Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Ofic. Virtual Desenvolvemento Local Axudas á apicultura
Axudas á apicultura PDF Imprimir Correo-e
Mércores, 14 Maio 2014 09:03

Desde Desenvolvemento Local do Concello de Verín infórmase da publicación da orde do 2 de maio de 2014, da Consellería do Medio Rural e do Mar, pola que se establece o réxime de axudas á apicultura e se convocan para o ano 2014.


Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras en réxime de concorrencia competitiva das axudas para o fomento daquelas actividades destinadas a mellorar a produción e comercialización dos produtos da apicultura e proceder á súa convocatoria para o ano 2014.

Finalidade das axudas, contías e límites
1. Poderán ser obxecto das axudas, de acordo coa normativa comunitaria, aquelas actividades ou investimentos que estean recollidos no programa nacional e encamiñadas a acadar os obxectivos das seguintes liñas de actuación:
a) Asistencia técnica aos apicultores. A esta liña só poderán optar as agrupacións de apicultores.
1º) Contratación de técnicos e especialistas para a información e asistencia técnica aos apicultores das agrupacións apícolas en materias relacionadas coa produción e a comercialización dos produtos da apicultura, a sanidade apícola e as actuacións de vixilancia e control da Vespa velutina.
Poderá subvencionarse a contratación dun máximo de dous técnicos por asociación, sendo necesariamente o primeiro deles un licenciado en veterinaria.
A axuda para a contratación do técnico veterinario poderá ser de ata o 90 % do seu custo, cunha limitación de 27.000 euros, e non poderá ser superior ao valor de 1 euro por colmea rexistrada na correspondente agrupación.
A axuda para a contratación doutros técnicos titulados poderá ser de ata o 50 % do seu custo, cunha limitación de 15.000 euros, e non poderá ser superior ao valor de 0,5 euros por colmea rexistrada na correspondente agrupación.
En todo caso, o importe máximo da axuda nesta liña por agrupación non superará os 42.000 euros.
2º) Cursos e xornadas de formación técnica para os apicultores organizadas polas agrupacións de apicultores, así como asistencia a cursos e xornadas de formación continuada por parte dos técnicos e especialistas das agrupacións de apicultores. Poderá subvencionarse ata o 90 % do seu custo.
3º) Sistemas de divulgación técnica, a través de folletos, catálogos e outras publicacións, así como de soportes audiovisuais e informáticos. Poderá subvencionarse ata o 90 % do seu custo.
b) Loita contra a varroase.
1º) Adquisición de tratamentos quimioterápicos e/ou tratamentos compatibles coa apicultura ecolóxica contra a varroase, autorizados pola Axencia Española do Medicamento e Produtos Sanitarios. Poderá subvencionarse ata o 90 % do seu custo, cun máximo de 4 euros por colmea, e co límite de 18.000 euros para o caso de persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións apícolas.
2º) Sobrealimentación das colmeas, renovación de cera mediante a adquisición de láminas de cera e adquisición de fondos sanitarios. Poderá subvencionarse ata o 50 % do seu custo, co límite de 4 láminas por colmea no caso da renovación de cera. Unicamente poderán optar a esta liña os apicultores beneficiarios da axuda establecida na liña b.1º anterior.
c) Racionalización da transhumancia.
1º) Adquisición de material para a identificación de colmeas e cadros. Poderase subvencionar ata o 70 % do seu custo.
2º) Adquisición de medios de transporte e manexo das colmeas, incluíndo remolques e carretillas, guindastres, mallas de cobertura, sistemas móbiles de extracción de mel e produtos apícolas, así como outros útiles e equipamentos necesarios para facilitar a transhumancia. Non serán subvencionables os custos de reparación ou mantementos destes equipamentos. Poderá subvencionarse ata o 70 % do seu custo.
3º) Mellora e acondicionamento de asentamentos, camiños e sendas. Serán subvencionables soportes para illar colmeas, traballos e utensilios de roza, peches portátiles para a protección dos asentamentos fronte a depredadores e aqueles outros que, a xuízo do órgano xestor, sexan compatibles con esta liña. Non será subvencionable a realización de traballos con maquinaria pesada para o movemento de terras. Poderá subvencionarse ata o 70 % do seu custo.
4º) Subscrición de seguros de danos propios e responsabilidade civil das colmeas, sempre que as pólizas non cubran garantías xa incluídas no sistema de seguros agrarios combinados. A esta liña poderán acollerse tamén os apicultores con colmeas estantes. Poderá subvencionarse ata o 50 % do seu custo cun límite de 0,5 euros por colmea asegurada.
2. Para o cálculo das axudas terase en conta o número de colmeas que os solicitantes teñen inscritas no Rexistro de Explotacións Apícolas de Galicia, segundo a declaración censual efectuada correspondente ao ano 2013.
3. Os gastos e investimentos obxecto da axuda deberán ter sido realizados no período comprendido entre o 1 de setembro do ano anterior a esta convocatoria e o 31 de agosto de 2014, ambos inclusive, período de duración da campaña apícola de acordo co establecido no artigo 2 do Regulamento de execución (UE) núm. 768/2013 da Comisión, do 8 de agosto de 2013, que modifica o Regulamento (CE) núm. 917/2004, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) núm. 79/2004 do Consello, relativo ás medidas no sector da apicultura.

Beneficiarios
1. Poderán optar ás axudas previstas no punto anterior:
a) Aquelas persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións apícolas. Será requisito para a obtención destas axudas estar inscrito no rexistro oficial apícola da comunidade autónoma, polo menos con anterioridade ao primeiro de xaneiro do ano 2013. Ademais, os beneficiarios deberán cumprir coas obrigas establecidas no artigo 14 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
b) Cooperativas apícolas, organizacións representativas e asociacións de apicultores con personalidade xurídica propia, integradas na súa maioría por apicultores que cumpran os requisitos da letra a).
Un mesmo apicultor só poderá ser beneficiario da axuda por unha mesma actuación de forma única para cada unha das súas explotacións, ben sexa a título individual ou ben como integrante dunha cooperativa ou organización representativa.
As alvarizas abandonadas e as colmeas mortas non darán dereito ao cobramento de axudas polo seu titular.
2. Para poderen acollerse ás ditas medidas de axuda os apicultores, a título individual ou como integrantes dunha cooperativa ou organización representativa, deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Dispoñer dun seguro de responsabilidade civil.
b) Ser titulares dunha explotación con máis de 50 colmeas, se solicitan axuda para realizar a transhumancia.
c) Ter realizado a declaración censual anual referida ao ano 2013.
d) Realizar polo menos un tratamento ao ano contra a varroase, de acordo co establecido no Real decreto 608/2006, do 19 de maio, polo que se establece e regula un programa nacional de loita e control das doenzas das abellas do mel.
3. Será preciso presentar a documentación correspondente segundo a seguinte relación:
a) As persoas físicas (apicultores), integradas ou non nunha asociación ou organización de apicultores, presentarán solicitudes individuais, xuntando á solicitude a seguinte documentación:
1º) No caso de representación exixirase autorización para facer a solicitude nos termos exixidos no artigo 32 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
2º) Declaración responsable do número de colmeas activas na data da sinatura das cales o solicitante é titular.
3º) Fotocopia das tres follas do libro de rexistro de explotación apícola (Caderno de explotación apícola e transhumancia) nas cales figuren os datos do titular, o tipo e clase de explotación, actualización do número de colmeas e selo dos servizos veterinarios oficiais.
4º) Nas axudas da liña de loita contra a varroase: declaración responsable do veterinario de compromiso previo de execución e posterior xustificación do programa.
5º) Programa de actuación que pretende desenvolver: memoria onde figuren os datos do apicultor, número de colmeas, descrición e finalidade dos investimentos, incluíndo orzamentos ou facturas pro forma dos investimentos, desagregado para cada unha das liñas para a que se solicita axuda. De acordo co artigo 29, número 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no texto refundido da Lei de contratos do sector público, aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, de 50.000 euros para obras ou de 18.000 euros para subministración ou prestación de servizos, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.
A escolla entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse na xustificación ou, se é o caso, xunto coa solicitude da axuda, realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, e debe xustificarse expresamente nunha memoria cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.
6º) Dispoñibilidade dos terreos nos cales pretenda facer os asentamentos das alvarizas, así como permisos ou licenza das obras que pretenda realizar para a colocación das colmeas e/ou de adecuación ou mellora dos accesos, se é o caso.
7º) Memoria explicativa da realización da transhumancia (resumo e esquema da situación de orixe das colmeas e do destino onde se pretende realizar a transhumancia e datas probables do movemento), se é o caso.
8º) Xustificación da exclusividade dos equipamentos para a actividade transhumante, de ser o caso.
9º) Xustificación de ter subscrito un seguro de responsabilidade civil.
10º) Declaración da existencia ou non de solicitudes efectuadas ou concedidas para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, así como doutros ingresos ou recursos que financien o proxecto, mediante a declaración que figura no anexo III.
b) As persoas xurídicas (cooperativas apícolas, asociacións e organizacións representativas con personalidade xurídica propia ou calquera outro tipo de sociedade ou entidade) achegarán a solicitude coa seguinte documentación:
1º) Certificación do órgano competente en que se especifique o acordo polo cal se concede autorización para facer a solicitude ao seu asinante. Se actuar en virtude de atribucións fixadas nos estatutos, indicarase así na solicitude, citando a disposición que recolle a competencia. De non ser así, deberá acreditarse a representación conforme o artigo 32 da Lei 30/1992.
2º) Certificación do órgano competente que acredite o desempeño actual do cargo.
3º) Acta de constitución da asociación ou organización ou copia compulsada dos estatutos.
4º) Relación nominal de socios actualizada, en formato electrónico, concretamente nun arquivo Excel que conteña os seguintes campos, de cada un dos socios:
– Nome e apelidos.
– NIF.
– Código REGA da explotación.
– Número de colmeas actualizado ata a data de solicitude.
– Concello/s e localización onde se atopan situadas dentro destes, de cada un dos socios.
– Indicación expresa dos socios incluídos nas liñas b.1º e, se é o caso, b.2º. O mesmo se se solicita axuda para a liña c.4º, pero incluíndo o número de colmeas aseguradas de cada socio e especificando as que son estantes e as que son transhumantes.
Todos os datos deberán ir en maiúsculas, sen acentos, e os campos de tipo alfanumérico sen espazos entre os caracteres.
5º) Declaración responsable do número de colmeas activas na data da sinatura, correspondentes aos integrantes da asociación.
6º) Fotocopia das tres follas do libro de rexistro de explotación apícola de cada un dos integrantes nas cales figuren os datos do titular, o tipo e clase de explotación, a actualización do número de colmeas e o selo dos servizos veterinarios oficiais.
7º) Copia do contrato do veterinario responsable da execución do programa sanitario de loita contra a varroase, ou doutros técnicos, se é o caso.
8º) Nas axudas da liña de loita contra a varroase: declaración responsable do veterinario de compromiso previo de execución e posterior xustificación do programa.
9º) Programa de actuación que pretende desenvolver para cada unha das liñas de axudas solicitadas: memoria descritiva de cada actuación onde figuren os datos dos apicultores incluídos no programa ou liña de axuda, número de colmeas, descrición dos investimentos e finalidade deles, incluíndo orzamentos pormenorizados e/ou facturas pro forma dos investimentos. De acordo co artigo 29, alínea 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no texto refundido da Lei de contratos do sector público, aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, de 50.000 euros para obras, ou de 18.000 euros para subministración ou prestación de servizos, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.
A escolla entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse na xustificación ou, se é o caso, xunto coa solicitude da axuda, realizarase conforme criterios de eficiencia e economía e debe xustificarse expresamente nunha memoria cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.
10º) Xustificación do cumprimento dos puntos 7º, 8º, 9º e 10º do artigo 3.3.a).
4. De acordo co artigo 4, apartado 2 da Orde do 12 de xaneiro de 2012 (DOG do 16 de xaneiro), pola que se regula a habilitación de procedementos administrativos e servizos na Administración xeral e no sector público autonómico de Galicia, os solicitantes non terán a obriga de presentar os documentos dos puntos 3.a.1º, 3.b.1º, 3.b.2º e 3.b.3º que xa fosen presentados. Para facer efectivo este dereito deberán especificar a data en que presentaron os documentos e o órgano a que os dirixiron, sempre que non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento en que se presentaron.

Presentación das solicitudes de axuda
1. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, que comezará a contarse a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia (14 de xuño de 2014). Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.
2. As solicitudes presentaranse nos rexistros dos órganos dependentes da Consellería do Medio Rural e do Mar. Así mesmo, poderán presentarse nos rexistros de calquera órgano administrativo que pertenza á Administración xeral do Estado, á de calquera Administración das comunidades autónomas ou a algunha das entidades que integran a Administración local se, neste último caso, se subscribiu o oportuno convenio, ou por calquera outro medio previsto no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Tamén poderán ser presentadas a través da sede electrónica da Xunta de Galicia no seguinte enderezo https://sede.xunta.es
De acordo co artigo 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, as persoas interesadas poderán achegar ao expediente copias dixitalizadas dos documentos, garantindo a fidelidade co orixinal mediante a utilización de sinatura electrónica avanzada. A Xunta de Galicia poderá solicitar do correspondente arquivo o cotexo do contido das copias achegadas. Ante a imposibilidade deste cotexo e, con carácter excepcional, poderán requirir ao particular a exhibición do documento ou da información orixinal. A inclusión de tales copias implica a autorización á Xunta de Galicia para acceder e tratar a información persoal contida en tales documentos.
3. No caso de envío por correo, farase de acordo co regulamentariamente previsto no artigo 31 do Real decreto 1829/1999, do 3 de decembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regula a prestación dos servizos postais, en desenvolvemento do establecido na Lei 24/1998, do 13 de xullo, do servizo postal universal e de liberalización dos servizos postais, que se presentará en sobre aberto, co obxecto de que na cabeceira da primeira folla do documento que se queira enviar se faga constar, con claridade, o nome da oficina e a data, o lugar, a hora e o minuto da súa admisión.
4. As solicitudes axustaranse aos modelos que figuran como anexo I (solicitudes individuais de persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións apícolas) e anexo II (solicitude de cooperativas apícolas e organizacións representativas con personalidade xurídica propia).

Máis información no seguinte DOG.

 

Oficina Municipal de Desenvolvemento Local

Praza do Concello, 1 1º

Tlnos. 988.41.00.00 988.41.00.01

Móbil 608.520122 609.152208

Fax. 988.41.19.00

Correo Electrónico: adl@verin.net


?>