Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Ofic. Virtual Desenvolvemento Local Programa de apoio ao acceso ao financiamento operativo das pequenas e medianas empresas
Programa de apoio ao acceso ao financiamento operativo das pequenas e medianas empresas PDF Imprimir Correo-e
Martes, 13 Maio 2014 10:56

Desde Desenvolvemento Local do Concello de Verín infórmase da publicación da resolución do 9 de maio de 2014, Instituto Galego de Promoción Económica, pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras do programa de apoio ao acceso ao financiamento operativo (activo corrente) das pequenas e medianas empresas, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as sociedades de garantía recíproca galegas e as entidades financeiras adheridas (Re-solve 2014), e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva.

Estas bases regulan o contido e o procedemento de tramitación do programa de apoio dirixido a facilitar o acceso ao financiamento por parte das pemes do seu activo corrente.

Beneficiarios do programa de apoio
1. Poderán acceder aos reavais previstos nestas bases as pequenas e medianas empresas, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento 800/2008 (DOUE L 214, do 9 de agosto), polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común, en aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías). Tamén poderán acceder á condición de beneficiario as persoas físicas, agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo as actividades ou se atopen na situación que motiva a concesión da axuda. Neste caso deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe da axuda que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único con poder suficiente para cumprir as obrigas que como beneficiario lle correspondan á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición de catro anos do artigo 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.  En relación á definición de pemes, no momento en que se publique o novo Regulamento de exención por categorías, que substitúa ao Regulamento 800/2008, faranse as adaptacións oportunas. En calquera caso, deberán ter radicado o seu domicilio fiscal en Galicia.
2. En aplicación do artigo 52.b) da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, os solicitantes quedan exentos de achegar os xustificantes de cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma ou ser debedor por resolución de procedencia de reintegro. Non obstante, deberán cubrir no formulario telemático de solicitude a declaración responsable do solicitante de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias, fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración da Comunidade Autónoma.
3. Ademais, deberán cumprir os requisitos para obter a condición de beneficiario establecida no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; cumprir as obrigas do artigo 11 da citada Lei de subvencións e non ser consideradas empresas en crise, de acordo coa definición de empresa en crise que para as pemes aparece no artigo 1.7 do Regulamento xeral de exención (Regulamento CE 800/2008).

Actividades incentivables
Considéranse atendibles todas as actividades, agás as excluídas nas letras c), d) e e) do artigo 1 do Regulamento (UE) nº 1407/2013, da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro) e para as empresas do sector pesqueiro no artigo 1 do Regulamento 875/2007, do 24 de xullo, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis no sector pesqueiro (DOUE L 193, do 25 de xullo), e para as empresas do sector agrícola no artigo 1 do Regulamento 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24 de decembro).

Condicións e requisitos
Poderán acollerse a este programa de apoio aquelas pequenas e medianas empresas que formalicen un préstamo que se destine ao financiamento do seu activo corrente, entendendo como tal o pagamento de nóminas dos traballadores, tributos, Seguridade Social, alugamento, leasing, provedores, acredores por prestación de servizos, reparacións, cotas de débedas bancarias a longo prazo no momento do seu vencemento e cotas de leasing. En ningún caso poderán aplicarse a financiar investimentos en inmobilizado ou activos financeiros, nin á cancelación anticipada de pasivos bancarios, excepto pólizas de crédito ou préstamo destinados á mesma finalidade que venzan durante o exercicio 2014.

Características das operacións de financiamento
1. Modalidade:
Préstamo.
2. Importe:
O importe máximo do préstamo subsidiable será de 150.000 €. O importe mínimo atendible será de 3.000 €.
3. Prazo:
O prazo de vixencia poderá ser de ata 5 anos, incluída unha carencia dun máximo de dous anos.

Tipos de xuro e comisións
1. O tipo de xuro nominal anual para as operacións de préstamo acollidas a estas bases e o seu sistema de variación establécense do seguinte xeito:
Tipo de referencia: será o euríbor a prazo de 6 meses. As revisións faranse semestralmente.
Tipo adicional: será o que libremente pacten as partes, sen que en ningún caso, poida exceder 6 puntos porcentuais.
O tipo de xuro nominal anual dos préstamos será, para cada semestre natural, o resultante de engadirlle ao tipo de referencia o tipo adicional que pacten as partes.
2. Se o euríbor ao prazo establecido deixase de determinarse, aplicarase o que legalmente o substitúa.
3. As comisións máximas que a entidade financeira poderá repercutir en conceptos de apertura e estudo será do 0,60 %. Para as comisións de estudo e apertura, conxuntamente, a entidade financeira poderá estipular un mínimo de ata 30 €. Para estes efectos, non se considerará comisión o cobramento da tarifa de reclamación de posicións debedoras.
4. As SGR poderán cobrar ao cliente ata o 1 % en concepto de comisión de aval, calculado sobre o saldo vivo anual do importe avalado e ata o 4 % do importe do financiamento avalado en concepto de cota social mutualista, que se aboará ao inicio da operación. Este importe será reembolsado ao cliente unha vez remate a súa relación coa SGR.
5. A garantía a favor das entidades financeiras será o aval da sociedade de garantía recíproca adherida ao convenio, polo 100% do risco.
6. As garantías a favor da SGR serán o reaval do Igape en cobertura do 25 % do risco, e como garantía adicional poderán requirir garantías persoais, pero en ningún caso depósitos de activos líquidos ou financeiros que poidan detraer liquidez da empresa, adicionais ás achegas reintegrables aos fondos das SGR estipuladas para a operación. As SGR tamén poderán contar con reavais e achegas de organismos públicos ou dependentes da Administración, que sumados ao reaval do Igape non poderán superar o 75 % do risco asumido pola SGR.

Axuda do Igape, compatibilidade e límite
1. Axuda en forma de garantía.
Consistirá no reaval do Igape durante a vixencia da operación de préstamo, en garantía do 25 % do risco asumido pola SGR. Seguindo os criterios establecidos na Comunicación da Comisión 2008/C155/02 relativa á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE das axudas estatais outorgadas en forma de garantía, considérase coma axuda indirecta a equivalente ao importe da prima non cobrada ao beneficiario.
2. Compatibilidade.
A concesión das axudas destas bases queda supeditada ao cumprimento da normativa vixente e, en especial, a da Unión Europea. Neses termos, serán compatibles con calquera outra axuda pública ou privada pero en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras, poderán superar os límites máximos de intensidade de axuda establecidos pola Unión Europea.
A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Instituto Galego de Promoción Económica tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente documentación xustificativa do proxecto realizado. En todo caso, antes de conceder a axuda, solicitarase da empresa unha declaración escrita ou en soporte electrónico, das axudas recibidas en réxime de minimis nos derradeiros tres exercicios. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.
3. Límites.
As axudas financeiras que se concedan ao abeiro destas bases terán a consideración de axuda de minimis e cumprirán co establecido no Regulamento (UE) nº 1407/2013, da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro); no Regulamento 875/2007, do 24 de xullo, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis no sector pesqueiro (DOUE L 193, do 25 de xullo), e Regulamento 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24 de decembro).

Tramitación das solicitudes
1. Para presentar unha solicitude de axuda, o interesado deberá cubrir previamente un formulario descritivo da empresa, do proxecto e da operación financeira a través do enderezo da internet http://www.tramita.igape.es, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.es. Unha vez cuberto o formulario, este pasará á disposición da entidade financeira e SGR, na Extranet de entidades colaboradoras, e xerará unha solicitude de tramitación do expediente en formato papel que se presentará na entidade financeira, asinada polo solicitante, que a título informativo se xunta como anexo I a estas bases. Nesta solicitude apodérase a entidade financeira para que tramite, en nome do solicitante, o expediente de axuda ante o Igape, no caso de que este aprobe a operación financeira. Para estes efectos, as entidades colaboradoras terán que acreditar a súa solvencia técnica para acceder e xestionar a Extranet de entidades colaboradoras, de acordo co establecido no artigo 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes (DOG núm. 241, do 17 de decembro).
2. Co fin de prestar asistencia para cubrir o formulario, o Igape pon á disposición do interesado o seu servizo de asistencia técnica a través do mencionado enderezo da internet ou dos números de teléfono 902 30 09 03 ou 981 54 11 47, ou os que en cada momento se establezan para esta finalidade que serán obxecto de publicidade no citado enderezo da internet. Desde este servizo poderá accederse á aplicación informática e cubrir o formulario e xerar o IDE identificativo, no caso de que o solicitante non dispoña dun acceso directo á internet. Tamén se poderá recibir asistencia na propia entidade de crédito colaboradora.
Deberán cubrir necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda. Este IDE estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación informática citada anteriormente.
3. As entidades de crédito centralizarán as solicitudes de axuda recibidas nas distintas sucursais e, no caso de aprobación da operación financeira, solicitaranlle en nome do interesado o reaval ao Igape no prazo máximo dun mes contado desde a entrada do formulario na Extranet das entidades colaboradoras. No caso de que a operación financeira sexa denegada, a entidade financeira só comunicará a súa denegación.
A instrución e resolución do procedemento basearase nas declaracións contidas no citado formulario.
4. As solicitudes da entidade de crédito ao Igape presentaranse a través da Extranet de entidades colaboradoras (http://extranet.igape.es) e esta vía telemática é obrigatoria. O Igape reserva para si a potestade de introducir modificacións no funcionamento e na recollida de datos da Extranet, co obxecto de mellorar a efectividade das interaccións entre entidades ou as actuacións de control que son propias do seu papel no convenio asinado para o efecto.
5. A autorización de acceso á Extranet de entidades colaboradoras para este convenio darase de oficio para os usuarios que as entidades financeiras teñan xa rexistrados para outros convenios, ben que é posible modificar estas autorizacións ou dar novas altas mediante a solicitude do anexo II.
6. Os usuarios da Extranet asinantes da solicitude por esta vía telemática deberán reunir os seguintes requisitos:
a) Será necesario que o usuario da Extranet asinante da solicitude teña a autorización do interesado e da entidade de crédito tramitadora. A autorización por parte do interesado acreditarase mediante a solicitude orixinal (copia para a entidade de crédito do anexo I); a autorización por parte da entidade financeira virá dada polo anexo II entregado ao Igape segundo se indicou anteriormente.
b) O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido, tal e como especifica a Orde do 25 de novembro do 2004, da Consellería de Economía e Facenda, pola que se establecen as normas específicas sobre o uso da sinatura electrónica nas relacións por medios electrónicos, informáticos e telemáticos coa Consellería de Economía e Facenda e os seus organismos e entidades adscritas (DOG núm. 239, do 10 de decembro). Os certificados de clase 2 CA emitidos pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda serán válidos para os efectos de presentación de solicitudes.
7. Dentro dos dez días seguintes á presentación das solicitudes no rexistro telemático, a entidade financeira comunicaralles aos solicitantes a data en que as solicitudes foron presentadas no Igape, o número de expediente asignado, o prazo máximo establecido para a resolución e notificación do procedemento (dous meses desde a data de presentación da solicitude de axuda no Igape) e os efectos do silencio administrativo (negativo).
8. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne os datos exixidos nestas bases, requirirase o solicitante e á entidade de crédito para que no prazo de dez días hábiles desde o seguinte ao requirimento emende a falta, con indicación de que, en caso contrario, se dará por desistido da súa petición, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da citada Lei 30/1992.
9. Dentro dos 15 días hábiles seguintes á presentación da solicitude no Igape, por parte da entidade financeira, a SGR deberá manifestar a súa posición a través da Extranet de entidades colaboradoras (http://extranet.igape.es). Posteriormente o Igape comunicaralle, a través deste mesmo canal, á sociedade de garantía recíproca correspondente e á entidade financeira a avaliación dos requisitos da solicitude da axuda en forma de garantía. A dita comunicación, autoriza a formalización da operación financeira, sen que a dita remisión supoña recoñecemento do dereito do solicitante a percibir finalmente a axuda.

Máis información no seguinte DOG.

 

Oficina Municipal de Desenvolvemento Local

Praza do Concello, 1 1º

Tlnos. 988.41.00.00 988.41.00.01

Móbil 608.520122 609.152208

Fax. 988.41.19.00

Correo Electrónico: adl@verin.net


?>