Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Ofic. Virtual Desenvolvemento Local Subvencións ás organizacións profesionais agrarias para actividades de interese agrario
Subvencións ás organizacións profesionais agrarias para actividades de interese agrario PDF Imprimir Correo-e
Xoves, 20 Marzo 2014 11:00

Desde Desenvolvemento Local do Concello de Verín  infórmase da publicación da orde do 10 de marzo de 2014, Consellería do Medio Rural e do Mar, pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións ás organizacións profesionais agrarias para actividades de interese agrario e se procede á súa convocatoria para o ano 2014.


As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto establecer a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia polo sistema de rateo, da Consellería do Medio Rural e do Mar con cargo aos seus orzamentos, ás organizacións profesionais agrarias para actividades de interese agrario. A finalidade das axudas concedidas ao abeiro destas bases reguladoras é a realización de actividades de representación e de formación dos asociados das organizacións profesionais agrarias con implantación en Galicia e dos agricultores galegos en xeral.

Entidades beneficiarias
Serán beneficiarias as organizacións profesionais agrarias legalmente constituídas en Galicia e nas cales concorran as circunstancias previstas nesta orde, e non incorran nas circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Actividades subvencionables
1. Serán obxecto de subvención os custos derivados das actividades que se relacionan a seguir, que desenvolverán as organizacións profesionais agrarias con implantación en Galicia:
a) Funcións e actuacións que lles son propias conforme a normativa legal.
b) Funcións ordinarias de xestión interna das organizacións profesionais agrarias.
c) Representación perante as institucións.
d) Participación nos órganos colexiados, comisións, mesas sectoriais que, para a defensa dos intereses dos seus representantes, foron constituídos pola Administración galega.
e) Formación dos asociados e dos seus familiares.
f) Impulso do asociacionismo agrario.
2. A determinación dos gastos subvencionables axustarase ao disposto nos artigos 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Particularmente, de acordo co recollido no artigo 29 da dita Lei 9/2007, cando o importe do investimento subvencionable supere as contías establecidas no Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, de contratos do sector público para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás nos casos en que polas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren.
A elección destas ofertas realizarase conforme a criterios de eficiencia e economía, debendo xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.
O IVE será subvencionable se concorren as circunstancias previstas no artigo 29.9 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Importe máximo das subvencións
1. O importe das subvencións reguladas nesta orde non poderá en ningún caso ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, supere o custo das actividades que vaia desenvolver a entidade beneficiaria.
2. Os rendementos financeiros que se xeren polo fondos librados aos beneficiarios incrementarán o importe da subvención concedida e aplicaranse igualmente á actividade subvencionada.

Incompatibilidade
1. As subvencións reguladas por estas bases son incompatibles con calquera outra axuda procedente das administracións públicas que se conceda para os mesmos obxectivos e gastos.
2. A vulneración deste precepto dará lugar á perda da subvención concedida.

Solicitudes
1. As solicitudes de axuda presentaranse mediante instancia segundo o modelo anexo I, debidamente cubertas e asinadas polo presidente, secretario xeral ou representante legal da organización peticionaria, xunto coa documentación que se detalla a seguir:
1) Acordo do órgano competente, debidamente acreditado, polo que se decide solicitar a subvención e se autoriza a persoa encargada dos trámites.
2) Memoria xustificativa e suficientemente detallada das actividades que teña previsto desenvolver cada organización profesional ao longo do ano 2014 e, en particular, do emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita axuda.
3) Copia do NIF da organización solicitante.
4) Copia do DNI do seu representante no caso de non autorizar a Consellería do Medio Rural e do Mar a verificación dos seus datos do DNI no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

Lugar e prazo de presentación das solicitudes
1. A presentación de solicitudes realizarase exclusivamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.
2. A documentación complementaria poderase presentar tamén electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.
3. No caso de que algún dos documentos para presentar por parte do/a solicitante, de forma electrónica, supere os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.
4. Prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houbera día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes (20 de abril de 2014).

Máis información no seguinte DOG.


 

Oficina Municipal de Desenvolvemento Local

Praza do Concello, 1 1º

Tlnos. 988.41.00.00 988.41.00.01

Móbil 608.520122 609.152208

Fax. 988.41.19.00

Correo Electrónico: adl@verin.net


?>