Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Ofic. Virtual Desenvolvemento Local Axudas para a realización de actividades en linguas estranxeiras no ano 2014
Axudas para a realización de actividades en linguas estranxeiras no ano 2014 PDF Imprimir Correo-e
Xoves, 27 Marzo 2014 11:44

Desde Desenvolvemento Local do Concello de Verín infórmase da publicación da orde do 13 de marzo de 2014 pola que se convocan axudas para a realización de actividades de formación en linguas estranxeiras no ano 2014, destinadas ao alumnado dos centros docentes sostidos con fondos públicos, en réxime de concorrencia competitiva..


O obxecto desta orde é establecer as bases e convocar axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para realizar as actividades de formación lingüística durante o ano 2014, dirixidas á mellora das competencias en lingua inglesa do alumnado de distintos niveis dos centros docentes sostidos con fondos públicos en Galicia.

Actividades de formación convocadas
1. As actividades que responden ao obxecto desta orde, e cuxo contido se especifica en canto a número de prazas, destino e réxime de aloxamento no anexo IV, son actividades de formación para a mellora na competencia no uso da lingua inglesa.
2. O período de realización destas actividades comprenderá desde a última semana do mes de xuño ata finais do mes de agosto de 2014.
As datas concretas de realización das actividades daranse a coñecer coa publicación das listaxes definitivas do alumnado seleccionado.
3. A xestión e organización das actividades levarase a cabo por medio de empresas coa debida cualificación, contratadas para o efecto pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Ocuparanse de ofrecer os recursos materiais e humanos necesarios para o seu desenvolvemento, así como da contratación da oportuna póliza de seguros para a cobertura das persoas asistentes.
As familias achegarán as cantidades que lles correspondan á empresa adxudicataria encargada da organización técnica da actividade, segundo as contías establecidas no anexo IV desta orde.
4. O custo total de cada actividade inclúe:
• Os monitores ou monitoras que acompañarán o alumnado en cada un dos grupos durante a actividade.
• Os gastos de docencia e o material escolar.
• As actividades culturais, deportivas e complementarias dos cursos.
• Os gastos de mantenza e aloxamento.
• O certificado de realización da actividade.
• O seguro de accidentes e de responsabilidade civil.

Persoas beneficiarias e requisitos
1. Poderá solicitar a participación nas actividades convocadas e ser beneficiario destas axudas o alumnado que cumpra os seguintes requisitos:
a) Estar cursando 1º, 2º, 3º e 4º da educación secundaria obrigatoria; 1º ou 2º de bacharelato, en centros sostidos con fondos públicos que impartan ensinanzas de réxime xeral, durante o curso 2013/14, na Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Ter superadas todas as áreas ou materias no curso 2012/13.
c) Ter acadado no curso 2012/13 unha cualificación mínima de ben no 6º curso de educación primaria para o alumnado de 1º de educación secundaria obrigatoria, e de 6 para o de 2º, 3º e 4º de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato, na área ou materia de lingua inglesa.
d) Non ter concedida, no presente curso académico, outra axuda coa mesma finalidade.
e) Non estar incursos nas prohibicións para obter a condición de beneficiario, recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
f) Estar en posesión do DNI, NIE ou pasaporte. No caso do alumnado menor de 14 anos que non dispoña de DNI, farase constar, como DNI identificativo, o DNI do pai ou da nai.
2. As axudas poderán ser solicitadas polos pais, nais ou titores do alumnado menor de idade ou polo propio alumnado se é maior de 18 anos, con domicilio no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Solicitudes, presentación e prazo
1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.
A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente, utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. A achega de tales copias implica a autorización á Administración para que acceda e trate a información persoal contida nos correspondentes documentos. As mencionadas imaxes electrónicas carecerán de carácter de copia auténtica.
2. As persoas que desexen completar en liña o formulario electrónico que corresponda en función da actividade en que desexan participar, a través da aplicación dispoñible desde a páxina web http://www.edu.xunta.es/axudasle, unha vez cuberto este formulario, gravarán os datos na aplicación en liña, o que xerará un documento en formato Adobe Acrobat que a persoa interesada deberá imprimir, correspondente aos anexos I, II e III. A solicitude (anexo I), deberá asinala o solicitante (o pai, a nai ou a persoa que exerce a titoría, no caso de alumnado menor de idade, ou o alumno ou alumna maior de 18 anos). Posteriormente e antes do remate do prazo establecido neste artigo, deberá facerse o rexistro desta solicitude, xunto cos anexos II e III, debidamente asinados, así como a documentación complementaria necesaria, por calquera das formas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Se a solicitude se remite por correo, será necesaria a súa presentación en sobre aberto para que na oficina de Correos se faga constar o selo e a data antes de proceder á súa certificación postal.
3. Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.
4. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo cardinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Documentación
1. Coa solicitude achegarase a documentación que se relaciona a continuación:
a) Certificación de matrícula do curso 2013/14, así como das cualificacións de todas as áreas ou materias cursadas no ano académico 2012/13 e da nota media obtida. No caso dos centros concertados, as certificacións correspondentes á educación primaria e educación secundaria obrigatoria serán asinadas polo director ou directora do centro educativo co visto e prace da Inspección Educativa, e no caso das ensinanzas de bacharelato, a certificación asinaraa o secretario ou secretaria do centro público en que se atope o expediente académico e co visto e prace do director ou directora dese centro.
b) Fotocopia do DNI ou do NIE da nai, do pai ou do titor ou titora, só cando non se autorice a súa verificación (anexo II).
c) Autorización do pai, da nai ou do titor ou titora para coñecer os ingresos totais da unidade familiar, coa finalidade de poder solicitar datos de carácter tributario ou económicos que fosen legalmente pertinentes da Axencia Tributaria relativos ao nivel de renda (IRPF) ou certificación, expedida pola Axencia Tributaria, dos ingresos correspondentes ao ano 2012.
d) Autorización do pai, da nai ou do titor ou titora para solicitar as certificacións que deban emitir a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3, en relación co artigo 10.2.e) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia ou certificacións emitidas polas administracións correspondentes.
As autorizacións a que se refiren as letras c) e d) cubriranse segundo o anexo III. Estas autorizacións, no caso de alumnado menor de idade, deberán ser asinadas polo cónxuxe ou persoa de análoga relación coa persoa solicitante; a sinatura do anexo I comportará as ditas autorizacións.
No caso de alegar circunstancias familiares especiais, indicadas no anexo I, deberán acreditalas documentalmente.
No caso de divorcio ou separación legal dos pais, non se considerará membro computable aquel deles que non conviva co alumno ou alumna. Non obstante, se é o caso, terá a consideración de membro computable e sustentador principal o novo cónxuxe ou persoa unida por análoga relación, cuxas rendas e patrimonio se incluirán dentro do cómputo da renda e patrimonio familiar. Na medida en que a través deste sistema a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria poida dispoñer destas informacións, non se lles exixirá aos interesados a achega individual de certificacións expedidas polas administracións correspondentes.
e) Fotocopia do libro de familia en que figuren todos os membros da unidade familiar. No caso de non ter libro de familia terá que presentarse documento ou documentos que acrediten os membros da unidade familiar. No suposto de non convivencia de ambos os proxenitores, deberase acreditar que o solicitante convive cos fillos.
f) Certificado de familia numerosa, cando este sexa emitido por outra comunidade autónoma.
g) Certificado de discapacidade, cando este sexa emitido por outra comunidade autónoma.
2. A presentación da solicitude de axudas pola persoa interesada comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar a información necesaria á Axencia Tributaria, á Tesouraría Xeral da Seguridade Social e á consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia.
3. Non serán tidos en conta nin valorados os requisitos alegados e non xustificados documental e correctamente tal como se indica, nin os que se aleguen fóra do prazo establecido para esta convocatoria, nin os que conteñan emendas.
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria poderá requirir das persoas solicitantes en calquera momento aclaración da documentación presentada.
Para aquelas solicitudes que non acheguen os documentos anteriormente sinalados, requirirase o interesado ou interesada para que, nun prazo de dez días naturais, emende as faltas ou remita os documentos preceptivos. De non facelo, considerarase que desistiu da súa petición e arquivarase o expediente nos termos previstos na citada lei.

Máis información no seguinte DOG.

 

Oficina Municipal de Desenvolvemento Local

Praza do Concello, 1 1º

Tlnos. 988.41.00.00 988.41.00.01

Móbil 608.520122 609.152208

Fax. 988.41.19.00

Correo Electrónico: adl@verin.net


?>