectos plurianuais. Os proxectos aprobados deben executarse dentro do ano no que se presenta a solicitude (2012, 2013 ou 2014).
c) Gastos subvencionables:
1º. Equipos electrónicos da rede de datos de área local (LAN) da empresa: ordenadores servidores da rede, equipos de comunicacións en rede de cobre ou óptica (switches, routers, amplificadores etc.), equipos de comunicacións de rede sen fíos (puntos de acceso, concentradores etc).
2º. Equipos para a seguridade da rede de datos da empresa: dispositivos fixos de almacenamento da información e barreiras de seguridade (firewalls).
3º. Elementos do cableado estruturado: cable de datos trenzado, fibra óptica, tomas de rede, armarios bastidores, sistemas de alimentación ininterrompida (SAI) nos bastidores, certificacións da rede de cobre ou óptica.
4º. Subministración e instalación de licenzas de software no equipamento hardware do solicitante.
d) Gastos non subvencionables:
1º. Páxinas web.
2º. Licenzas de software ofimático (procesador textos, cálculo, presentacións, fotografía, debuxo).
3º. Elementos de usuario (ordenadores persoais, SAIs de usuario, terminais móviles, tabletas PC, cámaras de vídeo ou fotografía etc.) e outros equipos de uso individual ou compartido (impresoras, fotocopiadoras, escáner etc.).
4º. Elementos de rede de datos, cableado e rede sen fíos que non sexan para uso exclusivo e interno da empresa solicitante.
5º. Elementos funxibles ou removibles (discos, cintas etc.) ou gastos xerais.
6º. Servizos de mantemento ou garantía adicional sobre os elementos adquiridos.
7º. Conceptos tales como cotas de conexión, mantemento ou hospedaxe.
8º. Calquera gasto respecto do cal non sexa posible identificar o alcance concreto deste, tipo de subministración, características técnicas diferenciadoras, ou no que figuren incluídos e sen cuantificar outros gastos non subvencionables.

Tipo e intensidade da axuda
A intensidade da axuda será como máximo do 50 % dos investimentos subvencionables recollidos na solicitude, e ata un máximo de 30.000 euros de subvención por beneficiario.
Os proxectos admitidos recibirán unha porcentaxe de subvención en función dos puntos obtidos na valoración, segundo os criterios recollidos nestas bases.
Estas axudas están amparadas, no Regulamento (CE) 800/2008 da Comisión, do 6 de agosto de 2008, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías).

Presentación de solicitudes e documentación
As solicitudes dirixiranse ao director xeral de Agader e presentaranse no modelo normalizado (modelo A) que se inclúe no anexo desta resolución. Este modelo validado pola aplicación informática valerá tanto para a presentación en papel, unha vez impreso, como para a presentación electrónica.
As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.
Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.
Se é o caso, e optar pola presentación en papel, toda a documentación se entregará sen encadernar, obviando espirais, carpetas clasificadoras, peches térmicos, canudos, etc.
Cada empresa só poderá presentar unha única solicitude dentro do período de solicitude de cada ano. No caso de que un mesmo solicitante presente máis dunha solicitude, só se admitirá a trámite a solicitude que tivese entrada en último lugar ante a Administración.
a) Documentación xurídico-administrativa da empresa solicitante.
1º. NIF da entidade solicitante en vigor.
2º. Documento acreditativo de que a persoa que asina a solicitude representa á entidade solicitante, agás no caso de empresarios individuais.
Este documento poderá xustificarse achegando un certificado expedido polo Rexistro Mercantil ou outros rexistros públicos necesarios para ter personalidade xurídica (Rexistro de Cooperativas, Rexistro de Sociedades Laborais, etc.) en que se identifiquen os representantes ou apoderados da entidade solicitante, así como o alcance da dita representación e vixencia. De non achegarse o dito certificado, deberá achegarse a escritura pública de outorgamento do poder ou, de ser o caso, o do nomeamento do representante, que debe estar en vigor na data de presentación da solicitude e presentarse íntegra, e figurar nela expresamente a súa inscrición no rexistro que legalmente lle puider corresponder.
3º. Informe da vida laboral da conta (ou contas) de cotización da entidade solicitante que comprenda os 12 meses anteriores ao de presentación da solicitude, así como os xustificantes de ingreso dos traballadores autónomos.
4º. Modelo 036 de declaración censual.
As solicitudes das persoas interesadas se acompañarán dos documentos e informacións determinadas nos puntos anteriores, salvo que os documentos exixidos xa estean en poder de calquera órgano da administración actuante; neste caso a persoa solicitante poderá acollerse ao establecido na alínea f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.
b) Documentación técnica relativa ao proxecto, consistente en:
1º. Memoria técnica explicativa, na cal se detallarán todos os aspectos inherentes ao desenvolvemento do proxecto e que serán obxecto de valoración competitiva. A devandita memoria terá unha extensión máxima de 20 páxinas.
Esta memoria técnica presentarase con carácter voluntario, para mellorar a explicación do proxecto. No caso de que o solicitante non a presente dentro do prazo de presentación de solicitudes, entenderase que solicita expresamente a valoración do seu proxecto coa información dispoñible no formulario normalizado (modelo B).
2º. Acreditación de contrato da internet de alta capacidade. Debe achegar copia da última factura mensual en que se recolla o servizo de conexión á internet de alta capacidade. No caso de concorreren as circunstancias excepcionais de imposibilidade de servizo agás por conexión de satélite, deberá achegar oferta dun provedor de conexión vía satélite, que acredite que está en condicións de dispor de conexión vía satélite antes da data límite de xustificación da subvención.
3º. Plano do Sixpac en que se indiquen as coordenadas do proxecto.
c) Documentación económica identificativa das contías dos investimentos.
1º. Orzamento detallado, ordenado e agrupado por partidas, en documento normalizado (modelo C), dos gastos necesarios para a execución do proxecto.
2º. Non terán a consideración de orzamentos as estimacións de gastos realizadas polo solicitante e que carezan do soporte da oferta do provedor ou tarifa oficial do gasto.
3º. Cando o gasto subvencionable supere a contía establecida no artigo 138.3 do Real decreto 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público –18.000 € cando se trate doutros contratos diferentes aos de obra civil–, deberán presentarse tres ofertas como mínimo (modelo D), de diferentes provedores, salvo que polas especiais características dos gastos non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten. Cando o beneficiario teña a obriga de solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores deberá xustificar nunha memoria a elección da oferta cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.
4º. Cando polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que os subministren ou presten e non se poidan presentar as tres ofertas a que se refire o punto c.3º anterior, deberá acreditarse expresamente este feito polo solicitante incluíndo dentro da memoria económica un certificado expedido polo provedor no cal se recolla que é o único provedor existente no Estado. O órgano xestor poderá non aceptar tal circunstancia se considera que non está debidamente motivada ou non queda debidamente acreditada a súa xustificación.
As ofertas presentadas e os provedores escollidos supoñen unha documentación vinculante para o desenvolvemento do proxecto no caso de ser beneficiario da axuda. Non se considerarán subvencionables, parcial ou totalmente, aqueles investimentos dos cales non se presente documentación económica completa conforme o aquí recollido.
d) Calquera outra documentación adicional que o interesado considere conveniente para a correcta avaliación do proxecto.
e) A presentación da solicitude de concesión de subvención polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, e debe presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente.
De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano competente requirirá ao interesado para que a repare no prazo máximo e improrrogable de 10 días, e indicaralle que, se non o fixer, se terá por desistido da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da citada lei.
Sen prexuízo do disposto nos parágrafos anteriores, poderá requirirse o solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

Prazo para presentar as solicitudes e a documentación xustificativa
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia (19 de abril de 2014).
O prazo límite para a execución dos investimentos vinculados aos proxectos subvencionados e para a xustificación dos gastos será o 30 de agosto de 2014.

Información aos interesados

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código MR706A, poderase obter documentación normalizada ou información adicional a través das seguintes canles:
a) Páxina web oficial de Agader (http://agader.xunta.es), na súa sección «liña de axudas».
b) O teléfono 981 54 73 82 de Agader.
c) Presencialmente, nas dependencias de Agader, no lugar da Barcia, nº 56, Laraño, 15897 Santiago de Compostela.
Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outros procedementos, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia que é o 012 (desde fóra de Galicia 902 12 00 12).

 

Oficina Municipal de Desenvolvemento Local

Praza do Concello, 1 1º

Tlnos. 988.41.00.00 988.41.00.01

Móbil 608.520122 609.152208

Fax. 988.41.19.00

Correo Electrónico: adl@verin.net


?>