Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Ofic. Virtual Desenvolvemento Local Subvencións para o financiamento das bolsas ás persoas novas que realizan prácticas non laborais en empresas
Subvencións para o financiamento das bolsas ás persoas novas que realizan prácticas non laborais en empresas PDF Imprimir Correo-e
Luns, 28 Abril 2014 08:26

Desde Desenvolvemento Local do Concello de Verín infórmase da publicación da orde do 25 de abril de 2014, da  Consellería de Traballo e Benestar, pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, das subvencións para o financiamento das bolsas ás persoas novas que realizan prácticas non laborais en empresas.

Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a convocatoria pública das subvencións para o financiamento ás empresas das bolsas dos mozos e mozas que realizan prácticas non laborais nestas empresas.
A convocatoria das subvencións previstas nesta orde tramitaranse de acordo co previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Entidades beneficiarias
Poderán ser entidades beneficiarias as empresas con centro de traballo en Galicia que, logo da sinatura dun convenio de prácticas non laborais co Servizo Público de Emprego de Galicia no marco do Real decreto 1543/2011, do 31 de outubro, subscriban acordos con mozos e mozas para a realización de prácticas non laborais.

Requisitos das prácticas non laborais que poden ser obxecto de subvención de acordo con esta orde
1. As empresas ou grupos empresariais, en colaboración cos servizos públicos de Emprego e no marco da responsabilidade social empresarial, poderán subscribir acordos con persoas novas, con ningunha ou moi escasa experiencia laboral, co obxecto de realizar prácticas de carácter non laboral nos seus centros de traballo, co fin de contribuír a mellorar a súa empregabilidade e ofrecerlles un primeiro contacto coa realidade laboral a través do acercamento a esta, ao tempo que contribúen a completar a formación acadada pola persoa nova.
2. As prácticas non laborais realizaranse en centros de traballo situados na Comunidade Autónoma de Galicia.
3. As prácticas non laborais nas empresas non suporán, en ningún caso, a existencia de relación laboral entre a empresa e a persoa nova.
4. As prácticas non laborais nas empresas terán unha duración mínima de catro horas diarias.
5. As prácticas desenvolveranse en centros de traballo da empresa ou do grupo empresarial, baixo a dirección e supervisión dun titor e terán unha duración de entre seis e nove meses. Á finalización das prácticas non laborais, as empresas deberán entregar ás persoas que realicen as mesmas un certificado no que conste, polo menos, a práctica realizada, os contidos formativos inherentes a esta, a súa duración e o período de realización.
6. As empresas ou grupos empresariais en que se desenvolvan as prácticas aboarán ás persoas novas participantes unha bolsa de apoio cuxa contía será, como mínimo:
• 80 por cento do IPREM mensual vixente en cada momento cando as prácticas teñan unha duración de catro horas diarias.
• 100 por cento do IPREM mensual vixente en cada momento cando as prácticas duren máis de catro horas diarias.
7. Quedan excluídas do ámbito de aplicación desta orde as prácticas académicas externas, curriculares e extracurriculares, das persoas estudantes universitarias, que se rexerán pola súa normativa específica.

Destinatarios das prácticas non laborais e contido destas
1. As prácticas non laborais irán dirixidas a persoas novas desempregadas inscritas na oficina de emprego, con idades comprendidas entre 18 e 25 anos inclusive, que posúan unha titulación oficial universitaria, titulación de formación profesional, de grao medio ou superior, ou titulación do mesmo nivel que o desta última, correspondente ás ensinanzas de formación profesional, artísticas ou deportivas, ou ben un certificado de profesionalidade. Así mesmo, non deberán ter tido unha relación laboral ou outro tipo de experiencia profesional superior a tres meses na mesma actividade, non se tendo en conta para estes efectos as prácticas que formen parte dos curriculos para a obtención das titulacións ou certificados correspondentes.
2. A preselección de persoas novas para a realización das prácticas así como o control e seguimento destas corresponderá ao Servizo Público de Emprego de Galicia. En todo caso, o proceso de selección final das persoas que van participar no programa de prácticas non laborais corresponderá á empresa. Nos convenios recollerase de forma expresa a realización polo Servizo Público de Emprego de Galicia de accións de control e seguimento das prácticas non laborais, co fin de verificar o cumprimento dos requisitos establecidos e dos obxectivos desta medida, especialmente a contribución das prácticas á mellora da empregabilidade.
3. Ás persoas novas participantes nas prácticas non laborais, reguladas nesta orde seranlle de aplicación os mecanismos de inclusión na Seguridade Social recollidos no Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no Réxime Xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social.

Acordos para a realización das prácticas
As empresas deberán subscribir acordos coa persoa nova que vai desenvolver as prácticas non laborais, nos que se recollerá, polo menos, o contido concreto da práctica que se vai desenvolver, a duración desta, as xornadas e horarios para a súa realización, o centro ou centros onde se realizará, a determinación do sistema de titorías e a certificación a que a persoa nova terá dereito pola realización das prácticas. A empresa emitirá informe á representación legal das persoas traballadoras sobre os acordos de prácticas non laborais subscritos coas persoas novas.

Solicitudes, documentación e prazo
1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia,
https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.
Alternativamente tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche de convocatoria.
2. O prazo para a presentación das solicitudes de axudas comezará ao día seguinte da publicación da presente orde e rematará o 15 de novembro de 2014.
3. A presentación da solicitude de concesión de subvención polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Axencia Tributaria de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, debendo presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente.
4. Xunto coa solicitude haberá que presentar a seguinte documentación complementaria:
a) Documentación acreditativa da capacidade legal suficiente para asinar a solicitude.
b) Copia compulsada ou cotexada do NIF da entidade.
c) Estatutos ou normas debidamente legalizadas polas que se rexe a entidade.
d) Acordo asinado para a realización de prácticas.
e) Acreditación documental de estar ao día nas obrigas tributarias e sociais e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia; no caso daquelas entidades que denegasen expresamente o consentimento ao órgano xestor para a súa solicitude.
Esta documentación poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Tamén se poderá presentar presencialmente na Dirección Xeral de Emprego e Formación, por calquera das formas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, indicando o número de rexistro de entrada da solicitude no suposto de ter feito a presentación electrónica previa.
5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente do formulario principal, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.
6. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos sinalados na convocatoria ou a documentación presentada conteña erros ou sexa insuficiente, requirirase o solicitante para que, nun prazo de 10 días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se considerará desistido da súa solicitude, logo de resolución que así o declare.
Máis información no seguinte DOG.

 

Oficina Municipal de Desenvolvemento Local

Praza do Concello, 1 1º

Tlnos. 988.41.00.00 988.41.00.01

Móbil 608.520122 609.152208

Fax. 988.41.19.00

Correo Electrónico: adl@verin.net


?>