Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Ofic. Virtual Desenvolvemento Local Subvención plurianual do custo salarial para o mantemento dos postos de traballo ocupados por persoas con discapacidade nos centros especiais de emprego de Galicia
Subvención plurianual do custo salarial para o mantemento dos postos de traballo ocupados por persoas con discapacidade nos centros especiais de emprego de Galicia PDF Imprimir Correo-e
Luns, 21 Abril 2014 11:48

Desde Desenvolvemento Local do Concello de Verín infórmase da publicación da orde do 8 de abril de 2014, Consellería de Traballo e Benestar, pola que se establecen as bases reguladoras da subvención plurianual do custo salarial para o mantemento dos postos de traballo ocupados por persoas con discapacidade nos centros especiais de emprego de Galicia e se procede á súa convocatoria para o período do 1 de decembro de 2013 ata o 30 de xuño de 2015, dentro do Programa para a promoción da integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego.


Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras da subvención plurianual do custo salarial establecida pola Consellería de Traballo e Benestar para o mantemento dos postos de traballo ocupados por persoas con discapacidade nos centros especiais de emprego de Galicia, dentro do Programa para a promoción da integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego, e realizar a súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva para o período desde o 1 de decembro de 2013 ata o 30 de xuño de 2015.

Entidades beneficiarias das subvencións
1. Poderán ser entidades beneficiarias das subvencións que se regulan nesta orde os centros especiais de emprego que figuren inscritos como tales no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, de acordo co disposto no Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, a súa organización e funcionamento (DOG número 138, do 19 de xullo), sempre que se cumpran as condicións e os requisitos establecidos nesta orde.
2. Poderán solicitar a subvención establecida nesta orde aquelas entidades que solicitasen a súa cualificación como centro especial de emprego. A subvención poderá concederse desde a data da solicitude de cualificación e, en todo caso, para o seu pagamento será necesario acreditar a dita cualificación e inscrición da entidade no Rexistro de Centros Especiais de Emprego da Comunidade Autónoma de Galicia.
3. Non poderán obter a condición de entidade beneficiaria das subvencións establecidas nesta orde as persoas ou entidades en que concorran as circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:
a) Ser condenadas mediante sentenza firme á pena de perda da posibilidade de obter subvencións ou axudas públicas.
b) Solicitaren a declaración de concurso, seren declaradas insolventes en calquera procedemento, encontrárense declaradas en concurso, estaren suxeitas a intervención xudicial ou seren inhabilitadas conforme a Lei concursal sen que conclúa o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.
c) Daren lugar, por causa da cal fosen declaradas culpables, á resolución firme de calquera contrato subscrito coa Administración.
d) Estar incursa a persoa física, os administradores das sociedades mercantís ou aqueles que exerzan a representación legal doutras persoas xurídicas nalgún dos supostos de incompatibilidades que estableza a normativa vixente.
e) Non estaren ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social ou teren pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma nos termos regulamentariamente establecidos.
f) Teren a residencia fiscal nun país ou territorio cualificado regulamentariamente como paraíso fiscal.
g) Non estaren ao día do pagamento das obrigas por reintegro de subvencións nos termos regulamentariamente establecidos.
h) Seren sancionadas mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións segundo a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou a Lei xeral tributaria.
Non poderán acceder á condición de entidade beneficiaria as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas sen personalidade, cando concorra algunha das prohibicións anteriores en calquera dos seus membros.
En ningún caso poderán obter a condición de entidade beneficiaria as asociacións incursas nas causas de prohibición previstas nos números 5 e 6 do artigo 4 da Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, nin as asociacións respecto das cales se suspendeu o procedemento administrativo de inscrición por se atoparen indicios racionais de ilicitude penal, en aplicación do disposto no artigo 30.4º da Lei orgánica 1/2002, mentres non se dite resolución xudicial firme en cuxa virtude se poida efectuar a inscrición no correspondente rexistro.
4. Non poderán obter a condición de entidade beneficiaria cando estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o establecido nos artigos 46 e 46 bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.
5. A xustificación por parte das persoas ou entidades beneficiarias de non estaren incursas nas prohibicións, contidas nos números 3 e 4 anteriores, para obter a condición de beneficiario realizarase mediante declaración responsable.

Concepto de persoa con discapacidade
1. Para os efectos das axudas previstas nesta orde, terán a condición de persoas con discapacidade as que teñan recoñecida, pola Administración competente, unha discapacidade nun grao igual ou superior ao 33 %.
A comprobación da condición de persoas con discapacidade realizaraa directamente o órgano xestor das axudas, agás que fose recoñecida por outra Administración distinta da propia da Comunidade Autónoma de Galicia.
2. De acordo co disposto no artigo 4 do texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, consideraranse que presentan unha discapacidade en grao igual ou superior ao 33 % as persoas pensionistas da Seguridade Social que teñan recoñecida unha pensión de incapacidade permanente no grao de total, absoluta ou grande invalidez e as persoas pensionistas de clases pasivas que teñan recoñecida unha pensión por xubilación ou de retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade. Nestes supostos a acreditación do grao de discapacidade realizarase conforme o previsto no Real decreto 1414/2006, do 1 de decembro, polo que se determina a consideración de persoa con discapacidade para os efectos da Lei 51/2003, do 2 de decembro, de igualdade de oportunidades, non discriminación e accesibilidade universal das persoas con discapacidade (BOE número 300, do 16 de decembro).

Axuda e período subvencionable

1. Para promover o mantemento de postos de traballo poderá concederse unha subvención do custo salarial correspondente aos postos de traballo ocupados por persoas con discapacidade que realicen unha xornada de traballo laboral normal e que estean de alta na Seguridade Social.
2. Ao abeiro desta orde poderán subvencionarse os custos salariais correspondentes ás mensualidades de decembro de 2013 a xuño de 2015.
3. A contía da subvención determinarase de acordo coas seguintes regras:
Primeira. Ata un importe do 50 % do salario mínimo interprofesional correspondente ás mensualidades de decembro de 2013 a xuño de 2015, para os postos de traballo ocupados polas persoas cun grao de discapacidade recoñecida igual ou superior ao 33 %.
O importe da subvención correspondente a cada mensualidade será de 322,65 euros ou 10,76 euros/día, en caso de períodos de traballo no mes inferiores a 30 días. No suposto de ter rateadas as pagas extraordinarias, o importe será de 376,43 euros/mes, ou 12,55 euros/día.
Segunda. O importe da subvención incluirá a parte proporcional de dúas pagas extraordinarias ao ano.
Para os centros especiais de emprego que rateen as pagas extraordinarias o importe da subvención incluirá a parte proporcional da segunda paga extraordinaria do ano 2013, a primeira e segunda do ano 2014 e a primeira do ano 2015.
Para os centros especiais de emprego que non rateen as pagas extraordinarias a subvención incluirá as pagas extraordinarias polos períodos do 1 de xullo ao 31 de decembro de 2013, do 1 de xaneiro ao 30 de xuño de 2014, do 1 de xullo ao 31 de decembro de 2014 e do 1 de xaneiro ao 30 de xuño de 2015. Así mesmo, no suposto de cesamento da relación laboral, as subvencións incluirán as liquidacións que correspondan pola parte proporcional da paga extra polos períodos traballados indicados no paragrafo anterior.
O importe da subvención correspondente a cada paga extraordinaria será de 322,65 euros ou 1,79 euros/día, en caso de períodos de traballo inferiores a 180 días.
Terceira. No suposto de contratos de traballo a tempo parcial, a subvención experimentará unha redución proporcional á xornada laboral realizada.
No suposto de que nun mesmo mes se produzan variacións na duración da xornada laboral do traballador ou da traballadora con discapacidade, soamente se terá en conta para calcular a contía que se concederá nesa mensualidade a porcentaxe da xornada laboral inferior.
Cuarta. Cando o traballador ou traballadora estea en situación de incapacidade temporal, o importe da subvención salarial referirase exclusivamente aos días en que o pagamento sexa, obrigatoriamente, por conta do centro especial de emprego, de conformidade co que dispoña a normativa da Seguridade Social.
Quinta. É subvencionable o período de vacacións anuais retribuído e cotizado, no cal se incluirá, así mesmo, o período en que o traballador ou a traballadora con discapacidade estea en situación de incapacidade temporal.
4. Non se concederá esta subvención por ningún concepto salarial correspondente á mensualidade na cal o traballador ou traballadora con discapacidade estivese prestando servizos a través de dous ou máis contratos de natureza temporal. Non obstante, no suposto do cesamento da relación laboral neste mesmo mes, concederase a subvención pola liquidación que corresponda pola parte proporcional de paga extraordinaria e as vacacións non gozadas.
Non se subvencionará a contratación de novos traballadores ou traballadoras con discapacidade cando os postos de traballo que ocupen quedasen vacantes como consecuencia dun despedimento declarado ou recoñecido improcedente dunha persoa traballadora con discapacidade pola que se concedeu a subvención ao abeiro desta orde.

Solicitudes e prazos
1. As solicitudes de subvencións dirixiranse ao órgano competente para resolver, e deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes por vía electrónica será necesario o documento nacional de identidade electrónico, ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, da persoa solicitante ou da persoa representante que actue con poder suficiente.
Tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión está incluida no prazo de presentación de solicitudes da orde de convocatoria.
2. Deberá presentarse unha única solicitude pola subvención do custo salarial por todas as mensualidades subvencionables. O prazo para a presentación desta solicitude será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia (21 de maio de 2014). Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes. Para os centros especiais de emprego que soliciten a súa cualificación e/ou inicien á súa actividade con posterioridade á data de finalización do prazo de presentación anterior, por seren estes de nova creación, a solicitude deberá presentarse ata o último día do mes seguinte ao do primeiro mes polo que se solicita a subvención. Este prazo tamén é de aplicación aos supostos de ampliación da cualificación do centro especial de emprego pola apertura dun novo centro de traballo nunha provincia distinta. Nestes dous supostos o prazo para a presentación de solicitudes de axudas finalizará o 30 de xuño de 2015, aínda que non transcorrese o prazo especifico anterior.
3. As solicitudes e os anexos destas subvencións están dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.es e na páxina web da Consellería de Traballo e Benestar: http://traballo.xunta.es
Para a formalización das solicitudes de subvención e as solicitudes dos pagamentos á conta da subvención do custo salarial poderá empregarse a aplicación informática de axuda facilitada pola Consellería de Traballo e Benestar na súa páxina web, na epígrafe de Axudas e subvencións.

Máis información no seguinte DOG.

 

Oficina Municipal de Desenvolvemento Local

Praza do Concello, 1 1º

Tlnos. 988.41.00.00 988.41.00.01

Móbil 608.520122 609.152208

Fax. 988.41.19.00

Correo Electrónico: adl@verin.net


?>