Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Ofic. Virtual Desenvolvemento Local Subvencións para garantir o acceso á internet de banda larga vía satélite
Subvencións para garantir o acceso á internet de banda larga vía satélite PDF Imprimir Correo-e
Martes, 25 Marzo 2014 09:04

Desde Desenvolvemento Local do Concello de Verín  infórmase da publicación da resolución do 14 de marzo de 2014, da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, pola que se convocan subvencións para o ano 2014, en concorrencia non competitiva, para garantir o acceso á internet de banda larga vía satélite, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2007-2013, así como para a selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión.

A presente resolución ten por obxecto:
a) Convocar para o ano 2014, en réxime de concorrencia non competitiva, as subvencións para garantir o acceso á internet de banda larga a través de tecnoloxía satélite bidireccional no medio rural, así como para a selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, de acordo coas bases reguladoras establecidas mediante Resolución do 29 de abril de 2013 (DOG nº 89, do 10 de maio. Corrección de erros, DOG nº 95, do 21 de maio).
b) Aprobar os formularios para xestionar esta convocatoria, que se xuntan a esta resolución como anexo I, para solicitantes de axuda, e como anexos II e III para entidades colaboradoras.

Requisitos para solicitar a subvención
a) Beneficiarios.
1º. As actuacións deberán levarse a cabo no territorio de Galicia, exceptuando as zonas incluídas nos perímetros urbanos definidos como tales no planeamento urbanístico vixente das cidades de Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo.
2º. Os beneficiarios (persoas físicas ou pemes) deberán, ademais, reunir as seguintes condicións:
– Residir na Comunidade Autónoma de Galicia.
– Non dispoñer de cobertura de banda larga de calidade de, polo menos, 2Mbps en sentido rede-usuario mediante outra tecnoloxía.
– Solicitar a axuda para a instalación da nova conexión no enderezo de residencia ou, no caso dunha empresa, domicilio fiscal.
– Manter o novo contrato de conexión á internet por un período mínimo de doce meses, contado desde a data de alta no servizo.
– Non ter sido beneficiario doutra subvención para o mesmo obxecto.
– Tramitar a solicitude exclusivamente a través de calquera das entidades colaboradoras que sexan seleccionadas por Agader en procedemento público e aberto.
3º. Non poderán obter a condición de beneficiario aqueles nos cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007. A acreditación de non estar incursos nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable do interesado, con independencia das comprobacións que efectúe o órgano xestor.
4º. Igualmente, non poderán ser beneficiarias das axudas as empresas exceptuadas do ámbito de aplicación do Regulamento (UE) nº 1407/3013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis, e mais do Regulamento (UE) nº 1408/3013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector da agricultura.
b) Entidades colaboradoras.
1º. Poderán obter a condición de entidades colaboradoras, nos termos previstos no artigo 9 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, as empresas privadas con personalidade xurídica propia, validamente constituídas e empresarios individuais. En ambos os casos, deben ter a condición de operadores de telecomunicacións, que oferten servizos da internet na Comunidade Autónoma de Galicia coas características técnicas especificadas no artigo 4 das bases reguladoras (Resolución do 29 de abril de 2013. DOG nº 89, do 10 de maio. Corrección de erros, DOG nº 95, do 21 de maio), e acreditar os seguintes requisitos:
1. Identificación da situación censual de alta da entidade colaboradora nunha epígrafe do imposto de actividades económicas relacionada co desenvolvemento do tipo de actividades recollidas nesta resolución.
2. Ser operador de telecomunicacións e estar dado de alta no rexistro público de operadores da Comisión do Mercado das Telecomunicacións (CMT).
3. Ofrecer servizos de conexión á internet de banda larga a través de satélite ao público en xeral.
4. Existencia de sede e/ou puntos de venda ao público na Comunidade Autónoma de Galicia, onde se poidan desenvolver as actividades recollidas neste réxime de axudas.
5. Dispoñibilidade e emprego de certificado electrónico de usuario así como de sinatura electrónica avanzada por parte do representante legal da entidade e por parte do interlocutor único que designe a entidade colaboradora.
2º. Non poderán obter a condición de entidades colaboradoras aquelas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. Esta circunstancia acreditarase mediante a oportuna declaración responsable contida no anexo II.

Presentación de solicitudes e documentación
a) Beneficiarios (procedemento MR704B).
1º. As subvencións xestionaranse a través de entidades colaboradoras, que terán como labor a promoción e contratación do servizo da internet actuando como canle entre os beneficiarios solicitantes e a Agader, de acordo co previsto na Resolución do 29 de abril de 2013 (DOG nº 89, do 10 de maio).
2º. Os beneficiarios terán completa liberdade para elixir o operador que prefiran de entre os que obtivesen o recoñecemento de entidade colaboradora, conforme o previsto na citada resolución.
3º. Para ser beneficiario o interesado deberá presentar a súa solicitude exclusivamente a través de calquera das entidades colaboradoras que sexan seleccionadas para este réxime de axudas, mediante solicitude presencial. Para tal efecto, os interesados cubrirán o formulario de solicitude que lles facilitará a entidade colaboradora.
A solicitude recolle a autorización expresa para comprobar a veracidade do seu documento nacional de identidade, salvo denegación expresa do interesado, nos termos previstos na Orde do 12 de xaneiro de 2012, pola que se regula a habilitación de procedementos administrativos e servizos na Administración xeral e no sector público autonómico de Galicia.
O formulario de solicitude incorpora as declaracións responsables dos solicitantes de non ter solicitado e/ou percibido axuda para o mesmo obxecto e, de ser o caso, das axudas de minimis solicitadas e/ou percibidas nos tres últimos exercicios fiscais.
4º. Unha vez que a entidade colaboradora dispón do formulario asinado polo interesado, tramitará a solicitude normalizada que figura como anexo I. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado accesible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de conformidade co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia. Coa presentación da solicitude a través da sede electrónica obterase un xustificante de entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.
A Agader poderá requirir en calquera momento ás entidades colaboradoras a remisión do formulario asinado polos solicitantes para os efectos de realizar as comprobacións que procedan.
5º. Ademais, as entidades colaboradoras efectuarán as declaracións responsables que figuran no anexo II facendo constar:
– Que na data da presentación da solicitude de axuda non se ten iniciado a execución da actuación subvencionable.
– Datos e características do servizo de conexión á internet que se pretende contratar, en concreto: velocidade nominal de conexión, límite de descarga mensual a partir do cal se reduce a velocidade da conexión e, de ser o caso, servizos adicionais que se prevé contratar.
b) Entidades colaboradoras (procedemento MR704A).
1º. As entidades colaboradoras seleccionadas ao abeiro da Resolución do 29 de abril de 2013 (DOG nº 89, do 10 de maio) e recollidas nas resolucións do 16 de xullo e do 13 de setembro de 2013 (DOG nº 140, do 24 de xullo, e DOG nº 185, do 27 de setembro) continúan tendo a cualidade de entidades colaboradoras, segundo o convenio subscrito con cada unha delas, polo que non necesitan presentar solicitude ningunha.
2º. Para as novas entidades que desexen obter a condición de entidade colaboradora, abrirase un prazo inicial de presentación de solicitudes dun mes natural a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.
3º. Sen prexuízo do anterior, unha vez finalizado o referido prazo dun mes e co fin de ofrecer a posibilidade de adherirse ao convenio a todas as entidades que se constitúan ou estean en condicións de cumprir os requisitos exixidos con posterioridade ao dito prazo inicial, admitiranse solicitudes de obtención da cualidade de entidade colaboradora en calquera momento dentro do período de vixencia da presente resolución.
4º. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado accesible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de conformidade co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.
5º. As solicitudes deberán conter a seguinte documentación:
1. Formulario normalizado de solicitude, declaracións responsables e autorizacións que figuran no anexo II, obtido e cuberto a través da aplicación informática que se habilitará, debidamente asinados polo/s representante/s legal/is da entidade colaboradora.
2. Documentación técnica adicional:
2.1. Certificado ou documentación acreditativa de inscrición no Rexistro de Operadores da Comisión do Mercado das Telecomunicacións.
2.2. Memoria na cal se indique:
– Descrición detallada das condicións económicas e as características dos servizos de acceso á internet vía satélite prestados polo solicitante á marxe das axudas reguladas nesta convocatoria, así como dos servizos que propón prestar ao abeiro da convocatoria e, de ser o caso, doutros servizos asociados á conexión vía satélite que poida prestar (servizos de telefonía, servizos de mantemento, servizos de valor engadido, etc.).
– Relación de medios humanos e materiais de que dispón para a colaboración na xestión das axudas.
– Descrición do procedemento para a recepción de solicitudes por parte dos interesados.
– Número de teléfono gratuíto de atención aos solicitantes.
– Enderezo da web que se empregará para facilitar información sobre as axudas aos interesados.
– Enderezo completo e datos de contacto dos seus puntos de venda ao público na Comunidade Autónoma de Galicia. No caso de que a actividade da entidade non comprenda todo o territorio galego, deberá indicar o ámbito xeográfico no cal prestará o servizo.
– Descrición detallada dos equipamentos de usuario que se propón empregar.
– Descrición detallada das características do satélite ou constelación de satélites que proporcionarán os servizos.
2.3. Plan de divulgación e comunicación, nos termos previstos no artigo 6 do anexo II da Resolución do 29 de abril de 2013 (DOG nº 89, do 10 de maio. Corrección de erros, DOG nº 95, do 21 de maio).
3. Documentación xurídico-administrativa:
3.1. Documentación acreditativa da constitución da empresa (escritura de constitución e estatutos inscritos no rexistro público que corresponda)
3.2. De ser o caso, documento/s público/s acreditativo/s do poder co que actúa o representante legal.
3.3. NIF da entidade colaboradora.
3.4. Modelo de contrato de prestación de servizos que subscribirá cos clientes.
A presentación da solicitude de obtención da calidade de entidade colaboradora implica a autorización da entidade colaboradora para que a Agader obteña directamente a documentación relacionada no punto 3.3 deste número 3, salvo denegación expresa da entidade, nos termos previstos na Orde do 12 de xaneiro de 2012 pola que se regula a habilitación de procedementos administrativos e servizos na Administración xeral e no sector público autonómico de Galicia.
4. De non ser a mesma persoa o representante legal e o interlocutor único da entidade colaboradora para os efectos de tramitación do expediente, terán que presentar o anexo III.

Prazo para presentar as solicitudes e a documentación xustificativa
a) As empresas colaboradoras seleccionadas ao abeiro da Resolución do 29 de abril de 2013 (DOG nº 89, do 10 de maio) e recollidas nas resolucións do 16 de xullo e do 13 de setembro de 2013 (DOG nº 140, do 24 de xullo, e DOG nº 185, do 27 de setembro) continúan tendo a calidade de entidades colaboradoras, segundo o convenio subscrito con cada unha delas, e o prazo de presentación de solicitudes a través delas comezará ao día seguinte da entrada en vigor da presente convocatoria.
b) O prazo inicial para que novas entidades presenten as solicitudes para a obtención da calidade de entidades colaboradoras é dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da presente resolución no DOG, sen prexuízo do disposto no artigo 7.b) das bases reguladoras recollidas no anexo II da Resolución do 29 de abril de 2013 (DOG nº 89, do 10 de maio).
O prazo para presentar as solicitudes de axuda a través destas novas entidades colaboradoras comezará o día seguinte ao da publicación no DOG da relación de entidades colaboradoras adheridas.
c) O prazo de presentación de solicitudes de axuda a través das entidades colaboradoras remata o 30 de agosto de 2014.
d) O prazo para que as entidades colaboradoras presenten a documentación xustificativa dos gastos subvencionados remata o 31 de outubro de 2014.
Máis información no seguinte DOG.

 

Oficina Municipal de Desenvolvemento Local

Praza do Concello, 1 1º

Tlnos. 988.41.00.00 988.41.00.01

Móbil 608.520122 609.152208

Fax. 988.41.19.00

Correo Electrónico: adl@verin.net


?>