Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Ofic. Virtual Desenvolvemento Local Programa Iniciativa Xove
Programa Iniciativa Xove PDF Imprimir Correo-e
Mércores, 16 Abril 2014 07:52

Desde Desenvolvemento Local do Concello de Verín infórmase da publicación da orde do 7 de abril de 2014, Consellería de Traballo e Benestar, pola que se establecen as bases que rexen as axudas enmarcadas no programa Iniciativa Xove e se procede á súa convocatoria.


Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras que deberán rexer os procedementos de concesión de axudas enmarcadas no programa Iniciativa Xove para a posta en marcha de iniciativas xuvenís, entendidas estas como proxectos liderados pola mocidade da Comunidade Autónoma de Galicia, que se desenvolvan durante o ano 2014, e nos cales as persoas novas sexan as verdadeiras protagonistas, que participarán activamente na planificación e na realización das actividades deseñadas por elas mesmas, e convocar estas axudas.
Para os efectos desta orde, considéranse áreas de atención prioritarias que se desenvolverán mediante as iniciativas xuvenís as seguintes:
a) Iniciativa Xove Emprendedora: proxectos que lle permitan á mocidade concretar as súas ideas no ámbito do emprendemento e da empregabilidade.
b) Proxectos de fomento de actitudes creativas, innovadoras, participativas e de liderado da xuventude na súa comunidade e no seu contorno, así como de fomento da accesibilidade de mozos e mozas con discapacidade a actividades culturais e de lecer.
c) Proxectos que permitan a participación en experiencias de educación non formal en distintos campos.
d) Proxectos relacionados coa creación de espazos para a comunicación e coas novas tecnoloxías.
e) Proxectos que fomenten a participación e a dinamización das mulleres novas galegas para que colaboren activamente na toma de decisións, na xestión e na execución desde o asociacionismo ou desde os grupos informais.
A finalidade das subvencións é fomentar e consolidar a participación libre e eficaz da mocidade no desenvolvemento político, social, económico e cultural, así como promover a adecuada utilización do lecer, a calidade de vida e o benestar dos mozos e mozas da nosa comunidade autónoma, a través de proxectos integrais e específicos de actuación.

Persoas destinatarias
Poderán solicitar a axuda, ao abeiro destas bases reguladoras:
a) Os grupos informais de mozos e mozas que desexen realizar unha iniciativa xuvenil e que reúnan os requisitos establecidos no artigo 4 desta orde.
b) As asociacións xuvenís e as entidades que lle presten servizos á mocidade que carezan de interese de lucro, e as súas respectivas federacións, sempre que, no caso destas últimas, o proxecto que presenten non sexa o mesmo que o de cada unha das asociacións/entidades que as conforman.
Requisitos
Para ser beneficiarias da axuda a que se refire esta orde, as persoas solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos no momento da presentación da solicitude:
1. As asociacións xuvenís e as entidades que lles presten servizos á xuventude e as súas respectivas federacións deberán estar inscritas no censo oficial dependente organicamente da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, regulado no Decreto 50/2000, do 20 de xaneiro, polo que se refunde e actualiza a normativa vixente en materia de mocidade, modificado polo Decreto 58/2012, do 12 de xaneiro, e cumprir a legalidade vixente no referente ás idades nas asociacións xuvenís (Real decreto 397/1988).
2. Os grupos informais deberán estar formados por un mínimo de 5 e un máximo de 8 mozas ou mozos con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos, debidamente identificados, e unha destas persoas asumirá o papel de representante único/a do grupo e con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiario/a, lle corresponden ao grupo. Será obrigatorio que o grupo teña unha denominación que o identifique.
Ademais, no caso de grupos informais, as persoas que os compoñan deberán de estar empadroados nalgún dos municipios pertencentes á Comunidade Autónoma de Galicia.
3. O incumprimento por parte de calquera dos membros do grupo do requisito da idade ou do empadroamento suporá a non admisión a trámite da solicitude.
4. Non se admitirá que a mesma persoa forme parte ou que pertenza a outro grupo ou asociación solicitante destas axudas.
5. En ambos os casos, é requisito para ser beneficiario/a destas axudas non estar incurso/a en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
6. Será requisito imprescindible para poder solicitar a axuda ter xustificadas debidamente as axudas recibidas no último ano. No caso dos grupos informais, non poderá obter subvención o proxecto presentado por un grupo do que formen parte mozas ou mozos que o ano anterior participasen nun proxecto subvencionado e non xustificado, aínda que o promotor deste fose un grupo distinto. De todos os xeitos, para a disolución dos grupos deberase ter en conta o disposto no artigo 17.k) desta orde en relación co artigo 8.3 da Lei 9/2007, consonte os artigos 35 e 63 da mesma norma.

Proxectos subvencionables
Os proxectos para os cales se solicite a axuda deberán responder aos seguintes criterios:
1. Os proxectos de iniciativas xuvenís deberán estar enmarcados preferentemente dentro das áreas prioritarias que se recollen no artigo 1 desta orde e subvencionaranse actividades realizadas dende o 1 de xaneiro de 2014 ata o 14 de outubro de 2014.
2. Só se poderá presentar un proxecto por solicitante e o seu orzamento total non poderá ser superior a 4.000 €.
3. Quedan excluídos, para os efectos de axuda, os proxectos docentes e deportivos previstos nos plans regulados de ensino e deporte escolar e federativo, a adquisición de equipamento e material inventariable, así como os gastos ordinarios de funcionamento que non estean asociados co proxecto subvencionado e recollidos no orzamento de gastos que se reflicte no anexo III. En todo caso, este tipo de gastos ordinarios de funcionamento non poderán superar nunca o cinco por cento do orzamento total do proxecto, ou da contía finalmente xustificada, de ser esta inferior a aquel.
4. No caso daqueles proxectos que para o seu desenvolvemento indiquen que precisan formación, acreditarase suficientemente que as persoas docentes son competentes para impartir a dita formación, para o que se xuntará o seu currículo e mais a documentación acreditativa correspondente. Especificaranse os contidos e xuntarase o programa de formación que se vai impartir. A formación será sempre de carácter gratuíto para as persoas destinatarias dela. No caso de se produciren variacións nas persoas que vaian impartir a formación, deberáselle comunicar á Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, con anterioridade ao inicio desta, para o cal se enviará a nova documentación acreditativa. As novas persoas que vaian impartir a formación deberán ter o nivel de capacitación axustado á citada finalidade.
5. Calquera das actividades desenvolvidas serán de carácter gratuíto para as persoas beneficiarias do proxecto e non poderán xerarse ingresos por pagamento de cotas, entradas, etc.
6. Non poderán ser subvencionados os gastos correspondentes ás retribucións do persoal que teña unha relación laboral dependente das persoas ou entidades beneficiarias, nin honorarios profesionais ou remuneracións de calquera clase das persoas ou entidades impulsoras do proxecto.
7. Os gastos de manutención (comidas, consumicións, servizo de restauración, compra de produtos alimenticios, etc.) non poderán superar o dez por cento do orzamento total do proxecto ou da contía finalmente xustificada, de ser esta inferior a aquel.
8. Non serán subvencionables os proxectos que consistan unicamente na celebración de concertos ou festas, salvo que estas actividades teñan unha entidade menor e se inclúan dentro dun programa de actividades máis amplo e, en todo o caso, xustificarase a súa necesidade e oportunidade dentro do desenvolvemento do proxecto.
9. Deberase ter en conta, á hora da redacción do proxecto e de cara á súa posterior xustificación, ademais, o disposto no artigo 15 desta orde.
10. A persoa beneficiaria deberá realizar por si mesma a actividade subvencionada, polo que a subcontratación só estará permitida nos termos definidos e cos límites previstos neste punto e nos artigos 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e 43 do seu regulamento. Neste sentido, e sempre respectando o establecido nas ditas disposicións, poderase subcontratar a execución da actividade ata unha porcentaxe que non exceda o cincuenta por cento do proxecto subvencionado.
Incompatibilidade das axudas
Estas axudas son incompatibles co aproveitamento de calquera outro tipo de axudas de institucións públicas ou privadas destinadas á mesma actuación.
Cando o/a solicitante teña concedida ou solicitada outra subvención incompatible con estas, fará constar esta circunstancia na solicitude (no caso de entidades), e a través do correspondente anexo II (no caso de grupos informais).
Neste suposto, no caso de que lle sexan concedidas as axudas previstas nesta orde, a resolución de concesión condicionará os seus efectos á presentación por parte da persoa beneficiaria da renuncia ás axudas previamente obtidas, así como, se é o caso, ao reintegro dos fondos públicos que percibise.
Cando o órgano instrutor teña coñecemento de que unha persoa beneficiaria percibiu outra ou outras subvencións incompatibles coa outorgada sen efectuar a correspondente renuncia, procederá a exixir o reintegro destas axudas.

Solicitude e prazo de presentación
1. As solicitudes deberanse presentar preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.
Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.
A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto no artigo 29 do regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (15 de maio de 2014). Polo tanto, o día final do citado prazo será o correspondente, no mes seguinte, ao mesmo número ordinal do día da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se no mes de vencemento non houber día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.
3. Se o expediente se remite por correo, presentarase nun sobre aberto para que a solicitude a date e a sele un funcionario ou funcionaria de Correos antes de proceder á súa certificación.
4. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada comportará a autorización á Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado e ás xefaturas territoriais para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, e neste caso deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente ou declaración responsable.

Documentación
1. As solicitudes das asociacións xuvenís, das entidades que lle presten servizos á xuventude e das súas respectivas federacións deberán ir acompañadas con carácter xeral de:
a) A copia do DNI/NIE do presidente ou presidenta da asociación ou da entidade, só no caso de que non dea o seu consentimento expreso para que se comprobe telematicamente o seu DNI/NIE, segundo o Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos e a Orde do 7 de xullo de 2009, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza que o desenvolve.
b) A acreditación da súa lexitimación como presidente ou presidenta e representante da entidade, mediante a certificación do secretario ou secretaria da entidade ou fotocopia compulsada da acta en que se recolla a composición do órgano de dirección no momento da presentación da solicitude.
c) O proxecto de iniciativas xuvenís, seguindo estritamente o modelo publicado como anexo III desta orde.
2. As solicitudes dos grupos informais deberán ir acompañadas da seguinte documentación:
a) Un poder de representación a favor dunha persoa membro do grupo, asinado por todas as persoas que o compoñen (anexo IV).
b) A copia do DNI ou NIE e certificado de empadroamento da persoa representante do grupo e dos/das demais membros que o compoñen, só no caso de que non dean o seu consentimento expreso (riscando no recadro correspondente) para que se comproben telematicamente os seus datos de identidade e residencia, segundo o Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, e a Orde do 7 de xullo de 2009, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza que o desenvolve.
c) Anexo II-declaración responsable/autorización (un anexo por cada persoa membro excepto o/a representante), debidamente cuberto, que contén para os grupos informais:
– A declaración de non estar incurso/a en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
– A declaración de non pertencer a outro grupo ou asociación (de ámbito autonómico ou provincial) solicitante destas axudas.
– A declaración do conxunto de todas as solicitudes de axuda efectuadas ou concedidas (por calquera das persoas integrantes do grupo), para un mesmo proxecto, ante as administracións públicas competentes, entes públicos ou privados, estatais ou internacionais.
– A autorización á consellería, para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En caso negativo, deben xuntarse certificacións nos termos previstos regulamentariamente ou declaración responsable.
– A autorización para a comprobación telemática dos datos de identidade.
– A autorización para a comprobación telemática dos datos de residencia.
d) O proxecto de iniciativas xuvenís, seguindo estritamente o modelo publicado como anexo III desta orde.

Máis información no seguinte DOG.

 

Oficina Municipal de Desenvolvemento Local

Praza do Concello, 1 1º

Tlnos. 988.41.00.00 988.41.00.01

Móbil 608.520122 609.152208

Fax. 988.41.19.00

Correo Electrónico: adl@verin.net


?>