Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Ofic. Virtual Desenvolvemento Local Programa de axudas para a particiapción no programa Conecta con Galicia
Programa de axudas para a particiapción no programa Conecta con Galicia PDF Imprimir Correo-e
Xoves, 10 Abril 2014 09:17

Desde Desenvolvemento Local do Concello de Verín infórmase da publicación da resolución do 3 de abril de 2014, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regula e convoca para o ano 2014 o programa de axudas para a participación no programa Conecta con Galicia, dirixido a mozos e mozas de orixe galega ou descendentes de galegos/as e que residan no exterior.


Esta resolución ten por obxecto regular e convocar as axudas correspondentes ao programa Conecta con Galicia para o ano 2014, que ten por finalidade facilitar á mocidade da Galicia exterior o contacto coa realidade galega e o encontro cos seus familiares.

Modalidades, número de prazas convocadas e características
O programa Conecta con Galicia desenvolverase nas seguintes modalidades:
1. Actividades de aire libre: convócanse 170 prazas, para mozos e mozas residentes fóra de Galicia, con idades comprendidas entre os 14 e os 20 anos, en dúas quendas de 12 días de duración cada unha, durante o mes de xullo, en residencias e albergues xuvenís situados en Galicia dependentes da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Consellería de Traballo e Benestar, xunto con mozos e mozas residentes en Galicia, para a realización das seguintes actividades:
a) Cultura e camiño. Os participantes aloxaranse seis días, preferentemente, nas residencias xuvenís LUG II en Lugo e Florentino López Cuevillas en Ourense, participarán en actividades para coñecer o patrimonio histórico cultural das respectivas zonas e percorrerán o Camiño de Santiago en diferentes etapas ata chegar a Compostela.
b) O mar de Galicia. Os seis días restantes aloxaranse en zona de costa, preferentemente, no albergue xuvenil Gandarío en Bergondo (A Coruña), onde realizarán actividades de náutica, de recreo e de coñecemento do medio mariño.
A distribución do número de prazas para cada país de orixe, idades e quendas detállase no anexo I da presente resolución.
2. Campos de traballo: convócanse 20 prazas para mozos e mozas con idades comprendidas entre os 20 e os 30 anos. As instalacións e datas concretas adaptaranse ao disposto na convocatoria do programa de campos de traballo da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado que se publicará no Diario Oficial de Galicia. Trátase de actividades de colaboración desinteresada e voluntaria en traballos diversos na procura dun maior coñecemento da nosa cultura, da mellora ambiental do noso contorno e da recuperación do patrimonio cultural e arquitectónico. Ademais do traballo, ofrécese un programa con actividades de convivencia, de formación, de lecer e tempo libre. A distribución do número de prazas para cada país de orixe, detállase no anexo II da presente resolución.
3. A Consellería de Traballo e Benestar colaborará na execución deste programa poñendo á disposición das persoas beneficiarias do programa os servizos de aloxamento e manutención nos albergues xuvenís e residencias asignadas, así como os medios de desprazamento das persoas beneficiarias das actividades de aire libre desde os aeroportos de chegada a Galicia ata a instalación que lles sexa asignada.
4. A Secretaría Xeral da Emigración farase cargo da organización da viaxe e dos traslados aéreos dos participantes mediante o financiamento do custo dos billetes de ida e volta en avión, segundo os números de prazas que figuran no anexo I e II desta resolución, agás para as persoas participantes procedentes do resto de comunidades autónomas do Estado español. Estas viaxes serán, en todo caso, con destino e orixe a un aeroporto de Galicia. Así mesmo, encargarase dos desprazamentos terrestres en Galicia de todas as persoas participantes que realicen un retorno inmediato desde a instalación en que rematen a actividade ata o aeroporto de saída e, no caso das persoas beneficiarias dos campos de traballo, dos traslados desde o aeroporto de chegada ata a residencia ou albergue xuvenil.
5. Os grupos procedentes de países con 15 ou máis participantes por quenda, poderán viaxar, coa conformidade dos pais ou titores dos menores, con acompañantes que serán propostos pola Delegación da Xunta de Galicia en Bos Aires (Arxentina), no caso de Arxentina, pola Delegación da Xunta de Galicia en Montevideo (Uruguai), no caso de Uruguai e polas respectivas entidades colaboradoras previstas no artigo 5.1 desta resolución, nos demais países.
6. Con carácter previo á realización da viaxe a Galicia, os mozos e mozas seleccionados asistirán ás sesións informativas que se realicen nos seus países de orixe, especificamente encamiñadas ao coñecemento da realidade galega en xeral e das actividades que se van desenvolver no programa en particular. Tamén serán informados das súas obrigas respecto do cumprimento do réxime interno das residencias ou albergues en que serán aloxados.

Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarios deste programa os mozos e mozas que cumpran os seguintes requisitos:
a) Ter residencia habitual fóra de Galicia.
b) Ter nacido en Galicia ou ser descendente de galego/a ata o segundo grao de consanguinidade.
c) Ter nacionalidade española.
d) Estar vinculado con calquera concello galego no censo electoral de residentes ausentes, para aquelas persoas solicitantes que teñan 18 ou máis anos na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes. Este requisito non será exixible aos participantes procedentes do resto de España.
e) As persoas participantes en actividades de aire libre deberán ter, o 30 de xuño de 2014, unha idade comprendida entre os 14 e os 20 anos.
f) As persoas participantes nos campos de traballo deberán ter, o 30 de xuño de 2014, unha idade comprendida entre os 20 e os 30 anos.
g) Non ter participado na mesma modalidade en edicións anteriores deste programa.
h) Para as prazas financiadas ao 100 % da axuda da viaxe, as persoas solicitantes non poderán contar con ingresos superiores a dúas veces o salario mínimo interprofesional ou equivalente de referencia no país de residencia para o ano 2014. Para as persoas solicitantes residentes en Cuba, os ingresos non poderán ser superiores á prestación económica por ancianidade establecida polo Estado español para o ano 2014.
Malia o disposto no parágrafo anterior, se a persoa solicitante carece de rendas ou ingresos suficientes segundo o previsto nel, pero convive con outra ou outras persoas nunha mesma unidade económica familiar, a contía anterior virá determinada pola suma do límite máximo de ingresos persoais máis o resultado de multiplicar o 70 % da devandita cifra polo número das persoas que convivan menos unha.
Para o resto das prazas, non se establecerá límite de ingresos.
2. Terán a consideración de rendas ou ingresos computables todo tipo de rendas, mesmo as axudas públicas ou privadas, os bens ou dereitos dos que dispoña anualmente a persoa beneficiaria ou a unidade económica familiar, derivadas tanto do traballo como do capital, así como calquera outro substitutivo daqueles.
3. A unidade económica familiar estará integrada pola persoa solicitante, os pais e parentes por consanguinidade, afinidade ou adopción ata o segundo grao que convivan con ela, así como, se é o caso, o cónxuxe, parella de feito ou relación análoga de afectividade.

Solicitudes e documentación
1. As persoas solicitantes deberán presentar unha solicitude, conforme o modelo normalizado que figura como anexo III desta resolución, optando unicamente por unha das modalidades (actividades de aire libre ou campos de traballo), e na cal deberá figurar a preferencia para o regreso en función da quincena na que vai participar, acompañada da seguinte documentación:
a) Documentación acreditativa da identidade e nacionalidade:
DNI da persoa solicitante que posúa a nacionalidade española, no caso de non prestar o seu consentimento expreso para que a Secretaría Xeral da Emigración comprobe, por medio de acceso electrónico, a verificación dos seus datos de identidade, segundo o modelo que consta na propia solicitude. Para o resto, pasaporte en vigor ou outro documento acreditativo da identidade e nacionalidade do/a solicitante ou certificación consular do solicitante, para acreditar a nacionalidade española e a inscrición no Rexistro de Matrícula como residente.
b) Documentación acreditativa do nacemento en Galicia ou da ascendencia galega ata o segundo grao de consanguinidade que inclúa documentación acreditativa do parentesco, cando proceda.
c) Unha fotografía recente tamaño carné.
d) Documentación acreditativa de estar vinculado con calquera concello galego no censo electoral de residentes ausentes, para as persoas solicitantes que teñan 18 ou máis anos e non residan en España.
e) Para as persoas participantes procedentes do resto de España, certificado de residencia, no caso de non prestar o seu consentimento expreso para que a Secretaría Xeral da Emigración comprobe, por medio de acceso electrónico, a verificación dos seus datos de residencia, segundo o modelo que consta na propia solicitude.
f) Certificado médico conforme o modelo oficial que figura como anexo V, de non padecer enfermidade infectocontaxiosa e de ser apto para participar, con normalidade, en actividades recreativas e deportivas.
g) Para as persoas participantes que opten por prazas financiadas ao 100 % pola Administración, certificación ou xustificante acreditativo dos ingresos brutos, rendas ou pensións de calquera natureza que perciban as persoas interesadas e os membros da unidade económica familiar. No caso de imposibilidade xustificada de presentar esta documentación, poderá constituír documentación suficiente unha declaración responsable.
Aqueles membros que convivan co solicitante e non teñan ingresos económicos deberán xustificalo (certificación negativa do ANSES para os maiores de 18 anos que sexan residentes en Arxentina) ou, se non é posible, deberán entregar unha declaración xurada de que non perciben ingresos de ningún tipo.
h) Autorización para viaxar só e para a súa asistencia á actividade solicitada, asinada polos pais ou titores legais, para as persoas solicitantes menores de idade, conforme o modelo que figura como anexo IV.
i) Unha autorización asinada polos pais ou titores legais para as persoas solicitantes menores de idade que desexen quedar coa súa familia en Galicia ao rematar a actividade, indicando os datos dos familiares responsables que se farán cargo deles, conforme o modelo que figura como anexo IV.
As persoas solicitantes que foron admitidas a sorteo no último ano da convocatoria de campamentos, actividades de aire libre ou campos de traballo non terán que presentar a documentación das alíneas a), b) e d).
Lugar de presentación de solicitudes
1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado que figura como anexo I desta resolución, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.
A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente, utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Nesta caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante, carecendo do carácter de copia auténtica. A Administración, en calquera momento da tramitación do procedemento, poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e do artigo 22.3 do citado Decreto 198/2010. A presentación de tales copias implica a autorización á Administración para que acceda e trate a información persoal contida nos correspondentes documentos.
Os/as interesados/as que non posúan certificado e así o desexen poderán dirixirse ás entidades colaboradoras que se indican a continuación, nas cales existen persoas habilitadas para o efecto, para a presentación electrónica das súas solicitudes:
* En Brasil:
– Peña Galega da Casa de España de Río de Janeiro.
– Real Sociedade Española de Beneficencia de Salvador-Baía.
– Sociedade Hispano Brasileira de Socorros Mutuos e Instrución de São Paulo.
– Sociedade de Socorros Mutuos e Beneficencia Rosalía de Castro en Santos.
* En Cuba:
– Federación de Sociedades Galegas en La Habana.
* En Venezuela:
– Irmandade Galega de Venezuela en Caracas.

A utilización desta vía requirirá unha autorización que o/a interesado/a lle outorga á persoa responsable da entidade colaboradora para que remita a súa solicitude vía electrónica. Esa autorización farase constar no modelo de solicitude.
As entidades galegas remitiranlle todas as solicitudes recibidas, xunto co resto da documentación, á Secretaría Xeral da Emigración nos catro días seguintes á data de remate do prazo de presentación de solicitudes. Este prazo só será ampliado logo de autorización da Secretaría Xeral da Emigración.
2. Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedementos administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Poderanse presentar nas delegacións da Xunta de Galicia en Bos Aires e Montevideo, nas oficinas consulares, así como nos consulados ou seccións consulares das embaixadas correspondentes ao domicilio ou residencia do solicitante.
En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria. Deberá remitirse á Secretaría Xeral da Emigración, sita na rúa Os Basquiños, 2, 15704 Santiago de Compostela.
Os modelos normalizados de solicitude poderán obterse nas páxinas web:
https://sede.xunta.es e http://emigracion.xunta.es

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia (09 de maio de 2013).
Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
Máis información no seguinte DOG.

 

Oficina Municipal de Desenvolvemento Local

Praza do Concello, 1 1º

Tlnos. 988.41.00.00 988.41.00.01

Móbil 608.520122 609.152208

Fax. 988.41.19.00

Correo Electrónico: adl@verin.net


?>