Do 11 de xaneiro ao 4 de febreiro, a Casa do Escudo de Verín acollerá a mostra 'Bienvenid@s a Ojo Polar', organizada polo colectivo METT03.04 en colaboración co Concello de Verín.
Pinceis, lapis, cámaras fotográficas e videográficas dan a benvida a esta exposición, que é un convite a unha visita en liberdade, guiada por un mesmo, ás obras de Silvia Ojea Díaz, Andrea Valado Díaz e Bibiana Lorenzo Rodríguez. Unha mostra que pretende ser unha mestura de estilos, onde en cada sala búscase que o espectador observe a variedade temática de cada unha das integrantes do colectivo, que definen as súas obras como “da luz á cegadora escuridade” (Bibiana Lorenzo Rodríguez), “trato temas como o materialismo pictórico, aspectos contrarios dentro da temporalidade, a condena e salvación do feminino ou a desfiguración do retrato” (Andrea Valado Díaz) ou “reflicto a persoas ancoradas nun mundo pasado gardado no recordo, individuos que proxectan, sutilmente, un desequilibrio mental debido á insistencia e obsesión por querer retomar etapas anteriores” (Silvia Ojea Díaz).
Estas tres artistas, licenciadas en Belas Artes pola Universidade de Vigo, residen en distintas cidades da xeografía galega (Ourense, Vigo e A Coruña), e comezaron fai un ano con este colectivo, que xa lles permitiu realizar exposicións en O Barco de Valdeorras, O Carballiño e Pobra de Trives.
O acto inaugural terá lugar mañá 11 de xaneiro, ás 17.30 horas, e a exposición 'Bienvenid@s a Ojo Polar' poderase visitar de luns a sábado, das 10 ás 14 horas e das 16.30 ás 20.30 horas.
|