Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Ofic. Virtual Desenvolvemento Local Subvencións á produción escénica
Subvencións á produción escénica PDF Imprimir Correo-e
Xoves, 24 Abril 2014 10:27

Desde Desenvolvemento Local do Concello de Verín infórmase da publicación da resolución do 10 de abril de 2014, da Axencia Galega das Industrias Culturais, pola que se aproban as bases de subvencións á produción escénica e se convocan para o ano 2014.


Esta resolución, no desenvolvemento das funcións e obxectivos encomendados e previstos na Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais, ten por obxecto fixar as bases que regularán o réxime de subvencións establecidas pola Agadic para contribuír á promoción da produción da actividade escénica, dentro do marco das competencias deste organismo, e proceder á súa convocatoria para este ano 2014. A finalidade das subvencións é o fomento da produción escénica, en calquera das súas modalidades e disciplinas artísticas, por parte de compañías profesionais con actividade na Comunidade Autónoma de Galicia, estreada entre o 1 de abril de 2014 e o 31 de marzo de 2015. A produción deberá iniciarse no exercicio 2014.  As axudas deberán cumprir as condicións de exención e os límites do artigo 3 do Regulamento (UE) nº 1407/2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis. O importe total das axudas de minimis concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá de 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais.
Estas subvencións son incompatibles con outras axudas polo mesmo proxecto da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e dos seus organismos dependentes. Estas subvencións son compatibles con outras axudas polo mesmo proxecto do resto da Administración da Xunta de Galicia e organismos dependentes, así como doutras administracións públicas e entidades públicas ou privadas, e con outros ingresos ou recursos para a mesma finalidade. A suma das distintas axudas públicas para a mesma finalidade non pode superar o 100 % do custo do evento. No desenvolvemento desta resolución aplicarase o disposto nas seguintes leis e disposicións:
a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
c) Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014.
d) Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas da Administración pública galega.
E supletoriamente:
e) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, que regula os requisitos de concesión e xustificación de subvencións concedidas na Administración do Estado. Nesta lei recóllense artigos de carácter básico, que son de aplicación á normativa desta comunidade autónoma e, consecuentemente, a esta resolución de convocatoria.
f) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
g) Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
6. A xestión deste programa realizarase de acordo cos seguintes principios:
a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non-discriminación.
b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración outorgante.
c) Eficiencia na asignación de efectivos e na utilización de recursos públicos.
7. As subvencións serán concedidas, de acordo cos principios sinalados no parágrafo anterior, mediante o procedemento de concorrencia competitiva.

Beneficiarios

1. Dentro dos límites orzamentarios e de acordo coas condicións e criterios que se establecen nestas bases, poderán acceder a estas axudas persoas físicas ou xurídicas, así como sociedades civís e comunidades de bens –ou calquera outra agrupación de persoas sen personalidade xurídica propia–, así como unións temporais de empresas dedicadas profesionalmente á produción de actividade escénica, e quedan exceptuadas as asociacións e restantes entidades sen fins de lucro.
No suposto da modalidade 1 (empresas de nova creación), ademais dos requisitos anteriores, é preciso que a antigüidade da compañía non sexa superior a 5 anos. Para estes efectos, a constitución e a antigüidade da compañía contabilizaranse desde a última data da alta no IAE, na actividade de produción ou distribución de espectáculos de artes escénicas.
2. Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das prohibicións establecidas nos termos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En todo caso, os solicitantes declararán non estar incursos en tales circunstancias, consonte o establecido no anexo I desta convocatoria.

Inicio do procedemento: presentación de solicitudes

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia. Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedementos administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.
2. Estas bases, así como as solicitudes e os anexos que se xuntan, estarán dispoñibles nas dependencias desta axencia e na súa páxina web, e tamén quedarán expostas no taboleiro de anuncios da Agadic e debidamente publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG).
Prazo
1. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
2. Se a solicitude non estiver debidamente cuberta, non se achegar a documentación exixida ou non se reuniren os requisitos sinalados na normativa da convocatoria ou os que, con carácter xeral, se indican no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, o interesado será requirido para que no prazo de 10 días hábiles, contados desde o día seguinte á notificación do requirimento, emende o defecto advertido, a falta detectada ou presente os documentos preceptivos, e indícaselle, ademais, que, de non o facer, se considerará que desiste na súa petición, logo de resolución que declarará esta circunstancia e que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da dita lei, segundo o previsto no artigo 71.

Documentación requirida aos solicitantes
1. Ademais da solicitude, os interesados nestas subvencións presentarán, con carácter xeral, a seguinte documentación, mediante orixinal ou fotocopia compulsada ou debidamente autenticada:
1º. DNI ou NIE do solicitante, só no caso de non autorizar a súa consulta no sistema de verificación de datos de identidade.
2º. Certificado de estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na epígrafe/subepígrafe que corresponda (empresas de espectáculos), no exercicio actual.
3º. Se o solicitante é unha persoa xurídica, copia compulsada ou cotexada do NIF ou documento equivalente, copia compulsada ou cotexada dos estatutos rexistrados e escrituras de constitución inscritos no rexistro mercantil ou o que corresponda, e documentación que acredite de forma suficiente a representación e identidade de quen asina a solicitude, xunto co certificado do acordo de solicitude da axuda ou da autorización da persoa que a asine en nome da entidade.
No suposto de se tratar de sociedades civís e comunidades de bens –ou calquera outra agrupación de persoas sen personalidade xurídica propia–, deberán nomear un representante ou apoderado legal único da agrupación, con poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, corresponden á agrupación (deberán facer constar tal circunstancia tanto na solicitude como na aceptación da concesión da axuda, e deben igualmente facer constar expresamente os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se aplicará a cada un).
Así mesmo, deberase exixir a este tipo de agrupacións sen personalidade xurídica propia o compromiso de non disolución destas ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. Documentación específica requirida.
2.1. Memoria do proxecto (en tamaño A4 e sen encadernar), que inclúa separadamente o tratamento, por parte dos solicitantes, dos seguintes puntos:
2.1.1. Interese cultural e artístico, relevancia e singularidade do proxecto e obxectivos.
2.1.2. Estratexias de difusión e promoción do proxecto.
2.1.3. Repercusión do proxecto na creación e fomento de públicos para as artes escénicas.
2.1.4. Viabilidade técnica e económica do proxecto proposto tendo en conta especialmente o orzamento, os recursos empresariais implicados e a adecuación do proxecto e do orzamento aos obxectivos que se perseguen.
2.1.5. Memoria de dirección.
2.2. Certificación acreditativa da titularidade dos dereitos de autor. Nun primeiro momento (e durante o trámite de presentación da solicitude da subvención), poderase achegar unicamente a acreditación da súa solicitude. Non obstante, a dita titularidade deberase acreditar con anterioridade ao aboamento da subvención.
2.3. Memoria da empresa (anexo II).
2.4. Memoria das actividades realizadas pola compañía (anexo III). Non se terán en conta os espectáculos ou funcións non recollidos no anexo.
2.5. Ficha de produción (anexo IV).
2.6. Historial do elenco artístico (anexo V). Só se terán en conta os méritos que xunten a debida acreditación.
2.7. Plan económico financeiro (anexo VI).
2.8. Compromiso de contratación dos integrantes do elenco artístico, asinado tanto pola empresa como polo traballador, coa declaración expresa de non participación en máis de tres proxectos escénicos e referidos os salarios ao convenio en vigor (anexo VII).
2.9. Acreditación documental dos premios á compañía do anexo II, da memoria das actividades realizadas do anexo III e do historial do elenco artístico do anexo V.
A documentación poderá ser entregada en soporte papel, CD-Rom ou en memoria USB. En calquera dos soportes que se presenten deberán figurar os mesmos ficheiros e con igual contido. Todos os ficheiros deberán incorporar un índice do seu contido. Os formatos dos ficheiros poderán ser PDF ou Excel. Se se inclúen ficheiros con fotografías ou debuxos, serán en formato JPG.
A documentación poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.


Máis información no seguinte DOG.

 

Oficina Municipal de Desenvolvemento Local

Praza do Concello, 1 1º

Tlnos. 988.41.00.00 988.41.00.01

Móbil 608.520122 609.152208

Fax. 988.41.19.00

Correo Electrónico: adl@verin.net


?>