Concello de Verín

  • Decrease font size
  • Default font size
  • Increase font size
Home Ofic. Virtual Desenvolvemento Local Subvencións aos proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia para equipamentos térmicos de biomasa
Subvencións aos proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia para equipamentos térmicos de biomasa PDF Imprimir Correo-e
Xoves, 15 Maio 2014 09:45

Desde Desenvolvemento Local do Concello de Verín infórmase da publicación da resolución do 8 de maio de 2014, da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións aos proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia para proxectos de equipamentos térmicos de biomasa, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2007-2013, e se anuncia a convocatoria para o ano 2014.


O obxecto destas subvencións é apoiar proxectos con fins de aforro enerxético e fomento do uso das enerxías renovables. Os proxectos limitaranse a instalacións para o quentamento dun fluído mediante equipamentos térmicos que utilicen biomasa como combustible.

Requisitos e regras xerais
Todos os proxectos deberán cumprir os requisitos seguintes:
1. Que non estean iniciados na data de presentación da solicitude da axuda. Os solicitantes poderán iniciar a execución do proxecto unha vez presentada a solicitude.
2. Que se desenvolvan no territorio de Galicia exceptuando as zonas incluídas nos perímetros urbanos, definidos como tales no planeamento urbanístico vixente, das cidades de Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo. Esta información pode ser consultada nos propios concellos ou na web:
http://www.planeamentourbanistico.xunta.es
3. Que sexan finalistas, é dicir, que no momento da certificación final cumpran os obxectivos e funcións para os cales foron aprobados. En ningún caso se admitirán fases de proxectos.
4. Que sexan viables técnicamente.
5. Que se axusten á normativa sectorial (comunitaria, estatal e autonómica) en materia enerxética.
6. Que se axusten ás especificacións indicadas nas presentes bases.
7. Que o promotor do proxecto non teña sido sancionado pola Consellería do Medio Rural e do Mar por cometer infraccións en materia de subvencións no prazo dun ano se a infracción foi cualificada como leve, de dous anos se a infracción foi cualificada como grave ou tres anos se a infracción foi cualificada como moi grave. Os prazos computaranse desde a data de remate do prazo de presentación das solicitudes.

Conceptos subvencionables
Serán subvencionables:
1. O custo do equipamento térmico e os seus accesorios.
2. O custo do sistema de almacenamento de combustible.
3. O custo do sistema de alimentación de combustible.
4. O custo de montaxe e conexionado.
En todos os casos, ata o valor de mercado.

Conceptos non subvencionables
Non son subvencionables:
1. O IVE, agás cando non sexa recuperable e sexa custeado de forma efectiva e definitiva por beneficiarios distintos das persoas que non son suxeitos pasivos, a que se refire a sexta directiva 77/388/CEE. Os concellos e demais entidades de dereito público non teñen a consideración de suxeito pasivo, nos termos previstos no artigo 13, número 1 da Directiva 2006/112/CE do Consello; polo tanto o IVE soportado por estes non será subvencionable.
En todo caso, aquelas persoas xurídicas que desfruten da exención do IVE, deberán acreditar esta circunstancia mediante a presentación do correspondente certificado emitido pola Administración tributaria.
2. Os gastos de funcionamento da actividade subvencionada e material funxible en xeral.
3. Os gastos anteriores á presentación da solicitude.
4. A reposición ou mera substitución de equipamento de biomasa existente. Para estes efectos enténdese por gastos de reposición ou substitución aqueles que se limiten a substituír unha máquina existente ou parte dela por unha máquina nova e moderna sen ampliar a capacidade de produción en máis dun 25 % ou introducir cambios fundamentais na natureza da produción ou tecnoloxía correspondente (artigo 3.15 do Real decreto 1852/2009, do 4 de decembro).
5. Equipamento e materiais non funxibles de segunda man.
6. As obras de mantemento.
7. As taxas e licenzas administrativas.

Compatibilidade das subvencións
1. As subvencións reguladas nestas bases están financiadas con fondos Feader e, polo tanto, serán incompatibles con calquera outra axuda que, para o mesmo proxecto ou finalidade, leve cofinanciamento comunitario, independentemente do fondo de procedencia e a súa tipoloxía (subvención directa, bonificación de xuros, ...).
2. Coa excepción anterior, as subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras serán compatibles con outras axudas, subvencións ou recursos destinados á mesma finalidade, tanto de orixe pública coma privada, sempre que a intensidade máxima das axudas con fondos públicos non exceda o 100 % do importe elixible do proxecto.
3. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda, e poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión nos termos previstos no artigo 22 destas bases reguladoras.

Presentación de solicitudes
1. Reserva de fondos
a) Dentro do prazo establecido na convocatoria, e antes de presentar a solicitude de axuda, os interesados deberán cubrir un formulario descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto para que se solicita a subvención, ao cal se terá acceso a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es/), ou ben desde as páxinas web do Inega (www.inega.es) e da Agader (http://agader.xunta.es).
b) Non se poderá cubrir o formulario máis dunha vez para un mesmo proxecto.
c) Para o mesmo proxecto poderá cubrirse un novo formulario descritivo sempre que se cancele o anterior. No caso de ter xa solicitada a axuda, terá que renunciar á solicitude feita antes de cubrir un novo formulario. En ambos os dous casos non se conserva a orde que lle correspondía á primeira solicitude.
d) Co fin de prestar asistencia para cubrir o formulario, o Inega porá á disposición dos interesados un servizo de asistencia técnica, a través do número de teléfono 981 54 15 00. Desde este servizo poderase acceder á aplicación informática, cubrir o formulario e xerar o identificador de documento electrónico (IDE), no caso de que o solicitante non dispoña dun acceso directo á internet.
e) O formulario inclúe o orzamento da operación que deberá estar perfectamente detallado canto ás súas diferentes partidas económicas. Non se admitirá ningún orzamento con partidas económicas agregadas, que fagan imposible a distinción das partidas económicas relevantes do proxecto.
f) O interesado deberá cubrir todos os campos marcados como obrigatorios, e a aplicación informática calculará automaticamente, en función das características do proxecto e do establecido nestas bases, a contía máxima da axuda que pode chegar a ter o proxecto proposto.
Igualmente, unha vez cubertos os campos obrigatorios do formulario, a aplicación emitirá un IDE que identificará inequivocamente a solicitude de axuda.
g) O formulario pode cubrirse a partir das 9.00 horas do primeiro día hábil despois da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia, e permanecerá aberta ata as 14.00 horas da data límite para presentar solicitudes prevista na resolución de convocatoria, sen prexuízo do sinalado no seguinte punto.
2. Solicitudes.
a) Tras cubrir o formulario indicado nos puntos anteriores, deberá xerarse de maneira obrigatoria a solicitude normalizada de axuda a través da mesma aplicación informática, que se xunta como anexo II a título informativo, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, ou ben desde as páxinas web do Inega (http://www.inega.es) e Agader (http://agader.xunta.es). Esta presentación deberá realizarse nos cinco (5) días hábiles seguintes ao día en que se cubriu o formulario.
No caso de non xerarse a solicitude no dito prazo de cinco (5) días hábiles desde que se cubriu o formulario, a inscrición do formulario cancelarase, e perderase a posibilidade de xerar e, polo tanto, presentar a correspondente solicitude de axuda asociada ao anterior IDE.
b) Cando as persoas interesadas teñan a consideración de Administración pública, a presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, ou ben desde as páxinas web do Inega (http://www.inega.es) e da Agader (http://agader.xunta.es) de conformidade co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.
Para estes efectos, terá a consideración de Administración pública o sector público autonómico, nos termos definidos no artigo 3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia -Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as entidades instrumentais dela dependentes-, así como as entidades locais previstas na Lei 5/1997, do 22 de xullo, reguladora da Administración local de Galicia e as entidades delas dependentes.
Para todas as demais persoas interesadas, as solicitudes poderán realizarse por vía electrónica a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, ou ben desde as páxinas web do Inega (http://www.inega.es) e Agader (http://agader.xunta.es), de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.
Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedementos administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de Correos na cabeceira da primeira folla do documento que se quere enviar para garantir que a data de remisión é anterior á finalización do prazo de presentación.
c) A solicitude presentada non deberá engadir novos datos, nin emendas ou variacións con respecto ao formulario que se validou mediante a aplicación informática. En caso contrario, as solicitudes non serán admitidas a trámite.
d) Tampouco se admitirán a trámite aquelas solicitudes referidas a proxectos que xa se presentaron en convocatorias anteriores para a mesma finalidade e as cales lles foi concedida a axuda correspondente, agás que previamente se renuncie a ela.

Documentación complementaria
Xunto coa solicitude todos os interesados deberán presentar a seguinte documentación:
1. Documentación acreditativa da titularidade dos terreos ou inmobles sobre os cales se vai executar o proxecto, ou da dispoñibilidade destes durante un período mínimo de cinco anos.
2. Memoria técnica da actuación, que incluirá como mínimo:
a) Descrición da instalación proxectada.
b) Descrición detallada dos sistemas da caldeira (acendido, alimentación, limpeza, extracción de cinzas, etc.).
c) Descrición detallada do sistema de almacenamento de biomasa que se vai instalar (silo, depósito, etc.) e do sistema de alimentación de combustible ata a caldeira.
d) Plano de situación onde se indique a localización dos equipamentos.
e) Declaración de conformidade da caldeira segundo a normativa vixente.
f) Folla de características da caldeira utilizada.
3. Con independencia do importe do gasto subvencionable, e na procura da moderación de custos propostos, é obrigatorio presentar tres ofertas da instalación que se pretende levar a cabo.
Deberá remitirse o contido de cada unha das ofertas, e non se admitirá o certificado, informe, invitacións realizadas ou documento similar indicando que se solicitaron e se tiveron en conta tales ofertas na elección da proposta escollida sen que se concrete o seu alcance.
Non será necesario acreditar as tres ofertas no suposto de que polas especiais características dos gastos que se subvencionan non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten; neste suposto o beneficiario deberá prestar declaración expresa motivada en tal sentido.
Non obstante, as administracións públicas e as entidades delas dependentes non deberán presentar tres ofertas cando estean obrigadas a tramitar un procedemento de contratación pública dos previstos no artigo 138.2 do Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público, e seralles de aplicación o previsto no artigo 20.7 das presentes bases no momento da xustificación final.
No caso do sector público autonómico, integrado -de acordo coa Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia-, pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as entidades instrumentais do seu sector público, será de aplicación o previsto no artigo 23.2 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico en relación á non vinculación das empresas convidadas á presentación das tres ofertas naqueles supostos en que veña exixido pola citada norma.
4. As administracións públicas e as entidades delas dependentes, ademais da documentación sinalada nos puntos anteriores, deberán presentar:
a) Acreditación do nomeamento do representante da entidade solicitante.
b) Certificado do acordo adoptado polo órgano competente polo cal se aproba solicitar a axuda regulada nestas bases, se procede.
c) No caso das administracións locais, certificación de que a entidade solicitante remitiu as contas do último exercicio orzamentario a que legalmente está obrigado ao Consello de Contas. Nesta certificación deberá quedar acreditado que a remisión das contas ao Consello de Contas se efectuou antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes, polo que a data de sinatura do certificado implicará que a data de remisión das respectivas contas ao Consello de Contas se efectuou en todo caso nunha data anterior á emisión do certificado.
d) Fotocopia do NIF da entidade solicitante.
5. As empresas, ademais da documentación sinalada nos puntos 1 a 3, cando non estean obrigadas por lei a inscribirse no Rexistro Mercantil ou calquera outro rexistro público, presentarán a documentación acreditativa da constitución e da representación correspondente (non é necesario no caso de que o solicitante sexa unha empresa pública).
6. As entidades privadas sen ánimo de lucro, ademais da documentación sinalada nos puntos 1 a 3, deberán presentar a documentación que acredite a representación con que se actúa.
7. As agrupacións de persoas físicas ou xurídicas de dereito privado, ademais da documentación sinalada nos puntos 1 a 3, deberán presentar:
a) Documentación que acredite a súa constitución.
b) Documentación que acredite a representación con que se actúa.
c) Documento en que consten os compromisos de execución asumidos por cada un dos integrantes, así como o importe de subvención que vai aplicar cada un deles, que terán igualmente a condición de beneficiarios (anexo III).
8. Calquera outra documentación adicional que o interesado considere conveniente para a correcta avaliación do proxecto.
9. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Máis información no seguinte DOG.

 

Oficina Municipal de Desenvolvemento Local

Praza do Concello, 1 1º

Tlnos. 988.41.00.00 988.41.00.01

Móbil 608.520122 609.152208

Fax. 988.41.19.00

Correo Electrónico: adl@verin.net


?>