Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Ofic. Virtual Desenvolvemento Local Axudas aos plans de reestruturación e reconversión de viña en Galicia
Axudas aos plans de reestruturación e reconversión de viña en Galicia PDF Imprimir Correo-e
Xoves, 10 Abril 2014 09:02

Desde Desenvolvemento Local do Concello de Verín infórmase da publicación da orde do 31 de marzo de 2014, da  Consellería do Medio Rural e do Mar, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas aos plans de reestruturación e reconversión de viña en Galicia e se convocan para o ano 2014.


Esta orde ten por obxecto regular as axudas aos plans de reestruturación e reconversión de viña en Galicia e realizar a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, para o ano 2014. Estas axudas aplicaranse ás superficies de viña da Comunidade Autónoma de Galicia destinadas á produción de uva para vinificación nas cales se realice algunha das seguintes actuacións:
a) Reconversión varietal.
b) Reimplantación de viñas.
c) Melloras das técnicas de xestión de viñas.

Definicións
Para os efectos da aplicación desta orde, entenderase por:
a) Titular da viña: a persoa ou agrupación de persoas, con independencia da forma xurídica da agrupación ou dos seus membros, que ten os dereitos de plantación ou replantación sobre o cultivo ben como consecuencia dun dereito de propiedade ben porque teña atribuído calquera outro dereito de disposición sobre o cultivo.
b) Propietario: persoa ou agrupación de persoas, con independencia da forma xurídica da agrupación ou dos seus membros, que ten o título de propiedade sobre a parcela en que se atopa a viña.
c) Viticultor ou cultivador: persoa ou agrupación de persoas, con independencia da forma xurídica da agrupación ou dos seus membros, que obtén o produto anual da viña ben por ser o propietario ben por ter atribuído un dereito de uso sobre a viña.
d) Parcela de viña: superficie continua de terreo en que un só viticultor cultiva a viña, formada por un conxunto de recintos cunha ou varias referencias alfanuméricas, representada graficamente no Sistema de información xeográfica de parcelas agrícolas (en diante Sixpac).
e) Parcela agrícola de viña: superficie continua de viña explotada por un mesmo viticultor e formada por unha ou varias parcelas catastrais.
f) Medida: conxunto de operacións tendentes a conseguir a reestruturación e/ou reconversión dunha superficie de viña determinada.
g) Arrinca: eliminación total das cepas que se atopen nunha superficie plantada de viña. Esta arrinca inclúe a eliminación tanto do portaenxerto como da parte aérea da planta.
h) Campaña vitícola: campaña de produción da viña (en diante campaña), que comeza o 1 de agosto de cada ano e remata o 31 de xullo do ano seguinte.
i) Agricultor mozo (AM): para estes efectos terase en consideración a definición dada na Lei 19/1995, de modernización das explotacións agrarias.
j) Agricultor a título principal (ATP): para estes efectos terase en consideración a definición dada na Lei 19/1995, de modernización das explotacións agrarias.
Requisitos dos solicitantes
Os solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:
a) Figurar inscritos no Rexistro Vitícola de Galicia, no momento da solicitude de axuda, con parcelas e/ou dereitos de replantación de viña. As parcelas que van xerar os dereitos de replantación e/ou os dereitos de plantación deberán estar inscritos no Rexistro Vitícola de Galicia antes da aprobación do expediente.
b) Cumprir os requisitos establecidos nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
c) Cumprir a normativa en materia de plantacións de viña, en particular o Decreto 256/2011, do 7 de decembro, polo que se regula o potencial de produción vitícola de Galicia.
d) As comunidades de bens ou sociedades civís deberán cumprir as exixencias previstas para estas agrupacións no artigo 8.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, polo que deberán facer constar expresamente, segundo o modelo do anexo XI desta orde, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como a porcentaxe da subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. Tamén deberán nomear un representante ou apoderado único con poder suficiente para cumprir as obrigas que como beneficiario correspondan á agrupación. Así mesmo, deberán acreditar a existencia dun pacto de indivisión da comunidade por un período mínimo de, polo menos, dez campañas contadas desde a campaña seguinte á de solicitude do pagamento final.

Plans de reestruturación e reconversión de viña
1. O réxime de axudas á reestruturación e á reconversión de viñas levarase a cabo a través de plans que agruparán os viticultores solicitantes das axudas, nos cales figurarán as operacións solicitadas por cada un deles para as súas explotacións.
2. Os plans poderán ser anuais ou plurianuais, cunha duración máxima de 5 anos, sen que en ningún caso se estendan alén do exercicio financeiro 2018.
3. Os plans de reestruturación e reconversión poderán ser de dous tipos:
a) Colectivos, constituídos por un mínimo de 5 viticultores.
b) Individuais.
4. Os plans colectivos executaranse no marco dun acordo concertado entre os todos os viticultores participantes. Este acordo incluirá a designación dun representante que se encargará das relacións coa Consellería do Medio Rural e do Mar.
5. Así mesmo, no acordo a que fai referencia o parágrafo anterior, recollerase o compromiso dos viticultores de disporen dun técnico agrario (con titulación de enxeñeiro agrónomo, enxeñeiro técnico agrícola ou grao en enxeñería agrícola e do medio rural) en cada provincia que conte con máis de 5 viticultores pertencentes ao plan, que desempeñará as funcións de xestor das actuacións de cada integrante do plan coa Administración. O representante do plan poderá exercer como técnico, sempre que reúna a titulación exixida.
Condicións dos plans de reestruturación e reconversión de viña
Para poder acceder a estas axudas cumpriranse as seguintes condicións:
1. A superficie total reestruturada e/ou reconvertida no marco dun plan será de, polo menos, 1 hectárea para os plans colectivos e 0,5 hectáreas para os plans individuais.
2. A parcela agrícola de viña, unha vez reestruturada ou reconvertida, terá que ser de, polo menos, 100 m2. Malia o anterior, nos casos en que a medida se limite a operacións de reenxertía e/ou cambio de sistema de condución, a superficie mínima será aquela con que a parcela figura no rexistro vitícola.
3. A superficie máxima elixible será de 15 hectáreas por viticultor e ano de convocatoria.
4. Unha vez finalizada a medida, a/s variedade/s da parcela incluídas total ou parcialmente no plan deberán ser das clasificadas como recomendadas para a Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co Decreto 256/2011, do 7 de decembro, polo que se regula o potencial de produción vitícola de Galicia (DOG nº 60, do 27 de marzo de 2012).
5. Deberanse empregar en todos os casos portaenxertos certificados.
6. A densidade máxima de plantación admitida será de 7.000 plantas/ha. Ademais, no ámbito das denominacións de orixe ou indicacións xeográficas Viño da Terra deberán respectarse os límites de densidade de plantación establecidos polas súas normativas reguladoras.

Operacións de reestruturación e/ou reconversión elixibles e non elixibles
1. Poderanse conceder axudas para:
a) Participar nos custos da reestruturación e/ou reconversión da viña.
b) Compensar os viticultores participantes no plan pola perda de ingresos derivados da súa aplicación.
2. Non poderán acollerse a este réxime de axudas:
a) A renovación normal das viñas que chegasen ao final do seu ciclo natural, entendida como a replantación dunha mesma parcela de terra coa mesma variedade e segundo o mesmo método de cultivo.
b) As superficies que xa se beneficiasen destas axudas nos últimos dez anos, salvo para o cambio de sistema de condución. O período contabilizarase a partir da data da solicitude de pagamento da axuda para esa superficie.
c) O disposto na alínea anterior non será de aplicación naquelas superficies de viña que fosen destruídas por un incendio forestal ou calquera outra catástrofe natural recoñecida polas autoridades competentes, ou debido a problemas fitosanitarios certificados por un organismo acreditado.
d) A arrinca e a plantación de viñas plantadas ao abeiro dunha concesión de novas plantacións, outorgada segundo o artigo 2 do Real decreto 1472/2000, do 4 de agosto, ata transcorridos dez anos da dita plantación.
e) As operacións de xestión diaria dunha viña.
f) As operacións realizadas con material de segunda man.
3. Non se financiarán operacións de forma illada, exceptuando a sobreenxerta e/ou o cambio de sistema de condución.
4. Non se financiarán os custos da arrinca naquelas superficies en que se utilicen dereitos de replantación non xerados na aplicación do plan de reestruturación se efectuase a arrinca con anterioridade á solicitude do plan.
5. Unicamente será elixible a desinfección do terreo cando o produto empregado estea autorizado no Rexistro de Produtos e Materiais Fitosanitarios. A persoa ou empresa que efectúe o tratamento deberá ter a cualificación adecuada e, no caso de que sexa unha empresa quen o realice, figurará inscrita nalgún rexistro oficial de establecementos e servizos praguicidas (ROESP). A necesidade de realizar unha desinfección do terreo xustificarase achegando unha análise microbiolóxica de solo realizada por un laboratorio recoñecido. Será obrigatorio comunicar por escrito á oficina agraria comarcal que lle corresponda, con polo menos dez días de anticipación, a data e hora en que se realizará esta operación, así como o produto que se vai empregar e a persoa ou empresa que levará a cabo a aplicación, presentando a copia do contrato neste último caso. No caso de non ser comunicada no prazo establecido, non se procederá ao pagamento desta operación aínda que se levase a cabo.
6. Serán elixibles as operacións de socalcamento cando a pendente media da parcela sexa igual ou superior ao 10% e a mura, no caso de non deixar o talude de terra, se constrúa a base de materiais propios da zona.
Para establecer o investimento elixible desta operación, que non poderá superar o módulo establecido no anexo VII, será necesaria a presentación dunha memoria ou dun proxecto, elaborados por un técnico agrario (con titulación de enxeñeiro agrónomo, enxeñeiro técnico agrícola ou grao en enxeñaría agrícola e do medio rural), de acordo co que se establece na alínea o) do número 1 do artigo 8 desta orde.
7. Non se aprobarán aquelas solicitudes que na data da inspección inicial a que fai referencia o número seguinte xa tivesen realizado nalgunha das parcelas a operación de plantación sen autorización da autoridade competente. Tampouco se subvencionarán aquelas operacións que na data da inspección inicial estean executadas ou dese comezo a súa execución.
8. A Consellería do Medio Rural e do Mar efectuará, con anterioridade á concesión das axudas, unha inspección inicial sobre o terreo dos datos incluídos na solicitude e determinará, en función das características da parcela, a necesidade das operacións de retirada de pedras, cambio de sistema de condución, socalcamento e/ou a de nivelación do terreo se estas accións están incluídas no expediente.
Así mesmo, na inspección inicial medirase, seguindo o método establecido no artigo 16 desta orde, a superficie vitícola financiable para a operación de arrinca e para a compensación por perda de renda cando a operación de arrinca estea incluída na solicitude.

Contía das axudas
1. As operacións de reestruturación e reconversión elixibles e os custos unitarios máximos que se aplicarán ás ditas operacións recóllense no anexo VII desta orde.
2. A porcentaxe máxima de axuda sobre o importe dos investimentos finalmente aprobados será a prevista no número 6 do artigo 103 octodecies do Regulamento (CE) nº1234/2007 do Consello, do 22 de outubro, para os plans colectivos, e dun 15% inferior, para os plans individuais.
3. O montante percibido en ningún caso poderá ser superior ao que resulte das aplicación destas porcentaxes sobre o gasto efectivamente realizado e acreditado mediante factura e xustificante de pagamento para todas aquelas operacións que non fosen executadas polo propio agricultor.
4. A compensación financeira aos viticultores pola perda de renda prevista na alínea b) do número 1 do artigo 6 concederase durante dúas campañas. O seu importe será, como máximo, o 25% do valor medio da uva nas tres últimas campañas na provincia en que se sitúen as parcelas obxecto de reestruturación. Non terán dereito á compensación por perda de ingresos aquelas superficies reestruturadas coa achega dun dereito de replantación non xerado da aplicación do plan de reestruturación, nin cando procedan dunha arrinca efectuada con anterioridade á solicitude do plan.
Cando as operacións que se leven a cabo sobre unha parcela de viña sexan a reconversión varietal e/ou ou o cambio de sistema de condución, concederase a compensación por perda de ingresos para esa superficie por unha soa campaña.
5. Para determinar o importe de axuda a que ten dereito un viticultor pola arrinca e a compensación da perda de renda, a medición da parcela arrincada efectuarase seguindo o método establecido no artigo 16 desta orde.
6. Para ter dereito ao cobramento da axuda, o viticultor deberá executar a reestruturación e/ou reconversión en, polo menos, o 80% da superficie para a cal se lle concedeu a subvención.

Documentación necesaria
1. Para solicitar a axuda presentarase a seguinte documentación:
a) Anexo I (procedemento MR446A) cos datos xerais do plan, que asinará o representante do plan.
b) Para os plans colectivos, copia do DNI do representante, só no caso de non autorizar a Consellería do Medio Rural e do Mar para a consulta de datos do DNI no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas (en diante SVDI).
c) Anexos II e III (só para os plans colectivos).
d) Copia do DNI dos técnicos dos plans, só no caso de non autorizar a Consellería do Medio Rural e do Mar para a consulta de datos do DNI no SVDI, e da súa titulación segundo o establecido no artigo 4º.5 desta orde.
e) Anexo IV de solicitude da axuda asinada por cada viticultor.
f) Anexo V, sobre a localización e características das parcelas e a procedencia dos dereitos de plantación ou replantación incluídos na solicitude, que asinará o viticultor solicitante da axuda.
g) Anexo VI, sobre o investimento previsto en cada parcela, que asinará o viticultor solicitante da axuda.
h) Anexo X, relación das referencias alfanuméricas Sixpac de todas as parcelas agrícolas que forman parte da súa explotación, sempre que o viticultor non presentase a solicitude única de axudas establecida no Real decreto 202/2012, do 23 de xaneiro, sobre aplicación a partir de 2012 dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría.
i) Cartografía actualizada e identificación dos recintos Sixpac incluídos na solicitude, tanto dos iniciais, se se incorpora ao plan coa viña sobre o terreo, como dos finais onde vai situarse a parcela reestruturada, cando esta non coincida coa inicial ou cando achega ao plan dereitos de plantación e/ou replantación de viña. No caso de zonas de concentración parcelaria en que non estivese actualizado o Sixpac, a identificación das parcelas que se vaian reestruturar ou reconverter farase de acordo coa cartografía que serviu de base para a súa adxudicación.
No caso de que as referencias das parcelas inicias non coincidan coas do Sixpac, presentarase unha declaración responsable das equivalencias.
j) Plano cotado indicativo da superficie para reestruturar ou reconverter cando esta non coincida cun recinto completo do Sixpac.
k) Se o viticultor achega dereitos de plantación ou replantación, acreditación administrativa destes:
i. Copia do impreso de arrinca dilixenciado pola Comunidade Autónoma ou copia da notificación da resolución de recoñecemento dos dereitos de replantación procedentes dunha arrinca, de ser o caso.
ii. Copia da notificación ou da resolución de autorización da transferencia, cando os dereitos procedan de fóra da explotación ou,
iii. Copia da notificación ou da resolución de concesión, no caso de dereitos de nova plantación ou procedentes da reserva.
l) Cando o sistema de condución previsto para a parcela reestruturada sexa parra ou similar, o solicitante deberá achegar unha descrición do dito sistema e un orzamento detallado do investimento, desagregando materiais e man de obra.
m) Análise microbiolóxica do solo realizada por un laboratorio recoñecido se o viticultor solicita a desinfección do terreo.
n) Copia da comunicación á Administración forestal ou copia da solicitude de autorización de cambio de actividade forestal a agrícola.
o) Se algunha medida inclúe o socalcamento, presentarase unha memoria xustificativa que inclúa:
i. Localización e pendente media da parcela.
ii. Características construtivas: unidades de obra e materiais en que se realizará a mura, planos cos perfís lonxitudinais e curvas de nivel, planos de planta e perfil das muras previstas e número de socalcos.
iii. Orzamento detallado dos traballos que se desenvolverán, desagregando materiais e man de obra.
p) Acreditación da condición de agricultor a título principal, de ser o caso, que constará de copia do informe de vida laboral e da declaración do IRPF do último exercicio cuxo prazo para a presentación en período voluntario teña rematado (no caso de haber rendementos do traballo, achegarase certificado de retencións). Así mesmo, todos aqueles interesados que xa presentasen a súa declaración da renda no período voluntario que estea aberto no momento da publicación desta orde poderán presentar esta última declaración ou ben as declaracións de tres dos últimos cinco anos, sempre que inclúa a do último exercicio.
q) Acreditación da condición de agricultor mozo, de ser o caso, que constará dos informes de vida laboral e da Axencia Estatal da Administración Tributaria nos cales figure de alta na actividade agraria. Ademais disto, os agricultores mozos deberán ter unha capacitación profesional suficiente, de acordo co establecido no Decreto 200/2012, polo que se regula o Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (DOG nº 196, 15 de outubro).
r) Para aquelas solicitudes cuxo peticionario sexa unha comunidade de bens ou unha sociedade civil, pacto de indivisión de, polo menos, dez campañas, contadas desde a campaña seguinte á de solicitude do pagamento final.
s) Documentación xustificativa da propiedade da parcela que se vai a reestruturar e/ou reconverter, sempre que este dato non sexa coincidente co que figura no rexistro vitícola de Galicia (documento público ou privado liquidado de impostos ou, de non dispor del, unha certificación descritiva e gráfica emitida pola Xerencia Territorial do Catastro).
2. Á parte da documentación anterior, para cada un dos viticultores participantes incluirase:
a) Copia do NIF definitivo das persoas xurídicas solicitantes das axudas e copia do DNI das persoas físicas. As copias do DNI deberanse achegar só no caso de non autorizar á Consellería do Medio Rural e do Mar para a consulta de datos do DNI no SVDI.
b) Para as persoas xurídicas, escritura ou documento de constitución ou modificación onde consten os estatutos vixentes e copia do DNI do representante da entidade só no caso de non autorizar a Consellería do Medio Rural e do Mar para a consulta de datos do DNI no SVDI, xunto coa acreditación da súa representatividade.
c) No caso de comunidades de bens, copia da escritura ou documento de constitución ou modificación onde consten os estatutos vixentes, máis as copias dos DNI en vigor dos comuneiros, só no caso de non autorizar a Consellería do Medio Rural e do Mar para a consulta de datos do DNI no SVDI.
d) Se o solicitante non é o propietario da superficie nin o titular da viña que se quere reestruturar ou reconverter:
i) Autorización do propietario ou do titular para reestruturar ou reconverter.
ii) Copia do DNI do propietario ou do titular só no caso de non autorizar a Consellería do Medio Rural e do Mar para a consulta de datos do DNI no SVDI.
e) Calquera outra documentación cando así se considere necesario.
3. A documentación complementaria relacionada nas alíneas anteriores poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.
4. Cando o titular ou o propietario da viña dean a súa autorización expresa á Consellería do Medio Rural e do Mar para a consulta dos datos da súa identidade no SVDI, empregarase o modelo do anexo VIII.

Presentación de solicitudes
1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es) de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o DNI electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.
Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.
2. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente do formulario principal, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.
3. No caso de que algún dos documentos que vai presentar a persoa solicitante de forma electrónica supere os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presente, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.
4. Na sede electrónica atópanse publicados os formatos admitidos para a presentación de documentación. Se o solicitante desexa presentar calquera documentación en formatos non admitidos, poderá realizalo de forma presencial a través de calquera dos rexistros habilitados. A persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

Máis información no seguinte DOG.


 

Oficina Municipal de Desenvolvemento Local

Praza do Concello, 1 1º

Tlnos. 988.41.00.00 988.41.00.01

Móbil 608.520122 609.152208

Fax. 988.41.19.00

Correo Electrónico: adl@verin.net


?>