Coa finalidade de divulgar o coñecemento da riqueza patrimonial da nosa comarca entre o público infantil e xuvenil, a Biblioteca Pública Municipal de Verín, grazas a participación do historiador e escritor Bruno Rúa, promove o concurso 'Búsca do patrimonio na Biblioteca'.
Neste concurso poderán participar nenos/as e mozos/as da comarca de Verín ou do municipio de Chaves, con idades comprendidas entre os 5 e os 15 anos, ambos inclusive. A inscrición será individual, podendo ser acompañado por pai/nai ou outra persoa maior de idade, a persoa que se inscribe deberá presentar ou enviar á Biblioteca os seguintes datos: nome, apelidos, DNI ou Bilhete de Identidade, enderezo, teléfono, correo electrónico -se o ten-, e concello no que está empadroado (o empadroamento servirá para que os organizadores contrasten que a súa idade lle permite concursar).
O obxectivo do concurso é que a persoa que participa consiga fotografarse en sete lugares do patrimonio comarcal (dando así a coñecer a nosa riqueza patrimonial e cultural). Para descubrir cada un dos sete espazos, daráselle unha pista (imaxe ou un texto íntegro dun libro da sección Local da Biblioteca). A pista será a mesma para todos/as os/as participantes. Cada vez que resolva unha das pistas, daráselle ao concursante unha nova, até o total de sete. O/a gañador/a do concurso será o/a que consiga fotografarse con todas as pistas primeiro.
O concurso comezará o 16 de xaneiro, estando o prazo de inscrición aberto ata o 31 do mesmo mes. O prazo de tempo para resolver as pistas será ata o 9 de abril, se a chegada desta data non se conseguirán resolver os sete espazos, declararase vencedor/a ao/a concursante que máis pistas teña resolto. O premio ao gañador/a consistirá na entrega de material deportivo da Selección Española de Fútbol, R.C. Deportivo de La Coruña, Lugo C.F., Celta de Vigo, Verín C.F. ou Monterrei C.F. , repartindo entre os/as participantes, ata agotar o mesmo, comezando polo vencedor.
|